
O tesouro do río Támoga e da lagoa de Cospeito
Coordinado por Rosa María Anllo Sendín, profesora de Física e Química
CPI Virxe do Monte (Cospeito-Lugo)
ranllo@edu.xunta.gal
Introdución
O concello de Cospeito atópase en pleno centro da reserva da biosfera lucense Terras do Miño. Non obstante, percíbese entre a rapazada un menosprezo do contorno que a rodea, en especial, da lagoa. Para a maioría alí non hai nada polo que pague a pena a visita. Tendo isto como fondo, as actividades do proxecto deseñáronse coa intención de cambiar este pensamento. Foron de diferentes tipos. Por unha banda, actividades de campo con saídas e visitas para estar en contacto directo con esa natureza. Así mesmo, as actividades realizadas no centro orientáronse tamén á observación desta natureza a través doutros métodos, coma concursos ou traballos de plástica. Tamén se comezou a elaboración do catálogo de especies da contorna, un dos principais obxectivos formulados ao comezo do proxecto. Como se pode comprobar, as actividades teñen un claro compoñente transversal e participaron docentes de áreas diferentes:
Rosa María Anllo Sendín, profesora de Física e Química que imparte tamén as materias de Bioloxía e Xeoloxía na ESO. Coordinadora do proxecto
Silvia Vivero López, profesora de Educación Plástica na ESO
María Carmen Sánchez Domínguez, orientadora e directora do centro
Melania Coedo Pérez, profesora de educación infantil e coordinadora da biblioteca do centro
María Berta Seoane Casanova, profesora de Educación Física na ESO
Obxectivos
Entendemos que a información e o contacto co noso contorno nos fan valorar máis o que temos, sentíndoo como propio. Ese sentimento é que nos fai apreciar e coidar o noso.
Con este proxecto preténdese un obxectivo global, que é a toma de conciencia por parte do alumnado de que ten un tesouro moi preto da súa casa que ás veces non valora bastante. Coas actividades propostas inténtase que a rapazada se informe sobre a súa contorna, que faga un estudo propio sobre o río e, en extensión, a lagoa, para así sentilo como parte do seu legado, aprendendo a valoralo e coidalo. O obxectivo é que se familiaricen coas especies animais e vexetais do seu medio, así como aprender a distinguilas, manexar ferramentas informáticas e valores ligados á ecoloxía. Polo tipo de proxecto, o traballo ten que facerse en equipo, escoitando a opinión de todas e todos para chegar a un acordo sobre como acometer o estudo. Isto fai que se fomenten os valores sociais de respecto e igualdade entre o alumnado.
Actividades realizadas
A continuación resúmense as actividades realizadas este ano cunha breve descrición destas e, en cursiva, o obxectivo que se perseguía con elas.
- Ruta pola lagoa de Cospeito en outono
No mes de outubro o alumnado da ESO foi de andaina á lagoa coa profesora de Educación Física, Berta Seoane. Aproveitaron para observar a natureza e facer fotos tanto de animais coma de plantas.
Primeiro paso para ir coñecendo a nosa contorna.
A lagoa en outono
- Concurso fotográfico matemático
Tamén tivemos un concurso de fotos relacionadas coas matemáticas na natureza. Houbo dous fabulosos premios!
Buscamos con este concurso que a rapazada mire o seu contorno con outros ollos e vexa máis alá das imaxes, buscando eses elementos matemáticos que nos envolven no noso día a día.
- Enchentes no río Támoga
Comprobamos como varía o caudal do río dun día para outro dependendo das choivas. O río desbórdase do seu leito con moita facilidade anegando os prados veciños. Isto é debido a que estamos na Terra Chá e, polo tanto, todo é moi moi «plano». Aprendemos sobre o lugar onde vivimos.
- Cianotipias
Saimos recoller follas polos arredores do centro. Secámolas na nosa prensa caseira feita coa axuda do profesor de Tecnoloxía. Despois empregamos uns papeis impregnados cunha substancia que, por unha reacción química, se volve azul coa luz do sol e deixa impresa a silueta das follas. Quedaron unhas cianotipias preciosas.
De novo unha actividade transversal coa Química, Bioloxía e Educación Plástica relacionadas coa natureza local como fondo. Tivo moi boa acollida.
Exemplos de cianotipias
- Elaboración de paisaxes con formas xeométricas. Obrigatorio a presenza dun río
A materia de Educación Plástica promoveu a creación de láminas nas que aparecese un río empregando formas xeométricas.
A arte estivo moi presente neste proxecto como forma de expresión da beleza da natureza.
- Xardín de bolboretas
Incluído tamén como parte do proxecto Voz Natura creamos unha horta escolar. Para seguir estudando a natureza da nosa contorna decidimos darlle un novo enfoque convertendo a nosa horta nun «xardín de bolboretas» coa intención de chamar a atención destes bonitos lepidópteros.
Para iso decidimos plantar unha parte da horta con plantas aromáticas que tamén poden ser empregadas na cociña do comedor do colexio, ademais de formar parte da dieta das eirugas de bolboreta. Con este fin, puxemos tamén unha sección de repolos e col lombarda, moi apreciadas como alimento dalgunha das especies típicas da zona. Outra parte empregámola para plantar plantas con flor, como xeranios, lavanda e sempreviva, para atraer as bolboretas adultas.
En xuño, descubrimos que precisamente a ruda atraera unha bolboreta que puxo os seus ovos nela. Como resultado podemos gozar da contemplación dunha fermosa eiruga de bolboreta macaón.
De novo comprobamos in situ o que estudamos na teoría.
Eiruga no xardín das bolboretas
- De ruta polas insuas do Miño en abril
Tivemos a sorte de contar con Martiño, pertencente á Asociación Galega de Custodia do Territorio, quen nos levou facer un percorrido polas insuas do Miño en Rábade. Foi unha mañá deliciosa onde puxemos a proba os nosos coñecementos sobre a fauna e a flora fluvial. Estas especies que Martiño nos ensinou e identificou son as mesmas ou moi similares ás que podemos atopar no río Támoga ao seu paso por Cospeito e as da propia lagoa.
Esta actividade foi unha clase maxistral na propia natureza que permitiu aprender a identificar, sobre todo, numerosas especies de árbores.
As insuas do Miño
- Catálogo de especies da contorna
Elaborouse un fermoso catálogo de animais e plantas da contorna coa axuda da profesora de Plástica Silvia Vivero. Este catálogo pretende ser aberto para ir completándoo en anos vindeiros.
Esta actividade é a documentación física, o resumo de todo o que imos aprendendo sobre a natureza da nosa contorna.
- Ruta pola lagoa de Cospeito na primavera (29 de maio)
Fixemos unha ruta para apreciar a lagoa na primavera, con todo o seu esplendor. Cantos de ras, aves, a vexetación exuberante… todo un espectáculo para os sentidos.
Seguimos coñecendo a nosa contorna e vendo como cambia coas estacións. Esta actividade é complementaria da realizada en outubro.
- Proxecto identidade. Coñecendo o meu medio
Con este fermoso traballo ilústrase dun xeito artístico a variedade de flora e fauna existente na zona, realidade moi próxima ao noso alumnado. A algunha das especies púxoselles tamén un código QR co que se pode obter máis información sobre o animal ou a planta debuxada.
Preténdese con esta actividade fomentar o emprego das ferramentas informáticas combinadas coa bioloxía e a arte.
Ilustración dunha garza dentro do proxecto identidade
- Especies invasoras
Na materia de Inglés a rapazada elaborou uns carteis de «Búscase» sobre especies exóticas que ameazan os nosos ecosistemas.
Podemos abordar o estudo da natureza desde moitas frontes.
- Libros recomendados
Ao longo do curso recomendáronse libros relacionados coa botánica, a zooloxía e o medio ambiente en xeral para que a rapazada puidese ter máis información sobre a natureza. Moitos destes libros traen unas ilustracións preciosas que os fai máis interesantes e doados de ler.
Notamos que é moi difícil conseguir que a rapazada busque e lea libros. Con estes exemplares con cores e debuxos atractivos intentamos atraer a súa curiosidade.
Medidas de difusión do proxecto
As actividades realizadas déronse a coñecer de diferentes xeitos:
- Exposicións no centro
- Canles dixitais:
- Páxina web da biblioteca do centro
- Revista escolar
Esta última, a rede social Instagram, é, sen dúbida, unha ferramenta poderosa para achegar o traballo do centro tanto ao alumnado coma ás familias. O colexio ten dúas contas: unha xeral (@cpivirxedomonte) e outra da biblioteca (@bibliocpivirxedomonte). Para facer visible o labor realizado en relación coa ciencia decidiuse crear unha nova conta administrada pola coordinadora, Rosa Anllo (@rosaanllo, Ciencia no CPI Virxe do monte). Nela aparecen publicacións referentes a todas as actividades realizadas. Hai que dicir que foi todo un éxito, cun gran número de seguidores e de visualizacións das diferentes publicacións feitas.
Avaliación
En canto aos instrumentos de avaliación empregados, moitos dos traballos presentados foron avaliados dentro das súas materias e formaron parte da nota acadada por cada alumno ou alumna. Este foi o caso, por exemplo, dos traballos «Elaboración de paisaxes con formas xeométricas» promovido pola materia de Educación Plástica ou «Especies invasoras» da materia de Lingua Inglesa. Algunhas saídas ao campo, como a ruta pola da lagoa feita en outubro, foi avaliada na materia de Educación Física. Todas as demais actividades, sobre todo as saídas á natureza, avaliáronse por observación. Deste xeito, pode saberse que temas lle interesan máis ao alumnado de cara a planificar novos proxectos.
En xeral, todas as tarefas planificadas tiveron boa acollida. Quizais a materia pendente é a da lectura. Comprobamos que é moi complicado conseguir que a rapazada colla libros para ler ou consultar na biblioteca motu proprio. O emprego de ferramentas dixitais fai que os libros queden relegados a un segundo plano. Porén, intentaremos fomentar este punto, xa que coidamos que son un complemento importante para a realización de traballos sobre natureza como os que formulamos aquí.
A avaliación xeral foi moi positiva.
Conclusións
Este tipo de proxectos son moi importantes á hora de conectar as persoas coa natureza. Aínda que o CPI Virxe do Monte é un centro situado no rural, é importante ensinarlle ao alumnado a «sentir» o seu contorno. As actividades realizadas foron moi encamiñadas a espertar a súa curiosidade, aprender a empregar os cinco sentidos para apreciar a natureza, descubrindo aspectos nos que nunca antes repararan a pesar de convivir con ela.
Estamos moi satisfeitas co resultado obtido.
Asociación ZERYNTHIA | Oasis de mariposas (asociacion-zerynthia.org)
Casa das Insuas | agct (custodiadoterritorio.org)
Concello de Cospeito. Laguna de Cospeito
El Ecoturista. Observación de aves en la Laguna de Cospeito
Lagunas de Cospeito - Una ruta cada día
Viajando con Pío. Laguna de Cospeito
Ramil-Rego, P. e Domínguez Conde, J. (coord.) (2006). A Lagoa de Cospeito. Historia e vida dun humidal chairego. Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Xunta de Galicia.