Eduga: evolución e renovación
Ao mesmo tempo, as palabras son verdadeiras e moi traizoeiras, e tes que inventalas, porque xa están moi vellas; hai poemas de Babilonia con 15 mil anos en que os poetas se lamentan que todo está dito, que xa non hai nada máis que dicir. Daquela segues traballando con palabras que foron empregadas por tantos escritores. Así que todo o teu traballo é no sentido de que as palabras que están antes e despois teñan unha existencia de seu, teñan sangue. Iso é o que intentas co teu traballo.
António Lobo Antunes
Queridos compañeiros e compañeiras, queridos lectores:
Como vén ocorrendo dun tempo a esta parte, este novo número de EDUGA, que fai xa o 66, supón evolución e renovación. Unha revista dedicada no esencial a acoller e difundir as investigacións e experiencias educativas que xorden da fértil creatividade dos profesionais dos centros docentes de Galicia está obrigada a facerse eco de novas iniciativas e propostas enriquecedoras que merecen ser coñecidas e valoradas por toda a comunidade educativa. Por isto, a ninguén lle pode estrañar que as nosas diferentes seccións procuren adaptarse a unha realidade afortunadamente rica, dinámica e cambiante.
Deste modo, desde este editorial queremos darlles a benvida a dúas novas pestanas que acompañan a de “Formación” recentemente incorporada á revista co fin de lles dar cabida ás iniciativas suxeridas desde os centros de formación do profesorado en Galicia. Así, observará o lector que a partir deste número contaremos con dúas novidades ben significativas para o noso ámbito educativo. Dúas seccións, “Innovación” e “Bibliotecas”, que complementan as propostas que ata o momento acollía a Revista Galega do Ensino.
Desde a pestana “Innovación”, a través de subseccións como as dedicadas ao plan Proxecta ou aos Contidos Educativos, tales como os elaborados no contexto do programa Abalar, poranse á disposición da comunidade educativa aqueles traballos que, pola súa relevancia, competencia científica ou significación, acheguen elementos relevantes para o noso andar teórico e a mellora da nosa competencia docente, amén de reflectir, e isto non é precisamente insignificante, o meritorio dun traballo silente, ás veces moi esquecido e, non obstante, extremadamente valioso.
Con igual óptica e significación nace a pestana “Bibliotecas”, pensada para difundir a través de subseccións como “Boas Prácticas”, “Biblioteca Escolar” ou “Hora de Ler” o fértil río de creatividade que en prol da lectoescritura xorde do esforzo cotián das bibliotecas escolares de Galicia, a través de plans de potenciación da lectura e das bibliotecas de centros educativos como o coñecido Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares de Galicia.
Sexan, pois, benvidas estas novas contribucións, coa seguridade de que serán amplamente apreciadas e valoradas por todos aqueles que dedicamos o noso afán ao fermoso oficio de educar. Ao equipo que conforma EDUGA non lle resta polo momento máis que agradecer vivamente o interese co que sempre se acolle esta publicación que, en realidade, é a de todos, co desexo de que o 2014 que agora entra sexa ano de grato recordo e frutífero labor. Que teñan, que teñades, un ano verdadeiramente feliz.
Juan Granados
Director da RGE