Liderazgo compartido. Buenas prácticas de dirección escolar

(Imprescindible para hoxe)
Autor: Manuel Álvarez. Editorial: Wolters Kluvert. Ano: 2010

Nos últimos anos son abundantes os libros que tratan sobre o novo rol que os directivos deben desempeñar no sistema educativo. Un dos máis básicos e esclarecedores parécenos o escrito por Manuel Álvarez, Liderado compartido. Buenas prácticas de dirección escolar, publicado pola editorial Wolters Kluvert.


O autor, cun amplo abano de publicacións sobre esta temática, presenta o libro dividido en dúas partes ben diferenciadas. A primeira constitúe unha teorización sobre o papel do liderado na promoción dunha cultura de cambio: o valor do liderado, características do liderado compartido como mellora da dirección administrativa, os diferentes estilos de liderado, a relación e inspiración deste liderado na intelixencia emocional, a expectativa social e o sentido ético.


A segunda parte, de carácter máis técnico e práctico, está orientada cara ás que considera catro competencias clave que debe desenvolver todo líder:

  • Competencia do estratego que lle proporciona á escola visión de futuro e coherencia organizativa: plan estratéxico de dirección.
  • Competencia para xestión da aprendizaxe, considerada esta como factor esencial para a eficacia escolar.
  • Competencia interpersoal: xestión de axenda e creación dunha rede de relacións persoais que posibiliten a posta en práctica do programa de dirección.
  • Competencia para a creación e a animación de estruturas organizativas flexibles como espazos de intercambio e coordinación profesional.

O libro está inzado de exemplos, historias e anécdotas que facilitan e fan amena a lectura. O resultado é un texto que está máis próximo á práctica ca á pura teorización, algo non moi frecuente neste tipo de literatura.
Constitúe, en definitiva, un manual básico que todo directivo ou aspirante a directivo escolar debería de coñecer.


Andrés Crespo Acción
CFR Ferrol
 

Sección: