Aprendiendo a aprender

Mejora tu capacidad de aprender descubriendo cómo aprende tu cerebro

Autor: Héctor Ruíz Martín
Editorial: Vergara (2022)

Autor da recensión: Pablo Sánchez Estévez
pablosanchez1972@edu.xunta.gal
Centro de Formación e Recursos de Vigo

 

 

 

O libro Aprendiendo a aprender. Mejora tu capacidad de aprender descubriendo cómo aprende tu cerebro (Vergara, 2020) forma parte da triloxía asinada por Héctor Ruiz Martín, investigador e director da International Science Teaching Foundation, sobre o proceso de aprendizaxe. A triloxía complétase cos libros ¿Cómo aprendemos? Una aproximación científica al aprendizaje y la enseñanza (Graó, 2020), que recolle todo o coñecemento científico sobre a aprendizaxe, e Conoce tu cerebro para aprender a aprender (Learnig bits, S. L., 2020), dirixido a estudantes a partir dos 12 anos, con estratexias para a mellora da aprendizaxe.

Aprendiendo a aprender pódese considerar como un manual práctico onde Héctor Ruiz Martín ofrece estratexias e consellos prácticos para mellorar a aprendizaxe, dirixido a estudantado, familias e mesmo a profesionais interesados en desenvolver a competencia de aprender a aprender. O texto está dividido nunha introdución, un anexo e oito capítulos que abordan diferentes aspectos clave do proceso de aprendizaxe.

Na introdución o autor destaca a importancia das estratexias de aprendizaxe e como estas son fundamentais para alcanzar o éxito académico. Ao longo do libro, saliéntase que non basta con ter coñecementos, senón que é necesario aplicalos de maneira estratéxica.

A memoria, en particular a de traballo e a longo prazo, xoga un papel crucial na aprendizaxe. Conectar novos coñecementos cos existentes facilita a retención.

A teoría da carga cognitiva advirte sobre a limitación da memoria de traballo. É esencial evitar distraccións e xestionar a atención para evitar a sobrecarga cognitiva, o cal pode obstaculizar a transferencia de información á memoria a longo prazo.

O autor indica con moito rigor que a aprendizaxe profunda se logra cando lle damos significado á información. Estratexias como as autoexplicacións, a interrogación elaborativa e a codificación dual son útiles para fortalecer a aprendizaxe activa.

Máis estratexias fortalecen a idea de como funciona o noso cerebro:

  • A evocación activa, ou o acto de recuperar información da memoria, é clave para consolidar o aprendido. Repasar o aprendido mediante a evocación é máis eficaz ca simplemente reler. O repaso espazado e a práctica entrelazada axudan a combater o esquecemento e fortalecer a memoria.
  • Aprender en contextos variados favorece a transferencia de coñecementos. A diversificación de exemplos e situacións de aprendizaxe permite unha maior flexibilidade na memoria.
  • A motivación é esencial para a aprendizaxe. Establecer obxectivos claros e fomentar unha mentalidade de crecemento axuda a manter alta a motivación, o que, pola súa vez, mellora o rendemento. O bo aprendiz é o que se autorregula, tanto no ámbito cognitivo coma no emocional.
  • A planificación, a avaliación continua e a adaptación das estratexias de aprendizaxe son fundamentais para optimizar o proceso de aprendizaxe.

O libro finaliza cun anexo no que se destacan algunhas estratexias de estudo pouco efectivas.

En resumo, Aprendiendo a aprender ofrece unha guía sobre como mellorar a aprendizaxe mediante unha combinación de técnicas de estudo, estratexias de autorregulación e a xestión da motivación e das emocións.

 

 

Sección: