Participación das familias na educación

Nélida Zaitegui de Miguel

 

 

«Ningunha persoa o sabe todo, todas sabemos algo, entre todas sabemos moito.»
«A educación é unha responsabilidade compartida entre a familia, a contorna e mais a escola. Xuntos poden artellar un futuro ateigado de oportunidades.»
«Cando o profesorado e as familias comparten criterios e prácticas educativas, os nenos, nenas e adolescentes senten o apoio preciso para medraren con confianza e seguridade.»

 

Participación

A participación é un proceso grazas ao cal se dotan de poder as persoas, para que mobilicen as súas competencias persoais, sociais e profesionais, co fin de convertérense en actores sociais, utilizar os seus recursos, tomar decisións e controlar as actividades que afectan as súas vidas. Non é un fin en si mesma, senón un instrumento para o apoderamento, para a toma de mellores decisións colectivas e mais para a corresponsabilidade.

En educación, de xeito especial, insístese na necesidade da participación da comunidade educativa para «cocrear» proxectos educativos transformadores centrados nas persoas, no seu benestar e no desenvolvemento das capacidades necesarias para unha vida plena e digna de ser vivida, que é a finalidade derradeira da educación.

A participación das familias na escola é un motor importante para a transformación educativa e social, xa que ten efectos tanto no ámbito individual (no desenvolvemento académico e persoal dos seus fillos e fillas), coma no colectivo (na mellora da comunidade e da sociedade), onde encaixa a escola. Esta participación fomenta a creación dunha rede de apoio sólida, favorece a equidade e contribúe á formación dunha cidadanía activa e responsable, que é básico para o progreso social e cultural dunha comunidade.

A normativa educativa fai referencia á participación das familias como un dereito e un deber, e sinala os mecanismos para o seu exercicio.

Porén, a realidade nos centros pon de manifesto que nos atopamos ante unha crise importante; non hai máis que ver as dificultades para completar os consellos escolares, a participación nas ANPA ou a asistencia ás reunións convocadas polos centros.

É moi importante ter en conta que o consello escolar, ao recuperar competencias executivas, pasa de ser consultivo a participar na toma de decisións de gran calado, como sinala o artigo 27 da LOMLOE, e pode influír en asuntos centrais da vida escolar, á vez que se respectan as decisións de tipo executivo que lles corresponden ao equipo directivo e mais ao profesorado no seu conxunto.

Hogano, entre outras, ten competencias tan importantes como aprobar e avaliar os proxectos de centro: proxecto educativo, programación xeral anual, memoria anual, ROF, plan de xestión; analizar e valorar o funcionamento xeral do centro, a evolución do rendemento escolar e os resultados das avaliacións internas e externas nas que participe o centro.

Malia iso, na práctica en moitos casos, a participación das familias é máis cosmética ca real. O «cumprimento» das esixencias legais lévase a cabo a través de trámites burocráticos e formais, pero sen un proceso participativo real.

Sabemos que as decisións que resultan do diálogo, da negociación entre e coa comunidade teñen maiores garantías de éxito, ademais de xeraren sentido de pertenza e corresponsabilidade. Porén, para chegar a verdadeiros proxectos compartidos, é imprescindible incluír todas as olladas e ter en conta as necesidades, expectativas e desexos das familias, do alumnado e mais do profesorado.

Para pór en marcha procesos participativos cómpre ter claras as competencias necesarias para facelo con éxito. Se de certo queremos, sabemos, sabemos facer e podemos.

 

Querer

Transitar dunha participación formal a outra real, eficiente e satisfactoria é un reto moi grande e haberá que agardar a ver como se desenvolven dúas cuestións fundamentais.

Por unha banda, as que fan referencia ás crenzas e culturas escolares. Trátase de compartir o poder, o que esixe un talante democrático importante que non sempre aflora e, por outra banda, porque os procesos participativos non son doados e esixen que os membros da comunidade educativa estean convencidos da súa necesidade e das posibilidades que ofrece para crear auténticas comunidades educativas, que de xeito colaborativo creen e compartan proxectos educativos propios e sólidos. É dicir, a participación é un medio para avanzarmos cara a unha mellor educación.

Trátase, en última instancia, de crear un proxecto educativo compartido, que sexa tanto do centro coma das familias; para iso todas as persoas deberán estar dispostas a deixaren de lado prexuízos e temores para movérense no paradigma de gañar, xa que todo o mundo sae gañando.

A participar apréndese participando; por iso hai que atender aos procesos necesarios e aínda máis cando se insiste en que as decisións se tomen por consenso e, se este non é posible, por aceptación.

É preciso que toda a comunidade desenvolva as competencias necesarias (coñecementos, actitudes, destrezas), unido a unhas relacións de confianza e colaboración entre os seus membros, co fin de producirse unha participación eficiente e satisfactoria.

Xuntas, escola e familia terán de atopar novas maneiras de interpretar a realidade complexa e incerta que vivimos.

Preséntase a oportunidade, non menos importante para os centros, de convertérense en verdadeiras escolas de cidadanía. Diante de tantas voces que predín a fin da democracia, fomentar a participación crítica é avanzar cara a unha democracia profunda.

Avanzar cara a institucións escolares democráticas comeza por promover e facilitar a participación, pero facelo en serio e coidando todas as fases: dando toda a información necesaria, creando e facilitando espazos e tempos para o debate dos temas, escoitar outras opinións, contrastalas e compartilas coa finalidade de que cada un poida elaborar uns criterios sólidos sobre aquilo que se ha decidir.

Para iso, haberá que responder tres preguntas relativas ás actitudes (a disposición da institución para…), ás prácticas (os medios e estratexias postos á disposición para…) e aos valores (políticas participativas fixadas de modo explícito na norma para…).

En tempos complexos, como sinala Bauman, nesta modernidade líquida, as relacións sociais, as institucións e as identidades vólvense máis volátiles e menos estables, o que xera unha falta de cohesión social.

A escolar, na medida en que é unha institución próxima ás familias, ao compartir a mesma preocupación e interese en promover a mellor educación paras os seus fillos e fillas, pode —se quere— ser un axente moi importante de transformación social xerando redes de apoio e cohesión social.

Recoller as necesidades e expectativas da comunidade e responder a elas, convertendo o centro educativo nun lugar de acollida e encontro das familias e do barrio, abrindo as súas instalacións fóra do horario escolar en actividades xestionadas por elas, poden ser aglutinantes da comunidade porque propicia que se creen lazos sociais e redes de axuda e apoio mutuo.

Iniciar procesos participativos nos centros esixe construír comunidade e, para iso, terá que demostrarse capacidade de escoita, diálogo e consenso, ademais dunha gobernanza transparente e eticamente responsable. Este será o camiño que xerará a confianza necesaria para acadar un compromiso colectivo.

A cultura de centro enfróntase a unha profunda interpelación e, como se sabe, aínda que sexan imprescindibles, os cambios culturais non son sinxelos e requiren vontade e tempo.

 

 

Saber

Ter claro e compartir como comunidade o porqué, para que e como será o proceso participativo: a participar apréndese participando, cometendo erros, aprendendo deles con humildade e constancia. Sendo conscientes de que son procesos complexos e de que axudan a desenvolvernos como axentes do cambio educativo: a escoita mutua, a reflexión conxunta, as conversacións, diálogos e debates sosegados para profundar nos temas fuxindo das simplificacións, e avanzar cara a unha toma de decisións compartidas, rigorosas e valentes para que os fillos e fillas, á vez alumnos e alumnas, gocen da mellor educación posible.

Marco Marchioni di que a participación promove unha maior inclusión e representa mellor os intereses da sociedade. Estas ideas procuran fortalecer a democracia e fomentar un sentido da comunidade e responsabilidade compartida.

Insiste na importancia de entender os procesos comunitarios non só como intervencións puntuais, senón como unha serie de dinámicas sociais que involucran as persoas no seu día a día, as súas relacións e mais os seus contextos específicos. Non se trata só de proxectos de intervención social, senón de transformacións que apoderan as comunidades para que asuman un rol activo na toma de decisións que afectan as súas vidas.

Segundo este autor, estes son os principios que fundamentan os procesos comunitarios:

  • Fomento da participación activa dos membros da comunidade, que pasan de seren receptores de políticas ou programas a seren axentes activos que inciden nas decisións que afectan a súa contorna.
  • Construción de coñecemento de xeito colectivo, que, máis aló de resolver problemas inmediatos, procura xerar un coñecemento colectivo que lles permita ás comunidades autoxestionárense e reflexionaren sobre as súas realidades.
  • Fortalecemento do tecido social, xa que os procesos comunitarios, máis aló da resolución de necesidades inmediatas, procuran a construción de relacións sociais duradeiras, baseadas na solidariedade, a cooperación e mais a confianza mutua.
  • Descentralización e autonomía para que as comunidades sexan quen de xestionar os seus propios procesos de xeito autónomo, permitindo que as comunidades poidan definir os seus propios obxectivos e solucións.
  • Centrado nos dereitos, xa que os procesos participativos deben estar aliñados cos dereitos humanos, procurando non só a mellora material das condicións de vida, senón tamén o respecto á dignidade, á igualdade e mais á inclusión social.

Así mesmo, considera importante manter o proceso participativo no tempo e que as persoas poidan ir rotando durante este, pois non todo o mundo o fai do mesmo xeito. Mentres que unhas persoas son moi activas nun primeiro momento, outras poden compartir a iniciativa, pero poden participar nela só de maneira puntual, parcial, provisional etc., e mesmo as que non queren ou non poden participar (os motivos non interesan). Secasí, hai que manter a invitación e seguir informándoas sempre, co fin de que se poidan incorporar cando queiran.

En procesos a medio prazo, como os que se producen no centro educativo, poden darse movementos de entradas e saídas. É dicir, existen persoas que comezan moi activas para despois, e por diferentes motivos, pasaren a outro nivel de menor implicación ou mesmo ningunha; pero sempre é posible transitar dun nivel a outro deixando as portas francas para facelo en ambos os dous.

Emporiso, é necesario un fluxo informativo constante e co mesmo contido para todo o mundo, para asegurar que os movementos internos non provoquen fallos no proceso en si mesmo, xa que as persoas escasamente informadas non poderían asegurar a correcta continuidade do proceso.

O importante é a continuidade do proceso participativo, non a continuidade das persoas. Para iso, cómpre lembrar que as situacións —subxectivas e obxectivas, internas e externas— mudan e este é un feito natural e normal. Pero a metodoloxía ten que garantir a continuidade do proceso máis aló das mesmas persoas. Incluso, desde un punto de vista de saúde democrática, en xeral é bo que se produza un recambio das persoas e que os cargos ou papeis que cadaquén poida cubrir nun determinado momento non se eternicen de xeito vitalicio.

 

Saber facer

Moitos dos atrancos á participación emanan da súa ineficacia: «Tanto tempo para non chegarmos a nada», «Falamos e falamos, pero ao final todo fica nun parladoiro», «Din escoitar, pero logo faise outra cousa e nin tan sequera se nos dan explicacións».

Dinamizar e participar en procesos participativos esixe dispor e saber manexar diversas estratexias que a faciliten e optimicen o tempo e mais o esforzo de todas as persoas implicadas.

É importante coñecer as necesidades e expectativas das familias do alumnado e do profesorado co fin de seleccionar os temas que se van tratar nas sesións de participación.

Concederlles a oportunidade de falar a todas as persoas, de ser escoitadas e de que as súas opinións sexan tidas en conta. Outra cuestión será se a decisión final as inclúe ou non, pero sempre argumentado as razóns e/ou motivos.

Para incrementar as competencias necesarias para iniciar procesos participativos e aproveitar a sabedoría colectiva, pode ser moi interesante e útil profundar no concepto de sociocracia, un modelo de organización que favorece a toma de decisións colaborativas, a igualdade de voz entre os participantes e a creación de estruturas organizacionais máis democráticas e eficaces. O seu desenvolvemento e aplicación están moi relacionados coa idea de que as decisións deben ser tomadas de maneira inclusiva, procurando o consenso ou o «consentimento» de todos os membros, en lugar da imposición xerárquica.

Na rede existen moitos recursos gratuítos e sinxelos que proporcionan unha base sólida para comprender os seus principios, e como implementalos tanto en grupos pequenos coma en organizacións grandes.

Implementar e dinamizar estes procesos participativos demanda un «saber facer» importante. Convocatorias, metodoloxías diversas (work café, open espace, círculos de diálogos etc.), redacción de actas sinxelas e claras, difundir a información e manter o proceso.

Asemade, procurar novas fórmulas de participación, que non sempre pode ser presencial e, por ese motivo, a tecnoloxía pode ser unha ferramenta moi eficaz.

Aínda que o motor fundamental deberá ser o equipo directivo, pode delegarse nun pequeno equipo de persoas, competente e comprometido que realice as tarefas citadas.

Ás veces, pode ser interesante realizar as primeiras sesións contando con persoas expertas para a dinamización e aprender delas.

 

Poder

«Quen ten un porqué sempre atopa un como.»

Crear procesos participativos nos centros, como se ten visto, é unha innovación social moi potente dentro da educación para a transformación social.

Os tempos escolares e mais as xornadas laborais do profesorado poden ser un atranco que hai que salvar, mais non son insalvables.

O compromiso e mais a creatividade na procura de novas fórmulas para que isto sexa posible é un reto ao que haberá que enfrontarse, pero paga a pena polo que supón de avance na construción dunha escola de todas e para todas as persoas utilizando a cabeza, o corazón e as mans de todas elas.

Invito a utilizar a creatividade e a saír do modelo, sabendo que todo o que non está expresamente prohibido está permitido.

Existen experiencias interesantes ao respecto e animo os centros educativos a coñecelas, pero, sobre todo, a pór en marcha os seus propios procesos participativos: ensaiar, probar, trabucarse e corrixir inmediatamente, analizar e seguir aprendendo. E… celebrar os éxitos!

Escribir, documentalo e espallalo todo o posible co fin de inspirar a outros centros.

Facer visible que é posible crear unha verdadeira comunidade educativa e crecer en democracia.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Appel, M., Beane, J. A. (2005). Escuelas democráticas. Ed. Morata.

Bauman Zygmunt (2013). Vida líquida (Contemporánea). Ed. Austal Humanidades.

Campo, A., Zaitegi, N. (2019). ¿Consejos escolares? Nueva vida a la participación comunitaria en los centros. Cuadernos de pedagogía, 503,  pp. 76-81.

Caride, J. A. (2023). La pedagogía social en las comunidades: Realidades y desafíos de la educación como un bien común. Saber & Educar, 32, pp. 1-13.

Marchioni, M. y la acción comunitaria: Descripción sistemática de sus ideas principales | EHQUIDAD. Revista Internacional de Políticas de Bienestar y Trabajo Social.

Naser, A. Williner e C. Sandoval (2021). Participación ciudadana en los asuntos públicos: un elemento estratégico para la Agenda 2030 y el gobierno abierto, Documentos de Proyectos (LC/TS.2020/184). Santiago: Comisión Económica para América Latina y el Caribe (CEPAL).

Menéndez Sadornil, S. e Rico Trigo, A. Una educación que transforma. Experiencias de educación transformadora para un mundo de agentes de cambio 2024. Fundación Ashoka - Emprendedores Sociales. Editorialcuatrohojas.com

Zaitegi de Miguel, N. (2020). La voz de la comunidad educativa. Cuadernos de pedagogía, 512, pp. 130-135.

Zaitegi de Miguel, N. (2018) Proyectos compartidos por la comunidad educativa. Participación educativa. Revista del Consejo Escolar del Estado, pp. 69-78.

Zaitegi de Miguel, N. (2020). Participación en la educación: de la teoría a la práctica. Avances de supervisión educativa, 33, pp. 76-90.

 

Sección: