Educar en la complejidad

Para tomar decisiones desde el conocimiento

Autor: Juan G. Fernández
Editorial: Plataforma Editorial, S. L. (2022)

Autor da recensión: Pablo Sánchez Estévez
pablosanchez1972@edu.xunta.gal
Centro de Formación e Recursos de Vigo

 

 

O libro Educar en la complejidad. Para tomar decisiones desde el conocimiento (Plataforma Editorial, S. L., 2022) é o primeiro libro de Juan Fernández, biólogo, profesor de ciencias e doutorando en Psicoloxía Educativa. Creador da web www.investigaciondocente.com na que traduce e comenta libros e artigos de referencia sobre educación que non foron traducidos ao castelán e que conta actualmente con máis de 18 000 lectores mensuais.

O libro invítanos a reflexionar sobre a educación como un fenómeno complexo e a cuestionar as simplificacións excesivas que poden levarnos a conclusión erróneas. Vai dirixido tanto a docentes e familias como a calquera persoa interesada no mundo da educación.

O texto está dividido nunha introdución e cinco capítulos. Na introdución, Juan Fernández explica o proceso que o levou a achegarse á educación como un fenómeno complexo e profundo que precisa continuas lecturas e reflexións, o que decidiu compartir a través do seu blog Investigación docente. Destaca a importancia crucial da lectura sobre temas de educación para mellorar o desenvolvemento do labor docente.

Ao longo dos diferentes capítulos, reflexiona sobre a educación, criticando as solucións simplistas e propoñendo un enfoque máis profundo. O autor destaca que fomentar o pensamento crítico non significa dar liberdade total para opinar, senón axudar o alumnado para formarse opinións fundamentadas. Tamén afirma que a motivación xorde da aprendizaxe, non ao revés, e que a diversión na aula non asegura a aprendizaxe efectiva. Finalmente, avoga por implementar innovacións educativas só se están ben fundamentadas para entender por que funcionan.

En resumo, o autor pretende cambiar a mirada sobre a educación, invitarnos a reflexionar desde a investigación educativa sobre distintas prácticas educativas asumindo a súa complexidade. Como el di, trata de «propoñer un camiño distinto para encontrar solucións, máis ca un conxunto pechado de solucións».

 

Sección: