A Biblioteca do CEE Saladino Cortizo
Lucía Vázquez Lorenzo, titora en preFP
lucíavl@edu.xunta.es
Cristina Pérez Taboada, titora en educación básica obrigatoria
cristinapt@edu.xunta.es
Coordinadoras da biblioteca do CEE Saladino Cortizo (Vigo-Pontevedra)
Se nolo permitides, gustaríanos comezar describindo o noso cole. O CEE Saladino Cortizo é, como as súas siglas así o indican, un centro de educación especial. O noso funcionamento varía nalgúns aspectos con respecto a un centro ordinario: no ámbito organizativo, metodolóxico, espacial... Para entender o noso modo de traballar desde a biblioteca, é importante describir estes elementos particulares.
Para nós as bibliotecas escolares son espazos vivos que deben ir máis aló da simple almacenaxe de libros. Son centros de aprendizaxe integrais, abertos á realización de múltiples actividades partindo de diferentes recursos, non só en papel ou a través de medios dixitais, senón a través doutros recursos máis manipulativos, máis sensoriais. Neste sentido, esta última palabra cobra unha especial relevancia para o tipo de centro no que nos atopamos, unha palabra que nos acompaña no noso día a día: sensorial, porque para nós é fundamental integrar o uso dos diferentes sentidos nas actividades que propomos.
Estamos en Vigo, no barrio de Cabral, e ata nós chega alumnado da propia cidade, de zonas limítrofes con ela, e destacan por maioría os procedentes doutros concellos non tan próximos, como Mos, Redondela, Nigrán, Marín, Gondomar, Tui, Porriño, Ponteareas, Salvaterra de Miño, A Cañiza, Salcela de Caselas, O Morrazo (Domaio, Bueu, Moaña e Cangas), polo que as distancias percorridas diariamente por moito deste alumnado son longas. Este dato é relevante para definir o grao de implicación das familias nas actividades realizadas e propostas na biblioteca, xa que esta distancia con frecuencia dificulta que moitas se poidan implicar de forma presencial, tanto como lles gustaría, nas propostas realizadas desde o centro ou as que puidesen realizar elas mesmas como, por exemplo, contacontos ou lecturas compartidas. Por isto, durante este curso queremos retomar unha das actividades que realizabamos con frecuencia: as mochilas viaxeiras, coa finalidade de facilitar esta participación, sen implicar dun modo presencial nin co uso de recursos dixitais, debido ás posibles dificultades para o seu acceso ou manexo.
Tendo en conta o anterior, hai que sinalar que na actualidade contamos cun total de 108 alumnos e alumnas que se distribúen en tres ciclos por franxas de idade:
- EBO: educación básica obrigatoria, con alumnado, actualmente, de entre 7 e 16 anos.
- TVA: tránsito á vida adulta, con alumnado de entre 16 e 21 anos.
- PFFPB: programas formativos básicos, con alumnado de entre 16 e 21 anos. Son cinco os programas que impartimos: peiteado, xardinería, reprografía, carpintería e lavandería, ademais de preFP.
Estes tres ciclos están distribuídos no centro nos tres corredores que o conforman. O corredor verde está destinado ás aulas de EBO; o corredor laranxa, ás de TVA e a algúns obradoiros, como son o de papel e o de cociña; e o corredor azul, no que atopamos os talleres e aulas de PFFPB e de preFP. Esta distribución por cores responde á importancia de facilitar e fomentar os desprazamentos de forma autónoma do noso alumnado, pois permite unha mellor orientación e asociación con algúns espazos e as actividades que se realizan nelas.
Plano dos espazos do noso centro
Deste modo, non só polas súas características, senón polas diferentes idades coas que contamos, é importante diversificar o tipo de recursos que se utilizan, promovendo o uso e integración dos diferentes sentidos, coa finalidade de adaptarnos aos requirimentos de cada alumno, aos seus gustos, preferencias, necesidades, fortalezas... sen esquecer que a nosa finalidade é a de preparar dun modo integral para a vida futura, fomentando fundamentalmente a autonomía, a cal está intimamente ligada co razoamento e co pensamento crítico. Para lograr este último, desde o noso centro pensamos e apoiamos a idea de que podemos traballar a través da lectura e do acceso a diferentes ámbitos culturais, pois iso permitiranos ofrecer ferramentas para poder desenvolvelo. Cando polas características do noso alumnado non poidamos chegar tan lonxe, ofreceremos oportunidades de acceso á cultura e aproximación á lectura a través de múltiples actividades que non teñen por que implicar de forma directa que ese educando conte ou vaia contar co proceso de lectoescritura. Un exemplo desta última aproximación é o obradoiro de Plasticontos, no que se parte da selección de diferentes contos que intentamos relacionar cos contidos que se queren traballar, conmemoracións, noticias relevantes... implicando a utilización de diferentes sentidos mediante a realización de actividades plásticas, manipulativas e/ou sensoriais vinculadas coa temática proposta.
Para realizar esta aproximación, ademais do traballo realizado nas titorías, sesións de audición e linguaxe, obradoiros... consideramos que é fundamental contar cun espazo cálido, agradable, seguro e atractivo para acoller o noso alumnado. Por isto levamos varios cursos realizando pequenos cambios na biblioteca coa finalidade de conseguir contar cun espazo cálido, accesible e atractivo. Estas melloras materializáronse principalmente durante os dous últimos cursos.
Así, dentro do corredor verde temos este espazo tan importante para nós: a biblioteca. Contamos cun espazo de pequenas dimensións, pero moi acolledor e luminoso, situado ao carón do patio exterior do centro. Durante os últimos anos fomos realizando melloras no ámbito organizativo e espacial co fin de írmonos adaptando ás necesidades que foron xurdindo para a organización e realización das diferentes actividades que desenvolvemos aquí. Estas actividades están vinculadas co plan integral de centro, coas diferentes conmemoracións e celebracións, cos programas dos que formamos parte e, por suposto, coas propostas vinculadas coa lectura. Na actualidade, o espazo atópase dividido en recunchos. Esta división responde principalmente á necesidade do noso alumnado de contar con espazos estruturados e claramente definidos que fagan da biblioteca un espazo sinxelo, intuitivo e accesible para o seu uso.
Os recunchos da nosa biblioteca
Centrándonos nestes recunchos, hai que sinalar que contamos coas seguintes zonas:
- Recuncho de Biblioteca Creativa
- Recuncho no que se atopa o laboratorio de radio
- Zona de traballo e de lectura
- Recuncho no que se atopan os ordenadores
- Zona de traballo dos bibliotecarios e futuros axudantes
- Zona da pantalla dixital
Os fondos tamén están distribuídos dun modo moi intuitivo. Durante este curso aproveitamos a oportunidade de realizar o paso voluntario ao KOHA para realizar un expurgo exhaustivo, así como recatalogar e recolocar todos os fondos coa intención de que ao longo do curso vaian quedando como segue:
- Na zona de Biblioteca Creativa atopamos unha ampla librería que alberga os libros destinados a información. Distribúense por temáticas e destaca a de creatividade.
- Zona coas librerías para cómic e novidades, moi valoradas polo noso alumnado.
- Estantes destinados a primeiros lectores e a zona xuvenil.
- Moble destinado aos fondos de prelectores, situado no centro do espazo e que serve para crear ambientes, dividindo as zonas de traballo e de lectura anteriormente mencionadas.
Tamén contamos con espazos colonizados: unha pequena colección de libros destinados ao profesorado están na sala de reunións; outra pequena colección, no despacho de orientación; e unha selección destinada ás familias e responsables do noso alumnado, na sala de recepción das familias.
Esta distribución tamén responde ao feito de participar en diferentes programas ofertados desde Bibliotecas Escolares para os centros que formamos parte do PLAMBE. Nos facémolo desde xa hai algúns cursos académicos, o que nos deu a posibilidade ao longo dos anos de irnos integrando en diferentes programas ofertados, formando parte na actualidade de Biblioteca Creativa e de Radio na Biblio.
Como vimos dicindo, levamos anos traballando en prol dunha biblioteca inclusiva, accesible, innovadora e aberta a novos cambios, e con estes principios no curso 2019/20 entramos no programa de Radio na Biblio, avanzando paso a paso na súa mellora, atopándose agora nunha zona diferenciada e designado co seu logotipo na biblioteca. O noso principal obxectivo coa radio é que todo o alumnado poida participar nela, sabendo que unha porcentaxe deles non presentan linguaxe oral, polo que empregan os seus comunicadores como ferramenta de apoio, crean os seus podcast e participan nas entrevistas e nos programas que facemos. Outra forma de inclusión é a elaboración de guións con pictogramas como apoio visual para elaborar o seu discurso.
Grazas á participación activa de profesorado e alumnado, gañamos durante dous cursos consecutivos o IV e V Concurso de Podcast Radio na Biblio e, anteriormente, unha mención de honra na terceira edición de Podcast Xosé Mosquera Pérez. «O vello dos contos» co podcast «Xela»
Podedes escoitar os nosos podcasts na nosa Radio Tartaruga.
Neste curso, avanzando un pouquiño máis, pretendemos facer as nosas propias guías de formación na radio para seguir fomentando o seu uso a pesar de que sexas novo no centro ou nunca empregases unha radio.
No curso 2021/22 logramos o selo de Biblioteca Creativa, aínda que podemos dicir que o noso centro xa era e é unha gran biblioteca creativa porque en todos os ciclos a nosa forma de traballo é a través de obradoiros e proxectos, por exemplo, de cociña, marquetería, teatro, xardinería, xogos, TIC, arte..., co que se logra unha gran motivación do alumnado cara ás aprendizaxes.
Desde Biblioteca Creativa queremos proporcionar formación tanto para o profesorado coma para o alumnado, ideas de actividades, libros e materiais para que todo o mundo fedelle, investigue e pense en diferentes formas de lograr as maiores habilidades dunha maneira orixinal e creativa do noso alumnado. Dentro da biblioteca temos tamén un espazo diferenciado e marcado para a biblioteca creativa, onde se atopan a gran maioría dos recursos materiais: libros, xogos (manipulativos, de mesa, construcións...), os escornabots, bolígrafos 3D, a impresora 3D, material funxible...
Nos primeiros cursos de participación no programa de Biblioteca Creativa centrámonos en introducir no colexio novos materiais como os escornabots, a impresora 3D e os bolígrafos 3D, facendo diferentes formacións e programando moitas actividades diferentes para o seu uso: creamos diferentes taboleiros de xogos para os escornabots, deseñamos coreografías e debuxamos con eles, fixemos labirintos, carreiras; coa impresora deseñamos chaveiros, soportes para os móbiles, arranxamos pezas dos escornabots, diferentes adornos seguindo as festividades; cos bolígrafos creamos lentes, debuxamos flores, escribimos os nosos nomes. E neste curso, sen deixar atrás nada disto, queremos darlles máis protagonismo a diferentes libros, argallando diferentes actividades creativas seguindo a certos autores e os seus libros; por exemplo, seguindo o libro de Taller de carpintería para niñ@s de Antje e Susann Rittrmann, despois de facer as nosas bases, agora creamos unha infinidade de mandalas con gomas.
Taller de carpintería, unha actividade máis de Biblioteca Creativa
E así, pouco a pouco, pasiño a pasiño e con moita ilusión seguimos avanzando na nosa biblioteca, obtendo, se cabe, cada ano maior protagonismo dela no centro, facendo da biblioteca un espazo polivalente onde descubrir unha morea de posibilidades.