Roteiro polo barrio de Coia

Cristina Baltar González
cbaltar@edu.xunta.es
IES Alexandre Bóveda (Vigo)

 


“Saber para entender”: seguindo esta máxima levamos adiante unha investigación no noso contorno máis próximo, a barriada de Coia, en Vigo, para achegar o alumnado que vive aquí á súa xeografía, historia, toponimia... de modo que os coñecementos servisen de vehículo para a súa integración social. A través do estudo e do contacto directo co contexto, queremos que o alumnado de Coia “descubra” a súa contorna e a valore e se sinta parte activa do seu futuro. Esa realidade viva, estudada desde moitos puntos de vista –histórico, lingüístico, arquitectónico, xeográfico, deportivo, familiar, veciñal, da natureza…–, é a materia do noso traballo.


A nosa intención era elaborar unha ruta que, a través de doce paradas, lle permitise ao alumnado internarse no seu barrio e coñecer en profundidade a súa complexa realidade. Esta ruta está dirixida ao conxunto do alumnado do IES, desde primeiro da ESO a segundo de bacharelato, aínda que, evidentemente, adaptando o percorrido e as actividades ao nivel do que se trate. Está aberto á multidisciplinariedade e continúa medrando cada curso.


A visita guiada ao barrio de Coia é un traballo escolar, multidisciplinar iniciado por un grupo de seis profesores do IES Alexandre Bóveda de Vigo, de ámbitos tan dispares como Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Tecnoloxía, Matemáticas e Lingua e Literatura Galega. Este proxecto nace da inquietude por estudar e coñecer mellor o barrio ao que pertence o noso alumnado. Para iso formamos un grupo de traballo que, baixo o asesoramento e a supervisión do CFR de Vigo, empezou o seu percorrido no curso 2011-2012 e que continúa medrando e desenvolvéndose cada curso escolar.


Pretendiamos que o alumnado participase na sociedade á que pertence e coas persoas coas que convive e consideramos que o propio instituto tiña que ser o punto de partida e, ao mesmo tempo, o elemento dinamizador desta aprendizaxe activa que conforma a nosa metodoloxía. Non só a escola pode ensinar. O contexto e o contorno son puntos de partida para desenvolver posteriormente un traballo académico na aula e fóra dela.


Obxectivos


Coia naceu como un barrio dormitorio do Vigo industrial nos anos setenta. A construción do polígono implicou a perda da identidade rural e a aparición dunha masificación que, xunto á falta dos equipamentos e servizos máis elementais, converteu a Coia nunha zona marxinal dentro da cidade. A reconversión industrial dos oitenta, o paro e a lacra da droga construíron a “lenda negra” de Coia. Neste escenario, mestura de problemática social e abandono institucional, ergueuse o movemento asociativo veciñal que loitou incansablemente para reverter esta situación.
Esta rica historia foi o motor do noso traballo: que o noso alumnado coñecese e recoñecese o valor desta loita na que estiveron implicadas as súas propias familias e que se sentisen parte activa e transformadora do barrio no que viven.

 

Descrición


Para cumprir estes obxectivos, pensamos que o xeito máis divertido e didáctico era facer unha ruta polo barrio e inspirámonos nun libro no que se recollían experiencias sobre o uso da cidade como axente educativo  (SANTACANA, J. e COMA QUINTANA , L. (2010). Ciudad educadora y patrimonio. Ed. Trea).


A ruta consta de doce paradas: 1. IES Alexandre Bóveda; 2. Parque da Bouza; 3. Deportes en Coia; 4. Prazas da Miñoca e da Tellada; 5. Urbanismo do polígono; 6. Lavadoiro dos Esturáns; 7. Coia medieval e moderna; 8. Castro Castriño; 9. Reconversión industrial; 10. Casas mariñeiras do Rocío; 11. Pavillón e servizos sociais; 12. Praza do Pobo.


Os piares que sustentan a ruta son fundamentalmente catro: toponimia, historia, urbanismo e TIC. Desde aquí iniciamos a investigación e organizamos o traballo.


A busca de información non foi sinxela, non contabamos cunha ampla bibliografía e moitas veces nin sequera existía. Acudimos a moitas institucións, pero temos que facer fincapé na axuda prestada polo Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, que nos facilitou os materiais, os contactos e incluso os recursos económicos para difundir o traballo na cidade.
 

A información sobre a toponimia parte da obra de Iván Sestay (SESTAY, I. (2008). Toponimia do Val do Fragoso. Coia I. Vigo: Universidade e Concello de Vigo). Centrámonos nos topónimos que están presentes nas doce paradas e traballamos tamén cun mapa editado polo Concello de Vigo onde se observan os límites da antiga Coia, os límites actuais e os topónimos recollidos por Sestay. Cada vez que realizamos a visita guiada co alumnado introducimos actividades relacionadas coa toponimia, para o que seguimos as recomendacións de organismos internacionais coma a UNESCO: buscan no mapa o topónimo onde viven e incluso os alumnos recollen topónimos que non aparecen na obra de Sestay. Invitamos a Sestay a dar unha charla no instituto sobre o seu libro e o concello decidiu facer a presentación oficial no IES, ao mesmo tempo que o noso grupo de traballo lle presentaba a ruta á veciñanza, para difundila e ofrecérllela a todos os colectivos de Coia e a outros centros educativos, tanto de secundaria como de primaria.



Para investigar a historia do barrio puxémonos en contacto coas distintas asociacións veciñais, co Concello, co Instituto de Estudos Vigueses e con outras institucións. Atopamos en todas elas unha colaboración e ganas de axudar impresionantes: proporcionáronnos material e sobre todo contactos con persoas do barrio que, de primeira man, nos relataron a súa rica historia.


Organizamos moitos relatorios, primeiro só para o grupo de traballo e dentro do organigrama do CFR; pero, unha vez que o proxecto empezaba a definirse, consideramos que os relatorios poderían transformarse en conferencias abertas ao público, importantes para difundir os coñecementos e fomentar a curiosidade do alumnado. Cómpre salientar que dentro do emprego dunha metodoloxía activa e participativa, foron os nosos alumnos os que participaron nas entrevistas e gravaron en vídeo as charlas. Na parte histórica da ruta, foi fundamental o libro do arqueólogo Eduardo Rodríguez (RODRÍGUEZ SAIZ, E. (2013). As lembranzas soterradas: unha lectura arqueolóxica da Coia histórica. Instituto de Estudos Vigueses). Deu conferencias para o alumnado compartindo con nós o seu material audiovisual.
 


O barrio de Coia sufriu unha radical transformación nos anos setenta. Isto fixo que o urbanismo fose un dos piares fundamentais da ruta. Na investigación deste aspecto contamos coa axuda do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), que puxo á nosa disposición todos os seus recursos bibliográficos, materiais e humanos. Dous arquitectos do COAG, Perfecto Cendón e Javier Vázquez, deron unha charla informativa sobre o artífice do polígono, Desiderio Pernas. Todos estes novos coñecementos enriquecen o currículo das materias de Ciencias Sociais, E. Plástica e Tecnoloxía, entre outras.

Foto de R. Quinteiro da avenida de Castelao, na primeira fase do proxecto de Pernas


Por último, hai que facer mención especial do papel singular das TIC. As TIC permitíronnos converter o alumnado en parte activa na investigación da ruta e permitíronnos a difusión do noso proxecto tanto no mundo académico como entre a veciñanza e o público en xeral. Ao inicio do traballo graváronse vídeos coas diferentes entrevistas, cuxa achega se prevía de interese especial.

Precisamente para difundir este material multimedia, creouse un espazo web: a wiki roteiroporcoia.wikispaces.com. Esta wiki permite consultar o texto completo do noso traballo, así como as fotografías e o material audiovisual elaborado. Ademais, estruturouse a través dun mapa de Google Maps denominado Roteiro por Coia. Creouse un blog en Blogger para a difusión das noticias sobre a ruta, o que tamén se fai a través de Google +. Tamén empregamos Twitter a través do hashtag #rtcoia.
Outra tecnoloxía interactiva foron os códigos QR que, instalados nunhas placas na rúa, lle permiten a calquera persoa cun dispositivo móbil e conexión a internet, acceder á información desa parada. Estariamos a falar dunha especie de audio-guía.
 


Reflexións e valoracións finais


Aprendemos moito e sorprendémonos cun proxecto que, a medida que investigabamos, medraba e aumentaba a cantidade de temas que podiamos tratar. Case desde o principio implicamos o alumnado no proceso de elaboración da ruta. Ao remate do curso 2011-2012, toda a información era pública grazas á nosa wiki.

Sección: