1, 2, 3… O ZAPATO DO REVÉS
María Alicia Mayobre Toimil
mendalerenda1@edu.xunta.es
CEIP O RAMO (Barallobre)
En Barallobre realizamos un proxecto de carácter interdisciplinar que ten como fío condutor un zapato. A idea xurdiu a finais do curso pasado unha vez rematado o proxecto que, con carácter experimental, se levara a cabo no centro. Por iso decidimos formar un grupo de traballo e así poder contar coa docencia necesaria para nos orientar sobre a mellor forma de levar a cabo un traballo destas características.
O zapato levaríanos de paseo pola xeografía, a historia, as linguas, a música, o cine etc., con actividades diversas tanto para educación infantil como para cada un dos ciclos de educación primaria. Así, tomamos como punto de partida os zapatos dos contos máis coñecidos (o zapato de Cinsenta, as botas do Gato etc.).
A proposta tivo moi boa acollida por parte do alumnado. Puidemos comprobar que, desde o punto de vista psicopedagóxico, este proxecto favorece a atención e a motivación, incentivados pola curiosidade.
O obxectivo principal era fomentar o interese por aprender e apoiar os distintos tipos de aprendizaxe (visual, auditivo, manipulativo etc.), co que se atendía a diversidade do alumnado.
Tamén supón unha contribución ao desenvolvemento das competencias na comunicación lingüística principalmente, co uso instrumental da linguaxe como fonte de pracer que permite gozar escoitando, lendo ou expresándose de forma oral ou escrita e que, ademais, contribúe ao desenvolvemento da autoestima e da autoconfianza.
En relación co coñecemento e a interacción co mundo físico, vese a influencia das persoas no medio e os resultados, os distintos modos de vida, a importancia do bo uso dos recursos, a diversidade etc.
O carácter participativo e cooperativo das tarefas, a necesidade de razoar, dialogar, de admitir críticas e opinións distintas reforzan a competencia social e cidadá. Ademais supón a achega a diferentes culturas.
A contribución ao desenvolvemento do tratamento da información e competencia dixital veu coa procura, selección e rexistro da información, utilizando as novas tecnoloxías que temos á disposición no centro.
No tocante á competencia cultural e artística, coñecemos diferentes manifestacións culturais, mostramos unha actitude aberta e respectuosa e realizamos as propias creacións artísticas.
Fomentamos tamén a creatividade e a responsabilidade tanto individual como colectiva. Deste xeito traballamos a autonomía e a iniciativa persoal. Isto, xa que logo, supón analizar posibilidades e limitacións, planificar, tomar decisións, actuar, avaliar o feito e autoavaliarse, tirar conclusións e valorar as posibilidades de mellora.
As competencias traballáronse a través da posta en marcha de actividades de aprendizaxe conxuntas de todo o centro educativo. A consecuencia directa é poñer en contacto o alumnado e darlle a posibilidade de aprender coas demais persoas, que conten as súas experiencias, saber cooperar, desenvolver proxectos propios, actitudes de saber escoitar, contrastar ideas, traballar con diferentes tratamentos da información e deseñar destrezas relacionadas coa busca, selección e recollida de diferente información. Estes efectos foron véndose en actividades como a visita do zapateiro, buscar refráns, cancións infantís sobre os zapatos ou camiños, traballo no ámbito dixital coas actividades feitas neste soporte, actividades de destrezas plásticas como a elaboración dos diferentes zapatos ou contar experiencias propias dos seus propios zapatos con exposición incluída.
Por outra banda, a experiencia docente demóstranos que a información visual axuda a estimular o pensamento creativo e a lembrar máis e mellor. Podemos dicir que o noso proxecto é fundamentalmente visual desde a construción do libro-zapato, contos en Power point, outros ilustrados polos propios alumnos, ata as representacións teatrais e a exposición de traballos feitos mediante a reciclaxe de zapatos vellos.
Comprobamos tamén que un traballo destas características potencia as interaccións e a aprendizaxe, fomenta o traballo persoal autónomo e o traballo colaborativo e posibilita o desenvolvemento da capacidade creadora tanto do alumnado como dos docentes, así como a utilización de recursos propios. Permítelles tamén ás familias implicarse na educación dos seus fillos de maneira construtiva, axudándoos a buscar, achegándose á aula en calidade de expertos, de axudantes etc.
Mediante unha metodoloxía comunicativa, participativa e activa, pretendiamos potenciar a construción de aprendizaxes significativas. Servímonos de distintos soportes (oral, impreso, audiovisual, dixital ou multimedia) para a elaboración de materiais didácticos de diferentes áreas curriculares e para os diferentes niveis. E aproveitamos o proxecto para potenciar o uso das TIC extraendo o seu máximo rendemento e tamén así darlle unha certa continuación ao proxecto que realizamos o curso pasado sobre a PDI (pizarra dixital interactiva).
Comezamos cunha pequena exposición cos zapatos de personaxes de conto: as botas do Gato, o zapato de Cinsenta etc. Esta acción suscitou a curiosidade e o asombro dos pequenos e dos algo máis grandes pola súa relación máis directa cos contos. A esta primeira exposición seguiron outras nas que colaborou de bo grao toda a comunidade educativa.
Realizáronse actividades variadas, das que achegamos uns vídeos como pequena mostra.
Estas actividades foron:
- Actividades de traballo individual na aula, como o libro-zapato de adiviñas, o que lles resultou curioso e interesante polo contido e pola súa construción (usando unicamente un folio); carteis con poesías, cancións, refráns etc.; e cabe destacar un caderno de traballo cos seguintes apartados: “De quen son?”, “En que traballo?”, “De que parte do mundo son?”, “Que tempo vai?”, “De que estou feito?”, “A miña pegada na historia: zapatos “históricos” e algunhas curiosidades”, “Vou medrando”, “Os zapatos na arte”, “O meu debuxo”.
Á parte dos contos tradicionais, fíxose unha procura de textos para traballar por ciclos. Para educación infantil propuxéronse: Luz e zapatos (de Gianni Rodari), Magdalena e a formiga Catalina, Os zapatos do noivo e Nocturno dos contos e dos zapatos. Para o segundo e o terceiro ciclos: Rick e os seus zapatos máxicos, A árbore dos zapatos, Dous zapatos, El duende con cordones, O cráter dos zapatos, O zapato abandonado, O zapato marabilloso, O zapato e o betume, As princesas bailarinas (conto con ligazón web con vídeo e actividades), Os zapatos do comerciante, Os zapatos máxicos dos Leprechauns. A selección de contos para traballar na clase deixouse á elección do titor e o momento, normalmente, no tempo dedicado á lectura. Presentábanselles aos alumnos en formato libro, con ilustracións para completar ou cos espazos para facer as propias e, ás veces, con actividades sobre a lectura nas páxinas finais. Aínda que non se traballaron todos, quedan como materias para utilizar con posterioridade.
- Actividades en pequenos grupos como a preparación dos zapatos para o Entroido nos que todos os alumnos participaron na preparación de todos os zapatos, con entusiasmo, ilusión e achegando ideas propias para a decoración.
- Outras en grupo grande, na biblioteca, como a demostración do zapateiro, actividades interactivas na PDI, lectura de contos, xogo Pasa Zapato; no salón de actos, coa representación do conto de Polgariño polos alumnos de sexto, por propia iniciativa e que, en vista da boa acollida e participación do público, deu lugar á preparación e representación de novas pezas teatrais; na sala de audiovisuais, coas películas Barbie in the pink shoes, O Gato con botas e Billy Elliot. Esta última película parecía pouco atractiva para o alumnado do primeiro ciclo. Non obstante, cabe destacar que os sorprendidos foron os mestres ao comprobar a atención e o interese co que a seguiron.
A finais de curso, os alumnos do terceiro ciclo expuxeron os traballos feitos reciclando zapatos vellos. Desta actividade achegamos un vídeo onde se expoñen os obxectivos e se explica paso a paso o proceso de elaboración dos “zapatos como recurso plástico” e os resultados finais.
O material e as actividades que se ían facendo puxéronse á disposición da comunidades educativa a través do blog da biblioteca.
Aínda que inicialmente a duración era de 30 horas, continuouse durante todo o curso atendendo as novas propostas, suxestións e ideas que foron xurdindo.
Atopámonos con pequenas incidencias técnicas e de cuestión de tempo para levar a cabo algunhas actividades que se superaron sen maiores problemas. Algunha das charlas previstas non se puideron realizar pola incompatibilidade de horarios das persoas alleas ao centro e á comunidade educativa que, nun principio, se mostraran dispostas a colaborar no proxecto.
Coa posta en práctica deste proxecto tamén comprobamos que a formación de grupos de distintos niveis mellora as relacións entre eles, favorecendo a solidariedade e colaboración e axuda a “meterse nos zapatos do outro”. Cabe destacar a participación e o interese das familias.
A valoración final foi positiva, pero considerouse que levar a cabo o proxecto durante todo o curso era un pouco excesivo e abarcaba demasiados campos. Para mellorar os resultados propúxose para o seguinte curso elaborar un novo proxecto cunha nova temática, mais limitando a súa duración a un trimestre e concretando máis os puntos que tratar en cada materia.