Leer nos hace humanos

Autor: Jiménez Pérez, Elena del Pilar
Editorial: Editorial Octaedro, Colección Recursos educativos, Barcelona, 2023

Autor da recensión: José Javier Pintor Elizalde
jjpinel@edu.xunta.gal
Centro de Formación e Recursos de A Coruña

 

 

A autora deste manual é profesora do Departamento de Didáctica da Lingua e da Literatura na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Granada. Tamén é responsable do Congreso Virtual de Educación Lectora (CIVEL) e presidenta da Asociación Española de Comprensión Lectora. Escribe este manual coa intención de ofrecerlle pautas ao profesorado no seu labor docente, preferentemente, pero non exclusivamente, no ámbito lingüístico.

A primeira parte do libro está centrada no ámbito da lectura e da competencia lectora en infantil e primaria. Neste apartado aclárase que a intelixencia emocional incide de xeito directo na competencia lectora, motivo polo que é necesario educar nas nosas aulas tendo en conta as emocións. E apunta o probable nacemento dun novo concepto , a «neurocomunicación», como eixe fundamental na didáctica da lingua e da literatura desde unha perspectiva neurolóxica que atenda, entre outros aspectos, a intelixencia emocional e social.

Neste primeiro apartado abórdanse os diferentes niveis de competencia lectora, os diferentes tests que existen para avaliar esta competencia, explica como funciona o cerebro lector, ofrece unha planificación global da lectura en educación e unha proposta específica de lectura no grao de Educación Primaria. Continúa este apartado cun capítulo referido á lectura en educación infantil e outro sobre a evolución histórica do concepto lector. Remata esta parte cunha interesante bibliografía sobre os temas tratados.

A segunda parte do libro, titulada «Manual de didáctica» é bastante máis práctica, xa que ofrece directrices concretas para o traballo de aula centrado no ámbito lingüístico. Reitera a importancia do labor do educador e reflexiona sobre a necesidade de que se prestixie o traballo dos docentes como ocorre nalgún outro país da nosa contorna como Finlandia. Nese país para acceder á docencia debes ter un bo expediente académico.

A autora insiste na necesidade de renovar coñecementos de xeito continuo e en cultivar a vocación e a paixón como elementos clave do educador. Tamén aborda temáticas como as bases teóricas da educación lingüística, o ensino do vocabulario, a comunicación oral na aula, Decroly e os centros de interese etc. Neste apartado desenvolve todos estes conceptos dun xeito bastante esquemático, teórico e cunhas propostas prácticas para realizar na aula que nalgúns casos precisarían unha explicación máis esmiuzada. Como dato curioso, o libro conta ao final dalgún dos capítulos cunha folla en branco para que o lector poida resumir os contidos explicados nese apartado.

Este é un manual que aclara conceptos, dá pautas e ofrece exemplos para a aula, reivindica a importancia do papel do educador na nosa sociedade e afirma que a vocación é un elemento clave do traballo docente.

 

Sección: