AGABEL

Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura

A Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura (Agabel) naceu no ano 1999 co obxectivo de aglutinar a todas aquelas persoas interesadas na mellora da situación das bibliotecas escolares e a súa concepción como lugares onde satisfacer as necesidades educativas, culturais, de lecer, formación e información de toda a comunidade escolar. É dicir, posibilitar que os centros educativos abordasen o ensino dun xeito diferente e que esta nova concepción implicase a toda a comunidade. O outro eixe fundamental de traballo da asociación é o fomento da lectura –en todo tipo de soportes e todo tipo de linguaxes–.

Na actualidade, é cada vez máis importante vivirmos informados dun xeito o máis obxectivo posible para desenvolvérmonos como cidadáns e cidadás libres e comprometidos coa sociedade na que vivimos, polo que o papel das bibliotecas escolares resulta fundamental como mediadoras da información e compensadoras das desigualdades.

Os obxectivos da asociación están recollidos no seguinte decálogo:

  1. Promover o coñecemento das bibliotecas escolares en todos os ámbitos educativos non universitarios e entre todos os sectores profesionais implicados no seu funcionamento.

  2. Difundir entre os responsables políticos o papel que lle corresponde á biblioteca nos centros escolares, co fin de establecer o marco legal axeitado para o seu desenvolvemento.

  3. Reivindicar o recoñecemento da biblioteca escolar e a correspondente dedicación horaria do seu responsable e dos membros do equipo da biblioteca nos documentos organizativos dos centros e na lexislación pertinente.

  4. Fomentar a colaboración entre todos os sectores implicados nas bibliotecas escolares: estudantado, profesorado, Inspección Educativa, bibliotecarios/as de bibliotecas públicas, consellos escolares e asociacións de nais e pais de alumnos.

  5. Facilitar a formación dos asociados e do profesorado en xeral na profesionalización do seu labor nas bibliotecas escolares, tendo en conta os novos retos que a sociedade da información presenta na actualidade.

  6. Fomentar a lectura en todos os niveis educativos e en todos os sectores da comunidade educativa.

  7. Facilitar o debate sobre as bibliotecas escolares, a lectura e o acceso á información.

  8. Colaborar coas administracións educativas no fomento da lectura e no desenvolvemento das bibliotecas escolares.

  9. Favorecer o intercambio de experiencias entre os seus asociados.

  10. Contribuír ao fomento do acceso á información e á lectura de toda a sociedade.

 

Para que as bibliotecas escolares poidan desenvolver todas as tarefas que lles son propias, cómpre acadar as seguintes melloras no seu funcionamento:

NOS CENTROS EDUCATIVOS:

1. Equipamentos

a. Dispor dun espazo axeitado e de fácil accesibilidade, nunca inferior ao 0,5 % do espazo útil do centro educativo segundo as recomendacións da UNESCO de 1979.

b. Todo o material documental adquirido debe pasar, para o seu rexistro e catalogación pola biblioteca, independentemente do seu lugar de localización definitiva no centro.

c. Contar cun fondo documental adecuado e actualizado, así como con instalacións e equipamentos adecuados ás súas funcións, que aseguren o libre acceso aos fondos por parte dos usuarios.

2. Orzamentos

Para que a biblioteca desenvolva as súas funcións, debe contar cunha partida ordinaria propia dentro do orzamento total do centro, independente das contribucións extraordinarias que reciba por proxectos ou premios.

3. Persoal

a. A biblioteca debe ser considerada como un departamento máis dos que integran as estruturas dos centros educativos, cun tratamento administrativo similar. Este departamento sería un equipo interdisciplinar composto pola persoa coordinadora e por outro profesorado que represente os diferentes departamentos didácticos ou ciclos, niveis ou áreas.

b. Redución horaria significativa para a persoa coordinadora da biblioteca, equivalente á dos outros departamentos. A persoa responsable da biblioteca deberá ser un/unha docente con formación específica e continuada.

c. Unha hora de reunión semanal para o equipo da biblioteca e a dedicación de todas as horas complementarias dos membros máis significativos do equipo ao traballo na biblioteca escolar (gardas de biblioteca, organización de actividades etc.).

d. A pertenza a proxectos de innovación relacionados coa biblioteca escolar deben levar consigo a redución horaria equivalente aos restantes proxectos de innovación.

NA ADMINISTRACIÓN EDUCATIVA:

a. Creación dunha unidade específica de Bibliotecas Escolares e Fomento da Lectura nos servizos centrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

b. Creación de prazas específicas de Asesoría de Bibliotecas Escolares e Fomento da Lectura nos CFR.

Desde Agabel queremos facer un chamamento a todas as persoas que traballan nas bibliotecas escolares e a prol da lectura para se asociaren, pois entre todos poderemos acadar todos estes obxectivos. Podedes atopar máis información no noso blog: http://agabel.blogspot.com.es/

Así mesmo, podedes contactar connosco no enderezo electrónico: agabel2012@gmail.com ou no enderezo postal: BPM Santiago Rey Fernández Latorre, R/ Virxe da Barca, 47 - 15124 Muxía (A Coruña).

 

Sección: