O benestar psicolóxico
María Cibrán Freire
mariacibran@edu.xunta.gal
CEIP Bergantiños (Carballo - A Coruña)
O ritmo da vida diaria
Na nosa sociedade actual, especialmente nas grandes urbes dos países occidentais, a vida converteuse nunha vertixinosa e esgotadora carreira contra o reloxo. Os días para a maioría dos habitantes son un transcorrer de sucesivas horas copadas de actividades e rutinas frenéticas sen apenas minutos para a dedicación persoal. Non soamente se alongan os días, senón que a vida parece acontecer máis á présa.
No medio de toda esta trasfega, o número de estímulos que requiren a nosa atención ao longo de cada xornada multiplicouse nos últimos anos debido principalmente ás novas tecnoloxías. Polo tanto, a velocidade e complexidade da nosa sociedade actual ten como resultado un aumento das consecuencias negativas na poboación, como o estrés, a irritabilidade, a insatisfacción, a depresión, a ansiedade…
Ademais, esta serie de cambios e síntomas que xeran están presentes en adultos, pero tamén cada vez en maior medida lles afecta aos máis pequenos. Calquera cambio que teña lugar durante a nosa nenez é vivido con maior intensidade e repercusión.
Porén, aínda que ningún de nós pode frear o mundo e cambiar a súa velocidade, si podemos realizar cambios no ámbito persoal que permitan levar unha vida máis tranquila e equilibrada cos nosos desexos e pensamentos internos. A maioría das presións que nos oprimen no noso día a día procede de fontes externas (familia, amigos, escola...), pero tamén pode ter orixe no noso interior. É neste punto onde podemos actuar e mellorar a nosa calidade de vida.
Mellorar a nosa actitude, os hábitos cotiáns e a nosa ollada ao mundo son posibilidades para lograr unha vida máis plena e satisfactoria.
Por este motivo, desde unha idade temperá podemos ensinarlles aos nenos e nenas a cultivar algúns aspectos estreitamente relacionados cos factores internos que poden axudarnos a manter un alto nivel de benestar.
Cara a un novo concepto de saúde
A busca da felicidade é unha inquietude constante para o ser humano, unha meta universal. É un dos ámbitos da emoción que máis interese espertou ao longo da historia da humanidade (Avia e Vázquez, 1998).
En cambio, non foi ata finais do século pasado que a comunidade científica mostrou interese pola súa análise. Isto débese a que, nas áreas como a saúde, os estudos e as intervencións se centraron na redución de factores negativos como a dor ou o sufrimento (Vázquez, 2009) relegando a un segundo plano aqueles aspectos positivos que lle dan sentido á vida máis alá da supervivencia (Seligman, 2002).
Os primeiros cambios cara a un novo concepto de saúde que inclúen aspectos do funcionamento óptimo do ser humano e unha visión máis positiva teñen lugar co fin da Segunda Guerra Mundial. Posiblemente este cambio é debido ao crecente interese dalgúns estados, a raíz do recente e duro acontecemento bélico, por impulsar políticas preocupadas polo benestar da súa cidadanía e conseguir non soamente aumentar a súa esperanza de vida, senón tamén a calidade desta.
Así foi en 1948 cando a Organización Mundial da Saúde (OMS) fai referencia por primeira vez a unha visionaria definición na que se recoñece a saúde como «un estado de completo benestar físico, psíquico e social, e non a mera ausencia de enfermidade ou minusvalía» (OMS, 1948 citado en Vázquez e Hervás, 2009, p. 18).
A partir dese momento, xorden distintos modelos de benestar e o movemento coñecido como psicoloxía positiva que, segundo Seligman (2000), se trata dunha liña de actuación centrada no estudo da parte positiva dos seres humanos que busca o desenvolvemento das fortalezas humanas e o crecemento persoal como parte do coidado da saúde.
Beneficios de cultivar o benestar desde a escola
En moitas ocasións caemos no erro de pensar que o noso alumnado debe aprender unicamente as destrezas e coñecementos básicos para chegar á adultez cunhas condicións de vida que lles permitan ser felices e esquecemos que podemos axudarlles a gozar e promover o seu benestar no presente, ao tempo que o dotamos de ferramentas para o seu futuro.
A psicoloxía positiva destaca a importancia de potenciar a construción de aspectos positivos do ser humano para encher as nosas vidas de felicidade e benestar. Ademais, o desenvolvemento destes elementos positivos ten beneficios directos na formación integral do noso alumnado.
As emocións positivas incrementan a flexibilidade cognitiva, o procesamento eficiente e facilita a resolución creativa de problemas (Ashby, Isen e Turken, 1999; Phillips, Bull, Adams, e Fraser, 2002). Un razoamento deste tipo trae consigo unha aprendizaxe significativa e un bo resultado académico. Ademais, mentres a ansiedade ou as experiencias de fracaso diminúen a atención, as emocións positivas melloran a súa focalización (Fredrickson e Joiner, 2002).
Ao mesmo tempo, algúns autores afirman que estas emocións poden aumentar a habilidade persoal para organizar as súas propias ideas e para desenvolverse en tarefas específicas propoñendo numerosas alternativas.
Fredrickson (2005) afirma que estas emocións permiten ampliar o repertorio de pensamentos e condutas construíndo un importante banco de recursos perdurables para o afrontamento de dificultades. Por este motivo a súa importancia non consiste unicamente en permitir unha experiencia momentánea de benestar, senón que, pola súa vez, incrementa a probabilidade de sentirse ben nun futuro. Constitúen un importante recurso para o crecemento persoal.
Son estes os motivos que dotan de sentido a formación do noso alumnado nunha competencia máis que favoreza o seu desenvolvemento integral como persoa, a de ser felices. Para este obxectivo, a escola preséntase como un medio facilitador para o adestramento destes aspectos sociais e afectivos.
Promover a formación de persoas felices que teñan unha maior probabilidade de enfrontarse con éxito ás circunstancias da vida para conseguir que, reforzando o seu benestar, aumenten o seu sentido de control sobre o resultado das súas accións, confíen máis nas súas destrezas e habilidades, e esperen resultados positivos nun futuro (Lyubomirshy, 2001).
Propostas de aula
Son moitas as posibilidades que a psicoloxía positiva ofrece no terreo educativo, xa que pode permitirnos aprender a ter unha vida máis satisfactoria entendendo a felicidade como un proceso en lugar dun produto. O sistema educativo, xunto coa familia, é o contexto máis apropiado para esta aprendizaxe.
Existe constancia de experiencias e programas educativos levados a cabo en escolas de diversas partes do mundo. Un exemplo podería ser o programa Aulas Felices (Arguís et al., 2010) orixinado no noso país e dirixido a alumnado desde os 3 ata os 18 anos. Os compoñentes principais deste programa son o traballo da atención plena e o desenvolvemento das 24 fortalezas do carácter acuñadas por Peterson e Seligman. Esta proposta está sendo levada a cabo na actualidade en centros de diversas provincias, como Granada, Zaragoza, Madrid…
Pero tamén no ámbito individual do centro ou da aula podemos levar a cabo estratexias e actividades que favorezan o benestar do noso alumnado incidindo en diferentes áreas. A modo de exemplo, podemos traballar iniciativas arredor dos seguintes bloques, adaptándoas a cada nivel educativo e ao contexto concreto da aula.
En primeiro lugar, as actividades relacionadas coa atención plena cara a distintos aspectos da vida diaria. Esta dinámica encádrase dentro do termo xa popularmente coñecido como mindfulness. Búscase principalmente centrarse no momento presente (en cada pensamento, actividade ou sensación) sen buscar o control, abertos á experiencia e á aceptación.
Podemos levar a cabo na aula actividades de respiración, de saboreo, camiñar, sensacións corporais etc. Non necesitamos accións innovadoras, senón a concentración na vivencia concreta. Empregar os sentidos para agudizar a nosa capacidade de ser conscientes do que nos rodea e do que facemos en cada momento.
Algo rutineiro como a merenda pode ser un momento de consciencia plena se invitamos o alumnado a apreciar a textura, o olor, a sensación ao mastigar, tragar… E aínda será máis enriquecedora a experiencia se ao rematar reflexionamos con eles sobre esas sensacións.
Tamén os exercicios de escaneo corporal, onde observar a súa respiración ou concentrarse nas sensacións que poden sentir nunha parte concreta do corpo; as visualizacións positivas lembrando cos ollos pechados un momento que poida evocar un sorriso; actividades de observación do seu arredor como poden ser detalles dos que nunca se decataron no seu camiño rutineiro da casa ao centro educativo.
Calquera destas prácticas poden ser útiles para xestionar un momento de estrés ou ansiedade no que as emocións negativas nos invaden e, no caso de ter dominada esta habilidade, poden atopar nestas prácticas unha ferramenta moi valiosa para transitar polas sensacións desagradables desde pequenos.
Como segundo bloque de actividades, aquelas relacionadas coa autoaceptación. A imaxe que temos de nós mesmos vese afectada constantemente polas experiencias e esixencias que nos oprimen desde o exterior. Por iso, é de vital importancia que desde a infancia reforcemos positivamente os nosos progresos e intentos, e tratemos de ensinarlles a aceptar e valorar os seus defectos e virtudes.
Unha actividade pode ser destacar as súas virtudes por un día e poder compartilas co resto de compañeiros e compañeiras sendo o que ensine aquilo que se lle dea ben ao resto; outra posibilidade é destacar aquelas calidades persoais (positivas ou negativas) que identificamos en nós mesmos e compartilas co fin de atopar compañeiros que tamén se recoñezan nelas, como ser divertido, preguiceiro, falador…
No terceiro bloque podemos encadrar as actividades destinadas ás fortalezas persoais. Detectar as súas propias e as dos demais e a súa utilización á hora de levar a cabo iniciativas que melloren o noso mundo e o noso arredor.
Sería interesante comezar presentando as 24 fortalezas que identifican Peterson e Seligman e realizar o test de fortalezas persoais adaptado para nenos dispoñible en liña. Despois dunha posta en común e dunha análise daquelas fortalezas coas que máis se identifican, podemos comezar a traballar arredor das máis repetidas ou elixidas.
A creatividade, con actividades de creación de titulares tolos ou a descrición dun mundo ao revés de como o coñecemos; a honestidade con xogos de contar mentiras nos que despois analicemos como nos fixeron sentir; o sentido da xustiza poñéndolle un fin a historias nas que temos que elixir entre o noso beneficio ou unha boa acción social... e calquera outra actividade relacionada co coñecemento das nosas fortalezas.
Por último, un bloque de actividades dedicado ás emocións positivas. Traballar distintos aspectos relacionados co crecemento emocional do alumnado desde unha perspectiva positiva a través do optimismo, os vínculos positivos, a linguaxe positiva e a empatía.
Unha actividade podería ser emparellar os alumnos e alumnas e, unha vez explicado un contexto concreto, darlles unha postura oposta, tendo, por un lado, un punto de vista optimista e, por outro, un punto de vista pesimista para traballar esa subxectividade e os beneficios dun bo enfoque das situacións; escribir os pensamentos negativos sobre eles mesmos ou persoas achegadas e reformulalos de maneira positiva.
Esta sucesión de actividades son exemplos de dinámicas que o alumnado poderá xeneralizar e empregar en próximas experiencias. O obxectivo real é conseguir que as prácticas se convertan nun hábito ao longo das súas vidas e poder formar cidadáns felices e sans no seu termo máis amplo.
Ashby, G. F., Isen, A. M., e Turken, U. (1999). A neuropsychological theory of positive affect and its influence on cognition. Psychological Review, 106(3), 529-550. doi: 10.1037/0033-295X.106.3.529
Avia, M. D., e Vázquez, C. (1998). Optimismo inteligente. Madrid: Alianza
Fredrickson, B. L., e Joiner, T. (2002). Positive emotion trigger upward spirals toward emotional well-being. Psychological Science, 13(2), 172-175. doi: 10.1111/1467- 9280.00431
Lyubomirsky, S., Sheldon, K. M., e Schkade, D. (2005) Pursuing happiness: The architecture of sustainable change. Review of General Psychology, 9, 111-131. doi: 10.1037/1089-2680.9.2.111
Seligman, M. (2002). La auténtica felicidad. Barcelona: Ediciones B.
Vazquez, C. (2009). La ciencia del bienestar psicológico. En C. Vázquez & G. Hervás (eds.), La ciencia del bienestar: Fundamentos de una psicología positiva (pp. 13-46). Madrid: Alianza Editorial.