Saúda do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Presentación dunha nova sección en Eduga: Formación

 

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no seu compromiso coa formación permanente, trata de fornecer o sistema educativo galego de estruturas que fomenten a participación, a innovación e o desenvolvemento do talento profesional. E faino no marco da Lei orgánica de educación, a través do Decreto de formación permanente do profesorado.

Agora, ás distintas actuacións desenvolvidas pola rede de formación do profesorado, súmase outra colaboración. Eduga, a través de Formación, unha nova sección da Revista Galega do Ensino, constitúe unha fiestra aberta á participación dos profesionais do sector, que vai ofrecer unha canle de deliberación e presentación de propostas formativas cara á mellora das competencias profesionais do profesorado.

Formación comprende áreas ben diferenciadas, como Enfoques, un espazo destinado a que destacados expertos en formación do profesorado reflexionen sobre o panorama educativo e a profesión docente. Proxeccións amosa artigos arredor de experiencias docentes na formación na aula ou no centro educativo e reflexiona sobre os cambios introducidos e o seu impacto. Ampliacións presenta lecturas profesionais que motiven a nosa esixente comunidade para seguir aprendendo.

Como é ben sabido, desde os seus comezos, hai xa vinte anos, o equipo de Eduga está comprometido coa formación do profesorado, xerando debates edificantes e relatando experiencias e investigacións docentes á comunidade educativa.

Formación, a cargo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, non podería, xa que logo, resultar máis pertinente, cinguíndose á reflexión sobre o ensino-aprendizaxe, clave que marca as posibilidades de éxito e calidade do sistema educativo galego.

      

            

Xesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Sección: