Sementando Vida, Colleitando Gratitude”

O proxecto Sementando Vida, Colleitando Gratitude xorde pola importancia da transmisión das aprendizaxes de xeración a xeración, coñecementos e experiencia na horta, de ilusión, de aprender e compartir, experimentar en primeira persoa, tocando, ulindo, remexendo, fertilizando, sementando, colleitando, limpando… todo nunha tarefa colectiva, compartindo ese espazo que tanto nos calma cos nosos compañeiros de aula e incluso nalgunhas ocasións doutros niveis ou etapas.

Ana Pérez Ramos, mestra de Pedagoxía Terapéutica
Coordinadora do Equipo de Medio Ambiente
CEIP Plurilingüe de Prácticas (A Coruña)
apramos78@gmail.com

 

 

O CEIP Plurilingüe de Prácticas conta cun espazo medioambiental desde o ano 2019, cando o centro participou no programa Re:rban: de boas prácticas nas hortas urbanas e escolares, co apoio e colaboración do Concello da Coruña.

Foi a través dun obradoiro municipal que se construíu a nosa horta, que consta de nove bancais duns tres metros de longo e un de ancho, aproximadamente, con rega por goteo en cada un.

No ano 2021 construíuse ao carón da horta un invernadoiro que inicialmente contaba con seis minibancais; ao longo deste curso, transformáronse en catro e, finalmente, en dous por ser esta forma a máis funcional para traballar coa rapazada.

O Equipo de Dinamización Medioambiental ten como obxectivo principal dinamizar este espazo tan singular do centro, aproveitándoo como unha fonte máis de aprendizaxe, achegando o noso alumnado á conservación e ao respecto pola natureza.

Foméntase a participación de todos os grupos-aula do centro e das familias, o seu coidado ou a estruturación do aproveitamento didáctico deste, promovendo a concienciación do alumnado e do resto da comunidade educativa en materia medioambiental.

Cabe destacar que tamén se priorizan os aspectos relacionados coa xestión e control das boas prácticas medioambientais e de sostibilidade no centro (reducir, reutilizar, reciclar, uso adecuado de papeleiras, coidado do patio, utilización de materiais ecolóxicos etc.).

Este obxectivo xeral inténtase acadar a través destes máis específicos:

  • Fomentar o contacto coa natureza, aprendendo a respectalo.
  • Desenvolver o sentido da responsabilidade e do compromiso na xestión da horta.
  • Fomentar o desenvolvemento emocional, así como actitudes cooperativas a través do traballo en grupo.
  • Valorar a importancia de consumir alimentos frescos, saudables e de tempada.
  • Facilitar a creación de lazos afectivos co mundo natural.
  • Descubrir as nosas interrelacións e dependencias con respecto ao medio natural e aos seus elementos (solo, plantas etc.).
  • Promover o respecto á terra como fonte de vida e desenvolver o interese por non degradala.
  • Aprender a valorar a auga e a non malgastala.
  • Estudar o proceso de crecemento e desenvolvemento dos seres vivos.
  • Promover o cultivo de produtos autóctonos.
  • Coñecer diferentes usos das plantas: comestibles, aromáticas, ornamentais etc.
  • Reutilizar materiais.
  • Familiarizarse co traballo físico e co esforzo.
  • Analizar o contorno físico-natural para descubrir os seus elementos, interrelacións, organización e funcións

Para facilitar a organización e colaboración na horta, a comezos do curso, cada titor establece unha hora fixa de horta no seu horario. Esa hora terase en conta para organizar as plantacións, colleitas ou obradoiros que se propoñan.

Cada aula ten asignado un bancal. Aínda que a horta é de todos, son máis responsables dese bancal, do seu mantemento, rega, plantación, rotación de alimentos, colleita...

O Equipo de Medio Ambiente conta cun taboleiro da horta, situado na entrada ás aulas, que é, ao mesmo tempo, a saída aos patios, un taboleiro informativo onde cada mañá se colocan informacións varias, como poden ser a actividade que hai que facer no día, novas interesantes, curiosidades (por exemplo, o Día Mundial dos Animais, o Día do Aforro Enerxético etc.) e onde, por suposto, sempre se pecha cunha mensaxe positiva («Grazas pola vosa axuda», «A desfrutar da receita!», «A horta é de todos», «Vémonos ao pé da horta», «Pasarémolo ben»...). Tamén se lembra o ODS que se vai traballar durante o mes, así como as verduras e froitas de tempada.

A continuación expóñense as diferentes actividades levadas a cabo ao longo deste curso. En primeiro lugar, hai que comentar que o noso traballo o podemos dividir en dous grandes bloques: os traballos na horta e os traballos na aula.

 

 

Dentro dos traballos na horta ofertamos diferentes actividades:

- O traballo na horta implica a limpeza dos bancais para o cultivo de diferentes hortalizas e verduras, a súa fertilización, a aireación da terra, o mantemento dos bancais, a colleita de produtos, a poda das plantas aromáticas (romeu, menta, lavanda...) e das baias como as physalis, plantadas arredor do peche perimetral. Ademais, tamén hai que coidar o noso composteiro, ter en conta as capas marrón-verde-marrón, airealo con frecuencia e baleiralo cando sexa o momento.

- Así mesmo, contamos coas patrullas antilixo. Cada aula ten asignado un día no que, cos utensilios axeitados, recolle o lixo nos diferentes patios co obxectivo de concienciar o alumnado e fomentar un maior uso das lixeiras e manter os espazos de lecer limpos. Os espazos están divididos por un pavillón, que pertence á universidade e no cal polas tardes hai actividades extraescolares externas, sen relación co centro escolar.

- Ao longo do curso, creouse a figura dos ecovoluntarios, alumnos e alumnas que se ofrecen a realizar tarefas imprevistas, que moitas veces xorden no día a día no centro: por exemplo, estragouse a rega, precisamos «augadores», o alumnado fixo unha cadea para encher as regadeiras e botar auga nos bancais; no areeiro, zona de xogo da rapazada de educación infantil, naceu herba, haberá que limpalo; recollemos a acumulación de paus no aparcadoiro polo vento da fin de semana...

- O traballo no invernadoiro resultou máis tedioso, pois ao estar a comezar sempre xorden máis problemas. O número de bancais modificouse ao longo do curso, buscando o xeito máis práctico para nós; ao non estaren acoutados por ningún material de contención, a terra esparexíase cara abaixo, ademais estivo moito tempo sen sistema de rega, o cal instalou unha compañeira nunhas das súas gardas de permanencia no centro. O alumnado colocou a malla antiherbas nun bancal, onde cara ao final do curso cultivamos tomates, que recollemos e degustamos con aceite e sal en setembro, e cabazas e patacas doces, que non saíron, xa que, debido a unha praga de pequenos insectos, tivemos que cortarlle a subministración de auga durante o verán. Noutro bancal, deixamos florecer cardos e caléndula para atraer a fauna beneficiosa.

Por outra banda, planifícanse diferentes actividades para realizar nas aulas. Moitas veces, vemos dificultades onde só hai oportunidades, unha das que se nos presenta no claustro é a relación da horta co currículo, é unha cuestión moi presente ao longo dos diferentes cursos no centro.

- Neste curso, realizamos traballos de investigación adaptados a cada aula, ciclo ou etapa, como, por exemplo, en educación infantil realizáronse creacións artísticas (estampaxe de flores, perfumes...), sementeiros de leituga, observando a súa evolución e investigaron sobre Giuseppe Arcimboldo. En educación primaria, o alumnado de terceiro ciclo investigou sobre as diferentes formas de fabricar distintos tipos de trampas para as velutinas; o alumnado con NEAE, asociado a altas capacidades intelectuais, indagou sobre a fabricación de papel reciclado e crearon follas deste, logo expuxéronllelo aos compañeiros doutras aulas.

 

 

- Tamén realizamos un obradoiro de pirogravado, onde o alumnado de sexto de educación primaria deixou a súa pegada tallando pezas de madeira cos nomes cos que bautizamos os bancais, todos eles relacionados coa natureza (auga, sol, terra, semente, raíz, talo, follas, froito…).

- Todas as conmemoracións de centro intentan relacionarse coa horta dalgún xeito.

  • Así pois, no Samaín, o alumnado con NEAE, asociadas a altas capacidades, realizou un traballo de investigación sobre o millo polo seu significado espiritual, pola súa relación coa boa sorte. Recadaron datos sobre a sementeira, a colleita, o marco de plantación, as necesidades que presenta (fertilizante, chan, rega, luz...) e as verduras coas que debía asociarse. Para rematar, realizaron un scratch, para saber se os compañeiros prestaran atención á súa exposición, onde a protagonista é Choclita, unha mazaroca de millo debuxada por unha alumna de sexto de primaria.
  • O 25 N, Día contra a Violencia de Xénero, o alumnado do centro realizou un cartel no que colaborou pintando ou facendo flores de papel morado para completar un retrato de Frida Kahlo co lema «Son Frida e NON calo», que se presentou á comunidade educativa nun acto no que se acompañou cunha canción máis un baile e unha lectura dun manifesto. Os alumnos levaban na cabeza como homenaxe a Frida a súa flor morada de papel, que ao rematar colocaron no mural.
  • O Día do Libro, fixemos o apadriñamento lector ao pé da horta, onde o alumnado de segundo e terceiro ciclo de educación primaria lle lía unha historia ao alumnado de educación infantil e do primeiro ciclo de primaria.
  • O Día das Letras Galegas propúxose unha lectura e investigación sobre un artigo relativo a historia dos Maios, para ver se atopaban a diferenza entre as xestas e a chorima (flor do toxo), que podemos ver representado na portada do libro Palabras ingrávidas de Luísa Villalta. Tamén podían localizar outras flores amarelas na nosa horta (como se chaman, en que bancal se atopan, cal é a súa función na horta...) e, por último, déuselles a oportunidade de realizar un deseño de chapas: fusión da música e da natureza, debuxos realizados por catro alumnas de sexto de EP.

Outra actividade nova ao longo deste curso foi comezar a traballar a Axenda 2030 para lle dar a coñecer ao noso alumnado os diferentes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Levamos a cabo dúas liñas de actuación, por unha banda, información a través do taboleiro da horta, onde se facilitaba un código QR coa información do ODS que se ía traballar ao longo do mes e, por outra, xorde a actividade de Conversas na Horta, que consiste en ver unha presentación, unha curtametraxe, un conto, un vídeo... relativo ao ODS que se está a traballar para reflexionar, debater ou comentar na aula, mentres se degusta unha auga infusionada con herbas aromáticas da nosa horta (con menta e limón, con romeu e fresas...). A actividade resultou moi motivadora para o noso alumnado por diferentes motivos, como o proceso de realización da auga infusionada (ir á horta, coñecer e atopar as plantas aromáticas, collelas, infusionar a auga, esperar —paciencia, bendita paciencia que tamén hai que traballar—, degustar, comentar as diferentes sensacións que percibimos e charlar sobre os ODS). A idea para un futuro é levar estas conversas na horta á propia horta e poder realizalas sentados nunhas alpacas de palla cando o tempo o permita.

Da oportunidade de relacionar diferentes programas nos que participa o centro, como o Plan Proxecta e Edusaúde, xurdiu a actividade do Obradoiro de Cociña. Ao ter os recursos precisos no centro, realizaron sinxelas receitas cos produtos da horta; o alumnado degustou chips de kale, colipizza, fajitas de acelga, ensaladas de tomate...

 

 

Outros dos programas no que participa o centro é Familias á Escola, que lles ofrece a posibilidade ás familias de achegarse ao centro para dar a coñecer o seu traballo ou realizar algunha actividade co noso alumnado.

Neste curso, tivemos a sorte de compartir e coñecer o traballo dun pai dunha alumna de sexto de educación infantil que montou co alumnado desa aula un carro ornamental de madeira con rodas recicladas da súa bicicleta, que xa lle quedaba pequena; bautizamos a actividade como Eco Carro.

 

 

Tamén contamos coa participación dun padriño dunha alumna de sexto de educación primaria, que forma parte da Comitiva Forestal de Medio Ambiente, que veu ao centro explicar o seu traballo o día da conmemoración do Medio Ambiente.

O día 5 de xuño, celebramos o Día do Medio Ambiente, nunha xornada de portas abertas, na que lles ofertamos ás familias desfrutar con nós desta conmemoración.

Dentro da festividade, este curso, polas inclemencias do tempo, xuntámolo coa festividade das Letras Galegas, organizamos diferentes actividades onde a música, que interpreta o noso alumnado, acompañado nesta ocasión por unha nai dun alumno de terceiro de educación primaria ao piano, se mestura cunha danza, cun recitado de poesía e unha lectura dun relato do libro de Luísa Villalta; presentamos o Eco Carro, cheo de flores para plantar na horta, colocamos os carteis realizados co pirogravado en cada bancal; degustamos infusións preparadas polo alumnado... tempo de diversión, celebración e concienciación da importancia de coidar o noso medio de toda a comunidade educativa, á pé de horta, como nós gusta!

A nosa participación no Plan Proxecta comeza no curso 2022/23, co proxecto Practicando na Horta do Prácticas, curso que tivemos a gran sorte de contar coa colaboración dun avó e dunha nai do noso alumnado, a través do programa de Familias á Escola, e que en boa parte tiveron que ver coa inspiración do título do proxecto deste curso Sementando Vida, Colleitando Gratitude, xa que nos fixeron ver todo o que nos dá a terra, parándonos a pensar e agradecer esa sorte que temos de podelo experimentar en primeira persoa desde o noso centro.

A participación no Proxecta supón a realización dun curso telemático por parte da coordinadora, onde, ademais de recibir formación, se pon en contacto co profesorado doutros centros que contan con horta, converténdose o curso nun espazo de intercambio de ideas, dúbidas, e coñecemento entre centros da rede. Este curso rematou cunha visita presencial á Asociación Raíña Paraíso (Vilasantar).

A Rede Eco Hortas propón unha serie de actividades a través da maleta pedagóxica e este curso eliximos as relativas ao primeiro ciclo de educación primaria, A Pirámide Viaxeira (aula/en liña/streaming) e ao segundo ciclo, as actividades de Cambio Climático e Cultivar as Receitas Tradicionais.

 

 

Ademais ofértannos formación para o alumnado a través dunha monitora de horta, a cal tamén é aproveitada polo profesorado que acompaña o grupo, quen comenta coa coordinadora información de interese que máis adiante lle traslada ao claustro.

Estas sesións na horta adoitan organizarse do seguinte xeito: na primeira reunión a monitora e coordinadora do Proxecta visitan o espazo de traballo, neste caso a horta e o invernadoiro, e comentan inquedanzas, dúbidas ou propostas de actividades para realizar. Nas seguintes sesións, é a formadora quen leva a cabo a actividade proposta, contando coa axuda e disposición do persoal do centro. Despois de cada sesión, a formadora e mais a coordinadora avalían e planifican a seguinte. Estas sesións dan un pulo de interese na xestión e organización da horta.

Por outra banda, este curso, como actividade nova, tivemos unha visita intercentros, que consistiu nunha visita guiada ao IES Monte Castelo, á súa horta e invernadoiro. Foi unha experiencia moi agradable e enriquecedora, que avaliamos en conxunto todos os coordinadores participantes a través dunha reunión virtual, onde expuxemos proles, contras e propostas de mellora cara a un futuro próximo.

A avaliación do proxecto realízase continuamente, comezando polos procesos de organización e planificación previos (contacto con posibles colaboradores, motivación do alumnado etc.), seguido da execución e mantemento da horta e invernadoiro (metodoloxía, traballo en grupo, ambiente de confianza), posta a punto de instrumentos e recursos, fontes variadas de información, momentos de reflexión e síntese etc. e rematando cunha avaliación global na que se teñen en conta as respostas do alumnado ás distintas actividades á hora de revisar o progreso da horta e do invernadoiro e de realizar modificacións e propostas de mellora para o vindeiro curso, que se recollen na memoria de fin de curso.

Cabe destacar certos aspectos que hai que ter en conta na avaliación: en canto á avaliación do alumnado, terase en conta a participación activa e a responsabilidade do traballo realizado, a través da observación directa e sistemática. Tamén se avaliaría a programación observando se as actividades propostas foron significativas e motivadoras para a comunidade educativa, especialmente o alumnado.

Para rematar, non quero desaproveitar esta oportunidade para animar a todos os centros que teñan a posibilidade de crear ou adaptar unha pequena zona medioambiental a aventurarse nesta experiencia que lles permita traballar todos estes aspectos e algúns máis coa súa comunidade educativa, xa que o beneficio é para todos:

- para o alumnado, potencia o traballo en equipo; estimula os sentidos; mostra o valor do noso esforzo; promove o coidado do medio ambiente; favorece unha alimentación saudable e equilibrada; axuda a aumentar o pracer polo traballo ben feito e a sensación de relaxación, e todo isto gozando da natureza.

- para o profesorado, fomenta a nosa docencia desde outra perspectiva utilizando un recurso único.

- e para as familias, é un xeito de participación motivante e de diversión.

Non dubidedes en consultar na nosa web o blog medioambiental para ver todo o que facemos na nosa horta.

 

Sección: