Centro Galego da Innovación da Formación Profesional, Centro Eduardo Barreiros
Precedentes da creación
A creación do Centro Galego da Innovación da FP, Centro Eduardo Barreiros en 2023 é froito do compromiso da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional por ofrecer unha formación de calidade, práctica e orientada á profesionalización constante do profesorado que conforma as diferentes familias formativas da FP.
Coa evolución constante do mercado laboral e a demanda de novas competencias tecnolóxicas, a Consellería aposta por crear un espazo referente que actúe como polo tractor da innovación e do emprendemento industrial de Galicia, impulsando proxectos en campos como a industria 5.0, a fabricación aditiva, a enerxía e a sostibilidade, a biotecnoloxía, a gastronomía de vangarda ou a realidade virtual e aumentada, entre outros. Para isto, o Centro Eduardo Barreiros fai uso das tecnoloxías máis disruptivas xunto coa experiencia de profesorado e profesionais dos distintos sectores produtivos.
O edificio: vangarda arquitectónica e tecnolóxica
O edificio do Centro Galego da Innovación da FP é unha peza fundamental deste proxecto. Deseñado para facilitar a creación, o coñecemento e a aprendizaxe colaborativa, a súa arquitectura moderna adáptase ás necesidades tecnolóxicas do século XXI. Trátase dun espazo flexible, pensado para evolucionar ao ritmo das novas tecnoloxías, cun enfoque práctico que favoreza tanto a formación de alta especialización como a investigación aplicada.
As súas instalacións inclúen laboratorios de última xeración equipados con impresoras 3D, robótica avanzada e ferramentas dixitais como a realidade virtual. Estes espazos permítenlle ao profesorado da FP realizar simulacións reais, traballando con tecnoloxía industrial punteira. O edificio dispón tamén de aulas modulares, zonas de coworking e espazos abertos que fomentan a interacción entre a comunidade docente e o sector empresarial.
O deseño funcional e adaptable do centro reflicte a súa misión: ser un espazo dinámico, que poida integrar tanto actividades de formación como proxectos de investigación e eventos que promovan o intercambio de ideas e o fomento da creatividade. Este enfoque arquitectónico, dirixido a responder con eficiencia ás novas metodoloxías de ensino, foi galardoado na XX edición dos Premios COAG polo Colexio de Arquitectos de Galicia dentro da modalidade Obras de restauración e rehabilitación.
Obxectivos do centro Eduardo Barreiros
O Centro Eduardo Barreiros ten como obxectivos principais impulsar a actualización e capacitación continua do profesorado, fomentar unha colaboración estreita e efectiva co sector empresarial e promover a investigación aplicada no ámbito da FP. A través de programas avanzados de formación de alta especialización, o centro asegura que os docentes galegos estean sempre á vangarda das últimas tendencias e tecnoloxías, equipándoo con ferramentas innovadoras para formar estudantes con competencias altamente demandadas en sectores estratéxicos para a economía galega, como o automotriz, o tecnolóxico e o de servizos.
A relevancia do Centro Eduardo Barreiros reside tamén na súa capacidade para crear sinerxías efectivas entre os centros educativos e o tecido empresarial galego, favorecendo o desenvolvemento de proxectos de innovación que non só potencian a inserción laboral do alumnado, senón que tamén impulsan a competitividade e a dinamización económica da rexión. O centro comprométese a identificar e adaptar novas oportunidades de formación que respondan ás necesidades específicas dos sectores produtivos, promovendo unha formación que combina teoría e práctica en escenarios reais, preparando así o estudantado para os retos concretos do mercado laboral.
Ademais, como referente en Galicia, o Centro Eduardo Barreiros lidera proxectos de investigación aplicada que non só melloran os procesos educativos, senón que tamén contribúen á creación de coñecementos innovadores que sustentan a evolución constante da FP na contorna. Este enfoque investigador permítelle ao centro anticiparse ás tendencias e demandas futuras, garantindo que a formación ofrecida estea sempre aliñada coa realidade empresarial e social.
Áreas funcionais
O Centro Galego da Innovación da Formación Profesional organiza a súa actividade en catro áreas funcionais que actúan de maneira coordinada para promover a excelencia e a innovación na FP en Galicia. Estas áreas permiten estruturar os proxectos e as accións de maneira especializada, garantindo que cada obxectivo estratéxico se poida desenvolver con enfoque e eficacia.
Área de Emprendemento Industrial
Esta área é clave para a transferencia de innovación entre a formación profesional e o ámbito empresarial, impulsando proxectos que fomentan a cultura emprendedora na FP. Encárgase de promover colaboracións estratéxicas co tecido industrial galego para identificar e desenvolver ideas transformadoras que acheguen valor aos sectores produtivos, así como ofrecer apoio no desenvolvemento de proxectos industriais, potenciando o emprendemento e fortalecendo a relación entre a FP e a realidade empresarial.
Un dos programas máis destacados desta área é InnovatechFP, unha iniciativa que apoia a creación, desenvolvemento e posta en marcha de ideas innovadoras que poden ter un impacto directo en sectores como a automoción, a industria alimentaria, o sector TIC e outros ámbitos estratéxicos para a economía de Galicia.
Mediante InnovatechFP, o Centro Eduardo Barreiros ofrécelles ao estudantado e ao profesorado a posibilidade de transformar ideas en proxectos reais a través de asesoramento técnico, apoio na xestión de recursos e acceso a tecnoloxías avanzadas. Este programa tamén fomenta a cultura emprendedora na FP, incentivando o alumnado a desenvolver competencias en xestión de proxectos e espírito empresarial, que son esenciais para a súa inserción laboral e desenvolvemento profesional. InnovatechFP consolídase así como unha ferramenta clave para conectar a formación profesional co mundo empresarial, creando un espazo onde a innovación e o emprendemento se converten en motor de progreso para a FP galega.
Área de Formación de Alta Especialización
A Área de Formación de Alta Especialización dota o profesorado da FP galega das competencias necesarias en metodoloxías punteiras e tecnoloxías de vangarda, e xa conta no seu haber con máis de 1000 docentes formados. A través de programas específicos de capacitación, esta área axuda a anticipar as demandas emerxentes dos distintos sectores produtivos e a responder a elas. As familias profesionais beneficiadas inclúen ámbitos clave para a economía galega, garantindo así que o profesorado teña as ferramentas e o coñecemento necesarios para ofrecer unha formación actualizada e adaptada ás esixencias do mercado laboral.
Un dos programas nos que actualmente se está a formar o profesorado leva por nome Vetinen e da acceso á utilización no centro educativo da plataforma de recursos interactivos e a plataforma LabAI FP (Laboratorio de Aprendizaxe de Inglés Profesional baseado en intelixencia artificial e contornas inmersivas de realidade virtual).
Estas plataformas totalmente pioneiras no ámbito da formación profesional permitirán unha aprendizaxe máis áxil, efectiva e personalizada, a través da cal o alumnado mellorará tanto as súas competencias lingüísticas coma a adquisición dunha comunicación fluída directamente relacionada co sector produtivo da súa familia profesional. Será o docente quen incorpore situacións personalizadas nas que os estudantes, a través da interface 3D, manterán unha interacción en inglés con avatares ofrecendo solucións a situacións e problemas relacionados especificamente co seu futuro ámbito laboral.
Área de Innovación Aplicada
A Área de Innovación Aplicada fortalece a conexión entre a FP e os sectores produtivos galegos, promovendo proxectos de I+D+i que melloran a competitividade das empresas e a calidade da formación. O seu labor céntrase en identificar tendencias tecnolóxicas e integralas no ensino, achegando solucións innovadoras que se poidan aplicar tanto en contornas educativas coma industriais. O foco desta área recae en diferentes liñas de actuación para atender as necesidades de diversas áreas industriais:
- Biotecnoloxía: realízanse investigacións e formacións con base biotecnolóxica para optimizar procesos de distintos sectores e transferilos ao profesorado da FP.
- Industria 5.0: trabállase coas últimas tecnoloxías en robótica colaborativa, IoT, xemelgos dixitais, intelixencia artificial, ciberseguridade e big data.
- Fabricación aditiva: deséñanse prototipos para a fabricación mecánica, automoción, deseño téxtil, sanidade e restauración, entre outros.
- Enerxía e sostibilidade ambiental: desenvólvense proxectos que integran distintas fontes enerxéticas para lograr eficiencia e autonomía.
- Gastronomía multisensorial: explóranse tecnoloxías vangardistas para crear experiencias innovadoras en gastronomía, enoloxía e turismo.
- Experiencias inmersivas: aplícase a realidade estendida a múltiples procesos produtivos, creando ferramentas e recursos inmersivos para unha formación transformadora.
Área de Comunicación
Céntrase en visibilizar o labor do Centro Eduardo Barreiros como un referente de innovación e desenvolvemento tecnolóxico na FP. A través da difusión de proxectos pioneiros e de accións destacadas, tanto de ámbito autonómico coma nacional e internacional, esta área posiciona o centro como un modelo de innovación e formación avanzada. A comunicación clara e efectiva axuda a conectar co tecido empresarial, educativo e social, reforzando a percepción do centro como un motor de transformación.
A quen vai destinado?
O Centro Galego da Innovación da Formación Profesional, Centro Eduardo Barreiros está destinado principalmente ao profesorado de FP en Galicia, así como ás empresas e sectores produtivos que buscan adaptarse aos cambios tecnolóxicos e mellorar a súa competitividade. A través de proxectos de innovación aplicada, programas de capacitación avanzada e colaboracións con empresas, o centro ofrécelle ao profesorado ferramentas e coñecementos actualizados para que poidan formar estudantes cun perfil técnico altamente cualificado. Ao mesmo tempo, as súas accións benefician directamente o tecido empresarial galego, que atopa no centro un socio estratéxico para incorporar novas tecnoloxías, optimizar procesos e acceder a profesionais ben preparados que responden ás demandas dun mercado laboral en constante evolución.
Existe a posibilidade, a maiores, de que a comunidade educativa visite o centro para coñecer as súas instalacións e funcionamento. Para isto, as persoas interesadas deberán cubrir un formulario na páxina web www.cgifp.gal explicando o motivo da súa visita. Hoxe en día xa son máis de 1600 as persoas que se achegaron a coñecer o labor do Centro Eduardo Barreiros.
Un futuro de oportunidades
O Centro Eduardo Barreiros representa un salto cualitativo no panorama educativo e empresarial de Galicia. Coa súa aposta pola innovación, a tecnoloxía e a colaboración entre o ámbito educativo e o empresarial, promete ser un eixe clave para o futuro da formación profesional en Galicia, preparando as novas xeracións para un mundo laboral en constante cambio e impulsando o desenvolvemento económico galego.
Así, a través do Centro Galego da Innovación da FP, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional sitúase na vangarda da innovación educativa en España, converténdose nun punto de referencia para todas aquelas persoas e entidades que queiran apostar por unha formación de calidade, avanzada, dinámica e adaptada aos desafíos do futuro.
En definitiva, o Centro Galego da Innovación da FP, Centro Eduardo Barreiros consolídase como un motor esencial de cambio que sitúa a formación profesional galega na vangarda da educación e do desenvolvemento tecnolóxico. O seu labor fomenta o espírito emprendedor e incide de maneira directa na creación dunha educación profundamente conectada co mundo laboral, formando unha nova xeración de profesionais altamente cualificados que fortalecerán o tecido empresarial galego e contribuirán significativamente ao desenvolvemento sostible e innovador de Galicia.