Recendo de biblioteca
Aurora Ramilo Alfaya
Responsable da biblioteca
ramiloalfaya@edu.xunta.es
Un día calquera, nove e media da mañá. A profesora de Música fai soar a canción ou melodía seleccionada para as entradas e saídas en función do tema que andemos a traballar. Vemos entrar algunha mochila viaxeira que regresa, algunha bolsa de “libros que van e veñen” e ata algunha bolsa de plástico case tan grande coma o seu portador, pois o libro non cabía noutro lado. Imos entrando nas aulas, deixamos os abrigos e as mochilas e tamén, pouco a pouco, as conversas matinais, para dar paso á rutina de lectura individual e silenciosa, no que cadaquén queira, tamén no ordenador. Tras quince minutos, comezan as tarefas cotiás; en todas as aulas, un recuncho con retallos da biblioteca, onde temos as lecturas que nos interesan ou que necesitamos para investigar.
Ao longo da mañá varios grupos acoden á biblioteca, nas horas de que dispoñen dentro do horario: para renovar os libros da aula, para renovar a mochila viaxeira, para buscar información e realizar tarefas, para elixir, buscar, comentar, contar ou escoitar. Entrando, á esquerda, unha exposición temática suxírenos algún materiais.
Chegada a hora do recreo, o alumnado de sexto consulta o taboleiro da entrada da biblioteca para ver de quen é hoxe a quenda de axudar: uns no ordenador, atendendo os préstamos; outros atendendo a sala, sobre todo axudando os pequenos e pequenas a desenvolvérense nas buscas e, finalmente, colocando as devolucións nos andeis.
Na entrada do colexio están expostos os últimos traballos de composición escrita que fixemos todos e todas; o recreo é un bo momento para botarlles unha ollada ao pasar.
Á saída, algunha mochila vai para casa, algunha bolsa tamén, ás veces un folleto da biblioteca, un marcapáxinas conmemorativo…
O PROXECTO
A biblioteca escolar foi unha prioridade no noso centro desde os seus comezos: nomeouse un mestre coordinador, programáronse tempos e espazos para o seu uso, actualizáronse fondos, creáronse bibliotecas de aula… Lembramos a nosa participación en campañas de fomento da lectura das distintas administracións, traballos de investigación, exposicións e actividades diversas arredor da lectura.
No curso 2007-2008, o colexio entra a formar parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, feito que supuxo unha contribución económica importante, formación para o profesorado responsable e moita información. Introducimos cambios relevantes, como o catálogo en liña, equipos informáticos para o alumnado e a centralización de todos os recursos na biblioteca. Pero o cambio substancial prodúcese no propio concepto de biblioteca, moito máis amplo agora na denominada sociedade da información e na metodoloxía de traballo baseada nas competencias curriculares.
Deseñamos o Proxecto lector de centro cos seguintes obxectivos prioritarios:
- Facer da lectura un hábito cotián.
- Proporcionarlle ao noso alumnado oportunidades, recursos e estratexias para interpretar todo tipo de textos, recoñecendo as súas características e funcionalidade.
- Deseñar actividades que impliquen a produción de textos e a comunicación de contidos en distintos formatos, incluíndo o uso das novas tecnoloxías.
- Ofrecer documentos actualizados, que cubran as necesidades de todas as materias e niveis, en distintos soportes: libros, revistas, xornais, folletos, mapas, láminas, CD, DVD, audio… e recursos en liña.
- Facilitar o coñecemento da biblioteca para que o alumnado se desenvolva con autonomía.
- Abrir a biblioteca fóra de horario escolar a toda a comunidade educativa e promover a participación das familias nas actividades culturais e no fomento da lectura.
- Facer visible a biblioteca a través de taboleiros informativos, boletíns trimestrais, revista escolar e blog.
DESENVOLVEMENTO
As propostas de traballo para todo o centro parten da programación conxunta dos equipos, coordinados pola xefatura de estudos: propostas en relación con lectura, composición de textos, tratamento da información e exposición oral, que denominamos “obradoiros” polo seu carácter fundamentalmente práctico, tamén enmarcadas, no momento actual, dentro dun programa contrato coa Consellería de Educación. Lévanse a cabo nas horas de biblioteca correspondentes a cada grupo e co profesorado titor. Exemplos destas propostas serían obradoiros de cómic, de noticias, de contos, de poesías… e proxectos documentais como Unha viaxe virtual, A vide e o viño, A lamprea, preto de nós, Achegándonos á olería… cada unha delas coa temporización dun trimestre. As producións do alumnado recóllense nunha sección na biblioteca, na páxina Da nosa autoría e nos blogs, de maneira que poden ser lidas e revividas en calquera ocasión.
A biblioteca ofrece recursos, propios e alleos, para formación de usuarios e orientacións para o desenvolvemento das tarefas.
Cada ciclo programa as súas propias propostas de traballos documentais, utilizando os recursos da biblioteca; os libros de texto son un recurso máis, pero non exclusivo.
O alumnado de cada grupo de primaria merca un libro de lectura como material curricular, seleccionado polo profesorado, para ler en grupo e traballar na aula arredor da súa temática. Ás veces teñen a oportunidade de gozar da visita do autor. A biblioteca dispón de lotes de libros para a mesma actividade ou utiliza o préstamo interbibliotecario con outros centros da zona.
Desde a biblioteca organízanse actividades de fomento da lectura, como Hoxe contamos…, Falamos de lecturas, Lecturas compartidas ou Alimenta as túas vacacións. As familias colaboran realizando actividades de contacontos para os máis pequenos e participando nas propostas da escola.
As Mochilas Viaxeiras, coa colaboración das familias, e a Hora de Ler, na escola, son actividades encamiñadas a relacionarse cos libros de forma lúdica e libre, co obxectivo de crear rutinas e hábitos de lectura.
Edítanse boletíns trimestrais, con información e novidades, e guías de lectura.
Elabóranse dous números anuais da revista escolar Agromar, coordinada polo Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística, nos que se publican traballos do alumnado.
Tamén fomentamos a expresión oral a través de programas de radio escolar, de emisión interna.
METODOLOXÍA
Para comprender un texto é imprescindible coñecer as súas características e a súa funcionalidade. Utilizamos a produción de textos porque é unha tarefa completa, na que o alumnado se relaciona directamente co esquema textual para construílo, aprendendo no proceso de redacción, de revisión, de comunicación aos demais e de avaliación. “Producción e interpretación son dos caras de la misma moneda: es imposible concebir la una sin la otra. Pero la producción tiene la ventaja de tener el centro en el niño y de exigirle una actividad más patente” ( Suárez, 2000, p. 113).
Por outra parte, tratamos de lle ofrecer ao alumnado estratexias para comprender: antes de ler, activar ideas previas e predicións; durante a lectura, extraer significados polo contexto e consultar dicionarios; despois de ler, resumos, ideas principais, esquemas e preguntas ( Solé, 2009).
O alumnado traballa moitas veces en equipo, atendendo así á diversidade e facilitando que todos e todas acheguen algo e avancen nas súas competencias, con confianza nas súas posibilidades. A colaboración do alumnado de sexto nas tarefas de préstamos do recreo e na organización da biblioteca tamén é unha excelente forma de atender a diversidade e a aprendizaxe entre iguais.
Tratamos de que as propostas de traballo sexan significativas, de que atopen nelas unha finalidade clara: leo e escribo para informarme, para gozar, para lles poder contar cousas aos demais, para colaborar nun proxecto común…
UN EXEMPLO: A LAMPREA, PRETO DE NÓS
Partindo dunha realidade próxima, nesta zona na que a pesca da lamprea é moi coñecida, programamos un proxecto de investigación para facer un ciclo de conferencias. Cada ciclo responsabilizouse dunha temática: estudo do animal, estudo doutros habitantes do Miño e da vexetación de ribeira, gastronomía e artes de pesca.
O proceso consiste en buscar libros e recursos na rede, contar coas achegas das familias, lectura de textos e selección da información, ver vídeos, debates, visita dun experto, toma de notas, esquemas, glosarios, redacción en papel, redacción na web, preparación da presentación, exposición en paneis e conferencias.
Durante a realización desta actividade, recollemos o proceso nunha páxina web, de forma colaborativa.
VALORACIÓN
Traballar na Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia colaborativamente supón un valor moi estimable, pola información actualizada e constante e por poder compartir e utilizar os recursos de todas as bibliotecas, optimizando e enriquecendo o traballo de cada unha.
A nosa comunidade educativa dispón dunha biblioteca actualizada, de todos e para todos, que facilita o acceso á cultura en igualdade de oportunidades: “Todos los usos de la palabra para todos me parece un lema bueno y con agradable sonido democrático. No para que todos sean artistas, sino para que nadie sea esclavo” (Rodari, 1998, p. 12).
RODARI, G. (1998) Gramática de la fantasía. Introducción al arte de inventar historias. Barcelona: Ediciones del Bronce (4.ª edición).
SOLÉ, I. (2009) Estrategias de lectura. Barcelona: ICE da Universidade de Barcelona/ Graó (21.ª edición).
SUÁREZ YÁÑEZ, A. (2000) Iniciación escolar a la escritura y la lectura. Diseño de programas adaptados a la diversidad. Madrid: Pirámide.