Promoción de hábitos saudables no ámbito educativo

Rede galega de promoción da saúde (REGAPS)

 

 

A Dirección Xeral de Saúde Pública ten entre os seus obxectivos a elaboración de programas de promoción da saúde coa posta en marcha de iniciativas orientadas á adquisición de hábitos saudables, poñendo un dos focos na infancia a través de diversas ferramentas como Chef Júnior ou Nas túas mans, aplicacións incluídas no proxecto Sanidade Mediaverso. Pola súa vez, a Rede galega de promoción da saúde (REGAPS), que depende do Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde, traballa establecendo un nexo de unión entre os axentes locais implicados no ámbito da promoción da saúde, visibilizando e promovendo recursos e actividades que poden facilitar a adquisición de hábitos saudables na cidadanía. Ademais, na Dirección Xeral de Saúde Pública lévanse a cabo outras propostas incluídas no Plan Proxecta que abordan diversas temáticas relacionadas coa saúde sexual e reprodutiva, a alimentación saudable e a prevención das condutas adictivas.

 

 

Sanidade Mediaverso é unha plataforma tecnolóxica incluída no plan Obesidade Zero que intenta promover os estilos de vida saudables entre a poboación galega a través das novas tecnoloxías. Concretamente, céntrase na alimentación saudable, na actividade física, no coidado do benestar emocional e na prevención de condutas adictivas. Neste último apartado insírese a aplicación Nas túas mans, un dos moitos recursos dixitais de Sanidade Mediaverso. Cunha experiencia en primeira persoa a través da realidade virtual e aumentada, Nas túas mans intenta fomentar a reflexión e o pensamento crítico da mocidade sobre a importancia de tomar decisións de forma autónoma e sobre as consecuencias que poden ter esas decisións sobre eles mesmos e sobre os demais. Nas túas mans é unha experiencia inmersiva que permite vivir un conxunto de situacións en primeira persoa, grazas ao uso de lentes de realidade virtual, nas que o protagonista debe tomar certas decisións e, en función da opción elixida, a historia evoluciona cun desenlace ou outro. Ao mesmo tempo, amósanse leccións ou recomendacións sobre o tema abordado en cada momento da historia. Con todo, a aplicación pretende fomentar o debate sobre diversos problemas que afectan á mocidade, como poden ser o consumo de bebidas alcohólicas, a presión grupal, o acoso, o uso das redes sociais ou as actitudes responsables. Ao final desta experiencia inmersiva, exponse unha reflexión sobre as decisións tomadas ao longo da historia e amosan se coinciden cos valores persoais que o usuario seleccionou ao inicio desta. Trátase dunha aplicación dispoñible tanto en galego coma en castelán coa que achegar a promoción da saúde aos máis novos dun xeito ameno e distendido.

 

 

Pola súa vez, Sanidade Mediaverso inclúe outras ferramentas como Chef Júnior. Esta aplicación pode descargarse no ordenador e no teléfono móbil e está dirixida a un público infantil de entre 10 e 12 anos, correspondente ao alumnado de quinto e sexto de primaria. Chef Júnior ten como obxectivo promover hábitos alimentarios saudables a través da aprendizaxe sobre as diferenzas entre os alimentos, as posibles técnicas culinarias e as súas combinacións para acadar unha alimentación equilibrada. Este xogo permite realizar a compra e cociñar pratos saudables cos que se obterá unha maior puntuación con base na calidade dos alimentos e nas técnicas empregadas, desbloqueando receitas saudables para preparar na casa.

Outras iniciativas no ámbito da promoción da saúde atopámolas englobadas no Plan Proxecta de innovación educativa, propio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; un plan que relaciona as dúas consellerías e que pon á disposición dos centros educativos distintas propostas relacionadas con problemas que poden xurdir na poboación infantil ou adolescente.

 

 

En relación coa alimentación saudable, destacamos o proxecto Aliméntate ben!, que forma parte da estratexia educativa do plan Obesidade Zero en Galicia. O proxecto divídese en varias modalidades para os distintos niveis educativos: Nutriescola (0, 1 e 2) en función do ano educativo e a modalidade Cociñando con saúde destinada á formación profesional. Este proxecto ten como obxectivo traballar todas as dimensións da alimentación dunha maneira integral e transversal e respondendo á necesidade de que o alumnado adquira e consolide hábitos alimentarios adecuados para facer eleccións saudables no futuro, adaptándose ás etapas de crecemento nas que se atopa o alumnado e proporcionándolle o material docente ao centro para poder levar a cabo os proxectos de forma autónoma.

Neste plan tamén atopamos proxectos relacionados coa prevención de condutas adictivas como Clases sen fume e Apuntámonos a non beber.

A primeira iniciativa trátase dun concurso educativo orientado á prevención do tabaquismo, dirixido a rapaces e rapazas de primeiro e segundo da ESO, xa que son os cursos nos que habitualmente acontecen os primeiros contactos co tabaco. Este proxecto baséase no compromiso de toda a aula de non fumar durante 6 meses. Neste tempo, organízanse actividades lúdicas orientadas á prevención do tabaquismo. Durante o seguimento do programa, os nenos reciben charlas de apoio, cobren cuestionarios e realizan unha avaliación da abstinencia tabáquica a través da medición de monóxido de carbono en aire expirado. As clases que conseguen chegar aos seis meses libres de fume participan nun sorteo para levar un premio que se entrega o 31 de maio, o Día Mundial sen Tabaco.

A segunda iniciativa, Apuntámonos a non beber, é un programa de prevención de consumo de alcohol e de bebidas enerxéticas dirixido a nenos e nenas de entre os 11 e 14 anos, idades nas que se observan os primeiros contactos con este tipo de bebidas. Durante o curso escolar, o alumnado e as familias reciben charlas por parte das xefaturas territoriais e, finalmente, cada aula que participa elabora unha campaña de contrapublicidade do consumo de bebidas alcohólicas ou enerxéticas en soporte audiovisual ou a través dun cartel publicitario. Finalmente, as tres mellores campañas do curso escolar reciben un premio.

 

 

Por último, en relación co control de enfermidades transmisibles, existe o proxecto Xente con don, que pretende dotar de coñecementos básicos o alumnado de terceiro e cuarto da ESO, bacharelato e formación profesional, sobre as principais infeccións de transmisión sexual (ITS) e as súas medidas de prevención. Este programa lévase a cabo ao longo do curso escolar e está aberto a calquera centro que desexe participar. O único requisito imprescindible é que un dos docentes participantes pertenza á área de bioloxía. A actividade consiste na elaboración dun traballo en equipo que teñen que realizar en varias etapas ao longo do curso. O primeiro paso consiste na realización dunha avaliación individual de coñecementos de ITS do alumnado, seguido da recompilación de información por grupos de traballo, a preparación dunha exposición e a avaliación de coñecementos individuais, así como a elaboración dun produto final en formato libre (vídeo, presentación, videoxogo etc.) que se envía ao Plan galego antiVIH/sida e outras ITS.

A oferta de actividades por parte da Dirección Xeral de Saúde Pública é cada vez máis ampla para poder chegar aos máis novos de forma efectiva, poñendo en valor a promoción da saúde nas aulas.

 

 

Sección: