Os materiais específicos para as nosas seccións bilingües

A existencia das seccións bilingües de Ciencias Sociais en inglés en terceiro e cuarto da ESO no noso centro escolar marcou o seu carácter dado que, ao ser as primeiras da provincia de Lugo, esta oferta que xa ten máis dunha década supón todo un sinal de identidade. Porén, ao longo desta década houbo que superar diversas dificultades, principalmente pola falta de materiais específicos, suplidos co desenvolvemento de varias actividades formativas.

Ana Arias Castro
arias@edu.xunta.es
CPI Tino Grandío (Guntín, Lugo)


Desde a solicitude no noso centro da primeira sección europea, tal e como se chamaba aló polo ano 2002, tivemos claros varios principios que rexen as nosas seccións bilingües: que a metodoloxía empregada tiña que facilitar a aprendizaxe da materia CLIL a través dunha lingua inglesa en desenvolvemento e, polo tanto, non podía ser coma no resto de grupos nos que as ciencias sociais se impartían en lingua galega. Tamén entendemos que había que optimizar todos os recursos existentes co fin de lle proporcionar as mellores condicións de aprendizaxe ao noso alumnado e, en terceiro lugar, que as seccións bilingües tiñan que ser un elemento dinamizador do centro escolar na medida do posible.


No referente á metodoloxía, tivemos claro que había que proporcionarlle ao alumnado unha estada axeitada, que permitise suplir a falta de coñecemento da lingua estranxeira con outro tipo de apoios: explicacións, simplificación da linguaxe empregada, presenza de vocabulario clave resaltado, textos máis breves, maior presenza de elementos gráficos e audiovisuais en xeral... Todo isto estaba claro, pero non existían no mercado materiais CLIL deseñados para o noso alumnado. Diversas editoriais tiñan previsto sacar ao mercado libros de texto CLIL, pero ano tras ano viamos como non se publicaban e nin os libros de texto británicos nin as fotocopias de fontes diversas que se empregaban parecían ser os materiais máis axeitados para o noso alumnado.
 

Coa intención de obter uns materiais acordes coas necesidades do alumnado CLIL da ESO, solicitouse no ano 2010-2011 un seminario permanente organizado polo CFR de Lugo co título de Elaboración de Materiais para a Sección Bilingüe de Ciencias Sociais en Inglés no que comezamos a elaboración de materiais para cuarto da ESO. Escolleuse este nivel por ser o curso no que os materiais estranxeiros en lingua inglesa resultaban menos adecuados, dado que o currículo está centrado na historia desde a época da Revolución Francesa á actualidade, cunha especial énfase no contexto tanto español como galego.
 

Pretendeuse tamén que os materiais elaborados puidesen ser utilizados tanto en formato papel como dixital, pensando na posible dotación informática das aulas en toda a ESO, tal e como están dotadas as aulas Abalar en primeiro e segundo da ESO. Para cada unidade nas que se dividiu a programación da materia elaboráronse unha serie de recursos:

  • A unidade correspondente ao que sería un libro de texto tradicional, en formato pdf, con texto, ilustracións, actividades, recomendacións de lecturas adicionais dentro da biblioteca do centro, páxinas web e películas. No caso de existir dotación informática, poderíanse empregar no formato dixital pero, de non ser así, sempre sería posible imprimilas.

  • Unha presentación en forma de guión para cada unidade, de forma que acompañase as explicacións da profesora na aula.

  • Un glosario inglés-galego co vocabulario máis relevante e aquel que o alumnado podería non coñecer dentro do nivel de lingua inglesa correspondente a cuarto da ESO.
  • Un test con autocorrección feito en Hot Potatoes que recollese os contidos fundamentais da unidade.

Aproveitouse a presenza ese curso dun auxiliar de conversa no centro e contouse con el para a revisión das unidades elaboradas, así como para realizar a gravación de todo o texto de cada unidade, de forma que o alumnado puidese escoitar as leccións en lingua inglesa de forma persoal e autónoma na aula ou ben na súa casa.
 

Un aspecto do que se fixo partícipe ao alumnado foi a ilustración das unidades. Partiuse da intención de que os materiais serían finalmente accesibles desde internet baixo unha licenza Creative Commons, así que se buscaron en todos os casos imaxes de diversas procedencias que respectasen esta licenza, pero non sempre era posible, particularmente no caso dos mapas, polo que se organizou un certame de mapas históricos en lingua inglesa entre o alumnado da sección bilingüe. Os mapas participantes no certame incluíronse como ilustracións nas unidades correspondentes, co que se conseguiu que o alumnado se sentise coautor dos materiais que ía empregar na clase.


Tal e como se pode imaxinar, o traballo previsto superou con moito a duración do seminario permanente, polo que no curso seguinte se continuou coas unidades que quedaran sen rematar ata acabar o equivalente ao currículo de Ciencias Sociais de cuarto da ESO. Con este fin organizouse un novo seminario permanente que lle deu continuidade mesmo no título: Elaboración de Materiais para a Sección Bilingüe de Ciencias Sociais en Inglés II.
Ademais, unha vez elaborado este material, a nosa intención era facelo o máis accesible posible para o alumnado da nosa sección bilingüe, razón pola que se creou un blog, CPI Tino Grandío Bilingual Sections, desde o que se accedía a estes materiais segundo se ían rematando, así como a outros materiais ou ligazóns en lingua inglesa tanto para a materia de Ciencias Sociais como de Lingua Inglesa para este alumnado CLIL. Tamén neste blog se recolleron e recollen outras actividades realizadas polo alumnado das seccións bilingües no horario adicional de Lingua Inglesa co que contan cada semana: concursos, proxectos eTwinning, actividades con cancións, e-PEL etc.

 


Todo o material elaborado nestes dous seminarios permanentes tivo unha excelente acollida por parte do alumnado CLIL e facilitou o desenvolvemento das clases nun nivel con especial complexidade para conseguir materiais adaptados á realidade das nosas aulas. Tanto é así que se pensou que, a pesar de que en terceiro da ESO xa se contaba cun libro de texto específico CLIL, publicado por unha editorial comercial,  estaría ben contar con materiais adicionais específicos tal e como sucedía en cuarto da ESO. Por iso, a comezos do curso 2012-2013 se lle solicitou unha nova actividade de formación ao CFR de Lugo, neste caso un grupo de traballo, coa intención de estender a elaboración deste tipo de materiais a terceiro da ESO e, ao longo do curso, elaboráronse:

  • Un glosario por unidade do libro de texto.
  • Diversos exercicios autocorrixibles en Hot Potatoes para cada unidade:
    • Test de repaso
    • Exercicios de emparellamento de palabras clave coas súas definicións

 

  • Encrucillados co vocabulario esencial

  • Textos para completar

Coma no caso dos seminarios permanentes anteriores, tamén se lle solicitou á auxiliar de conversa dese curso que nos gravase os audios das unidades, co fin de que o alumnado puidese escoitar cada unidade lida por unha persoa nativa.


Finalmente, ao rematar este grupo de traballo, a avaliación realizada entre o alumnado usuario dos materiais confirmou as nosas percepcións como profesorado: o alumnado estaba moi satisfeito cos materiais específicos CLIL, entendía que eran útiles e facilitaban a comprensión e asimilación dos contidos, melloraban a súa competencia dixital e proporcionaban un input en lingua inglesa adecuado e máis accesible.
 

Na actualidade os materiais elaborados son accesibles tanto para o noso alumnado como para o profesorado de calquera sección bilingüe do mesmo nivel e materia que así o desexe, o material está integrado nun blog, que é a referencia para as nosas clases tanto en lingua inglesa como en ciencias sociais nos grupos das seccións bilingües, e incrementouse a boa percepción das seccións bilingües dado que os materiais dixitais son especialmente atractivos e facilitan a comprensión e asimilación dos contidos clave dentro da materia CLIL.
 

Unha vez rematadas estas tres actividades de formación no noso centro, só lamentamos que non tomásemos a iniciativa de realizalas antes, de forma que as promocións anteriores de alumnado que "sufriron" o uso excesivo de fotocopias de procedencia diversa, algunhas veces mesmo materiais pensados para alumnado nativo en lingua inglesa e, en todo caso, sen a estada que o alumnado CLIL require, puidesen beneficiarse destes novos materiais. Por outra banda, o feito de que o profesorado CLIL traballe coordinadamente co profesorado de Lingua Inglesa, e mesmo con outro profesorado do centro, facilita a comprensión das necesidades deste tipo de grupos e do que é a realidade CLIL entre o resto do profesorado.
 

Sección: