Formación de familiares, unha actuación educativa de éxito
Ana María Pérez Veiga
apveiga@edu.xunta.gal
ICPI Plurilingüe de Castroverde (Castroverde - Lugo)
No CPI Plurilingüe de Castroverde fomos incorporando sucesivamente diversas actuacións que na actualidade son os sinais de identidade do noso centro educativo. O colexio aplica a educación inclusiva e un enfoque da convivencia escolar fundamentado na responsabilidade e na reparación: comunidades de aprendizaxe e prácticas restaurativas. Todas as actuacións que se realizan teñen a súa orixe na formación tanto do profesorado coma do resto da comunidade educativa.
Participamos nos plans de formación permanente do profesorado (PFPP), organizando catro seminarios permanentes cada curso. Tivemos formacións con persoas expertas de nivel nacional e internacional como Ramón Flecha (comunidades de aprendizaxe),Coral Elizondo (DUA), Nélida Zaitegi (convivencia positiva e prevención do acoso), Susana Fernández (SAAC), Gey Lagar (patios inclusivos), MarleneHorna (TEA) ou Ricard Vila i Barceló (prácticas restaurativas). Agradecémoslle ao Centro de Formación e Recursos de Lugo as xestións realizadas para posibilitar as intervencións de persoas expertas de tanto nivel. Somos testemuñas de que a formación baseada en evidencias científicas (non en opinións sen comprobar) repercute de forma decisiva en prácticas pedagóxicas eficaces nas aulas e no clima de convivencia.
Comunidades de aprendizaxe
As comunidades de aprendizaxe son unha proposta educativa baseada no diálogo, na igualdade e en que todas as persoas da comunidade ofrezan algo desde as súas experiencias.
No CPI Plurilingüe de Castroverde, dentro do modelo de comunidades de aprendizaxe, aplicamos as seguintes actuacións educativas de éxito: grupos interactivos, faladoiros dialóxicos, participación educativa da comunidade (apadriñamentos científicos e lectores), formación dialóxica do profesorado e formación de familiares.
A formación de familiares como actuación educativa de éxito
A formación de familiares en comunidades de aprendizaxe presenta diferenzas con respecto ás escolas de nais e pais tradicionais. Habitualmente,nos centros educativos as familias participan en charlas de persoas expertas sobre temas relacionados coa educación (como alimentación, límites, horarios e hábitos etc.).
Aínda que nestes casos se establece un espazo de intercambio, o enfoque consiste en que unha persoa experta lles diga ás nais e pais como educar as súas fillas e fillos. En contraste, a formación de familiares nas comunidades de aprendizaxe non consiste en programas de formación seleccionados polo profesorado ou outros profesionais da educación segundo as súas propias opinións, sen ter en conta as demandas e necesidades das familias. A formación de familiares en comunidades de aprendizaxe supón que as familias decidan o que precisan, cando e como queren aprender.
Hoxe en día as familias coas que tratan as institucións educativas son cada vez máis plurais. Nos centros rurais a tradicional homoxeneidade cultural está dando paso a unha diversidade de culturas que conviven conxuntamente. Estas circunstancias fan necesaria a adquisición de novas estratexias para exercer como nai ou pai.
No CPI Plurilingüe de Castroverde, cada curso, realizamos unha enquisa entre as familias para determinar as súas necesidades de formación. As enquisas cóbrense despois da reunión conxunta de inicio de curso, onde se expoñen os obxectivos que o conxunto da comunidade educativa vai tratar de acadar.
Recentemente, as familias decidiron que as prácticas restaurativas poderían ser de utilidade para a prevención e resolución de conflitos entre nais, pais e fillas e fillos. Outro tema escollido foi a educación afectivo-sexual, onde se trata non só a parte da educación sexual dos adolescentes, senón tamén temas relacionados coa socialización preventiva da violencia de xénero. Así mesmo, realizáronse formacións sobre estratexias de mellora da interacción social e emocional, como apoiar na aprendizaxe coas novas ferramentas dixitais ou a prevención de problemas nas redes sociais.
Prácticas restaurativas
Son un conxunto de estratexias que buscan mellorar a convivencia mediante a resolución pacífica de conflitos, a promoción do diálogo e o fortalecemento das relacións entre as persoas da comunidade (alumnado, profesorado e familias). Estas actuacións teñen como obxectivo crear un ambiente escolar máis inclusivo, respectuoso e cooperativo, onde os conflitos sexan abordados de xeito positivo e onde se fomente a responsabilidade e a reparación dos danos.
O noso primeiro contacto coas prácticas restaurativas foi a través Nélida Zaitegi que foi pioneira na implementación de programas innovadores que promoven a convivencia positiva e a resolución de conflitos nos centros educativos. Hai que destacar o seu compromiso coa educación en valores, a coeducación e a participación activa do alumnado. Tamén resaltou a importancia do coidado mutuo entre todas as persoas que constitúen a comunidade escolar.
Na xestión da convivencia escolar, no CPI Plurilingüe de Castroverde, aplicamos varias prácticas restaurativas, como poden ser a escoita, as declaracións afectivas, as preguntas restaurativas, a pequena reunión espontánea, os círculos restaurativos e as reunións formais.
Na xestión de conflitos de aula obtemos bos resultados mediante a organización de círculos, que son espazos onde se reúnen os membros dun determinado grupo para compartir pensamentos, preocupacións e buscar solucións conxuntas. Estes círculos poden ser preventivos, para fortalecer vínculos, ou reparadores, para tratar de resolver conflitos. En lugar de resolver só de forma punitiva as condutas contrarias á convivencia, as prácticas restaurativas fomentan a corresponsabilidade e o compromiso.
Beneficios da formación de familiares en prácticas restaurativas
A formación das nais e pais beneficia a todas as persoas adultas que participan directamente nela, as nenas e nenos e a toda a comunidade e deste xeito convértese nunha poderosa ferramenta. Asistir a estas actividades dálles aos familiares coñecementos que poden aplicar na súa vida persoal, familiar e social.
Despois de pasado o primeiro cuarto do século XXI, compróbase que as relacións no día a día dependen máis do diálogo e menos da imposición. É difícil continuar mantendo o estilo de autoridade tradicional. Coas súas fillas e fillos, as familias falan sobre as normas que hai que cumprir, de xeito que ou hai acordo ou hai conflito. Moitas persoas danse de conta de que o que funcionaba en xeracións anteriores agora parece non funcionar e encóntranse no dilema de non saber como educar sen ter que recorrer ás medidas punitivas.
As prácticas restaurativas dan a opción de educar e actuar ante calquera conflito dun xeito que ningunha das partes se sinta danada. Pódese reparar e conseguir que as nenas e nenos se fagan responsables dos seus actos, que asuman compromisos e que participen na decisión do que pasará se eses compromisos se incumpren. Esta forma de xestión das situacións ensina a convivir e debe facelo de forma programada, sistemática e explícita. Son actuacións eficaces para unir a familia, para comunicarse de forma asertiva e resolver desacordos.
Expectativas de continuidade
Continuaremos coa formación de familiares en vindeiros cursos, nas temáticas que as familias consideren necesario, buscando as condicións que posibiliten a participación das nais e pais con máis dificultades para asistir. A participación nestas actividades aumenta a confianza e crea novos vínculos de comprensión e tolerancia.
Cremos que é importante seguir organizando, se así o deciden as familias, formación en prácticas restaurativas, xa que axudan a desenvolver habilidades sociais, estruturar o ambiente familiar, reducir o estrés e crear un ambiente de apoio e crecemento para todas as persoas, incluídas aquelas con necesidades específicas. A formación neste enfoque positivo da convivencia pode ser unha ferramenta valiosa.