Mover ficha

Proposta didáctica para as aulas de linguas e literatura

Autor: Fernández Rial, Rosalía
Editorial: Editorial Galaxia, Colección: Biblioteca de Intervención Social / Didáctica. Vigo, 2024

Autor da recensión: Marcos Corgo Riveiro
marcoscorgo@edu.xunta.gal
Centro de Formación e Recursos de A Coruña

 

 

Todo aquel docente que se incomode pola rutina e que adoeza por unha metodoloxía creativa, activa, dinámica e, incluso, singular, non pode deixar de consultar esta obra de Rosalía Fernández Rial. Nela, pódese apreciar un elenco de estratexias para lle achegar os coñecementos curriculares ao alumnado, dunha forma sinxela, mediante o uso da primeira persoa, facendo constancia en todo momento de feitos vividos, empíricos e reais, a través dunha linguaxe accesible e unha estrutura clara e pautada; a autora aborda temas como a creatividade, a paixón polo coñecemento e a necesidade de dubidar no ensino. Escollendo diferentes escenarios, nun centro público integrado ou nun instituto de educación secundaria, durante a obra Rosalía Fernández Rial deixa constancia da importancia que ten para ela, no seu rol de docente de lingua e literatura, a práctica e a reflexión arredor do ensino, empresa que coordinou e que, utilizando a expresión dramática e teatral como ferramenta pedagóxica, foi espallando ás demais compañeiras e compañeiros docentes en cursos organizados polos centros de formación e recursos do profesorado. Pode tratarse dunha obra de consulta, dun libro de proximidade ao docente do que botar man nun momento dado, mais non se trata dun manual nin é un texto de referencia, senón unha chamada á acción. Por iso, pódese considerar unha obra que anima a repensar as prácticas educativas e a non conformarse coa rutina.

Rosalía Fernández Rial pon o foco na importancia de non repartir fichas iguais. Admitindo que cada estudante é único, afirma que o ensino debe adaptarse a esa singularidade. A autora tamén reflexiona sobre a relación entre xeracións e a lectura. Por iso, Mover ficha é un convite a non conformarse coa idea de que cada nova xeración le menos ca a anterior, un chamamento á reflexión e á creatividade no ámbito educativo, dirixido especialmente a profesores de educación secundaria obrigatoria, ofrecendo unha visión provocadora e creativa sobre a aprendizaxe.

Segundo vai avanzando a lectura, a obra tamén se mergulla no concepto de xogo, aplicando o papel lúdico do ensino a todo o alumnado, mencionando tamén aqueles con necesidades especiais de apoio educativo A escola non debe ser un lugar de monotonía, senón un espazo onde se xoga co coñecemento. A creatividade e a paixón deben ser os motores da aprendizaxe.

En resumo, Mover ficha é unha obra que nos insta a mover ficha, a non aceptar o establecido e a buscar permanentemente unha educación máis enriquecedora e creativa. A súa mensaxe é moi relevante para profesores e estudantes por igual.

 

Sección: