O patrimonio onomástico persoal

Algunhas reflexións sobre o seu valor educativo e uso didáctico. A presentación de dous recursos

 

Xulia Marqués Valea
jmarques@edu.xunta.es

 

“Nos traballos en libros, lenzos e periódicos, e
medios diversos, os remuíños de signos e letras
van facendo camiños de luz e ilusións,
de achegamento aos coñecementos,
espertando conciencias, pensamentos.” 

NOLO SUÁREZ. Escrita na pintura

 

O caudal onomástico como patrimonio cultural. A súa activación na aula

Podemos aplicarlle o concepto de patrimonio cultural ao caudal onomástico galego, a ese vasto corpus de nomes de lugar e nomes persoais de noso, por constituír un verdadeiro capital simbólico que representa metonimicamente a historia propia e cuxa preservación garante dalgunha forma o mantemento das raíces e da identidade (Pujadas-Comas, 1989, 394).

Recoñecidos investigadores así o testemuñan cando se refiren ao conxunto de nomes e apelidos, isto é, á onomástica persoal. En particular, e tocante aos apelidos, Kremer (2004, 26) sinala que constitúen no seu conxunto un “museo da lingua popular de antano” e Boullón (2007b, 305) insiste no seu valor como fontes para o coñecemento da vida social, da maneira de nomear o territorio ou certos trazos psicolóxicos dos seus habitantes.

O patrimonio cultural posúe un valor educativo de primeira orde, segundo recoñece a Recomendación N. R. 5 referente á pedagoxía do patrimonio adoptada polo Consello de Europa de 1998, e a escola pode contribuír a potenciar a participación social na súa conservación e difusión (Hernández Hernández, 2002, 435).

Cumpriría abordar logo, desde a aula, o estudo do patrimonio cultural (e, por extensión, da onomástica persoal) para instruír no seu coñecemento e incidir na súa valoración como signo de identidade (Llull, 2005, 180). Dito doutro modo, cumpriría contemplar a onomástica persoal desde a perspectiva da adquisición de coñecementos, así como desde a de transmisión de valores e desenvolvemento das identidades (Fernández Casildo, 2008, 109).

O mestre converteríase daquela nun dos actores principais, porque se formularía como axente transmisor de coñecementos, actitudes e valores (Fontal-Calaf, 2004, 98).

No libro Enredando nos antropónimos e na proposta dixital Antroponimizando apostamos polo uso da onomástica persoal na aula de educación primaria, mostrándolle ao docente as claves interpretativas e incidindo nos mecanismos que posibilitan unha participación activa, creativa e responsable (Fuentes, 4).

Os recursos patrimoniais constitúen per se un recurso de indubidable potencia motivadora e educadora (Martínez Valcárcel e outros), tanto para o desenvolvemento dos programas curriculares coma para soporte da transversalidade.

Como afirma García (2007, 674), a valoración do patrimonio está suxeita ao uso, ás vivencias e á apropiación que fan os habitantes en cada xeración. É preciso, pois, buscar espazos e deseñar estratexias educativas que sirvan para fomentar o seu recoñecemento.

Este debe imbuír o currículo do alumno e a práctica docente, dada a importancia das identidades e dos sentimentos de pertenza para a constitución dos grupos e o desenvolvemento persoal dos alumnos (Fernández Casildo, 2008, 119).

 

A divulgación

O determinante en todo este proceso de activación (activa+acción) é a divulgación. Para poder dotar a utilización escolar do patrimonio dunha formulación didáctica debemos provela dunha estratexia de interpretación temática (Guevara-Pedraza, 2012, 56), en que diferenciemos dúas vertentes:

          a)Traducir os coñecementos do ámbito científico-académico á linguaxe dos receptores. Trataríase de interpretalos, de darlles significado e de facelo nunha linguaxe non unicamente comprensible, senón desfrutable para o    alumnado.

          b)Convocar e entusiasmar (‘causar entusiasmo’) o alumnado (‘que este sinta entusiasmo’) na protección do patrimonio (a función principal).

Para que unha acción divulgativa teña éxito debe partir da complicidade sentimental e construír con base nesta a arquitectura informativa (Garrido). Pero váiselle requirir, á parte:

- Que teña unha proxección concreta (que contribúa a modificar a realidade e que incida en aspectos precisos).
- Que sexa efectiva (eficaz: real, verdadeira, que dea o resultado agardado + efectiva: empática, que apele á raíz humana).

É importante intervir desde e para a aula, sumando ao propio labor de difusión o de sensibilización. Trataríase de mostrar o que se comparte e de mobilizar afectos, en palabras de Garrido (p. 25).

Nieves Herrero (2008, 7) recórdanos que educar e sensibilizar no valor do PC é educar na identificación das persoas co legado do pasado e a memoria. Nós adherímonos á súa tese e á expresada por Fontal (2004, 84), quen teima na idea de que é imposible que exista unha cultura sen patrimonio e unha sociedade sen memoria.

 

A presentación dos dous recursos didácticos

Enredando nos antropónimos                     Antroponimizando. Proposta dixital educativa para traballar cos nomes e os apelidos

 

 

                            

Ambos os recursos foron concibidos co propósito de rendibilizar didacticamente a onomástica persoal nas primeiras aprendizaxes do ensino obrigatorio. Trátase dun material complementario que pretende servirlle ao mestre de axuda e auxilio curricular ante o déficit que observamos para traballar neste ámbito.

O suxeito de atención é o sistema antroponímico galego a través dos seus distintos compoñentes: os nomes de persoa, os apelidos, os hipocorísticos, os alcumes etc.

Os destinatarios primeiros son os alumnos e as alumnas e os mestres de primaria. Están particularmente recomendados para o segundo e o terceiro ciclo, aínda que tamén se podería empregar, coa oportuna adaptación, no primeiro ciclo ou ben estenderse a niveis superiores (sobre todo, no caso da proposta dixital).

A elección dun recurso que vincule patrimonio e educación primaria non é casual. Recordemos que é na educación primaria onde, ademais de transmitir e aprender coñecementos, os nenos elaboran interrogantes, analizan, definen, constrúen, reformulan e reconstrúen as súas preconcepcións ata, finalmente, consolidar os seus propios conceptos e ideas (Vallès-Pérez, 2012: 16).

Enredando nos antropónimos quere contribuír a este fin e preséntase como un libro para o alumno editado en formato papel e un CD anexo para o mestre. Foi formulado desde unha perspectiva de iniciación á onomástica persoal e unha óptica creativa.

Enredando está composto por trece fichas, cada unha con catro epígrafes: unha lectura inicial, as actividades de aula, un espazo de lectura –Agora toca ler– e un espazo de xogo –A xogar–. En todas se dá un tratamento conxunto da expresión lingüística, a expresión corporal e a expresión plástica, con propostas diversas que parten de obras de Gianni Rodari.

O noso interese polo escritor italiano non é novo, e empata cun traballo anterior focalizado na onomástica xeográfica, Enredando nos topónimos, que foi publicado no ano 2008.

Rodari é coñecedor das múltiples maneiras de utilizar o outro patrimonio, o da intelixencia e o da fantasía que todo cativo posúe. E bríndanos, ademais, un “universo fantástico... e instrumentos para explorar e operar sobre o outro universo, este real” (Sorin, 1992, 107), dos nomes e apelidos. Ábrenos a porta á creatividade, entendendo por creatividade a capacidade de aplicar (e de xerar) coñecementos nunha ampla variedade de contextos co fin de cumprir un obxectivo específico dun xeito novo (Bernabeu-Goldstein, 2009, 27).

A onomástica tamén é quen de suscitar xogo e este conxunto de propostas quere ser un exemplo. Un repaso polos títulos elixidos para encabezar as distintas fichas así o demostra:

FICHA 1. Ordenando vogais e consoantes

FICHA 2. Ordenando seguimos, e ben atentos imos…

FICHA 3. Fixándonos nas letras continuamos: moitas, poucas e cumprindo anos

FICHA 4. ALTO! OUTROS QUE SE CHAMAN COMA MIN…

FICHA 5. As maiúsculas iniciais respectamos e con elas xogramaticamos

FICHA 6. Ben gardadiños e pasamos con sentidiño...

FICHA 7. Antropónimos e tradición, de xeración en xeración

                       LANZÁMONOS Á AVENTURA…

FICHA 8. 1.ª etapa: QUE PASARÍA SE UN DÍA PERDESES O TEU NOME?

FICHA 9. 2.ª etapa: QUE PASARÍA SE UN DÍA CHE DESE POR EXERCER DE DEBUXANTE?

FICHA 10. 3.ª etapa: QUE PASARÍA SE UN DÍA ESPERTASES CEDO E POETA?

FICHA 11. 4.ª etapa: QUE PASARÍA SE UN DÍA DECIDISES SER RETRATISTA?

                5.ª etapa: QUE PASARÍA SE UN DÍA TE EMPEÑASES EN FACER PROPOSTAS PARA GUÍAS para uso e abuso do consumidor escolar?

FICHA 12. PROPOSTAS PARA A GUÍA DA ONOMÁSTICA CON GRAZA

FICHA 13. PROPOSTAS PARA A GUÍA DO BO FACER ONOMÁSTICO

 

Non obstante, para encarreirar o discente por vías pouco transitadas e por ámbitos nos que campa a imaxinación, débese dimensionar moi coidadosamente a ruta. Isto implica respectar dúas leis básicas:
- Cómpre escoller un esquema moi básico cos datos imprescindibles e deixar aqueles que están de máis para os anexos.
- Cómpre organizar a proposta da forma máis narrativa posible.

A formulación é divulgativa e, á parte de ir incorporando as aprendizaxes e que estas se vaian sucedendo nunha secuencia lóxica, fuximos adrede de conceptos técnicos como repertorio legal e estandarizado, polinomeamento, nomofaxia etc.

As trece fichas ou unidades agrupámolas en seis seccións –pero poden ser usadas independentemente– que o docente pode escoller, tendo en conta os obxectivos e contidos, o ciclo e o curso en que estea traballando.

Para que a onomástica persoal entre con normalidade na aula debe articularse dentro da programación e concretarse en accións derivadas dunha execución planificada previamente.

 

CD complementario para uso do mestre

 

 

 

 

Para abordar os distintos compoñentes do sistema antroponímico de modo rigoroso, con contidos actualizados, inclúese un CD para uso do docente.

A epígrafe “O que dan de si os apelidos” está destinada por enteiro ao tratamento dos apelidos e acolle un espazo con información –Sabías que...– en que se detallan, entre outros, os seguintes aspectos: o número de apelidos distintos existentes en Galicia, os tipos de apelidos, a recuperación das formas autóctonas dos apelidos etc.

Tamén se repasan, por medio de lecturas e coa axuda de exercicios, as fontes normativas, os procedementos e recursos para a normalización da onomástica; a regulación legal do réxime dos apelidos; a deturpación e castelanización da onomástica; a depuración e a restitución das formas lexítimas; a configuración do corpus ou a fixación do apelido como hereditario.

Acompañan e serven de complemento, ou quizabes de contrapunto, as “Brincadeiras con apelidos” ou lecturas con suxeito onomástico, en que se convida o alumno a investigar na prensa e na rede e que constitúen un modo máis desenfadado de se achegar aos apelidos.

Especialmente relevantes para o mestre neste achegamento inicial á ciencia onomástica son os catro anexos que presentamos deseguido:

ANEXO 1. Institucións e espazos de referencia para o estudo da onomástica galega (iniciativas, recursos e ferramentas na rede)                         
ANEXO 2. Como podes galeguizar o teu nome ou regularizar ortograficamente o apelido (procedementos e formularios)
ANEXO 3. Bibliografía básica e actualizada
ANEXO 4. Recursos para traballar na aula, recursos complementarios de axuda para o profesorado e materiais xerados desde a aula.

Á parte do “Apéndice coas solucións ás actividades”, insírese un espazo con recomendacións de lectura, agrupadas en seccións segundo o obxecto de atención: 1.º sobre se nos gusta ou non nos gusta o noso propio nome e as diferentes maneiras de consideralo: cando o nome non lle gusta ao pai, cando o nome non lle gusta ao rapaz ou cando, pola contra, lle gusta tanto, tanto, ao rapaz que…; 2.º sobre a presenza das modas na onomástica, a partir da prensa e desde unha tripla ollada: o que di unha estudosa, do que nos informa o INE e o IGE e cal é a elección dos pais.

Un segundo bloque atesta a importancia que ten elixir ben o nome no ámbito escolar, no laboral ou no das relacións sociais e, como despedida, poñemos á disposición dos mestres “Unha flor de raros”.

 

Antroponimizando. Proposta dixital educativa para traballar cos nomes e os apelidos

Con Antroponimizando quixemos executar un recurso que integrase as novas tecnoloxías na aprendizaxe e na difusión do patrimonio onomástico.

A cobertura curricular é parella á de Enredando. Realizamos unha selección daqueles contidos susceptibles dun mellor aproveitamento multimedia, e recuperamos, tocante a nomes de persoa, os seguintes centros de interese:

- Cuestión de xénero (a formación de masculinos e femininos, con atención á escala dos nomes de persoa menos frecuentes).
- Correspondencias onomásticas (que nome galego lle corresponde en linguas distintas á nosa e que formas lexítimas cadran ou non co castelán).
- De onde veñen os antropónimos (que procedencia lles asignamos aos nomes máis habituais).
- Os hipocorísticos (hipocorísticos de nomes simples e compostos, hipocorísticos atribuíbles a varios nomes, nomes de persoa que presentan un número significativo de hipocorísticos, sufixación diminutivo-apreciativa dos hipocorísticos, transformación de hipocorísticos en nomes formais).

No que concirne aos apelidos, programamos a correspondente sección. Nesta abordamos cuestións de índole xeral como o número de apelidos e a súa difusión territorial, a clasificación en apelidos patronímicos, apelidos de orixe toponímica e apelidos procedentes de alcumes, e outras informacións teóricas que agrupamos baixo a cabeceira “Sabías que...”.

En Antroponimizando trazamos unha proposta con corenta e unha actividades que repartimos en dúas epígrafes, nomes de persoa e apelidos. Algunhas corresponden ao transvasamento de exercicios de Enredando nos antropónimos e outras son novas.

O repertorio de actividades de aprendizaxe é amplo e comprende diversos tipos, desde emparellamentos, encrucillados, sopas de letras ata escollas da resposta correcta ou falsa (V ou F), preguntas tipo test ou de investigación. As actividades preséntanse de xeito autónomo, aínda que aparecen organizadas secuencialmente, son de doada accesibilidade e levan consigo a posibilidade de avaliación.

Este recurso foi concibido para ser empregado no contexto da aula, en que o mestre exerce o rol de condutor e o alumno de necesario colaborador activo. O alumnado pode traballar individualmente ou por parellas. Pero tamén se prevé estender o seu uso a escenarios non formais.

Con Enredando nos antropónimos e Antroponimizando pretendemos un dobre obxectivo: primeiro, reforzar os coñecementos lingüísticos de onomástica na materia de Lingua cunha aproximación lúdica e creativa e, segundo, incidir na recuperación da onomástica como parte do proceso de normalización lingüística. Este último aspecto contémplase dende catro perspectivas:

  • a) convertendo o alumno en axente normalizador e sumando o profesor en calidade en activista lingüístico;
  • b) incidindo en ambos, co propósito de lograr unha participación activa dos dous executando accións que revertan na dimensión pública do compromiso;
  • c) sinalando os modos en que poden poñela en práctica e, finalmente,
  • d) reiterando e demostrando que a restitución (recuperación) da onomástica xenuína galega nin é un proceso longo nin custoso.

A través do traballo con Enredando nos antropónimos e Antroponimizando e da lectura da bibliografía recomendada (anexo III), podemos dar fe do dinamismo e do continuo proceso de cambio que afecta os bens inmateriais (La salvaguarda, 2010, 27).

Varias son as opinións autorizadas das que nos valemos para corroboralo:

- A antroponimia non é un corpus fixo nin pechado (Ferro, 2005, 53-54). Trátase dunha realidade viva, dinámica, sometida a desgaste e a renovación (A. Zabalza).
- O sistema antroponímico galego vai experimentando transformacións no contexto dos cambios estruturais da sociedade, que se concretan en:

a) Alteracións no corpus onomástico persoal (os nomes de persoa)
Derivadas do feito inmigratorio, fenómeno que non se producira en Galicia de maneira significativa nos últimos doce séculos.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten arestora máis de 15.000 alumnos de máis de 100 nacionalidades distintas á española cursando estudos nos niveis baixo e medio de ensino.
En segundo lugar, e procedente dese ambivalente proceso que coñecemos como globalización, a antroponimia está mudando, impoñendo modas a través dos medios de comunicación de masas (Ferro, 2005, 38).

b) Renovación do corpus onomástico persoal (os nomes de persoa)
Nos últimos anos do século XX, segundo coñecemos por Boullón (2007a, 99), as mudanzas sociolóxicas e lexislativas tiveron o seu correlato nos cambios nas preferencias de imposición de nomes de noso aos nenos galegos. Os cambios na listaxe prodúcense, ademais, con moita rapidez.
Tocante ás referidas mudanzas sociolóxicas, cómpre sinalar que a igrexa está a perder a súa influencia social e a xente móstrase receptiva ante os novos medios de comunicación.

Tocante ás mudanzas lexislativas, os trocos que se poden dar dentro do sistema antroponímico atinxen, entre outros:

1. O cambio de nome de pía ao longo do curso vital dun individuo.

2. O cambio de sitio dun apelido ao longo do curso vital dun individuo.

A lingua galega constitúe unha das principais vías de renovación do corpus onomástico, co auxilio de diversos procedementos como a habilitación de hipocorísticos que adquiren a categoría de nomes (Catuxa, Sabela, Xela, Xandra, Xan), a habilitación de topónimos, reais ou míticos (Iria, Aldán), a habilitación de substantivos comúns de connotacións positivas (Lúa), as evocacións míticas de raizame celta ou as traducións.

- Avístanse perigos para o sistema antroponímico galego:

a) Nun presente inzado de apelidos que se repiten e coa ameaza de desaparición dos menos correntes.

Segundo afirma Boullón nunha entrevista concedida o 28/01/2011:

Máis de 200.000 galegos levan o apelido maioritario, Rodríguez, e o 60% da  ten os 200 apelidos máis frecuentes; o resto repártense en máis de 40.000 formas. Isto dá idea da concentración que existe; se a cousa non cambia, todos imos apelidarnos Rodríguez dentro de cen anos, porque por mera estatística os máis frecuentes tenden a aumentar, cando o obxectivo é precisamente a diferenciación.

Recuperando os apelidos galegos ou dándolle preeminencia ao menos frecuente gañamos todos.

(http://www.elmundo.es/elmundo/2011/01/26/galicia/1296077328.html)

b) Nun presente en que mingua o uso dos alcumes.

A antroponimia informal, a medida que a poboación se fai urbana e anónima, vai desaparecendo (Ferro, 2005, 55). A isto súmase a perda de poboación no rural, onde poñer alcumes forma parte do discurso local e ten unha función lúdica de socialización (Pujadas-Comas, 1989, 370).

c) Nun presente en que xorden novos espazos ao abeiro da comunicación dixital, con formas de comunicación peculiares e novas formas de identificación (identidades temporais) (Monteiro França, 2006, 2-7).

 

ANEXO 1. RECURSOS

NOMES


- Asociación Galega de Onomástica (AGOn)
Enderezo: http://ilg.usc.es/agon/
Á parte dunha bibliografía fundamental para o estudo da onomástica en Galicia, inclúe ligazóns de interese para o estudo da onomástica persoal.

- Instituto Nacional de Estatística (INE)
Nacimientos según el nombre del nacido.
Páxina do Instituto Nacional de Estatística onde se poden encontrar os nomes máis frecuentes no conxunto de España e por autonomías.
Na sección nomes dos residentes en España, a aplicación ¿Cuál es la frecuencia de un nombre? permite elixir un nome e ver cantas persoas teñen ese nome e cal é a súa idade media en cada provincia, década de nacemento ou país de nacionalidade. Tamén é posible consultar en formato Excel táboas cos nomes máis frecuentes (100 para todo o territorio nacional, 50 para cada provincia de residencia e 10 para cada nacionalidade e sexo), táboas coa frecuencia de nomes segundo a década de nacemento e a lista de nomes con frecuencia maior ou igual a 20 e as súas idades medias.

- Real Academia da Lingua Vasca (Euskaltzaindia)
Base de datos de la Onomástica Vasca
Páxina sobre nomes persoais da Real Academia da Lingua Vasca (Euskaltzaindia)

- Institut de Estadística de Catalunya
Onomàstica de Catalunya
Páxina web do Institut de Estadística de Catalunya sobre onomástica catalá.

- Universidade de Vigo
“Chámate con xeito”. Campaña de onomástica promovida pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.
Enderezo: http://webs.uvigo.es/chamateconxeito/principal.php
Inclúe:

  • - Nocións básicas de antroponimia e onomástica galega
  • - Simulador de nomes e apelidos
  • - Consulta de nomes e apelidos
  • - Impresos legais e pasos que se deben seguir se se desexa galeguizar nome e/ou apelidos no documento de identidade e demais documentos persoais.
  • - Nomes galegos de home na web da asociación Fillos de Galicia
  • - Nomes galegos de muller na web da asociación Fillos de Galicia

- A Mesa pola Normalización Lingüística
Enderezo:
http:// www.amesanl.org/
Enderezo:
http:// www.amesanl.org/gl/nomeseapelidos/nomes

Inclúe unha compilación de nomes galegos de muller e home, con dúas ferramentas: un buscador de nome e un buscador alfabético de nomes.

Outros recursos:

Diccionario dos nomes galegos (1992), FERRO, X.; BOULLÓN, A. Vigo, Ir Indo (sancionado pola RAG).
Diccionario galego dos nomes (2003) FEIXÓO CID, X. Vigo, Xerais.
O teu nome (1994) FERRO RUIBAL, X. (dir.). Vigo, Ir Indo.
400 nomes galegos para homes e mulleres (1977) SEIXAS SUBIRÁ, X. Vigo, SEPT, Banco Pastor.
Consultorio dos nomes e dos apelidos (2007). MÉNDEZ FERRÍN, X. L Vigo, Xerais.
 

APELIDOS

ILG (Instituto da Lingua Galega)
Cartografía dos apelidos de Galicia.
Enderezo: http://ilg.usc.es/cag/
Buscador de apelidos galegos por concellos:
Enderezo: http://ilg.usc.es/cag/Controlador?/busca

A Mesa pola Normalización Lingüística
Enderezo: http:// www.amesanl.org/
Enderezo: http://www.amesanl.org/gl/nomeseapelidos/apelidos
Inclúe a Caixa dos apelidos, con dúas ferramentas: un buscador de apelidos e un buscador alfabético de apelidos.

INE (Instituto Nacional de Estatística)
Mapa de distribución de apelidos.
Buscador provincial de apelidos en España, por residencia e por nacemento.
Enderezo: http://www.ine.es/

INE base/Demografía e poboación/Análise e estudos demográficos.
Enderezo: http://www.ine.es/daco/daco42/nombyapel/nombyapel.htm

Na sección apelidos dos residentes en España, a aplicación ¿Cuál es la frecuencia de un apellido? permite elixir un apelido e ver cantas persoas teñen ese apelido (xa sexa como primeiro, segundo ou ambos) segundo a provincia de residencia ou nacemento e segundo a nacionalidade. Ademais preséntanse táboas en formato Excel cos apelidos máis frecuentes (100 para todo o territorio nacional, 50 para cada provincia de residencia e 10 para cada nacionalidade); tamén é posible consultar unha listaxe en formato Excel con todos os apelidos das persoas residentes en España que teñen unha frecuencia superior a 20 para o primeiro apelido.

Enderezo: http://www.xenealoxia.org
Enderezo: http://apelidosgalicia.org

Apelidos de Galicia (inclúe información sobre 4.520 apelidos, un foro de traballo sobre apelidos de Galicia, unha sección de buscas e outra de heráldica).
Enderezo foro: http://foros.xenealoxia.org/viewforum.php?f=27

Asociación Galega de Xenealoxía
Enderezo: http://www.xengalega.eu/

Outros recursos:
Consultorio dos nomes e dos apelidos. Na sección Un ferrado de apelidos analízanse os 153 apelidos máis frecuentes por orde alfabética. Flor de raros inclúe 20 apelidos elixidos entre os excepcionais.
 



O TRATAMENTO DA ONOMÁSTICA GALEGA NA EDUCACIÓN INFANTIL

A Convención marco sobre o valor do patrimonio cultural para a sociedade do Consello de Europa, asinada en Faro (Portugal) no ano 2005, chamaba a atención sobre o compromiso de “facilitar a inclusión da dimensión do patrimonio cultural en todos os niveis da educación, non necesariamente como obxecto de estudo por dereito propio, senón como fonte fértil para os estudos noutros temas”.
Ademais, este documento presentaba tres valores innovadores que se asocian ao patrimonio cultural: a diversidade, os dereitos culturais e a convivencia pacífica e democrática (Bardavio-González, 2012, 332).
 

Cadea de boas prácticas nas aulas. Creando espazos e situacións de aprendizaxe nas escolas de Tomiño (Pontevedra)

O pasado mes de abril, en máis dunha ducia de escolas unitarias que forman parte do CRA Mestre Manuel Garcés do concello de Tomiño e nas aulas de infantil dos CEIP de Barrantes e Sobrada, levouse a cabo unha experiencia singular: traballar coa antroponimia e a toponimia locais nos niveis iniciais de ensino.

Ao longo de oito sesións ambulantes polas clases de infantil, a animadora sociocultural Rosana Estévez desenvolveu unha serie de actuacións que duraban arredor dunha hora e que consistían en relatar un contiño breve e propoñer, a partir da súa lectura, unha serie de actividades.

O contexto de partida. Nunha noite de temporal as follas das árbores caeron e os peixes ‘saltaron’ do río cara á ribeira. Os peixes e follas, que agora os cativos se ocupan de recoller, teñen, casualmente, o nome de cada nena e neno presentes na actividade.Os peixes e as follas deben retornar ao río e eles serán os encargados de depositalos. Despois terán que pescar cunha cana as follas nas que están impresos os seus nomes e colocar os rótulos nunha árbore. Tamén os peixes teñen o seu sitio, haberá que levalos ao secadoiro.

O escenario inclúe, á beira da ponte que cruza a corrente, un muíño, un castelo e unha fonte.

A animadora acudiu aos encontros cos seus animais, que contaban, así mesmo, con nome de seu: Nei, Visi, Pinta e Besta.

Deste xeito os cativos vanse decatando de que, da mesma maneira que cada un ten un nome propio, tamén hai animais e lugares que o teñen.

Para traballar cos nomes dos lugares locais optou por escribilos en pezas de roupa. Nesta ocasión, os rapaces teñen que repetilos de viva voz para proceder logo á súa clasificación, segundo estean relacionados coa auga, as plantas ou as construcións.

Igual que facemos na casa cando temos que botar a roupa a lavar, para que non se mesturen as cores, dispoñémolas  –ordenadas– para meter na lavadora. Aquí ordenaron topónimos.

As intervencións anteriores complementáronse con dúas sesións nas que saíron de excursión ás minas de auga da parroquia da Estasa. Esta actividade programouse en estreita colaboración coa Xunta de Augas.

No monte aproveitaron para recoller e estudar os nomes das minas, dos regueiros... axudados de xogos e de sinxeliñas explicacións.

Velaquí a narrativa do traxecto trazada con fotos.

 

 

Bibliografía: 

 

ASOCIACIÓN GALEGA DE ONOMÁSTICA (AGOn). http://ilg.usc.es/agon/

BARDAVIO NOVI, A.; GONZÁLEZ MARCÉN, P. “La adopción escolar de conjuntos patrimoniales: el programa PEAM de la Universidad Autónoma de Barcelona y el Camp d’Aprenentatge de la Noguera (331-342), en I Congreso Internacional de Educación Patrimonial. Mirando a Europa: estado de la cuestión y perspectivas de futuro. Madrid, 15-18 de outubro de 2012.

BERNABEU, N.; GOLDSTEIN, A. (2009) Creatividad y aprendizaje. El juego como herramienta pedagógica. Madrid: Ed. Narcea.

BOULLÓN, A. (2007a). “A escolla dos nomes en Galicia a finais do século XX”, en MÉNDEZ, L.; NAVAZA, G. (eds.), Actas do I Congreso Internacional de Onomástica Frei Martín Sarmiento. Santiago de Compostela: Asociación Galega de Onomástica/Instituto da Lingua Galega, 99-114.

BOULLÓN, A. (2007b). “Aproximación á configuración lingüística dos apelidos en Galicia”, Verba, 34, 285-309.

CALAF, R. (2009). Didáctica del patrimonio. Epistemología, metodología y estudio de casos. Xixón: Ediciones Trea.

ESTEPA JIMÉNEZ, J.; CUENCA LÓPEZ, J. M. (2006). “La mirada de los maestros, profesores y gestores del patrimonio. Investigación sobre concepciones acerca del patrimonio y su didáctica”, en Miradas al patrimonio. Xixón: Ediciones Trea, 51-73.

FERNÁNDEZ CASILDO, M. (2008). “La utilización del patrimonio cultural como recurso didáctico en la enseñanza secundaria, al tiempo que como vía de conocimiento y valoración del mismo” (109-124), en Patrimonios culturales: educación e interpretación. Cruzando límites y produciendo alternativas. PEREIRO, X.; PRADO, S.; TAKENAKA, H. (coords.), XI Congreso de Antropología: retos teóricos y nuevas prácticas.

FERRO RUIBAL, X. (2005) “Onomástica gallega: lo hecho y lo por hacer. La onomástica en Navarra y su relación con la de España”. En Ramírez Sádaba, J. L. (coord.), Actas de las primeras Jornadas de Onomástica. Pamplona: Universidad Pública de Navarra, 35-90.

FONTAL MERILLAS, O. (2003) La educación patrimonial: teoría y práctica para el aula, el museo e internet. Xixón: Ediciones Trea.

FONTAL MERILLAS, O.; CALAF, R. (2004). Comunicación educativa del patrimonio: referentes, modelos y ejemplos. Xixón: Ediciones Trea.

FONTAL MERILLAS, O. (2012) “Patrimonio y educación: una realidad por consolidar”, Aula de innovación educativa, 208. Barcelona: Ed. Graó, 10-13.

FUENTES LUIS, s. “acercando el patrimonio al presente: nuevas miradas, nuevos lenguajes” (13 pp.),

http://www.cabildodelanzarote.com/patrimonio/VIIcongreso/ponencias/miercoles/Acercando%20el%20patrimonio%20al%20presente.pdf

FUENTES LUIS, s. (2008). “Estrategias creativas para una enseñanza integral. El patrimonio como recurso educativo en el desarrollo de las competencias básicas”, en Educación patrimonial, propuestas creativas desde el espacio educativo. Las Palmas de Gran Canaria: Consejería de Educación, Goberno de Canarias, 9-21.

FUENTES LUIS, s.; HERNÁNDEZ vALERÓN, C. (en prensa). “Patrimonio y competencias básicas: nuevas metodologías para la elaboración de maletas didácticas”, XV Jornadas de Estudio sobre Fuerteventura y Lanzarote, 19-23 de setembro de 2011. Fuerteventura.

FUENTES LUIS, s.; MARTÍN ÁLVAREZ, J. (2008). “El patrimonio como recurso educativo: nuevos actores, nuevas estrategias”, Actas del XVII Coloquio de Historia Canario Americana. Las Palmas de Gran Canaria: Cabildo de Gran Canaria, 1308-1328.

GARCÍA VALECILLO, Z. (2007). “Estrategias educativas para la valoración del patrimonio cultural en la educación básica de Venezuela”, EDUCERE, ano 11, núm. 39, outubro-novembro-decembro 2007, 673-681.

GARRIDO, C. “Diez principios para la divulgación del patrimonio”,

http://mediamweb.uib.es/boletin/mayo2001/garrido.html

GUEVARA CHUMACERO, M.; Daniela Pedraza Araujo, d. (2012). “Interpretación temática. Estrategia para la conservación del patrimonio arqueológico en el sur del Estado de México”, CIENCIA, vol. 19-1, marzo-xuño 2012. Toluca, México: Universidade Autónoma do Estado de México, 54-64.

HERNÀNDEZ CARDONA, F. X. (2004). “Didáctica e interpretación del patrimonio”, Comunicación educativa del patrimonio: referentes, modelos y ejemplos. Xixón: Ediciones Trea, 35-49.

HERNÀNDEZ CARDONA, F. X. (2004). “Sociedad, patrimonio y enseñanza. Estrategias para el siglo XXI”, http://www.ub.edu/histodidactica/index.php?option=com_content&view=article&id=18:sociedad-patrimonio-y-ensenanza-estrategias-para-el-siglo-xxi&catid=10&Itemid=103

HERNÁNDEZ HERNÁNDEZ, F. (2002). Patrimonio cultural: la memoria recuperada. Xixón: Ediciones Trea.

Herrero, N. (2008). Patrimonio cultural: definicións e usos sociais (unidade didáctica 1),

http://www.usc.es/export/sites/default/gl/servizos/snl/dinamizacion/descargas/Herrero.pdf

KREMER, D. (2004). “Sobre los apellidos españoles”, Rivista Italiana di Onomastica, 10, 9-32.

LLULL, J. (2005). “Evolución del concepto y de la significación social del patrimonio cultural”, Arte, Individuo y Sociedad, vol. 17, 175-204.

MARONESE, L. (2006) Patrimonio cultural y diversidad creativa en el sistema educativo. Temas de patrimonio cultural, núm. 17, Bos Aires.

MARTÍNEZ VALCÁRCEL, N. e outros. “El patrimonio cultural: valor y uso educativo que se hace en el bachillerato de la Comunidad Autónoma de Murcia”, http://www.um.es/docencia/nicolas/menu/publicaciones/propias/docs/murciadeacrev/TEXTOcomunicaNICOLAS3.pdf

MONTEIRO FRANÇA, L. C. (2006). “Identidades e nicknames. A comunicação digital e seus desdobramentos na construção de comunidades virtuais” (1-12), 15.º Encontro anulada COMPÓS. UNESP-Bauru, 6-9 de xuño de 2006.

PRATS, J.; HERNÁNDEZ, A. (1999). “Educación por la valoración y conservación del patrimonio”, en VV.AA. Por una ciudad comprometida con la educación. Barcelona: Institut d’Educació de l’Ajuntament de Barcelona, 1-14.

PUJADAS MUÑOZ, J. J.; Comas D’Argemir, D. (1989). “Antroponimia altoaragonesa: (nombres, apodos y nombres de casa en dos comunidades de la Jacetania)”, Homenaje a Amigos de Serrablo, 367-412.

RODARI, G. (2010). Gramática da fantasía. Introducción á arte de contar historias. Pontevedra: Ed. Kalandraka.

SORIN, M. (1992). Creatividad: cómo, por qué, para quién. Barcelona: Labor.

SUÁREZ VARELA, M. (1995). Nolo Suárez. Escrita na pintura. Santiago de Compostela: Fundación Sotelo Blanco/Museo de Antropoloxía.

VV.AA. La salvaguarda del patrimonio inmaterial: conclusiones de las jornadas sobre protección del patrimonio inmaterial (Teruel, 2009). Madrid: Ministerio de Cultura, Subdirección Xeral de Publicacións, Información e Documentación (2010).

VALLÈS, J.; PÉREZ, S. (2012). “¡Oye, el patrimonio es nuestro!”, Aula de Innovación Educativa, 208, 14-17.

VICENT, N.; IBÁÑEZ, A. (2012). “El uso de las nuevas tecnologías y el patrimonio en el ámbito escolar”, Aula de innovación educativa, 208, Barcelona: Ed. Graó, 22-27.

ZABALZA SEGUÍN, A. “Atando cabos. La formación del nombre y el apellido en la Navarra moderna”, 597-612,

http://www.euskomedia.org/PDFAnlt/literatura/23/23597612.pdf

 

Sección: