Que conto temos!
Irene Buján García
CEE Vilagarcía de Arousa
ibugar@edu.xunta.gal
Introdución
Cando coñecemos a existencia do programa Cóntame un conto, decidimos participar porque consideramos que o conto é un medio moi importante e común en todos nós, dado que está presente nas nosas vidas case desde o momento do noso nacemento. Primeiro os nosos pais, avós, familiares... e máis tarde a escola empregan este recurso, cuxo carácter lúdico fai del un instrumento de gozo e pracer.
No noso centro educativo empregamos moito os contos porque mediante o seu uso podemos conseguir:
- Ampliar a linguaxe do alumnado cun vocabulario amplo, claro, conciso e suxestivo.
- Fomentar a súa creatividade e imaxinación.
- Aumentar a afectividade dos nenos e nenas, partindo da base da nobreza, da bondade e da beleza.
- Crear hábitos de sensibilidade artística mediante imaxes atraentes para o alumnado e o acompañamento musical.
Ademais, cremos que os contos teñen un gran valor educativo, xa que:
- Serven para divertir e entreter á vez que transmiten coñecementos ricos e complexos, polo que provocan pracer e gozo e favorecen o desenvolvemento das competencias educativas.
- Contan coas características cognitivo-afectivas de nenos e nenas. A súa narración enlaza rapidamente co mundo interno do noso alumnado contribuíndo ao desenvolvemento da súa capacidade simbólica, así que os contos fomentan a fantasía, a creatividade, a imaxinación...
- É un elemento socializador que favorece as relacións, comezando polo simple feito de que son os propios personaxes os que interactúan socialmente, ofrecendo deste xeito coñecemento sobre outras realidades sociais e culturais, achegándoos a elas.
- O alumnado identifícase cos personaxes, desenvolvendo e favorecendo actitudes empáticas. Deste xeito os contos preparan para a vida, ofrecendo modelos de comportamento, sentimento e valores.
- Ofrecen a oportunidade de ver como se atopan diferentes alternativas aos conflitos e diferentes formas de actuar ante eles.
- Ensinan valores, xa que non son só historias de entretemento, senón que son quen de transmitir valores importantes como a fortaleza, a bondade, a honestidade, a empatía...
Moitos deles son historias con moral onde se destaca unha aprendizaxe concreta, as cales xorden dun exemplo claro evidenciado na historia.
Atendendo a todo isto, podemos afirmar tamén que, desde o punto de vista emocional (un aspecto ao que no noso centro educativo lle damos moita importancia), os contos son un dos métodos máis efectivos e complexos.
Por outra banda, non podemos esquecer que a tradición oral foi o punto de partida dos contos que hoxe coñecemos, polo que tamén somos conscientes dos beneficios e enriquecemento que ofrece traballar con historias tradicionais da nosa cultura:
- Difusión de coñecementos e experiencias a través de expresións culturais que se transmiten de xeración en xeración.
- A transmisión de sucesos populares para que non se perdan, para mantelos no tempo, xa que nos permiten coñecer a nosa historia, de onde vimos e cales son os nosos valores.
- Establécese unha toma de contacto coa tradición, cos costumes, as festas, a forma de ser das xeracións anteriores.
- Conséguese unha conexión emocional coa palabra contada a través da entoación, do ritmo, do tipo de voz e da personalidade dos personaxes.
- A importancia do emprego da palabra, pero tamén da música para transmitir historias.
- Compartir tempo de calidade coas familias, creando momentos íntimos e inesquecibles para ambas as partes.
Se a todo isto lle engadimos que, se por algo se caracteriza o noso centro, o CEE Vilagarcía de Arousa, é por ser un centro de educación especial que lle ofrece ao seu variado alumnado o maior número de experiencias posibles que facilitan a súa autonomía e independencia á vez que desenvolven as súas habilidades sociais e capacidades cognitivas e favorecen a súa socialización e inclusión, tiñamos todos os elementos necesarios para facer deste un proxecto único e especial... Coma nós!
Obxectivos
Cando o noso proxecto foi redactado e presentado pretendiamos acadar o seguinte:
Obxectivos xerais:
- Darlle valor ao conto como recurso educativo.
- Revalorizar os contos de transmisión oral da nosa cultura galega.
- Fomentar a apreciación da narración oral e musical.
- Estimular as habilidades comunicativas, a imaxinación e a creatividade a través dos contos.
- Impulsar a interacción social do alumnado aproveitando as posibilidades que os contos nos ofrecen.
- Promover a accesibilidade dos contos a todo o alumnado.
Obxectivos específicos:
- Fomentar o emprego dos contos da nosa tradición oral no centro educativo.
- Promover a participación activa do alumnado na recompilación e narración de contos tradicionais galegos.
- Axudar o alumnado a desenvolver unha apreciación pola narración e expresión oral.
- Facilitar a participación de todos os membros da comunidade educativa na narración oral e musical.
- Alentar os alumnos e alumnas a participaren activamente na narración de contos, na creación e representación musical e na expresión dos seus sentimentos e emocións.
- Investigar como a música pode complementar e realzar a narración de contos, engadindo unha dimensión emocional e sensorial.
- Empregar contos e música para estimular a creatividade, a imaxinación do alumnado, permitíndolle visualizar e experimentar distintos mundos e realidades.
- Traballar no desenvolvemento das habilidades de comunicación oral e musical no alumnado para que poidan expresarse de maneira efectiva.
- Ensinar técnicas de narración e expresión musical para que os alumnos e alumnas poidan contar historias e experiencias.
- Animar á participación de todo o alumnado, independentemente das súas habilidades musicais ou de comunicación, para que todos poidan experimentar e participar nas actividades.
- Empregar os contos como fío condutor de interacción social, creando oportunidades para compartir ideas, colaborar en historias de grupo e participar en discusións sobre contos.
- Adaptar contos para favorecer a súa accesibilidade a todo o alumnado.
- Apoiarse no emprego de SAAC para o alumnado que o precise para comprender as historias que escoitan e responder a elas, permitíndolles facer preguntas, comentar e expresar emocións.
Como se pode ver, cando comezamos este proxecto, o noso foco estaba posto no alumnado, en facelos axentes activos da transmisión da nosa cultura popular, en promover o emprego da lingua galega, traballar a súa oralidade, desenvolver a súa imaxinación e creatividade, favorecer as súas relacións… Tamén lle demos moita importancia á idea de involucrar as familias na vida do centro. Pareceunos unha forma moi fermosa de crear vínculo entre o alumnado e as súas familias e entre estas e o centro educativo.
Co tempo, caemos na conta de que este proxecto ía máis aló e nos estaba a ofrecer unha oportunidade que non podiamos deixar escapar: facer ver, e entender, que a transmisión oral vai máis alá da oralidade.
A medida que iamos avanzado no curso era como se nos fósemos «impoñendo» algo máis, necesitabamos dar un pasiño máis, sacar o mellor do noso alumnado (que é moito) e facelo o gran protagonista e, malia a consecución dos obxectivos establecidos no proxecto ser importante (e podemos confirmar que foron acadados), cremos que alcanzamos outros máis significativos e que non formaban parte do noso proxecto como tal: loitar coas propias inseguridades, incrementar a autoestima, establecer novas relacións, crear vínculos, facerse ver, mostrar que coas adaptacións axeitadas se poden facer moitas cousas, ilusionar as familias…
Actividades
As actividades levadas a cabo neste proxecto foron múltiples, variadas e adaptadas á realidade do noso alumnado:
1. Elaborouse unha folla de recollida de contos adaptada con pictogramas.
Adaptación en pictogramas da folla de recollida de contos
2. Levouse a cabo unha recollida de contos de transmisión oral por parte do alumnado coas súas familias.
3. O alumnado realizou a transcrición dos contos recollidos.
Transcrición dos contos
4. Gravouse en audio, de xeito colectivo, o conto de tradición oral A neve, nas aulas de AL.
Conto A neve
Audio Conto A neve (acceso ao final do artigo)
5. Publicouse no podcast do proxecto Meteoescolas o conto gravado A neve, xa que está relacionado coa meteoroloxía e nos permite relacionar ambos os proxectos.
6. Elaborouse o vídeo con pictogramas, que serve como apoio visual ao conto Ramón de Liripio, interpretado polo alumnado na gala do proxecto en Santiago de Compostela.
Ramón de Liripio en pictogramas
7. Preparouse o conto A neve para contar, empregando o comunicador, interpretado na gala do proxecto en Santiago de Compostela.
Conto A neve co comunicador
8. Elaboráronse as transparencias do vídeo da mesa de luz que serve como apoio visual ao conto Xan de Miñó, interpretado polo alumnado na gala do proxecto en Santiago de Compostela.
Xan de Miñó en mesa de luz
9. Gravouse en vídeo o conto Xan de Miñó en lingua de signos para a súa publicación na web do Museo do Pobo galego.
Xan de Miñó en lingua de signos
10. Levouse a cabo unha contada no centro para a comunidade educativa.
Contada no centro educativo
11. Elaboráronse agasallos para as familias participantes no proxecto, o que nos permitiu establecer tamén unha relación co proxecto dos Polos Creativos que se levou a cabo no centro.
Material elaborado para as familias participantes no proxecto
Metodoloxía
No noso centro de educación especial temos unha forma de traballar que, malia algúns denominárena como «diferente», o certo é que non o é. Simplemente tratamos de axustar a resposta educativa ás necesidades reais do alumnado atendendo ás súas características persoais e facilitándolle o acceso ao mundo no que está a vivir.
Nós non vemos limitacións, vemos posibilidades e retos. Que o noso alumnado non ten linguaxe oral, pois empregamos os comunicadores para que se comuniquen con nós e nos conten as súas historias. Que o noso alumnado ten dificultades de audición ou de comprensión; pois empregamos a lingua de signos como medio de comunicación ou de reforzo. Que o noso alumnado ten dificultades na comprensión, pois empregamos pictogramas ou imaxes para facilitárllela.
Como se dixo ao principio, neste proxecto compartimos contos de tradición oral, si, pero fixémolo dun xeito inclusivo e accesible, de forma que o noso alumnado foi quen de contar e de comprender as historias que lle foron contadas.
En todos os centros educativos hai alumnado con necesidades e nós queriamos aproveitar a oportunidade para facer ver que é posible facelos partícipes en todas as actividades por moi complicado que nos poida parecer.
Avaliación
Neste apartado, cómpre destacar que a maioría dos obxectivos establecidos neste proxecto están relacionados cos das programacións individuais que para cada alumno e alumna foron elaboradas no centro educativo polo que foron avaliados no día a día.
Os titores e especialistas levamos tamén a cabo unha avaliación continua e globalizada no que se refire á participación e implicación do alumnado no proxecto, pero tamén realizamos unha avaliación continua deste, coa finalidade de valorar o seu progreso e no que fomos realizando as melloras oportunas e engadindo novos «retos».
As diferentes interpretacións e gravacións realizadas polo alumnado serviron tamén como unha proba de observación e seguimento do seu magnífico traballo e evolución.
Na nosa práctica diaria, a observación e comunicación directa e fluída entre os diferentes docentes que lle damos clase ao alumnado foi unha peza fundamental para o seu desenvolvemento e progreso, polo que foi tamén un eixe principal na avaliación deste proxecto.
Conclusións
O certo é que este proxecto foi toda unha experiencia tanto para o profesorado coma para o alumnado participante nel. Para o alumnado, porque supuxo a realización de actividades novas (recollida de contos, transcricións…) e vivencia de experiencias diferentes e moi enriquecedoras (ensaios, gravacións, actuacións en directo ante descoñecidos…) e para o profesorado, polo grao de implicación e (auto)esixencia que supuxo sacalo adiante pero, sen dúbida, pagou a pena.
O último día lectivo levamos a cabo unha contada para todo o centro. Unha contada inclusiva e accesible na que o noso alumnado era o protagonista, tanto o que estaba subido no escenario coma o que estaba sentado escoitando e mirando as diferentes historias.
Foi un momento moi emocionante… Os nervios do alumnado que ía participar, a expectación do resto de alumnos e alumnas e do persoal docente e non docente que non os vira na gala, os berros de ánimo, as ovacións finais… Pero, quizais, o mais entrañable sexa o orgullo das familias ao ver os seus fillos e fillas actuar.
Cando os nenos e nenas son escolarizados no noso centro, as familias viven unha especie de dó porque senten que a súa idea de ter unha vida «normalizada» se evapora. Cústalles moito comprender que non é así, que nós estamos, xustamente, para axudar os seus fillos a conseguir aprendizaxes e destrezas que nos centros ordinarios non lles poden ofrecer e que lles van ser de utilidade no seu día a día. Ofrecémoslles vivencias e experiencias novas que os enriquecen, elevan a súa autoestima e os fan formar parte real da sociedade. E este proxecto foi unha delas.
Non foi un traballo sinxelo, non nos imos enganar, pero, se por algo se caracteriza o noso centro, o CEE Vilagarcía de Arousa, é por ser un centro de educación especial que lle ofrece ao seu variado alumnado o maior número de experiencias posibles que facilitan a súa autonomía e independencia á vez que desenvolven as súas habilidades sociais e capacidades cognitivas e favorecen a súa autoestima, socialización e inclusión, e no que hai docentes moi implicados que dan o mellor de si traballando sempre en beneficio do alumnado.
Nós tiñamos todos os elementos para facer deste un proxecto único e especial (coma nós!) e cremos que o conseguimos.
Agradecementos
Para que un proxecto de centro saia ben e funcione, é moi importante o traballo en equipo e quero aproveitar para darlles as grazas a todas as compañeiras que se animaron a vivir esta aventura e por acoller con ilusión, moito traballo e dedicación todos os novos retos que nos iamos poñendo polo camiño. Foi un pracer compartir esta experiencia con vós.
Aproveitar tamén para lle dar as grazas á Fundación Antonio Fraguas Fraguas por contar co noso centro no seu proxecto. O certo é que non as tiñamos todas con nós sobre se seriamos admitidos ou non porque xa non é a primeira vez que nos exclúen de algo similar por ser un centro de educación especial. De feito, o día que recibimos a chamada, pensabamos que era para xustificar o non sermos elixidos, pero foi unha gran e agradable sorpresa descubrir que era para todo o contrario, xa que estaban moi ilusionados coa nosa participación.
Agradecerlle tamén a todo o persoal que organizou a gala a súa infinita paciencia e a súa atención para que o noso alumnado se sentise a gusto en todo momento.
E xa por último darlle unhas infinitas GRAZAS a todo o noso alumnado. Non son quen de explicar con palabras o que sinto agora mesmo, pero vén sendo unha mestura de agradecemento, admiración e puro amor por todos vós. Oxalá proxectos coma este sirvan para darvos a voz e visibilidade que vos corresponde e merecedes.