El lectoespectador

(Novidade)
Autor: Vicente Luis Mora. Editorial: Seix Barral. Colección Los Tres Mundos Ensayo. Ano: 2012

Vicente Luis Mora é un narrador inconformista, un poeta da modernidade, un ensaísta agudo, un crítico intelixente, un conferenciante na vangarda e, en definitiva, un escritor proteico deste tempo. Todas estas calidades son ben visibles en El  lectoespectador, título suxestivo e nada ambiguo que define perfectamente o contido do libro. O lectoespectador sería aquel receptor dunha forma artística composta por texto máis imaxe. O libro pretende afondar naquelas formas da realidade actuais “cada vez máis ambiguas, visuais e pixeladas”.


Partindo da certeza de que as tecnoloxías están provocando cambios de gran calado na nosa sociedade e transformacións radicais na formas de percibir a realidade, o autor percibe mudanzas moi significativas no ámbito artístico. Deste xeito, cada vez son máis os artistas que prestan atención ás posibilidades expresivas destas ferramentas tecnolóxicas porque son conscientes de que vivir de costas a este fenómeno é vivir nun mundo arcaico afastado do real. No libro atopamos un bo número de exemplos de autores que, superando as barreiras habituais da creación, están a penetrar nun espazo de creación no que os medios audiovisuais teñen moita presenza. Así asistimos a novas formas de expresión híbridas, afastadas do tradicional, caracterizadas por conxugar imaxe e texto e definidas no libro como textovisuais.


Ademais dun número significativo de neoloxismos do mundo tecnolóxico literario que definen con precisión o concepto ao que se refiren, no libro aparecen numerosas citas, exemplos, recensións, comentarios e recomendacións que acompañan a lectura e que amosan a erudición do autor, xa que referendan con argumentos, coherencia e rigor as teses expostas ao longo do texto. O “ciberceptor” ten un camiño aberto polo que pode transitar se quere saciar a súa curiosidade, pois estásenos posibilitando unha lectura que excede os límites da obra.


Este novo cosmos tan cambiante e múltiple esixe, así mesmo, un lector inquedo, cunha mirada ampla e plural sobre a realidade. E para ese lector atento, preocupado e ansioso por coñecer o que está a acontecer no ámbito artístico e literario é este libro.


Javier Pintor Elizalde
CFR da Coruña

Sección: