Sabe que consola!

Proxecto interdisciplinario de alimentación saudable
Baixo o enfoque da alimentación saudable, profesorado do CIFP Compostela desenvolve un proxecto interdisciplinario no que se aprende a analizar etiquetas, crear receitas saudables, cociñar pratos saborosos e equilibrados e deseñar negocios de restauración ambiental e laboralmente sostibles; e isto acompasado coa degustación de froitas, froitos secos e bocadillos orixinais. Traballamos en equipo e usamos a tecnoloxía para investigar e crear distintos produtos, que publicamos na nosa wiki e en Instagram.

Olga Amigo Devesa
olga.amigo@edu.xunta.gal
CIFP Compostela (Santiago de Compostela - A Coruña)

 

 

«Sabe que consola!» é o nome do proxecto interdisciplinario do CIFP Compostela centrado na alimentación saudable. Xa con dous cursos de andaina, participamos na modalidade Cociñando con saúde, do Plan Proxecta, con alumnado e profesorado de todos os niveis da formación profesional (FP básica, ciclos medios, ciclos superiores e curso de especialización) e das familias profesionais que se imparten neste centro: Hostalería e Turismo, Artes Gráficas, Industrias Alimentarias e Servizos Socioculturais e á Comunidade.

A base que sostén o proxecto é dobre. Por unha banda, está a vertente social, ofertándolle alimentos saudables ao alumnado nos recreos —froita fresca, leite fresco, bocadillos saudables, froitos secos...— e, pola outra, a vertente educativa de intervención na aula, presentando diferentes liñas de aprendizaxe acaídas ao proxecto curricular de cada grupo. É fundamental equilibrar as dúas liñas de implementación do proxecto, pois a degustación dun obradoiro de bocadillos saudables axuda moito a comprender na aula o necesario equilibrio entre os distintos compoñentes nutricionais nas receitas.

 

Obradoiro de bocadillos saudables

 

Por outra banda, é fundamental darlle proxección pública ao proxecto a través das redes sociais e de diferentes ferramentas tecnolóxicas. No noso caso, contamos cunha conta en

Instagram, sabeqconsola, á que subimos imaxes e vídeos das diferentes actividades, principalmente da cara social do proxecto: repartición de leite fresco, repartición de froita natural, obradoiro de froitos secos e legumes e obradoiro de bocadillos saudables. Isto desenvólvese nos catro recreos dos que dispón o horario do centro: dous son nos dous edificios na quenda da mañá e outros dous na quenda da tarde. Os 1200 alumnos e alumnas matriculados poden participar con distintos roles segundo a ocasión: servindo, elaborando ou degustando. Así mesmo, a esta rede social subimos imaxes e vídeos relatando distintas secuencias da preelaboración e elaboración de diferentes receitas: amasado artesanal do pan, lavado e desinfección da froita, elaboración de sobremesas con parámetros saudables...

Tamén implementamos a faceta de publicidade cunha wiki: «Sabe que consola!», cunha estrutura moi ampla e diversa, ao contarmos con moitos ciclos e modalidades, na que progresiva e acumulativamente imos dando conta de todos os produtos creados nas aulas en cada curso.

Esta frase que lle dá nome ao noso proxecto expresa a intensidade máxima no sabor dun manxar. Por exemplo, en «Esta caldeirada sabe que consola!». Trátase dunha expresión popular moi común noutrora na Costa da Morte, mais actualmente está moi en desuso e quixemos recuperala.

 

 

Nunha primeira sección desta wiki, incorporamos un espazo onde divulgar as actividades do proxecto, sobre todo as de repartición de froita, froitos secos, leite e elaboración de bocadillos saudables.

Na seguinte pestana temos un repositorio documental, etiquetado como «Documentación», onde dispoñemos de información fundamental sobre distintos ámbitos vinculados cunha alimentación saudable: vídeos sobre o impacto da graxa no noso organismo e sobre a alimentación sostible, presentacións cedidas por nutricionistas convidadas a participar en actividades complementarias á formación do alumnado sobre educación alimentaria, presentacións e recursos ofrecidos na formación do profesorado do Plan Proxecta Nutriescolas, recursos varios sobre o impacto negativo da industria alimentaria...

A continuación desta lapela, está a de «Sostibilidade alimentaria», onde se recollen distintas intervencións de aula sobre hábitos de alimentación do alumnado e da contorna. Aquí é onde se atopan os produtos creados na aula vinculados con hábitos de consumo das familias, alimentación de proximidade, globalización alimentaria e economía circular.

Deseguido, aparecen as catro familias profesionais implicadas neste proxecto: Hostalería e Turismo, Artes Gráficas, Industrias Alimentarias e Servizos Socioculturais e á Comunidade. Premendo neles accedemos aos distintos tipos de formación nos que está matriculado o alumnado participante: oferta ordinaria, modular, dual ou cursos de especialización. Se seguimos despregando o índice, acabaremos na materia do curso da especialidade buscada.

Finalmente, pecha o espazo web a webquest «Alimentación saudable», creada pola coordinadora do proxecto para utilizar en cuarto da ESO e Oratoria de segundo da ESO, cando impartía docencia no IES Virxe do Mar de Noia, onde se comezou con esta dinámica de traballo, daquela co proxecto Larapetecible. Cómpre ter en conta a transferibilidade desta webquest a calquera nivel da ESO, FP básica e mesmo ciclos medios e superiores da familia profesional da Hostalería e Turismo. Só hai que adaptar o nivel de esixencia á capacitación do grupo.

Este espazo web «Sabe que consola!» é esencial para recoller todas as producións creadas ao longo do curso e proxéctase como o principal escaparate do proxecto no que participan máis de vinte profesores e profesoras de especialidades, cursos, tipoloxías de formación e materias diferentes.

 

 

Algunhas prácticas de aula que amosamos como exemplos en distintos niveis son:

En primeiro de FP básica da especialidade de Artes Gráficas, na materia de Atención á Clientela, o alumnado creou un libro dixital de receitas saudables baseadas no Plato Harvard ou MyPlate.

En segundo de FP básica, o alumnado da familia de Cociña e Restauración, que lle serve o xantar ao alumnado do CEIP Lamas de Abade, na materia de Comunicación e Ciencias Sociais, levou a cabo un estudo sobre a «aceptación» do menú escolar servido por eles mesmos. Partindo desta experiencia e coa información adquirida na clase, realizaron unha proposta de mellora do menú escolar, incluíndo a posibilidade de prato único, a debate en distintos foros especializados na actualidade.

Nun curso de primeiro de Preimpresión Dixital creáronse carteis e marcapáxinas sobre merendas saudables, que se repartiron entre o alumnado, igual que as Pílulas de alimentación saudable elaboradas polo alumnado do ciclo medio de primeiro de Impresión gráfica.

No ciclo medio de Industrias Alimentarias, na materia de Empresa e Iniciativa Emprendedora, ideáronse proxectos de negocios de restauración baixo as premisas de sostibilidade ambiental, económica e laboral, poñendo nun primeiro plano a conciliación familiar e laboral.

Noutro ciclo medio, neste caso de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, na materia de Apoio Domiciliario, cociñáronse diversas receitas confeccionadas con criterios de alimentación saudable, sostible e adecuada para a etapa etaria correspondente.

 

 

Estamos ante un proxecto que atravesa todo o centro educativo, con espazo para todo aquel profesorado que queira ofrecer o seu grao de area na viraxe a unha alimentación máis saudable, que reduza o impacto negativo da globalización alimentaria, que poña o foco nos alimentos quilométricos e ultraprocesados, para dar paso aos de proximidade e naturais.

Este tipo de proxectos educativos son transversais e transferibles a calquera outro tipo de centro educativo non universitario. Cando menos, nas etapas de educación obrigatoria sería interesante pescudar novos camiños nos que conectar con outros eidos de sostibilidade: o mellor aproveitamento dos residuos orgánicos, a mellora na eficiencia enerxética en todos os procesos asociados á elaboración de alimentos sans, así como afondar na compra de produtos de proximidade e local. Neste ámbito, os centros que dispoñen de comedores escolares deberían ser auténticos referentes da sostibilidade alimentaria.

A obesidade infantil non fai máis que aumentar nas sociedades «modernas» e o sistema educativo non pode permanecer á marxe, moito menos a parte deste que forma os restauradores e gastrónomos do futuro. Velaquí o auténtico reto dun proxecto educativo centrado na alimentación saudable: transformar o sistema educativo que forma profesionais da industria alimentaria, nutrición e restauración, para que muden o actual enfoque e reduzan as cantidades «recomendadas» de azucres, sal e graxas saturadas nas receitas e produtos alimenticios, convertendo a sostibilidade ambiental nun ingrediente imprescindible en toda receita.

Formar persoas críticas que saiban interpretar etiquetas, códigos, imaxes publicitarias que poden poñer en risco a súa saúde... é un campo da educación que non pode esperar, porque a OMS leva moitos anos alertando sobre a asociación entre inxestión de sodio e diversas enfermidades non transmisibles, como a hipertensión, enfermidades cardiovasculares ou accidentes cerebrovasculares; porén, cada vez consumimos máis sal, especialmente nos alimentos ultraprocesados. Cos azucres libres ocorre algo similar: están detrás de moitas enfermidades dentais e do sobrepeso na infancia, pero as bebidas azucradas, galletas, bolos industriais... campan polos recreos. Os cambios na alimentación producidos nas sociedades «modernas» son produto da globalización alimentaria, que só se afronta con gastronomía sostible, que respecte o reloxo biolóxico da natureza, axustando os menús á disposición dos produtos. Esta información obrigatoriamente ten que formar parte da formación da poboación escolar se se quere conseguir o cambio, e a formación do profesorado é motor imprescindible para aproximarse a ese horizonte esperanzador.

 

 

Sección: