O Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix)

O think tank da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, impulsa a modernización do ecosistema educativo galego

 

Este think tank configúrase como unha plataforma de ideas, de reflexión, investigación e análise. Os seus resultados permiten guiar e basear a toma de decisións e o deseño de estratexias educativas consonte as necesidades e a potencialidade do ecosistema educativo galego.

O Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix) é unha institución que bota a andar en decembro de 2022. Depende da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e xorde co obxectivo de facerlles fronte aos retos de futuro e á modernización da ensinanza. En virtude do Decreto 204/2022, do 24 de novembro, o CIEDix estase a consolidar como un dos alicerces clave na mellora dos procesos educativos en Galicia.

Situado no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, ten como misión identificar, diagnosticar e obter conclusións sobre a realidade educativa para posibilitar a súa transformación a través da I+D+i e da integración das tecnoloxías.

 

Edificio Fontán

 

As principais funcións do centro inclúen a investigación e o deseño de modelos metodolóxicos para optimizar os procesos de ensino, aprendizaxe e avaliación; o estudo e a análise de recursos educativos que permitan mellorar o proceso de ensino-aprendizaxe e a competencia dixital; e a adaptación dos espazos educativos e o seu equipamento aos cambios organizativos e metodolóxicos. Alén diso, encárgase do deseño e avaliación de proxectos innovadores e da elaboración de estudos e informes no ámbito da dixitalización e innovación educativas.

O Centro de Innovación Educativa e Dixital aspira a ser un centro de referencia nacional e internacional en innovación educativa e dixital, recoñecido pola súa excelencia. Os seus valores céntranse na integridade profesional, o compromiso a prol da investigación e da innovación educativa, a adopción dunha actitude proactiva para a colaboración con distintas institucións e o compromiso institucional coa comunidade educativa e a sociedade de Galicia. 

 

Recepción

 

Obxectivos e áreas de traballo

Os obxectivos estratéxicos do CIEDix son fomentar un ecosistema de educación dixital de calidade, mellorar as habilidades dixitais de profesorado e alumnado, pilotar a implantación de novos recursos e metodoloxías innovadoras, e favorecer a inclusión educativa para garantir a equidade. Para acadar estes obxectivos, conta con tres áreas de traballo: a de I+D+i, a de transferencia de coñecemento e internacionalización, e a área de transformación dixital e STEAM.

Con respecto á primeira área de traballo, no eido da investigación, desenvolvemento e innovación, os equipos de traballo especializados ofrecen apoio á investigación educativa en colaboración cos centros educativos, coa Administración autonómica, as universidades, grupos de investigación e entidades nacionais e internacionais. Así pois, trabállase na potenciación, deseño e acompañamento do desenvolvemento de recursos, estratexias, actividades, tarefas e métodos cunha sólida base científica e con contrastes reais nos centros educativos. A partir de aí, xéranse propostas educativas innovadoras para levar a cabo na práctica a pé de aula.

Na área de transferencia de coñecemento e internacionalización, deseñan e implementan modelos, procedementos, proxectos e recursos para a transferencia de coñecemento educativo. Esta transferencia atinxe tanto o coñecemento propio da competencia profesional docente como sobre o propio sistema educativo. Un dos aspectos destacados é a creación de redes de desenvolvemento profesional educativo, tanto no que corresponde a aspectos didácticos coma organizativos de xestión ou de orientación persoal, educativa e vocacional.

No que atinxe a terceira área de traballo, a de transformación dixital e STEAM, impulsan, en colaboración con outras entidades, a transformación dixital en centros educativos a diferentes niveis e en ámbitos de hardware e software, dentro dos marcos normativos, éticos, de seguridade e privacidade. Así mesmo, favorecen o desenvolvemento de metodoloxías que contribúan á participación e exercicio da cidadanía responsable e á educación STEAM, transversal a todos os eidos e materias, con especial atención á inclusión e á apertura cara a toda a comunidade.

 

Principais proxectos do centro

Entre os proxectos máis destacados do CIEDix figuran Ágora Dixital e Lenzo. Con respecto ao primeiro, Ágora Dixital proporciona un punto de encontro onde o profesorado poida atopar estratexias, ideas e recursos fiables sobre temática STEAM e dixital. Inspirada na Grecia Antiga, esta ágora dixital configúrase como unha praza aberta onde o persoal docente pode encontrar información en seis espazos dixitais distintos: LAB-Microsecuencias, LAB-Espazos, LAB-Estratexias, LAB-Expert, LAB-Ideas e LAB-IA.

O LAB-Microsecuencias conta con pílulas STEAM en aberto e reutilizables, tanto para aprender de maneira flexible coma para levar á aula dun xeito inmediato. As microsecuencias fomentan a aprendizaxe experimental seguindo o modelo indagativo, manipulativo e o pensamento de deseño. Tal e como a súa denominación indica, están secuenciadas paso a paso para poder replicárense de maneira sinxela nun período de tempo curto, por exemplo, dentro dunha sesión de clase. Ademais, están testadas en contextos reais de aula.

O LAB-Espazos contén consellos para guiar a transformación de espazos educativos, así como para a creación de novos espazos de aprendizaxe innovadores. Preséntanse ideas prácticas, exemplos inspiradores e propostas innovadoras para facilitar a experimentación e a aprendizaxe activa fóra e dentro da aula.

O LAB-Estratexias presenta achegas para coñecer e implementar diversas metodoloxías e estratexias de ensino-aprendizaxe na aula. Ofrece recursos prácticos e exemplos detallados que lle permiten ao persoal docente innovar nas súas prácticas pedagóxicas, mellorar a implicación do alumnado e fomentar unha aprendizaxe máis efectiva e participativa.

O LAB-Expert ofrece entrevistas e opinións de persoas expertas sobre tendencias emerxentes na educación actual, o STEAM e a dixitalización. Condensamos o coñecemento, a experiencia e a visión de persoas referentes nestes eidos e presentámolo en vídeos de curta duración, que versan sobre aspectos de actualidade como, por exemplo, a introdución da intelixencia artificial nas aulas ou a convivencia positiva.

O LAB-Ideas fornece un punto de información relevante e actualizada para a comunidade educativa sobre recursos, convocatorias, premios, eventos, formacións e  proxectos, entre outros. É, xa que logo, o espazo onde o profesorado poderá atopar información oportuna para o seu desenvolvemento e actualización. Ademais, promove a participación en iniciativas innovadoras e fomenta a colaboración e intercambio de experiencias dentro da comunidade educativa.

Por último, o LAB-IA proporciona información relacionada coas tecnoloxías intelixentes, nomeadamente vinculada coa integración da intelixencia artificial (IA) nas escolas. Integrar a IA nos centros educativos é un reto significativo, pero tamén representa unha oportunidade de mellora da práctica docente. Para acompañar o profesorado nesta andaina, ofrecen pílulas de información e recursos.

O segundo proxecto destacado do Centro de Innovación Educativa e Dixital é Lenzo. Lenzo nace co obxectivo de impactar dun modo inmediato no traballo diario do profesorado e de mellorar os espazos dixitais dos centros e da calidade estética dos materiais educativos.

Baixo o lema de «Lenzo. A educación con boa pinta», estase a artellar un portal colaborativo de recursos gráficos e audiovisuais. Todos os recursos dispoñibles, imaxes, vídeos e sons, están contextualizados no ensino e na contorna galega. Son recursos feitos por profes para profes. Compartiranse baixo a licenza Creative Commons BY-SA co fin de facilitar a súa divulgación e uso por parte da comunidade educativa galega. Alén diso, este modo de traballar busca promover o respecto polos dereitos de autoría e unha cultura que fomente a autoría e a expresión creativa.

O proxecto Lenzo aspira a transformar a maneira en que o profesorado accede e utiliza recursos audiovisuais no seu traballo diario. A premisa fundamental é a de facilitar a vida do persoal docente proporcionando recursos audiovisuais e ferramentas que garantan a calidade e a pertinencia dos contidos empregados nas aulas. O profesorado dedica un tempo significativo procurando recursos en plataformas ou motores de busca en Internet, ou mesmo creando os seus propios materiais audiovisuais. Lenzo proporcionaralle un repositorio coidadosamente curado de recursos seguros e de alta calidade, que cumpren coa normativa en materia de dereitos de autoría. Tendo en conta a evolución do mundo da imaxe xenerativa por parte da intelixencia artificial, Lenzo pretende compensar esta irrupción cunha ferramenta, a modo de repositorio de recursos de autoría, que fomente a creación no contexto galego sen perder o proceso creativo destas disciplinas.

Para garantir a relevancia dos recursos de Lenzo, as imaxes, vídeos e sons creados están aliñados coas realidades das aulas galegas e cos plans de estudos vixentes . Así, por exemplo, na primeira fase do proxecto Lenzo, está previsto que o repositorio conte con fotografías e vídeos de recursos do patrimonio cultural e natural de todas as comarcas da xeografía galega.

Alén destas dúas iniciativas, Ágora Dixital e Lenzo, o Centro de Innovación Educativa e Dixital traballa na avaliación, análise e testaxe de recursos e produtos educativos de diversa índole. Neste ámbito de actuación e en colaboración co Servizo de Avaliación do Sistema Educativo, o CIEDix está a desenvolver a pilotaxe en vinte e cinco centros de educación infantil e primaria dunha ferramenta de psicometría adaptativa para a avaliación da aprendizaxe das matemáticas. Esta pilotaxe atinxe a grupos diversos de alumnado e profesorado de cuarto de primaria.

Por outra banda, co obxectivo de fomentar o STEAM, o CIEDix traballa na creación dunha rede que aglutine clubs de ciencia, así como profesorado e alumnado que participan no programa STEMbach en Galicia. Esta rede busca promover a cooperación e o intercambio de coñecementos e experiencias dos seus membros, facilitando o desenvolvemento de proxectos conxuntos e incrementando o interese pola ciencia e a tecnoloxía en Galicia. Está prevista a organización de eventos e encontros que contribúan a enriquecer a experiencia educativa e profesional de todos os axentes implicados, fortalecendo así o tecido científico, tecnolóxico e educativo do país.

O CIEDix traballa colaborativamente con outras entidades como universidades, centros tecnolóxicos, de investigación e de EdTech, tanto en Galicia como no ámbito  estatal e internacional. O obxectivo é crear e fortalecer vínculos de colaboración entre o ámbito académico, a industria e a realidade educativa diaria nas aulas. Esta colaboración busca fomentar a innovación educativa e a transferencia de coñecemento, garantindo que as últimas investigacións e tecnoloxías cheguen directamente ao contexto educativo, beneficiando así a estudantado e profesionais do ensino. Ao mesmo tempo, proporciona información para garantir a relevancia das investigacións, asegurándose de que estas respondan ás necesidades e desafíos reais do ámbito educativo. Para facilitar que se cumpra este obxectivo, estase a perfilar a posibilidade de ofrecer as instalacións e equipamento do CIEDix para que alumnado universitario de programas de estudo oficiais relacionados coa educación e a dixitalización poidan desenvolver estadías de investigación e prácticas no centro.

 

Licenzas por formación e visitas para coñecer o CIEDix

En todo caso, quen previsiblemente xa se poderá beneficiar de estadías no Centro de Innovación Educativa e Dixital é o persoal docente destinado en centros educativos públicos dependentes da Consellería ao abeiro da convocatoria de licenzas por formación para o curso académico 2024/25. Está prevista a oferta de licenzas individuais e en grupo de traballo de dous ou tres membros para a elaboración de materiais en estadías de experimentación e creación no CIEDix. Estas teñen por obxecto ofrecerlle ao profesorado a oportunidade de testar e experimentar con recursos tecnolóxicos e audiovisuais innovadores para desenvolver secuencias didácticas empregando as ferramentas, materiais, dispositivos e produtos dos que dispón o centro, logo da súa testaxe e investigación, baseadas nos métodos indagativo e/ou de deseño e seguindo o formato e instrucións que especifique o CIEDix.

Con respecto ás instalacións, o centro conta con espazos de traballo especializados e equipamento de última xeración que atinxe unha ampla gama de ferramentas tecnolóxicas. Entre os seus espazos, destacan as zonas Maker, STEAM e as áreas de produción audiovisual profesional.

 

Zona Maker

 

Con respecto ás primeiras, as zonas Maker e STEAM están equipadas con dispositivos e ferramentas de impresión 3D de resina e filamento, cortadora láser, control numérico, escaneado 3D, robótica, simuladores, realidade virtual, drons, aparellos de medida e control, equipamentos de electrónica, así como medios de proxección interactivos, soporte informático e software específico. Os espazos están deseñados e equipados co fin de fomentar a creatividade, a experimentación, o desenvolvemento de probas e prototipos, a reflexión e a análise, a creación de recursos e produtos educativos e a mellora das competencias profesionais docentes. Cómpre salientar tamén que o centro dispón dunha sala de formación diáfana, dotada de equipos informáticos e mobiliario polivalente e flexible que facilita o traballo colaborativo e a configuración de diferentes espazos de traballo en varios niveis.

 

Interior da zona Maker

 

O persoal docente destinado en centros educativos públicos dependentes da Consellería interesado en coñecer estas instalacións pode solicitar, a través da páxina web do centro, unha cita explicando o motivo da súa visita e a súa área de interese. Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a colaboración e o intercambio de coñecementos entre profesionais da educación, ofrecendo a oportunidade de descubrir novas ferramentas e métodos que poidan ser aplicados por parte do persoal docente nos seus propios centros educativos.

 

 

Sección: