
De Carmiña a Dona Carmen
Herminia Pernas Oroza
A protagonista desta historia chámase María del Carmen Iravedra Otero, unha mestra xubilada de Burela (Lugo) á que, hai xa uns anos, lle pedín que me contase as súas vivencias profesionais, xa que se trataba da única testemuña coa que contabamos os burelaos para coñecer o panorama docente de mediados do século pasado.
Así, durante varias tardes de domingo dun xa afastado e longo inverno fomos, aos poucos, esmigallando as súas lembranzas, que apuntei chea de admiración cara a aquela muller miúda, pero de mente tan lúcida. Dona Carmen faleceu uns anos máis tarde, en 2014, aos 91 anos, deixando unha sensación de orfandade en toda a vila. Non en van ela fora «a mestra» e tamén a última docente que conservou o tratamento de respecto ata o final: «dona Carmen».
A nena Carmiña
Infancia e primeiros estudos
María del Carmen Iravedra Otero naceu na parroquia da Espiñeira, pertencente ao concello mariñán de Barreiros (Lugo), en 1922. Era filla única, xa que tivo un irmán maior que morreu ao pouco de nacer. Os seus pais eran Paco, mecánico electricista, e Águeda, de profesión s/c («a súa casa»), como adoitaban poñer os padróns municipais de entón.
Foto de estudo
O seu pai, de facto, era un enxeñeiro, xa que montaba centrais de luz eléctrica e muíños por toda a contorna, arranxándoos cando era preciso, ao igual que facía cos automóbiles. «Facía de todo, pero cobraba como mecánico-electricista», labor polo que era moi estimado na empresa eléctrica local Raimunde y López.
Carmiña comezou a escola oficial aos 6 anos, mais antes asistira a clases particulares que impartía unha señora castelá da veciñanza. Esta muller e o seu marido eran artistas ambulantes que asentaron na Espiñeira, onde el atopou traballo na fábrica eléctrica, mentres que ela lles ensinaba as primeiras letras aos rapaces pequenos.
Compañeiros da primeira escola
Na escola municipal, Carmiña tivo como mestra a Henriqueta Otero (1), unha docente moi nova. A escola ocupaba o salón dunha casa particular e, debaixo, estaban as cortes do gando. Dado que a distancia desde a súa parroquia ata a capital do concello era moita para unha nena tan cativa, seu pai, que coñecía os choferes dos coches de liña, xa que era el quen os arranxaba cando se avariaban, acordou que, ao pasar polo tramo da Espiñeira cara a Ribadeo, levasen todas as mañás a súa filla xunto con outras nenas da parroquia. Era o servizo discrecional Ribadeo-Viveiro, e viceversa, pola estrada da costa, que fora inaugurada nos anos noventa do século XIX. Tamén atopou o pai solución para a viaxe de volta, a nena regresaba no carro do panadeiro, levando consigo a caixiña da comida que trouxera da casa, posto que o xantar era obrigado facelo na escola.
Cómpre lembrar unha anécdota sobre o coche de liña. En palabras de dona Carmen, «só se sabía cando o collías, pero nunca cando chegabas». Nunha ocasión, cando viaxaba con seus pais a Ribadeo, á altura da parroquia de Benquerencia, saíu da casa un «indiano» de forma precipitada (a costa mariñá está inzada de casas indianas), facendo acenos cara ao autobús. Cando o chofer se detivo, este argumentou: «Espere un poco que voy a planchar los pantalones». E o coche agardou.
Así pasaron dous cursos, ata que un día seu pai decidiu sacar a Carmiña da escola, porque consideraba que toda a pedagoxía que recibía da mestra Henriqueta consistía en rezar e facer costura. Daquela, o proxenitor tratou con dona Angelita, mestra da parroquia de Vilaronte, localidade que estaba máis preto da súa casa, pero que tiña un inconveniente: pertencía ao concello de Foz e, xa que logo, non lle correspondía á rapaza. Pero como se trataba da filla de Paco e este era quen montaba a instalación eléctrica, acabou por aceptala, igual ca as outras nenas que estaban na mesma situación.
Dona Angelita foi unha mestra excelente e preparou a Carmiña para o exame de ingreso no instituto, no que obtivo matrícula de honra. Nese tempo, Carmen e mais as compañeiras de aulas e xogos ían andando todos os días á escola e ata podían xantar nas súas casas.
No instituto
Carmiña ingresou no instituto de Lugo en 1935, con 12 anos, dous anos máis tarde do habitual. Os seus pais preferiron atrasar este paso, considerando que aos 10 anos era demasiado pequena para deixar a casa. Antes, a nena tivo que viaxar a Lugo no mes de xuño para realizar o exame de ingreso no novo centro educativo.
Previamente, o pai empezou a dubidar dos coñecementos de dona Angelita por se non sabía o suficiente para preparar ben a rapaza. Para curarse en saúde, estimou que o mellor era levala uns meses antes a un colexio da capital para facer alí o preparatorio.
Unha vez que os proxenitores tomaron esta decisión, no mes de marzo, Carmiña ingresaba no colexio lucense da Milagrosa para preparar o exame (2). Todo acontecera moi rapidamente: un día pai e filla colleron o coche para ir a Lugo e inspeccionar o lugar; pero, unha vez alí, o bo de Paco decidiu deixar a mociña, de boas a primeiras, coas monxas. Aforraba así unha viaxe e todo o traballo de comprarlle roupa á rapaza. Deste xeito llo explicou á súa muller e esta case malla nel. Cal era o problema? A nena ía co posto, pero as monxas habían mercarlle todo o preciso, marcarían a súa roupa (tocoulle o número 10) e despois pasarían a factura á casa.
De marzo a xuño estivo preparando intensamente o ingreso a bacharel sen ir nunca visitar a familia, pero os seus pais viaxaban a Lugo unha vez ao mes. As infraestruturas viarias non permitían moitas máis ledicias.
A vida no colexio pasaba placidamente. Carmen só destaca o feito de usar uniforme e as estritas regras de hixiene: a diario só lavaban a cara e as mans, e os pés unha vez á semana (os sábados). A ducha de corpo enteiro tocaba unha vez ao mes.
Carmiña ao pouco de entrar no colexio
En chegando o mes de xuño, as capacidades intelectuais da mestra de Vilaronte quedaron suficientemente probadas: a rapaza quitou a mellor nota de todas e iso que no colexio lucense só botara catro meses. Para optar á matrícula de honra cumpría volver presentarse en setembro e ela intentouno. Os exames de xuño foran de tipo oral e escrito, pero en setembro só había unha única proba escrita. Carmen superou a alumna «favorita» das monxas, que levaba no colexio todo o ano. Foi ela quen se alzou coa matrícula. Supoñemos que as monxas quedaron tamén contentas porque, á fin e ao cabo, a matrícula quedara no colexio.
E no colexio seguiu interna a nosa protagonista, pero agora pasaba a estudar no instituto, que daquela estaba situado no edificio que hoxe ocupa a Deputación de Lugo, contiguo ao internado. Comezaba así o seu bacharelato, que había de durar sete anos para logo facer a reválida en Santiago de Compostela.
Cómpre salientar que, cando Carmen empezou o bacharelato —no ano 1935—, as aulas eran mixtas, pero logo, coa ditadura franquista, os rapaces e as rapazas pasaron a ocupar espazos diferentes.
Os seus anos de bacharelato coincidiron co desenvolvemento da Guerra Civil, pero a rapaza non se decatou moito disto. En fronte do colexio estaba o cuartel e conta Carmen que, cando os soldados marchaban á fronte, ían ao colexio pedir medallas benditas para levar consigo. As alumnas, asomadas ás fiestras, vían partir os coches cargados de militares —todos eles do bando franquista— .
O edificio do instituto tamén facía ás veces de xulgado. As rapazas vían pasar de cando en vez os procesados e tamén oían polas noites o balbordo que facían os militares sacando os presos do cárcere e meténdoos en camións.
Era norma do colexio que as internas pasasen o ferro por quendas, tamén tiñan que limpar os vidros (con papel de periódico) e zurcir a roupa das rapazas máis pequenas. Nestas tarefas Carmiña demostrou unha gran pericia: cosía, bordaba, zurcía etc.
Contábase entre as súas amigas unha rapaza «especial», Gema; nome que respondía ás iniciais dos seus pais: Generoso e Manuela. O pai desta compañeira fora un cura que, ao non lle deixar a familia colgar os hábitos para casar coa nai da súa filla, acabara suicidándose. A nai emigrara a Buenos Aires e a nena fora criada pola familia paterna, unha xente acomodada de Viveiro. Gema tiña de todo e cartos non lle faltaban. Un día chegou ao colexio con seis pesos de prata que trataba de agochar da mellor forma posible, porque as monxas sempre lle collían os cartos. A Carmen nunca tal lle pasara, pois tiña fama de rapaza asisada; mais, no caso de Gema, era distinto, porque «como o seu pai... ben, e a súa nai...» En resumo, que o diñeiro da pobre Gema administrábanllo as monxas e, por moito que o agochara, mesmo dentro dos zapatos, sempre acababan por atoparllo.
Así transcorrían os días mentres chegaban as vacacións de Nadal, período que Carmiña pasaba na casa familiar. Ao fogar non retornará ata as vacacións de verán porque, malia que tiñan uns días de lecer por Semana Santa, pasábanos de rezo en rezo co gallo dos numerosos actos litúrxicos propios deste período relixioso.
Outra das súas lembranzas fai referencia á comida no colexio. Durante os dous primeiros anos era moi abundante, comían de todo e sobraba moito, pero coa guerra comezou a escaseza. Opinaba dona Carmen que as monxas tiñan bastante que ver na falta de comida. As rapazas chegaron incluso a pasar fame porque estaban cansas de se alimentaren con fabas, garavanzos e lentellas cocidas só en auga. Tamén recorda a instauración do «prato único», que se comía un día á semana, e o que se aforraba con esta medida destinábase á fronte.
Carmiña chegou a enfermar do estómago e só podía comer papas mentres non se foi recuperando. A comida non era nin abundante nin boa, e lembra ter pasado moita fame. En relación con isto, incluímos unha anécdota que lle aconteceu a unha compañeira súa: chegara tarde comer porque tarde saíra das clases. Entón, as monxas, como xa non quedaba máis comida, o que fixeron foi mesturar todas as sobras e con iso conformar un «menú». Cando tal viu, a rapaza contestou: «¿Que se creen ustedes, que yo soy un cerdo?».
A sor Juana disparóuselle o bigotiño co atrevemento da nena. Pero a protesta pagou a pena porque lle acabaron servindo outro prato.
As familias das internas mandábanlles provisións alimentarias, pero como as monxas lles rifaban cada vez que as sorprendían comendo, Carmiña decidiu non facelo e deixou podrecer as viandas. Ademais, as relixiosas tiñan o costume de comer antes ca as rapazas e facelo nun comedor diferente. Durante o seu xantar, as alumnas encargábanse de ler unha serie de lecturas relixiosas, as que correspondían co santo do día. Cando lle tocou a quenda a Carmiña, a medida que ía vendo pasar diante súa as fontes cheas de patacas e bistés, caeu desmaiada no chan. Estaba débil e tiña fame. Cando se recuperou, o seu pai sacouna do colexio.
«Colocouna» desta vez na casa particular do conserxe do instituto, pero alí só durmía porque as comidas facíaas de hotel, dado que precisaba de boas viandas para se fortalecer. Así, e sen máis contratempos, rematou Carmen os seus sete anos de bacharelato. As súas cualificacións sempre foron boas e para mostra sirva este exemplo:
Pero mellor ca ela era un compañeiro que fixo tres cursos nun só ano académico. Chamábase Manuel Fraga Iribarne e os recordos que tiña del era que estudaba en todos os recunchos sen falar con ninguén. Dicían del: «Este va a ser ministro» e cumpriuse. Pouco tempo despois souberon que xa estaba en Inglaterra.
Da súa amiga Celsa lembra que tamén era moi intelixente, pero sempre sacaba mala nota en lingua porque dicía o seu profesor, un Filgueira Valverde moi noviño e que acababa de casar: «Tienes una letra de Sagrado Corazón que no hay quien la entienda».
A reválida en Santiago, ano 1942
Outra vez foi o pai o encargado de acompañar a Carmen, no mes de xullo, a Santiago para deixala como hóspede do hotel La Perla, situado preto da Alameda. A esta cidade acudían estudantes de toda Galicia para facer a reválida, tanto era así que a ela tocoulle o número 889.
Esta proba non resultaba doada porque se examinaban de todo o cursado durante os sete anos de bacharelato. Primeiro era o exame escrito e logo había que agardar a que o tribunal o corrixise para pasar á proba oral. Os exames realizábanse na actual Facultade de Xeografía e Historia e, nese ambiente de exame, Carmen e mais unha amiga víronse envoltas nunha trasnada. Como poderían ter aínda que non fose máis que unha lixeira idea sobre o que lles ían preguntar? A véspera do exame pagáronlle ao bedel 5 pesetas cada unha para que lles ensinase o que gardaban os catedráticos nos caixóns da sala onde se realizaría o exame. Era o 25 de xullo, Día do Apóstolo, e mentres todo o mundo ía escoitar a misa un grupiño de estudantes, tras desembolsar un diñeiro, era conducido polo bedel inspeccionar os devanditos caixóns.
Temían a acostumada pregunta de «¿Usted sabe quien fue Felipe Astracán?», da que non lograron obter resposta por máis que miraron e rebuscaron en libros e bibliotecas. Ata chegaron a pensar que se trataba dunha pregunta-trampa. O exame realizouse e non «caeu» nada do que viran. Perderon os cartos e o tempo, pero a nota non foi mala. O primeiro escollo estaba salvado; non obstante, se se aprobaba o primeiro e se suspendía o segundo, cumpría volver examinarse dos dous.
Entraban neste punto as consabidas recomendacións. Todo o mundo estaba ou procuraba estar recomendado. Un veciño díxolle ao pai que non se preocupase, pois de paso que ía a Santiago recomendar o seu sobriño faría o mesmo con Carmiña, xa que coñecía alí un médico moi importante. O pai creuno e, cando Carmen aprobou, o primeiro que fixo a rapaza foi cumprir o mandado de seu pai e encamiñouse á casa do galeno para agradecerlle a recomendación. Cando lle expuxo as razóns da visita, o médico deulle os parabéns, pero espetoulle que nada fixera por ela porque nada soubera do tema. «Si la aprobaron, fue porque usted lo hizo bien».
A propósito disto, o por aquel entón cura de San Martiño de Mondoñedo presumía de ter moitas recomendacións en Lugo; tanto era así que dicía que ía a Lugo «recomendar» e levábanlle moitos regalos para que «recomendase ben», pero logo resultou que non recomendaba nada porque non coñecía a quen dicía coñecer. Contábase que a unha mestra que estaba preparando as oposicións lle sacara moitos cartos.
Outros que tamén tiñan fama de recomendadores eran os bedeis e unhas veces acertaban e outras non. O caso foi que, como Carmiña non suspendera nunca en todo o bacharelato e, por riba, aprobara a reválida á primeira, o instituto concedeulle o premio Portabales. Só se daba un por promoción e supoñía o pagamento do ingreso na carreira de Maxisterio.
Tivo tamén que facer Carmiña un cursiño obrigatorio na Escuela del Hogar del Instituto de Enseñanza Media de Lugo, requisito para que lle expedisen o título de bacharelato. As materias que tivo que cursar foron Puericultura, Nacionalsindicalismo, Labores, Música e Canto, Cociña. As súas cualificacións foron estas:
DONA CARMEN
A carreira de maxisterio
Outra vez de volta en Lugo, pero agora de fonda. Paraba Carmiña na casa dunhas mozas cubanas, fillas de emigrantes retornados do país caribeño, que exercían de enfermeiras no hospital. Ese curso, 1942/43, cambiara o plan de estudos de Maxisterio e, mentres non saía a resolución, ninguén podía matricularse nesta carreira. Por causa disto, e para non perder o tempo, Carmen empezou a estudar Comercio nunha academia. Isto aconteceu en setembro e, para aproveitar un outono tan bo, unha amiga de Baralla convidouna a pasar uns días na súa casa. Foi alí onde colleu o paludismo. A explicación de tal enfermidade déronlla moito despois e foi a seguinte: en Baralla había unhas charcas nas que se bañou a garda mora de Franco cando estivo por eses lares. Alí tivo que picala un mosquito, malia que ela non se bañara nesas augas.
Aos quince días da estadía en Baralla, marchou para A Coruña, xa que era nesta cidade onde había que examinarse de Comercio. Sentiuse mal nada máis chegar e fixo o primeiro exame (taquigrafía) a duras penas. Non puido seguir examinándose e colleu o tren de volta a Lugo. Ao chegar foi directa para a cama, tiña 42 graos de febre e tremía que daba pavor. Era o que entón lle chamaban as «tercianas». Os médicos pensaban que tiña o tifo, pero seu pai non estaba conforme con ese diagnóstico e achegouse consultar o caso co inspector de sanidade, que tamén era mariñán.
A que sospeitou que podía tratarse de paludismo foi unha das enfermeiras cubanas e, por mediación do inspector de sanidade, fixéronlle a análise no dedo maimiño. Sospeita corroborada, era paludismo. Foi a única persoa de todo Lugo que tivo paludismo e así quedou rexistrado. Imposible de crer; os médicos preguntábanlle «pero ¿estuvo usted en África?», ao que ela respondía: «No, sólo estuve en Baralla».
A súa convalecencia durou un mes e curouse a base de quinina. Isto foi en setembro e na primavera volveulle repetir. A quinina xa non resultaba eficaz e administráronlle outro fármaco; durante este tratamento non podía exporse ao sol porque senón poñíase de cor amarela. Pasouno moi mal, mais no tempo que estivo convalecente abríronse as aulas de Maxisterio e deixou de lado a carreira de Comercio.
Nun só ano realizou os estudos de Maxisterio (a escola estaba no actual edificio da Deputación de Lugo) porque cursou a ensinanza non oficial. Empezou no curso 1943/44 e só se matriculou das materias que lle faltaban, xa que validaban as que foran semellantes ás que cursara no bacharelato. Daquela, matriculouse en Labores, Economía, Pedagoxía I e II, Didáctica, Caligrafía e Música.
Lembra que a profesora de Música non aprobaba a ninguén a non ser que se lle levara un agasallo. Ademais, só quería xamóns. Deuse o caso dun alumno que lle dera un galo e esta devolveullo. Tivo que ir a dona da pensión onde vivía o rapaz vendelo ao mercado, para poder levarlle á mestra o xamón que tanto desexaba. Unha irmá de Manuel Fraga Iribarne, que tiña cursada a carreira de Música, empeñouse en non regalarlle nada porque dicía que sabía máis ca ela e suspendeuna.
As notas de Carmen en Maxisterio foron moi boas e só tivo problemas con Historia da Pedagoxía, porque a profesora lle dixo que non podía presentarse no mesmo curso a Pedagoxía I e II, e, se persistía en facelo, daquela que a suspendería. Non tivo máis remedio que presentarse en setembro e sacou un aprobado. Así era o formato das notas:
Cualificacións na Escola de Maxisterio
E así eran algúns dos exercicios que tiña que realizar:
As oposicións
En novembro de 1944 presentouse ás oposicións logo de as estar preparando desde o mes de xuño nunha academia. Ese ano convocaran 70 prazas, un número moi alto porque había moito tempo que non saíra a convocatoria. Os exames foran escritos, sen ningunha proba oral, e Carmiña aprobounos á primeira.
Despois disto, viña a incorporación ás aulas, que se fixo efectiva en febreiro do ano seguinte (1945), logo de pedir destino segundo o número que obtivera na oposición. Ela quería ir para unha parroquia da súa terra, pero, como non había praza, acabou pedindo Trasbar (concello de Cervo) e para aló foi. Dixéralle unha amiga, tamén da Mariña: «Yo voy a pedir Castelo y tú pide Trasbar y después vivimos juntas en Castelo».
Os destinos escollidos levantaron xenreira entre os colegas, pois coa súa decisión desprazaron a dous mestres interinos (cuñados entre si) das escolas respectivas. Estes compañeiros eran tamén da zona e non é que suspendesen as oposicións, é que nunca se presentaran a elas, «e agora preséntanse dúas mulleres para botalos...».
Os primeiros destinos como mestra nacional
A escola de Trasbar estaba a uns tres quilómetros da parroquia de Castelo, distancia que Carmen salvaba en bicicleta. A súa era unha «casa-escola» da que só se utilizaba a parte de abaixo, xa que a mestra non vivía nela. Cando chegou tiña só sete nenos (estaban nenos e nenas xuntos) e, ante a súa estrañeza, a nai dunha das rapazas contestoulle: «Agarde, que logo han baixar do monte... Están facendo o carbón (vexetal) e pasan o inverno cos pais alí, pero baixan na primavera».
Así foi, en abril baixaron os nenos que faltaban e xuntouse con 40. Mesmo tivo que ensinarlles a xogar no recreo, posto que estaban parados sen facer nada.
Nesta praza permaneceu dous cursos antes de volver pedir destino —esta vez o definitivo— e tocoulle a parroquia de Lago (concello de Xove). Sempre na Mariña, pero cada vez un pouco máis lonxe da súa casa.
Dona Carmen preparaba as clases de forma meticulosa. Así, o racionamento da posguerra, cando todo escaseaba, foi o culpable de que acabase sempre coa cara negra coma un chamizo de tanto ler coa luz do candil, aceso a base de aceite usado de motores de coches.
En setembro de 1946 fíxose cargo da súa segunda escola, onde estivo catro anos. Alí, xa desde o principio, tivo moitos alumnos sen que baixasen nunca de 40. A escola estaba situada nunha vella casona que antes fora mesón e despois pasou a ser casa particular. Pero ela, como estaba soa, non durmía alí, senón que o facía na casa dunha veciña maragata que tiña un ultramarinos. A señora era maior e vivía soa, así que as dúas se facían compaña mutua.
Recorda Carmen a anécdota das bulas que sempre lle contaba esta muller. A señora proviña dunha familia de maragatos, e unha vez os curas de todo Zamora encargáronlle a seu pai que lles trouxera as bulas nos seus carros. Pero a viaxe non puido ser máis aciaga, pois choveu tanto que as bulas se mollaron e non valeron para nada. O pai tivo que pagalas todas e, por iso, cando Carmen lle preguntaba, chegado o tempo pertinente, se lle traía a bula, ela contestaba que non, que a súa familia xa as tiña pagas para toda a eternidade.
A estas alturas do relato, hai que destacar a importancia que sempre tivo na vida de Carmen o coche de liña. Moitas viaxes fixera e moitas lle quedaban por facer no servizo discrecional «Ribadeo-Viveiro». Foi nunha destas cando coñeceu o que logo se convertería no seu marido. Tamén era mestre nacional destinado en Cervo, aínda que pasara uns anos en Tarragona porque, cando el sacara as oposicións, non había praza na zona. Tratábase dun conterráneo seu ao que nunca coñecera por ser bastante maior ca ela. Cada fin de semana os dous facían o mesmo traxecto cara á Espiñeira.
Cando casaron, en 1949, instaláronse na casa-escola de Lago. Agora era el quen se desprazaba en bicicleta todos os días a Cervo para impartir docencia. Na vella casona de Lago, pasaron Carme e o seu marido anos inesquecibles, e iso que non estaban sós, xa que tiñan por compaña toda unha lexión de ratos e ratas, algunha tan atrevida que se empeñou en «roubarlles» o xabón do «augamanil» que tiñan no seu cuarto. Carmen espertou ao oír o ruído e así descubriron a ladroa, unha rata grande e parda.
Casa-escola de Lago
Estando de profesora en Lago tivo a primeira e única filla, que foi empadroada como «ambulante», posto que pasaba tempadas na casa dos avós maternos —onde se criou— e na casa dos pais. Esa foi a única baixa que tivo Carmen mentres exerceu a súa profesión, e baixa a medias porque, como non había quen se fixera cargo da escola, pediulle ao seu home que, para que non a pechasen e polo ben dos nenos, atendese polas mañás a escola de Cervo e polas tardes a de Lago, e así todos os días de abril a xuño en que remataba o curso.
A estabilidade: Burela
O seu terceiro e derradeiro destino foi na parroquia cervense de Burela, que puido pedir como consorte no ano 1951. Nesta localidade había tres escolas unitarias, dúas de nenos e unha de nenas, xunto coa Escola do Pósito de Pescadores. Ademais, quedaban as escolas de pago, en número de tres. No seu primeiro ano tivo 50 alumnas, que pasaron a ser 60 no curso seguinte e 125 no terceiro, para despois estabilizarse nesta cifra. Este era o edificio escolar burelao e debaixo poden verse as súas alumnas:
Segundo dona Carmen, aprendían estupendamente e iso que a infraestrutura coa que contaban estaba moi lonxe de ser a adecuada. Só había mesas para corenta nenas e o edificio ameazaba ruína por todos os seus cantos. Ela solucionou o primeiro problema mandándolles ás nenas que trouxesen un caixón da súa casa e para escribir colocaban o encerado de man sobre os xeonllos. Tamén había un banco comido pola couza, onde sentaban as máis pequenas e, se algunha se movía un pouco, aló ían todas, de fociños. Este era o estado da escola por dentro, na que, fixándose ben e observando a decoración da parede frontal, non faltaba detalle.
Como materiais pedagóxicos servíase Carmen das Enciclopedias Álvarez, nos seus distintos graos, e das Rayas (tamén cos seus niveis) para as nenas de párvulos. As pequenas escoitaban as máis grandiñas e aprendían rapidamente. Cando tocaba «tomar a lección», mandaba ao recreo as pequeniñas e non quedou nunca unha maior á que non lle preguntase sobre as materias en que foran instruídas. Á hora de ensinar as contas, poñíanse todas en fila e non se movía nin a primeira. Os venres debuxaban toda a tarde. Unha vez chegou un inspector de imprevisto e quedou marabillado ao ver a escola tan ben decorada cos debuxos que facían as rapazas. Os sábados cosían e rezaban o rosario. Un día á semana había que falar da Falanxe, xa que era obrigatorio estudar a obra completa de José Antonio Primo de Rivera. Para estes mesteres, estaban os chamados «cadernos de rotación», onde cada semana escribía unha nena sobre temas relacionados coa Falanxe e, ao final do curso, pasaba unha inspección deste partido fascista para recollelas, impartindo severas amoestacións de non se facer.
Había que celebrar tamén o Día do Caído pola Patria, o Día de Franco, o Día da Vitoria etc.
Máis ou menos, esta era a repartición de materias durante a semana:
Luns: Linguaxe, Cálculo, Ditado, Análise e Caligrafía.
Martes: Matemáticas.
Mércores: Xeografía e Historia, incidindo sobre todo nos mapas. Na escola había cinco mapas e un mapamundi.
Xoves: Política e Cálculo pola mañá. Pola tarde non había clase.
Venres: Catecismo e Historia Sagrada; á tarde, Debuxo.
O horario era de nove a doce da mañá e de dúas a cinco da tarde. Ao mediodía as alumnas recibían un queixo pequeno e leite en po, era o chamado «complemento alimenticio» que pagaba o Estado. Outra curiosidade é que daquela non se pedía para ir ao servizo, senón para ir ao campo, porque o váter, de madeira, estaba en moi mal estado. De cando en vez, a mestra tiña que cortar as ortigas que medraban ao redor e as nenas debían varrer a escola unha vez á semana a cambio duns reais.
O celo con que Carmiña (agora «dona Carmen») se entregaba á súa profesión viuse varias veces recompensado, non como ela querería, xa que o que desexaba era que as autoridades competentes arranxasen a escola, da que máis dunha vez tiveron que saír todas correndo porque renxía por todos os recantos. Recibiu diplomas e moitos votos de grazas. Abofé que xuntou uns cantos:
Pero a escola de nenas seguía sen amañar. O inspector limitábase a dicir: «que escuela tan bonita, que limpia, cuantas niñas y que bien aprenden...» e caía outro voto de grazas como premio. E por parte da alcaldía só obtiña boas palabras e promesas de arranxo. Había nunha das paredes unha fenda tan grande e a mestra tiña tanto medo a que abrise máis que mandou recolocar a aula de modo que puidesen vixiala e medila. Así foi, a parede caeu e, grazas ao celo de dona Carmen, puideron escapar todas sen outras incidencias. Non quedou máis remedio que amañala e, mentres, compartiron a aula dos nenos en horario de tarde.
Outras veces, o seu bo facer como mestra servíalle para tapar algúns ocos da economía familiar: ela non tanto, pero o seu marido experimentou o dito de «pasar máis fame ca un mestre de escola». Referímonos a un anexo de 10 000 pesetas que traía consigo un dos premios que recibiu:
Incluso lle concederon unha bolsa para unha estadía no Escorial, co obxectivo de organizar unha escola unitaria como a que ela rexentaba en Burela. Era unha honra moi grande, pero tivo que renunciar por mor das súas obrigas familiares, posto que os pais ían vellos e tiña unha nena pequena. E ata chegou a figurar nunha terna para a concesión da cruz de Afonso X o Sabio. Non chegaron a darlla, pero sentiuse igualmente gratificada: xa era moito naqueles tempos que incluísen unha muller na terna para un posible galardón.
Outra característica de dona Carmen é que foi durante moitos anos a madriña de confirmación de todas as nenas da vila; ao igual que o seu marido o era de todos os nenos.
Coda
Dona Carmen e mais o seu marido, José Antonio Barcia Martínez, deixan de ser mestres unitarios no curso 1962/63, cando se inauguran catro unidades escolares. Tratábase de casas escola pegadas, hoxe desaparecidas, que viñan engadirse ás tres xa existentes, constituíndo a Agrupación Escolar Mixta Virgen del Carmen na que pasan a integrarse «os Mestres», título cariñoso co que eran coñecidos.
O crecemento constante da poboación burelá obriga a ampliar as aulas escolares, construíndose oito unidades máis dúas complementarias, con servizos de comedor e ximnasio. Así, o colexio, situado no barrio dos Castros, pasaba a contar con dez unidades.
A nosa xeración coñeceu a mestra dona Carmen en cuarto de EXB, nivel que compartía con outra docente de sona, dona Pepita. Non obstante, na materia de Labores, iamos todas as nenas con dona Carmen aprender os primeiros rudimentos de costura e bordado.
Á que tanto fixo polo ensino, que acabou por convertelo en baluarte da súa propia vida, chegoulle a xubilación o 22 de marzo de 1987. Os tempos e as leis educativas mudaran moitísimo. Ese día recibiu unha carta de inspección comunicándolle, sinxelamente, que xa non se presentase a traballar o día seguinte. Non lle deron alternativa, prescindindo así dos seus servizos.
Contrastando coa fría misiva administrativa, a mestra recibiu cumpridas homenaxes por parte de alumnos, exalumnos e de toda a xente da vila e do concello. Sempre foi e será a súa MESTRA.
Folla de servizos
(1) Henriqueta Otero Blanco (Castroverde, 1910-Lugo, 1989), mestra que participou activamente na Guerra Civil no bando republicano como miliciana da cultura e enfermeira. Na posguerra retornou a Galicia, onde colaborou activamente coa guerrilla, polo que foi detida en 1945, torturada e encarcerada durante vinte anos.
(2) O colexio estaba rexido polas monxas agostiñas e era o mesmo no que estudara a súa primeira mestra, Henriqueta Otero. Contaba Carmen que esta muller fora unha rapaza moi beata que logo cambiara «botándose ao monte coa guerrilla». Aconteceu que, cando Carmen estaba no colexio, Henriqueta ingresou no hospital, ferida, e as monxas foron visitala. Á volta, contáronlles a algunhas rapazas —Carmen entre elas— que non quixera falarlles e ata lles cuspira na cara.