Wonderful Women

Un recurso en inglés para achegar a perspectiva de xénero á aula de xeito globalizado
Neste artigo explórase o recurso Wonderful Women, deseñado en lingua inglesa para traballar a figura de diferentes mulleres ao longo do curso, cada unha delas ligada a unha das conmemoracións do calendario escolar e acompañada dunha proposta plástica para levar a cabo na clase de Arts.

Alba Lorenzo Miguéns, docente de Inglés
EEI Fernández Varela (Pobra do Caramiñal-A Coruña)
María Lorenzo Miguéns, docente de Educación Primaria
CEIP Baño-Xanza (Valga-Pontevedra)

 

 

1. Contextualización e xustificación do proxecto

O recurso Wonderful Women foi un proxecto deseñado para a área de Lingua Estranxeira (Inglés) e para a materia de Educación Artística (Plástica), de xeito que pode ser empregado tanto na aula de inglés ordinaria coma naquelas aulas nas que a materia de Plástica se imparta en inglés debido á existencia dunha sección bilingüe. É esta unha realidade en moitos centros nos que o docente de Inglés a miúdo desenvolve paralelamente ambas as áreas, de xeito que o proxecto permite integralas e traballar dun modo globalizado dándolle continuidade aos contidos da aula de Inglés na clase de Plástica.

 

 Recurso Rosalía

 

Cada unha das unidades de traballo propostas desenvólvese arredor de tres grandes eixes de acción. Por unha banda, trabállase unha figura feminina de especial relevancia con actividades propias da aula de Inglés. En segundo lugar, esta figura feminina está sempre relacionada cunha das efemérides do calendario escolar, facilitando o traballo arredor deste tipo de eventos dentro da aula. Por último, ao final de cada unha das unidades de traballo proponse un proxecto artístico para levar a cabo nas sesións de Educación Artística, pechando así o círculo.

A idoneidade e necesidade deste proxecto xustifícase a diferentes niveis. Por un lado, son necesarios materiais que axuden a integrar na aula a perspectiva de xénero e que poñan en valor a relevancia de figuras femininas ao longo da historia en diferentes ámbitos para que poidan servirlles de referente ás xeracións máis novas. Por outra banda, o feito de que cada unidade se atope ligada a unha efeméride do calendario escolar, permite traballar coñecementos transversais promovendo a convivencia no centro escolar a través das celebracións para as que ás veces o tempo na aula se ve limitado. Por último, este material permite integrar os valores da igualdade de xénero en diferentes áreas ao traballar simultaneamente a lingua inglesa e a arte.

 

2. Descrición do recurso e proposta de aplicación na aula

O recurso Wonderful Women consiste nunha serie de dez unidades de aprendizaxe, cada unha dedicada a unha figura feminina de especial relevancia. Deste xeito, cada unha delas xirará arredor dunha muller recoñecida polas súas achegas en diferentes campos de coñecemento, como Amelia Earhart, Mary Anning, Rosalía de Castro, Malala ou Emmeline Punkhurst. A selección destas figuras foi realizada tendo en conta as suxestións da orde do calendario escolar sobre conmemoracións, de xeito que cada unha das mulleres seleccionadas está relacionada con algunha das conmemoracións que se traballan ao longo do curso, como o Día da Arte, o Día Mundial da Saúde, o Mes da Ciencia etc.

 

Recurso Día das Persoas con Discapacidade

 

Aínda que o recurso está deseñado para o sexto curso de educación primaria, dadas as súas características é facilmente utilizable no cuarto e no quinto nivel desta mesma etapa educativa, incluso extensible ao primeiro curso da educación secundaria obrigatoria. A serie de dez unidades está pensada para ser empregada ao longo do curso, cunha temporalización anual, comezando en setembro e rematando en xuño, xa que se inclúe unha unidade de traballo por mes lectivo. A intención é a de empregar o material como un recurso transversal co que traballar a perspectiva de xénero, a promoción da convivencia a través das conmemoracións, o inglés e a arte ao longo do curso escolar. Malia todo, o recurso tamén pode ser empregado de xeito illado para traballar contidos concretos nun momento puntual, xa que cada unidade é totalmente independente do conxunto. Ademais, o recurso foi deseñado para que o alumnado poida ser autónomo ao empregalo e que o mestre desenvolva o papel de guía, solucionando pequenas dúbidas que poidan xurdir e avaliando o desempeño dos nenos e nenas. Para facilitar a autonomía do alumnado, a estrutura de cada unidade é similar, as actividades son na súa maior parte autocorrixibles e engadíronse rúbricas que permiten a autoavaliación por parte do alumnado.

En cada unha das dez unidades de traballo, o alumnado terá a oportunidade de aprender sobre a vida de cada unha destas mulleres, practicar vocabulario en inglés relacionado coa temática obxecto de estudo e facer un proxecto final artístico que se incorpora ao final de cada unidade.

 

3. Ferramentas empregadas

A ferramenta coa que se elaborou o recurso foi ExeLearning. Trátase dunha ferramenta de código aberto que permite a creación de contidos educativos dun modo sinxelo por parte do profesorado e o manexo do recurso de forma intuitiva por parte do alumnado. No relativo ao deseño, ExeLearning permitiu crear un recurso distribuíndo os contidos en forma de árbore organizando os seus apartados dun xeito visualmente atractivo e fácil de entender. Ademais de presentar unha interface sinxela, Exelarning permitiu engadir diferentes tipos de recursos ás unidades de traballo, desde textos simples, enlaces a páxinas de interese, inserción de vídeos e imaxes etc. Do mesmo xeito, permitiu incluír un amplo abano de actividades interactivas, como actividades de completar ocos, de resposta múltiple, trivial, galerías de imaxes actividades de verdadeiro ou falso etc.

Desde o punto de vista do alumnado, ExeLearning permite a presentación en formato páxina web, de modo que o resultado se traduce en unidades de traballo nas que o alumno pode navegar de xeito autónomo. Por último, esta plataforma permite exportar o traballo realizado en formato SCORM e HTML, o cal posibilita o seu uso en diferentes plataformas, incluso en E-Dixgal. En canto aos recursos inseridos no material, intentouse que fosen na súa maior medida orixinais e, por iso, os textos son adaptacións propias, as imaxes pertencen a bancos gratuítos de imaxes ou ben foron realizadas empregando intelixencia artificial e todos os materiais relacionados cos proxectos de plástica son propios.

 

4. Obxectivos

En relación co Real Decreto 157/2022, do 1 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación primaria, e co Real decreto 157/2022, do 15 de setembro, traballaranse diversos obxectivos xerais da etapa que poden verse na guía do recurso. No relativo aos obxectivos concretos, podemos clasificalos da seguinte forma:

  • Coñecer e valorar a relevancia que diferentes figuras femininas tiveron ao longo da historia en diferentes campos.
  • Comprender o sentido xeral e específico de textos escritos e orais breves e sinxelos expresados en lingua inglesa.
  • Apreciar e respectar a diversidade lingüística, cultural e artística a partir da lingua estranxeira.
  • Participar do deseño, elaboración e difusión de pequenas creacións artísticas tanto individuais coma colaborativas, co fin de desenvolver a creatividade.
  • Aprender a manexar de xeito autónomo o recurso dixital, navegando a través del con seguridade.
  • Coñecer, respectar e participar das diferentes conmemoracións que se celebran nos centros de educación primaria ao longo do curso escolar.

 

5. Secuenciación e descrición dos contidos abordados

O proxecto está divido en dous bloques: Wonderful Women (I) e Wonderful Women (II), por cuestións técnicas. O primeiro bloque contén as unidades 1 a 5; mentres que o segundo bloque contén as unidades 6 a 10. Ambos os recursos teñen unha mesma estrutura e conservan algúns elementos similares. Así, a páxina de inicio (onde podemos atopar a descrición do proxecto, as ferramentas útiles ou a documentación do recurso) pode visualizarse en calquera dos dous bloques. Ocorre o mesmo coa sección de «Créditos» que pode verse ao final do menú de unidades. Para comprender mellor a estrutura do proxecto e a secuenciación de contidos pode observarse a seguinte táboa:

Táboa 1. Estruturación dos contidos nas unidades de traballo

 

Tal e como xa se avanzou, todas as unidades presentan a mesma estrutura para facilitar o uso do recurso tanto por parte do profesorado coma por parte do alumnado. Na páxina de inicio, que podemos atopar en ambos os bloques, o alumnado e o profesorado poderán ver unha breve descrición do proxecto, un apartado con ferramentas útiles (enlaces a dicionarios bilingües, enciclopedias e tradutores), un apartado que inclúe a documentación do proxecto (a guía didáctica e o manual de uso) e un apartado de avaliación do propio recurso que conta cun formulario no que se lles poden proporcionar comentarios sobre este ás autoras.

 

Páxina de inicio do recurso

 

Na marxe esquerda, os usuarios atoparán un menú coas diferentes unidades de traballo. Dentro de cada unha das unidades, ábrese unha estrutura en árbore que sempre contará coas mesmas lapelas para facilitar a navegación por parte de profesorado e alumnado. Así, a primeira lapela sempre irá dedicada a explorar a figura da muller que se está a estudar. Neste apartado o alumnado atopará datos biográficos en lingua inglesa en formato vídeo, texto e imaxes. Nesta mesma sección atoparanse a continuación actividades interactivas e preguntas de comprensión lectora que lle permitirán ao alumnado asimilar a información que se acaba de expor.

 

Exemplo da lapela 1 nas unidades

 

A segunda lapela contén sempre información relacionada co tema transversal que se vai tratar, tendo en conta o calendario escolar que inclúe tamén diferentes actividades interactivas. A terceira lapela, «Vocabulary help», contén un vocabulario en formato interactivo para axudar a comprender os diferentes textos e actividades de cada unidade. Na lapela número catro poderá visualizarse o proxecto artístico proposto para cada unidade, un traballo que sintetizará os elementos traballados desde unha perspectiva artística enmarcada nos contidos da materia de Educación Artística (Plástica).

 

Exemplo proxecto artístico na lapela 4

 

Por último, a lapela cinco contén a sección «Assessment», xa que ao final de cada unidade tanto alumnado coma profesorado atoparán unha lapela de avaliación na que, a través dunha rúbrica autocorrixible, poderán avaliar o nivel de adquisición de coñecementos.

 

Exemplo da lapela 5 de avaliación

 

Para rematar, ao final das unidades de traballo, pode verse sempre a lapela «Créditos» onde se poden consultar os créditos e a autoría do recurso, así como a tipoloxía das licenzas empregadas.

En canto aos contidos traballados, podemos destacar os seguintes:

  • Comprensión, produción e coprodución de textos orais, escritos e multimodais. Vocabulario específico nas artes plásticas e visuais.
  • Experimentación e expresión a través de medios, soportes e materiais de expresión plástica e visual, incluídos os formatos artísticos contemporáneos.
  • Estratexias básicas de análises de propostas artísticas desde unha perspectiva de xénero.

 

6. Metodoloxía

A metodoloxía empregada baséase nos principios CLIL/AICLE, que promove un enfoque integrador das aprendizaxes tomando a lingua como elemento vertebrador e condutor destas. É por este motivo polo que o recurso pode adaptarse para ser desenvolvido na aula ordinaria de inglés ou nas aulas de plástica das seccións bilingües dos centros de EP. Deste xeito, neste recurso a lingua inglesa presentada de man das TIC, será o eixe central a través do cal se ramificarán o resto de contidos. Partindo da lingua como o núcleo da aprendizaxe, o alumnado terá a oportunidade de achegarse a contidos dun xeito transversal e non compartimentado afondando neles desde unha perspectiva globalizadora. O inglés e as TIC serán, polo tanto, as canles que permitan achegarse ás ciencias, á educación para a saúde, á educación para a igualdade de xénero, á educación para a sustentabilidade, á educación para a paz, á educación artística etc. A liña metodolóxica do recurso pode verse sintetizada no seguinte gráfico:

 

 

A liña metodolóxica do recurso buscará desenvolver a competencia comunicativa do alumnado en inglés, tendo como referencia o Marco común europeo de referencia para as linguas e desenvolvendo un enfoque comunicativo. Por este motivo, intentouse integrar nas actividades as catro destrezas lingüísticas na medida do posible (reading, listening, speaking e writing) sen esquecer a dimensión cultural da linguaxe. A metodoloxía empregada dálle prioridade á aprendizaxe a longo prazo, axudando a que o alumnado resolva problemas de xeito creativo e que o mestre adquira o rol de guía e acompañante.

 

7. O traballo das competencias

O feito  de que o recurso permita traballar de xeito globalizado e integrador diferentes contidos confírelles especial relevancia ás competencias. Ao longo do recurso, o alumnado terá a oportunidade de desenvolver, por exemplo, a competencia en comunicación lingüística que se traballa ao longo de todo o recurso, xa que o alumno debe interactuar con este de xeito oral e escrito. A competencia plurilingüe trabállase mobilizando coñecementos que permitan interpretar as mensaxes en lingua inglesa co fin de acadar a competencia comunicativa do alumnado. No que relativo á competencia matemática e en ciencia (STEM), esta trabállase naquelas unidades de traballo dedicadas a mulleres que tiveron o seu campo de acción na ciencia. A competencia dixital ocupa, por suposto, un lugar privilexiado, xa que se desenvolve ao longo de todo o recurso promovendo o uso seguro, saudable, crítico e responsable da tecnoloxía dixital. A competencia persoal, social e de aprender a aprender foméntase promovendo a capacidade de reflexionar sobre o propio proceso de aprendizaxe coa autoavaliación, mentres que a competencia cidadá se traballa principalmente con aqueles contidos relacionados coa adopción dos valores democráticos e dereitos humanos (a unidade dedicada a Malala, por exemplo). Por último, a competencia en consciencia e expresións culturais trabállase ao desenvolver o proxecto artístico de cada unidade.

 

8. A atención á diversidade a través do recurso

Para atender a diversidade da aula, o recurso centrouse nas seguintes liñas de atención á diversidade:

- Adaptación aos distintos ritmos de aprendizaxe do alumnado: o recurso é de fácil seguimento de maneira autónoma, pois todas as unidades de traballo teñen a mesma estrutura e, polo tanto, unha vez que se traballe coa primeira, as seguintes rexeranse por un mesmo esquema. Isto permite que cada alumno traballe nas unidades seguindo o seu propio ritmo de aprendizaxe.

- Adaptación aos diferentes niveis da aula: as actividades que se propoñen presentan diferentes niveis de dificultade, por iso atoparemos actividades que serán un repaso dos contidos xa vistos na aula de inglés, actividades de nivel intermedio e actividades de ampliación. Ademais, na páxina de inicio do recurso, inclúense enlaces a ferramentas de utilidade coma dicionarios e enlaces de interese.

- Adaptación aos diferentes estilos de aprendizaxe: as unidades de traballo incluirán diferentes tipos de recursos, desde os textuais, audios, vídeos, presentacións etc. O feito de combinar as habilidades escritas coas orais, visuais e incluso as artes plásticas, fai que o recurso se adapte aos diferentes estilos de aprendizaxe que poida haber na aula.

- Adaptación aos diferentes intereses e motivacións: cada unidade de traballo está centrada nunha temática diferente de xeito que os diferentes intereses e motivacións do alumnado teñen cabida na aula.

Por outra banda, este recurso está deseñado tendo en conta as pautas DUA (deseño universal para a aprendizaxe) e por iso se teñen en conta os seus principios. Entre outros, podemos citar os seguintes:

  • Incorporouse a barra de accesibilidade BatexeGo, que permite cambiar a tipoloxía e o tamaño da fonte e empregar un lector de texto a son.
  • O recurso permite cambiar o tamaño da fonte.
  • Utilízase a negriña para resaltar os elementos máis importantes.
  • Empréganse símbolos para clarificar a tipoloxía das actividades.
  • Empréganse equivalentes visuais para complementar a información textual.
  • Empréganse subtítulos nos vídeos.
  • Empréganse enlaces a recursos externos, como dicionarios.
  • Combínanse actividades dixitais con actividades de aula, como debates, actividades por parellas ou actividades para desenvolver no caderno.

 

 9. A avaliación

O recurso Wonderful Women prevé un proceso de avaliación a diferentes niveis. Por unha banda, para avaliar o alumnado, propóñense os seguintes criterios de avaliación:

  • Recoñecer, interpretar e analizar o sentido global e específico en textos de tipoloxía variada, orais, escritos e multimodais sinxelos.
  • Producir obras propias básicas utilizando diferentes posibilidades expresivas e mostrando confianza nas capacidades propias.
  • Manexar o recurso con certa autonomía.
  • Valorar a relevancia que diferentes figuras femininas tiveron ao longo da historia en diferentes campos.
  • Reflexionar criticamente sobre os estereotipos de xénero.
  • Amosar interese por coñecer as diferentes conmemoracións que se realizan ao longo do curso.

A avaliación do alumnado levarase a cabo desde dúas perspectivas. Por unha banda, coa heteroavaliación por parte do mestre facendo un seguimento individualizado a través da observación directa daquelas tarefas que sexan especificamente para elaborar no caderno de aula ou na análise dos proxectos artísticos. Como complemento, na sección de «Assessment» o mestre pode atopar unha rúbrica descargable que contén ítems para avaliar o desenvolvemento do alumnado en cada unha das diferentes unidades. Por outra banda, o alumnado pode desenvolver un proceso de autoavaliación ao longo de todo o recurso. En primeiro lugar, no momento de realización de cada tarefa, xa que a maioría das actividades ofertadas son autocorrixibles. En segundo lugar, ao finalizar cada unidade de traballo o alumno atopará na pestana «Assessment», un apartado específico para autoavaliarse empregando unha rúbrica que lle proporcionará unha puntuación sobre o nivel de adquisición de coñecementos.

Cómpre sinalar que para testar a eficacia do recurso, tamén se propón a súa avaliación. Na páxina de inicio, na sección «Avaliación e suxestións», o profesorado que empregue o recurso atopará un cuestionario Google Forms que permite a retroalimentación e valoración do uso do recurso.

 

10. Conclusións

O recurso Wonderful Women confeccionouse co obxectivo de lles ofrecer aos docentes que imparten a materia de Lingua Estranxeira e as seccións bilingües da materia de Educación Artística un recurso que permite estender o traballo dunha a outra área. Esta opción permítelle traballar dun modo global tanto ao profesorado coma ao alumnado que participan nestas materias, xa que que poderán ver unha relación de continuidade entre os contidos que se artellan en ambas. O feito de elixir como eixe temático a perspectiva de xénero non é casual. A falta de referentes femininos nos materiais didácticos incrementa a desigualdade e, polo tanto, é esencial incorporar aos contidos da aula este tipo de referencias a figuras femininas relevantes en diferentes campos que contribúan a seguir promovendo a equidade entre xéneros. Por último, cómpre sinalar que ás veces resulta complicado dedicarlles tempo ás diferentes conmemoracións que se recollen no calendario escolar. Aínda que se trata de recomendacións, é ben interesante traballar este tipo de efemérides desde unha perspectiva transversal, xa que nos permite introducir na aula diferentes áreas de coñecemento coma a saúde, a ciencia, a diversidade ou a arte, que ademais ofrecen a posibilidade de traballar profundamente as competencias. Ao confeccionar Wonderful Women, quixemos aglutinar nun só recurso catro dos grandes eixes que vertebran o noso currículo: a lingua, o uso das TIC, a perspectiva de xénero e os temas transversais.