Perigo! Estamos a traballar por proxectos!

 

O título deste artigo define as impresións que eu percibía, hai algún anos, nos primeiros cursos de formación sobre este tema aos que asistín no CFR.
PROXECTOS, CONSTRUTIVISMO?!; VADE RETRO!


Son estas palabras prohibidas, pero fermosas. Que mellor xeito de encarar o ensino-aprendizaxe do noso alumnado ca o de proxectar e construír a aprendizaxe.
 

Pero desde hai tres ou catro anos, participando en cursos e PFPP (Plan de formación permanente do profesorado), tanto de asistente como de relatora, un cambio asoma á superficie. Percibo ganas, interese, inquedanza etc. Os docentes queremos cambiar as nosas prácticas, que os libros de texto deixen de gobernar as nosas aulas e pasen a ser un material de apoio máis. Ganas de achegar a escola á realidade na que vivimos. Ganas de formármonos, tanto teoricamente como na práctica.
 

Eu traballo na EEI de Barrionovo, una escola de 3 unidades de infantil e seis mestras (3 titoras, unha de apoio, unha especialista en AL e unha especialista en Inglés). Cheguei á escola no ano 2010 e topei con xente con ganas de cambio e de mellora. Ese curso decidimos tirar unha ponte que nos permitise o desembarco total no traballo por proxectos. Creamos tamén blogs de aula e especialidades para que as familias puidesen ver o día a día deste proceso. Así, desenvolvemos un proxecto anual xunto cos libros de texto que se viñan empregando. No mes de maio reunimos as familias, xa con resultados na man, e explicámoslles en que consistía traballar por proxectos, o grao de implicación que supoñía para eles e a necesidade de involucrarse para xestionar a contribución económica que lles iamos pedir para cubrir os gastos de material do curso. Aos quince días constituíron unha ANPA que é un apoio moi importante para o quefacer diario da escola. Na reunión mantida coas familias, o apoio á iniciativa foi maioritario xa que puideron ver o noso traballo dese curso.
 

Co traballo por proxectos queremos desenvolver o currículo a través de temas próximos e de interese para o noso alumnado, sempre conectados coa realidade do noso concello. Queremos que o noso quefacer estea ligado ao mundo en que vivimos, abrir a escola ao medio.


Os temas traballados estes cursos foron:

  • Mollámonos coa auga, proxecto de transición.
  • Un curso nun bosque animado
  • A prehistoria… vaia historia!
  • Surcando os sete mares

A partir de aquí o traballo por proxectos é a liña metodolóxica do noso centro. Cada curso traballamos un proxecto que se desenvolve tanto no traballo de titoría como no de especialidades. No mes de xuño deixamos escollido o tema de traballo para o vindeiro curso e informamos as familias na reunión de fin de curso. Nestas reunións incidimos en que aprenderemos apegados ao mundo no que vivimos.


Deixar escollido o tema permite aproveitar o tempo do verán para seleccionar recursos, comprar materiais e traer perfiladas as programacións para o primeiro de setembro. Na primeira reunión de claustro faise a lectura das programacións (programamos por competencias), tanto de nivel como de especialidades e coordinacións, nas que se reflicten os obxectivos e contidos específicos da temática do proxecto.


As programacións avalíanse trimestralmente co fin de detectar posibles desviacións do tema, os obxectivos non traballados ou modificar o que non funcione.


Nestes primeiros días preséntanselle ao profesorado, por parte da coordinadora de biblioteca, os recursos aloxados no blog desta sobre o proxecto anual. Os recursos abranguen tanto os fondos literarios e informativos que están á disposición da comunidade como unha selección de recursos dixitais que apoien o traballo diario. Todos os fondos seleccionados para o proxecto anual se etiquetan co lema do proxecto e o curso no que se desenvolve.


 

Desde a biblioBN, enriquecemos o proxecto con EncontXos, lecturas arredor do tema seleccionado, e Encontros, visitas de expertos que nos axudan a coñecer máis. Por exemplo, o curso pasado Ana Romero Masiá (encargada das escavacións arqueolóxicas) participou nun encontro para axudarnos a preparar a visita ao castro de Borneiro e ao dolmen de Dombate dentro do proxecto A prehistoria… vaia historia!

 

Nas reunións titoriais de inicio de curso volvemos incidir sobre o tema do proxecto e solicitamos a colaboración das familias para a busca de información na casa que os nenos despois lles transmitirán aos seus compañeiros.
O tema do proxecto invade a vida do centro: o vestíbulo, as escaleiras e os corredores aparecen decorados o primeiro día de clase. As actividades complementarias e extraescolares oriéntanse cara á temática seleccionada.

 


 

Os obxectivos e contidos plasmados nas nosas programacións vense engrosados coa chegada do alumnado. Nos primeiros días de curso, nas asembleas de aula falamos do que sabemos e do que queremos saber sobre o tema do proxecto. As ideas previas rexístranse en paneis que están presentes na aula ao longo do curso e permiten ir avaliando co alumnado o que aprendemos.
Os traballos do proxecto encadérnanse nun libro ao final do curso (non os levan trimestralmente), o que permite facer una avaliación final co alumnado de todo o aprendido e traballado, tomando como punto de partida as ideas previas.


Desde a coordinación de ciclo pásanselles enquisas ao profesorado e ás familias para valorar o proxecto.
Exemplo do traballo por competencias a través dos nosos proxectos de centro:

Proxecto: A prehistoria… vaia historia!

  • COMPETENCIA LINGÜÍSTICA:

-Narración e traballo arredor dos contos seleccionados pola biblioBN.
-Interese pola busca de información en familia.
-Presentación aos compañeiros da información traída á clase.
-Lectura e escrita das palabras significativas do proxecto.
-Elaboración de textos colectivos sinxelos sobre o tema.
-Traballo con diferentes tipos de textos : xornal, hipertextos…

 

  • COMPETENCIA MATEMÁTICA:

-Elaboración de liñas de tempo que nos axuden a situarnos no tempo ao longo da historia.
-Recoñecer as formas xeométricas nos debuxos e gravados da arte rupestre.
-Traballo sobre planos e mapas.
-Coñecer a arquitectura megalítica, achegándose ás súas liñas e formas.
-Traballo coas unidades de medida a través da evolución dos homínidos.

 

  • COÑECEMENTO E INTERACCIÓN CO MUNDO FÍSICO:

-Comparación entre os seres vivos, a paisaxe e a sociedade da prehistoria e da actualidade, para achegarnos ao seu coñecemento.
-Empregar o vocabulario específico dos animais prehistóricos e dos fósiles.
-Achegarse á prehistoria no noso concello e na contorna.

 

  • COMPETENCIA SOCIAL E CIDADÁ:

-Vincular as celebracións da escola (Entroido, Nadal, fin de curso…) á temática do proxecto.
-Participación activa no proxecto tanto do alumnado como das familias.

 

  • AUTONOMÍA PERSOAL:

-Compartir, con naturalidade, os materiais e a información que traemos da casa.
-Responsabilidade ante as tarefas.
-Identificación das situacións de risco que aparecen nos tempos da prehistoria: o lume.

 

  • COMPETENCIA CULTURAL E ARTÍSTICA:

-Interese polos costumes da prehistoria.
-Uso da biblioteca como espazo de lectura e busca de información sobre a prehistoria.
-Achegarse á arte rupestre.
-Experimentar con pigmentos naturais.

 

  • COMPETENCIA PARA APRENDER A APRENDER:

-Rexistrar en paneis as ideas previas: o que sabemos e o que queremos saber.
- Recompilar nun libro todo o que imos aprendendo e traballando.

 

  • COMPETENCIA DIXITAL:

-Busca de información na rede.
-Traballo con actividades LIM de sons da prehistoria.
-Traballo co Tux paint, pintando a prehistoria.
-Realización dun ciberencontro co alumnado do CEIP Quintela (Moaña) para compartir información sobre a evolución.
-Achegarse á realidade aumentada, un neandertal de paseo pola escola.
-Coñecer a técnica do croma. Un home do cromañón.



Para coñecer máis do proxecto nas etiquetas dos blogs:

Blog de TIC : http://ticsbn.blogspot.com.es/search/label/PREHISTORIA
Blog da biblioBN : http://bibliobn.blogspot.com.es/search/label/Prehistoria
Blogue de aula: http://novosnobarrio.blogspot.com.es/search/label/Prehistoria


Non negamos que este método de traballo supón un maior esforzo, tempo e dedicación porque os materiais son todos de elaboración propia. Dispoñemos dunha hora semanal por mestra para a elaboralos. Pero este tempo non é suficiente.
Non obstante, as satisfaccións que derivan do traballo pesan máis ca os esforzos empregados.

Sección: