Amores prohibidos 2.0

Amores prohibidos é unha das actividades que xermolaron no Club do Antifás, un obradoiro creativo-social que se vén desenvolvendo desde o 2009 no IES A Cachada (Boiro). Cada martes ao mediodía, un grupo duns 50 alumnos e alumnas queda no centro para xantar e desenvolver proxectos coordinados por un equipo docente que se xestiona como grupo de traballo.

Ana Fernández Moreiras
Berta Gómez López

 

 

De acordo coa nosa experiencia no IES A Cachada, existe un sector do alumnado que necesita un contexto onde formarse en contidos de actualidade (cooperación, medio, crise, audiovisual, TIC) e onde plasmar o que aprende sobre estes temas. Froito desa demanda naceu o noso Futuro de Indicativo, un GT que buscaba facernos debater e reflexionar sobre a educación hoxe en día e o grao en que esta cumpre a súa misión propedéutica. Corresponden os contidos que se tratan nas áreas curriculares a aquilo que se lle pide ao individuo na sociedade? Profesorado e alumnado colaboramos activamente na consecución dos obxectivos do grupo: experimentar na busca de novos camiños educativos (contribuíndo a alcanzar as competencias de autonomía persoal e de aprender a aprender) e crear novos materiais, maiormente multimedia e de tipo transversal.


Desde Futuro de Indicativo organizáronse motivadores proxectos multidisciplinares que conxugaron satisfactoriamente contidos actitudinais e conceptuais. Empregouse unha metodoloxía baseada no traballo en equipo, no debate crítico e na posta en valor da creatividade e da educación emocional. Deste xeito, púxose en marcha o campus vivencial sobre emprendemento e medio (en colaboración con Promove Asesoría e BIC Galicia), a gravación e edición dunha curta baixo a temática: outra educación é posible?, e a colaboración no proxecto de teatro en liña interactivo Amores prohibidos, creado pola compañía de teatro Chévere e a xestora de comunicación A Navalla Suíza.

AP 2.0 é unha “obra de teatro” desenvolvida por completo nun escenario virtual (redes sociais, particularmente na rede de cultura galega RedeNasa.Tv), na que o alumnado (1.º a 4.º da ESO) traballou na elaboración de guións, interpretou os papeis principais e interactuou co público. Supón unha aposta polo uso das redes sociais como canle de distribución de teatro entre as novas xeracións. Ten por obxectivo básico potenciar e retroalimentar a creatividade do alumnado mediante o emprego das TIC e as ferramentas audiovisuais. Tamén persegue establecer vínculos de unión entre a mocidade e as manifestacións culturais e artísticas do seu ámbito e xerar un debate que enriqueza a personalidade do alumnado, ofrecéndolle ferramentas útiles para o seu futuro.
 

A obra escollida é unha adaptación de Romeo e Xulieta ao noso tempo e espazo, cunha temática controvertida de fondo: o conflito idiomático entre o galego e o castelán. O obxectivo estratéxico de escoller un tema polémico e vivo foi o de estimular a participación e garantir, deste xeito, o carácter interactivo do proxecto. Non obstante, o máis importante para nós foi introducir nesta controversia valores como a tolerancia e o respecto, así como alentar o debate e o exercicio da crítica construtiva e argumentada.


Amores prohibidos comezou a desenvolverse no IES A Cachada en xaneiro de 2012, aínda que o GT colaboraba con Chévere (responsable da parte artística) e A Navalla Suíza (coordinadora de redes) desde novembro, seleccionando materiais e planificando a execución.
En xaneiro formáronse equipos de traballo co alumnado e iniciouse unha fase de sensibilización, documentación e debate sobre o conflito lingüístico. Ao longo de febreiro, marzo e abril desenvolveuse a fase de preprodución, onde cada grupo traballou no seu eido: elaboración colaborativa do guión, formación en redes sociais, organización de calendarios e coordinación de persoal, ambientación e atrezzo dos escenarios, maquillaxe, obradoiros de interpretación...

A historia transcorreu en aberto entre o 23 e o 27 de abril, nos cinco días en que o fai no drama orixinal. Cada protagonista tiña o seu perfil nunha rede social e a acción seguíase a través dos posts que estes publicaban. A modo de narrador omnisciente, e para facilitar a narrativa, Xéspir aglutinaba todos os comentarios nunha única rede social, RedeNasa.Tv. Algunhas das entradas que facían os personaxes eran só escritas, pero outras contiñan imaxes ou vídeos gravados por eles; a actualización constante de cada perfil foi responsabilidade do equipo de apoio de cada personaxe,  un grupo de rapaces coordinado por María Yáñez (A Navalla Suíza), Xesús Ron e Miguel de Lira (Chévere), e Ana Moreiras (IES A Cachada)

.

Durante o proxecto, elaboráronse diferentes produtos multimedia: playlist e carteis promocionais para unha festa, todo o conxunto de gravacións que formaron parte do guión (presentación dos personaxes, escenas...), podcast dunha conversación entre o narrador (Xéspir) e a directora dun instituto; carteis de apoio a Romero e de busca de Xiana...

En total, 24 alumnos e alumnas participaron activa e regularmente, aínda que moitos máis o fixeron en forma de espectadores e/ou colaboradores. As familias implicáronse activamente, particularmente as dos intérpretes da obra.


O Concello axudou na promoción do proxecto e prestaron a súa colaboración a Policía local (actúan nunha secuencia) e Protección Civil, poñendo á disposición do grupo de traballo diversas localizacións da vila.


A valoración global sobre a experiencia é de que foi emocionante, motivadora e formativa. Para o alumnado foi moi satisfactoria, pois a realización deste proxecto non só respondía á súa necesidade de elaborar produtos creativos e críticos, senón que confirmaba que o camiño escollido (a curiosidade, o traballo en equipo, o esforzo) conducía ao éxito. Aínda que é certo que a produción da obra requiriu un importante investimento de tempo, a grande aceptación dos compañeiros e do “público” en xeral recompensou os momentos de desalento. Cremos que é fundamental para pechar o proceso educativo unha retroalimentación positiva: obxectivos finais concretos e alcanzables. Idéntica sensación positiva tiveron as familias implicadas, mesmo aquelas máis preocupadas polas horas que se lle dedicaban ao proxecto.


O equipo docente constatou que esta experiencia respondía ás cuestións formuladas no GT: a necesaria posta en alza de valores que acotío fican soterrados na aula polo peso dos conceptos. Paralelamente, a formación obtida en web 2.0 e en audiovisual foi esencial para axudar o alumnado a realizar os seus cometidos (edición e partilla de guións, montaxes en vídeo, subida de podcasts...).
 

Para a compañía Chévere e A Navalla Suíza, a experiencia foi innovadora e definírona como dun enorme potencial comunicativo, o que segundo eles abre as portas a futuras iniciativas semellantes.


Se analizamos a incidencia dos temas tratados na comunidade educativa, podemos concluír que, no tocante á cuestión sociolingüística, se produciu un debate crítico, sereno e argumentado, como proba a gran cantidade de comentarios que houbo nas redes. No que se refire aos contidos relativos ao uso das ferramentas TIC como medio de traballo colaborativo non houbo ningún problema, como cabía esperar dado o traballo previo.


Finalmente, a cuestión de promover e motivar usos creativos das redes sociais utilizándoas como canle de aproximación ao teatro parece referendada polos milleiros de visitas que tivo a páxina do proxecto, o que constata o interese que este enfoque suscitou.

 

Aínda que require un gran esforzo organizativo, calquera centro que teña no seu ideario de traballo unha metodoloxía participativa, construtiva, crítica e creativa gozaría cunha actividade coma esta. O éxito que supuxo para nós poder implantar Amores prohibidos ratifica a metodoloxía utilizada en Futuro de Indicativo, polo que actualmente seguimos a deseñar proxectos deste tipo.


Non queremos rematar este artigo sen recomendarvos dous dos documentos audiovisuais que dan fe do contido do proxecto e do emocionante que foi participar nel: un dos videoinformativos que os rapaces foron realizando (Cachatronic Informa) e o making off que elaboraron dúas alumnas. Tamén achegamos unha pequena videoedición que resume o espírito do noso GT Futuro de Indicativo e as características do proxecto Amores prohibidos, incluíndo un repaso da historia de Romero, Xiana, Mejuto, Ana, Baldo, familia e amigos, os protagonistas do noso drama.

 

 

Sección: