¿Por qué a los niños no les gusta ir a la escuela?
(Imprescindible para hoxe)
Autor: Daniel T. Willingham. Editorial: Graó. Ano: 2011
Como funciona o cerebro dun alumno? Que é o que fai que poida seguir perfectamente a trama da súa película preferida ou entender as retorcidas regras dun videoxogo e, coa mesma facilidade, esquecer o que aprende na aula?
Estas e mais outras suxestivas preguntas interpélannos na contracuberta deste libro que leva por título Por que aos nenos non lles gusta ir á escola?, escrito por Daniel T. Willingham, profesor de Psicoloxía na Universidade de Virxinia e especializado na aplicación da psicoloxía cognitiva no ensino.
Trátase dunha obra esencialmente divulgativa, breve e amena, que trata de achegar os recentes descubrimentos científicos sobre o funcionamento da mente ao profesorado desde o convencemento de que, en moitas ocasións, as clases se desenvolven de costas a estes saberes. O texto está moi ben estruturado arredor de nove principios fundamentais no funcionamento da mente que o autor considera contrastados e válidos aínda que as circunstancias cambien, isto é: certos tanto nas aulas coma no laboratorio e daquela aplicables, con seguridade, ás situacións concretas que cadaquén atope no seu quefacer docente.
A lectura deste libro resulta –coma a boa literatura, coma as grandes creacións do cinema– un tanto agridoce. Proporciona evidencias que nos gustarán e outras que quizais non tanto. Confirmará algunhas intuicións que, como docentes, seguro que moitos dos lectores e lectoras desta recensión habedes ter, mais tamén porá en cuestión algunha que outra crenza que profesades. En fin, que non vos deixará indiferentes. Este texto invita a pensar, o que xa é un bo motivo para collelo entre as mans.
Nas verbas do profesor Willingham: "Neste libro analízanse temas moi variados con dous obxectivos principais e directos, pero complexos: explicarlle como funciona o cerebro do alumnado e axudarlle a utilizar ese coñecemento para ser mellor ensinante" (2011:15).
Publicouse na súa versión orixinal en inglés no ano 2009. A versión en castelán, da editorial Graó, é de novembro do ano 2011. Pertence á colección Micro-Macro Referencias, serie Fudamentos da educación/Comunidade educativa.