
Xograrei e Lerlerei debullando lecturas
Fca. Socorro Vázquez Sánchez
IES Fonmiñá, (A Pastoriza-Lugo)
socovazquez@edu.xunta.gal
A nosa biblioteca e as nosas lecturas viaxeiras
A nosa biblioteca está permanente e literalmente aberta a toda a comunidade escolar, para realizar múltiples actividades: manualidades, experimentos científicos, presentar obras literarias, cinefórum… Queremos transmitirlle o valor da interdisciplinariedade ao noso alumnado, coa colaboración de todo o claustro, e así poder relacionar os coñecementos que aprenden con experiencias vividas e transmitir, ao mesmo tempo, os valores de pertencer a unha colectividade, a unha comunidade e traballar todas e todos xuntos na mesma dirección.
Despois desta introdución, que marca os nosos principais obxectivos, pasamos a debullar a nosa contribución desde os clubs de lectura Xograrei e Lerlerei a que toda a comunidade educativa participe coas súas achegas.
Cada curso no mes de outubro dámoslle inicio á Hora de Ler (30 minutos semanais) e rematamos no mes de maio. Elabórase un calendario rotativo para non prexudicar a ninguén, que se marca segundo o número de sesións que ten cada materia. Na medida do posible, a sesión é simultánea en todos os grupos. Aquí é onde pasa á acción o Club Xograrei que, cal xograres percorrendo as aulas do Fonmiñá, van introducindo fragmentos de variadas obras literarias ou doutras de interese xeral.
Quen forma parte do Xograrei?
Coa voluntaria colaboración do alumnado de cuarto da ESO creamos este grupo de lectura ao vivo, len de maneira expresiva e dramatizada: poemas, relatos, fragmentos... de temática variada, moitas veces segundo a conmemoración que se celebre ese día ou a propósito dalgún contido que se estea traballando nalgunha materia. Amosamos algúns exemplos:
- No Samaín leuse a varias voces o relato de Rafael Dieste «A morte de Bieito».
- No Día da Muller e da Nena na Ciencia, léronse fragmentos da obra de María Solar Os nenos da varíola para renderlle homenaxe a Isabel Zendal.
- Para lembrar os nosos maiores e as súas doenzas, escollemos fragmentos da obra de Francisco Castro Chamádeme Simbad.
- Para condenar a violencia machista (25 novembro) divulgamos o noso concurso de haikus e haigas coa lectura das nosas propias creacións de cursos anteriores, que temos encadernadas na biblioteca.
- Para homenaxear as vítimas de accidentes de tráfico, sensibilizar e ao mesmo tempo reflexionar sobre a perigosa mestura de alcohol, drogas e volante, recitamos poemas da obra de Carlos Negro Makinaria.
Aínda poderiamos engadir máis exemplos, a nosa teima é facerlle ver ao alumnado que o mundo da lectura, sexa cal sexa o xénero, está moi presente na nosa realidade cotiá. Tamén amosamos a interdisciplinariedade ao conectarmos as distintas materias coa ficción literaria.
Quen son os máis argallantes do IES Fonmiñá?
A resposta a esta pregunta lévanos ao club de lectura Lerlerei. Este fórmano alumnado de todos os grupos (primeiro, segundo, terceiro e cuarto da ESO), profesorado, familias e persoal non docente. Lemos variedade de xéneros (cómic, poesía, teatro e narrativa). A nosa heteroxeneidade proporciónanos diferentes puntos de vista das obras lidas, así obtemos interpretacións da rapazada e dos adultos, sempre é positivo compartir visións diferentes interxeracionais. Teriamos un obstáculo grande de facermos varios grupos, pois somos unha comunidade educativa moi pequena e a dificultade estaría na súa coordinación.
Non hai dúbida da nosa capacidade de argallar, dá boa mostra disto a variedade de actividades, as cales imos presentar en relación coa diversidade de obras lidas ao longo destes seis anos.
Reunímonos dúas ou tres veces por trimestre, unha ou dúas no recreo, para conversar e intercambiar impresións; mais a reunión estrela é a da fin do trimestre, que se realiza pola tarde, xeralmente de 16:00 a 18:00.
Elaboramos murais para dar visibilidade das nosas lecturas. Estes fan alusión a temáticas abordadas nas distintas obras, por exemplo: inmigración, cambio de identidade, pederastia, feminismo...; recollemos noticias relacionadas e todo isto exponse no noso «recuncho do Lerlerei».
Mural da obra Zenobia
Sempre resulta interesante poñerlle cara ao autor ou autora das obras que lemos, é moi enriquecedor falar con el ou ela, xorden preguntas ben interesantes e así as inquedanzas das lectoras e lectores quedan resoltas. Comezamos estes encontros co escritor Gonzalo Moure cando lemos a obra Palabras de Caramelo e falounos da concepción da obra, a súa fonte de inspiración fora un neno dos campamentos de refuxiados de Tinduf; tamén, das súas colaboracións co pobo saharauí. Encontrámonos con Paco Rivas en Foz, trasladámonos nós, para falarmos do seu relato «O paraugas na raiola» e dunha selección de poemas de diferentes poemarios, el mesmo nos recitou algún máis significativo para el e explicounos o motivo da súa escolla. Recibimos na nosa biblioteca a Xosé Luís Vázquez Somozas cando lemos O conserxe e contounos a súa experiencia coa escrita, desde ben rapaz; descubriunos un segredo no que está a traballar: a súa próxima novela, tamén vinculada á vida académica, á que estivo vinculado como docente. No final deste trimestre visitaranos Manuel Vázquez para presentarnos a súa primeira obra, O pracer da chuvia; esta non imos lela, pois é lectura complexa para os nosos lectores e lectoras máis novos; convidaremos as familias que poidan asistir.
Cando non poden desprazarse ata A Pastoriza, concertamos videoconferencias. Lemos 22 segundos e conversamos con Eva Mejuto, que nos contou a súa experiencia como escritora, como gran coñecedora do álbum ilustrado e nos desvelou que estaba a traballar nun; agora xa o temos na nosa biblioteca: A lavandeira de San Simón. Andrea Maceiras preparounos unha presentación ben interesante para a obra A folla azul, transmitiunos a preocupación polo coidado que debemos ter co medio ambiente. O curso pasado contactamos con Paula Carballeira, non tiña axenda libre e reservounos un oco para este curso, en maio visitaranos. O último trimestre do curso anterior lemos As alumnas, motivounos moito a temática, coñecer algo máis da mestra María Barbeito; tivemos unha experiencia inesquecible, aínda sendo unha videoconferencia, conversamos con Anabel Gago, unha das actrices que representa a unha das «alumnas», a súa paixón polo teatro emocionounos e mesmo lle pedimos unha dramatización in situ do fragmento que ela escollese, e puidemos presenciar a transformación de Anabel conversadora a Anabel actriz no papel de Rosa.
Sentimos a maxia do teatro con Anabel Gago
Para dar fin a estes encontros virtuais, conversaremos na fin deste trimestre con Ana Moreiras da súa banda deseñada Madialeva. Agardamos con grande expectativa o seu encontro, pois estes relatos son froito do que lle contaron unhas mulleres apoderadas na aldea de Miraz, onde ela pasaba os veráns.
E seguimos argallando, nesas ansiadas reunións da fin do trimestre, tamén realizamos outra actividade que presta moito: o videofórum. Vemos filmes que dalgún xeito están en conexión con algunha obra lida. Por exemplo, lemos a novela gráfica de Ana Penyas Estamos todas bien, nela alúdese á «movida madrileña», a algunha película de Pedro Almodovar..., entón demos a coñecer Mujeres al borde de un ataque de nervios que fora gañadora do premio Goya á mellor película en 1988. Despois de ler a obra teatral Eroski Paraíso de Chévere, rimos e divertímonos co filme (2019) do mesmo nome; no remate reflexionamos sobre a transformación social nos últimos 35 anos, é o caso de como as salas de festas, os cines, os teatros e outros espazos de encontro social se converten en espazos de consumo. Para tratar un tema moi preocupante no contorno escolar, o acoso, lemos a banda deseñada biográfica, Subnormal de Fernando Llor e Miguel Porto, coa supervisión do propio protagonista Iñaki Zubizarreta. Despois desta dura lectura seguimos reflexionando e mesmo emocionándonos coa película estadounidense Wonder (2017). E continuamos con máis cine, acompañando a lectura de Nº atómico 74 de Raquel Castro Martínez, vemos o filme Lobos sucios (2016) onde se recrea a Galicia das minas de volframio de Casaio (Ourense) e a historia das irmás Touza de Ribadavia que axudaban a fuxir os xudeus. E para rematar este tipo de actividade, o curso pasado vimos o filme de animación Arrugas (2011), gañadora de dous premios Goya: mellor película de animación e mellor guión adaptado. Lemos o cómic de Paco Roca en galego Engurras. Reflexionamos sobre unha enfermidade tan devastadora como é o alzhéimer e sobre como condiciona a vida de toda unha familia.
Cando parades de argallar?
Pois, aínda non é agora! Quedan algunhas actividades, unha coa que gozamos moito é a lectura dramatizada. A última que fixemos foi de dous fragmentos de As alumnas, catro alumnas vestidas de época representaron a Elvira e Rosa en dous momentos que elas mesmas escolleron. Tamén dramatizamos dous relatos da obra Contos de obxectos de Xabier P. Docampo, «A máscara» e «A peseta». Foron gravados en vídeo, con voces en off e representacións das accións contadas. Na canle de Youtube do IES Fonmiñá pódense ver.
A propósito de vídeo, montamos un booktrailer sobre a novela gráfica Zenobia (2018) de Morten Dür e gravamos un programa de radio cos mesmos contidos, co fin de sensibilizarnos coa crúa realidade dunha nena siria e coas graves consecuencias dunha guerra.
Radio Escolar IES Fonmiñá. Lectura de Zenobia de Morten Dürr.
Xa case estamos a piques de rematar, mais aínda explicaremos un xogo literario que elaboramos para dúas obras: Pipi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, e a xa mencionada A folla azul, de Andrea Maceiras. Creamos dous pasapalabra. Nunha desas reunións da fin de trimestre, dividimos o alumnado en dous grupos iguais e iamos facendo preguntas segundo o programa da televisión; para o grupo gañador houbo un agasallo e para o resto dos participantes un pequeno presente de lembranza. Sempre editamos un marcapáxinas que resume as nosas lecturas de cada ano e agasallámolos ao final do curso.
E por último, un momento de maior distensión, onde caben risas, bromas... as nosas merendas literarias: adozamos e regamos as nosas reflexións para seguir con azos para a próxima lectura.
Como rematar?
«Marchamos que temos que marchar», as palabras van fuxindo, mais queremos amosar un agradecemento colectivo a todos os membros dos nosos clubs. Ademais debemos dedicar unha mostra de gratitude especial a todo o noso alumnado, polo seu entusiasmo, pola súa boa disposición e entrega a todas as argalladas que se lle foron propoñendo ao longo destes seis anos.
Agora si, xa é o momento de empregar a primeira persoa de singular. Eu, que coordino ou descoordino todo este proxecto, desexo mencionar de maneira emotiva a miña compañeira, amiga, confidente, dinamizadora, argalleira... con quen me une unha forte complicidade, pois está sempre en absolutamente todo, e en especial na divulgación das nosas argalladas nas redes sociais (Facebook e Instagram) do IES Fonmiñá, ela é Cristina Rivero López. Grazas e mil grazas por ser, estar e permanecer!
Aquí cheguei en setembro de 2018 e aquí seguirei, é para min un orgullo formar parte deste equipo de argalladas e vivir a lectura desde a diversión, as conversas, as viaxes a mundos reais e ficticios, que entre todas e todos estamos debullando. Coa lectura ímonos construíndo como persoas boas, xenerosas, empáticas e máis humanas. Que continúe medrando a lectura compartida!
A modo de bibliografía podemos agrupar por xéneros as obras lidas ata o momento:
Novela gráfica/Banda deseñada:
- Shaun Tan, Emigrantes
- Morten Dürr, Zenobia
- Ana Penyas, Estamos todas bien
- Fernando Llor e Miguel Porto, Subnormal
- Nuria Tamarit, Dúas moedas
- Paco Roca, Engurras
- Ana Moreiras, Madialeva
Narrativa:
- Gonzalo Moure, Palabras de Caramelo
- Astrid Lindgren, Pipi Mediaslongas
- Xabier P. Docampo, Contos de obxectos
- María Reimóndez, Corredora
- Eva Mejuto, 22 segundos
- Andrea Maceiras, A folla azul
- Raquel Castro Martínez, Nº atómico 74
- Xosé Luís Vázquez Somozas, O conserxe
Poesía:
- Selección de diversas obras de Paco Rivas, Entre Nois e Pena Orxal, Camiñante de ningures, De ti, perdidamente
- Marica Campo, Nós outras
- María Reimóndez, Moda galega
- Selección libre por parte de todos os membros do Lerlerei para ler durante os recreos da Semana da Poesía e comentar o motivo da súa escolla.
Teatro:
- Chévere, Eroski Paraíso
- Paula Carballeira, As alumnas