Como todos comemos, cremos que sabemos comer
Natalia Hospido
administracion@nutricoles.com
Nutricoles
Chámome Natalia Hospido, dietista-nutricionista e son o 50 % de Nutricoles, unha empresa creada por e para achegar a educación alimentaria a través da diversión e do xogo aos coles e ás familias.
O título deste artigo non é unha crítica cara a ninguén en concreto, é máis ben unha realidade coa que nos atopamos todos os días no noso traballo.
Desde que nacemos necesitamos comer para sobrevivir; polo tanto, aprendemos a pedir comida e a tragar comida. Outra cousa ben distinta é que alguén nos ensine ao ir crecendo como, cando e canto comer. E aí é onde está o gran problema desta sociedade.
A maior parte das persoas adultas que están hoxe en día a cargo da infancia, ben sexan as familias nas súas casas ou os docentes nos centros escolares, son da «era do Cola Cao». Así é como lle chamamos cariñosamente á xente adulta que se criou con toda a presión da industria alimentaria. Estou segura de que ti que me les formas parte desa era e tamén estou segura de que é moi probable que non sexas consciente da gran presión que exerce a industria alimentaria tanto na nosa contorna como sociedade coma en cada un de nós como individuos.
A cuestión é que desde ben pequenos nos ensinan que hai que comer, a que hora hai que facelo e canto é o que temos que comer. Diríxennos cara a unha alimentación que ten que ser rápida, porque vivimos nun mundo de présas, no que non podes parar a cociñar nin a gozar do momento da comida. E iso estanos conducindo a manter unha alimentación baseada en alimentos procesados ou, por desgraza, ultraprocesados que está a condicionar a saúde da nosa xeración e a das futuras.
En Nutricoles visitamos centros escolares para realizar actividades na aula, tanto con alumnado de infantil coma de primaria, e o que podemos destacar sempre é a falta de coñecemento dos alimentos. Podo preguntar polo lineal das galletas e pódenme dicir 20 marcas, pero se pregunto que froita se come na primavera, que é medio laranxa, ten a pel suave «con peliño», ten unha pebida grande e semella un pouco un pexego… case ninguén me sabe dicir que falo dun albaricoque. E iso é un gran problema. Do mesmo xeito que é un gran problema realizar unha actividade sensorial na que teñen que adiviñar co olfacto que o alimento que teño escondido é unha laranxa e, cando pregunto «Alguén a comeu algunha vez a dentadas?», a sorpresa é un gran número de mans que non se levantan. E é que a maioría adiviña o que teño na miña bolsa, pero coñece o cheiro polo zume de laranxa e non por comer unha laranxa a bocados. Pode parecer surrealista, pero é tal que así. E non nos pasou nin unha nin dúas veces.
Outro gran problema que atopamos dentro desa falta de coñecemento está moi relacionado cos ultraprocesados e a súa gran capacidade de ser grato ao padal (palatabilidade).
Desde moi peques, diríxese a alimentación infantil a alimentos con sabores moi intensos, tanto en versións doces coma salgadas. Sabores que son imposibles de conseguir cos alimentos sen procesar, a non ser que teñas un bo control e xestión de especias e herbas aromáticas, algo que, sen dúbida, brilla pola súa ausencia na nosa contorna.
No caso do doce, afaise o padal a un limiar de dozura moi alto no que despois o resto de cousas non saben a nada. Lóxico. É que iso sabe moito.
Por iso, cando realizamos formación coas familias para explicar esta problemática e falar de etiquetaxe, facemos unha actividade sensorial para facer reflexionar sobre como os alimentos doces e ultraprocesados alteran a nosa percepción do sabor. E tamén para convidar a facer cambios desde a consciencia. Porque si, a teoría todo o mundo a sabe (outra frase que escoitamos case cada día), pero outra cousa ben distinta é tomar consciencia e poñerse ao choio para pasar á práctica.
Actividade sensorial coas familias
E aí, nesa parte práctica, é onde temos un gran papel as nutricionistas achegando ideas, receitas, consellos e todo o necesario para buscar alternativas que permitan deixar atrás unha alimentación baseada en ultraprocesados e comezar cunha alimentación baseada en froitas, verduras, legumes, cereais etc.
A nutrición como materia na escola?
Hai pouco saía no xornal La Vanguardia un artigo con este debate. Nada novo, xa que se leva falando desde hai anos sobre este tema. E, sen dúbida, desde Nutricoles, que traballamos nos centros escolares e somos dietistas-nutricionistas, temos unha opinión clara respecto diso.
Sabemos que a alimentación e a nutrición deben estar no currículo, pero dunha maneira transversal. Algo que xa se supón que ocorre, pero, se as docentes que imparten estes temas forman parte da «era do Cola Cao», por que razón van ter coñecementos para poder traballar a educación alimentaria na aula se o máis probable é que antes teñan que aprendelo no seu ámbito persoal?
Ademais, non se ten en conta que a escola debería de ser unha contorna saudable, que sirva de exemplo. Á fin e ao cabo forma parte da Administración e deberían de respectarse e manterse as recomendacións nutricionais máis actualizadas. E isto inclúe desde as materias que se dan na clase ata as merendas que se recomendan, a xestión de produtos en celebracións ou o propio comedor do centro.
E é que, se en algo temos experiencia, é nos comedores escolares, xa que desde hai dous anos asesoramos a parte técnica do proxecto EcoComedores en Galicia, ademais doutros centros tanto no ámbito autonómico coma no nacional.
No noso traballo, día a día, detectamos que hai cinco puntos críticos onde poden fallar as cousas e facer que o cambio cara a un comedor escolar saudable non sexa posible. O bo é que non adoitan coincidir todos estes puntos no mesmo centro, así que en función de cal falle traballamos dunha maneira ou doutra.
Gustaríame explicar cales son eses puntos e os cambios máis necesarios que detectamos. Porén, antes de explicalos quero deixar por aquí un parágrafo da normativa nacional que regula o menú escolar, para poder facer referencia a este fragmento máis adiante: Lei 17/2011, do 5 de xullo, de seguridade alimentaria e nutrición. Artigo 40. Medidas especiais dirixidas ao ámbito escolar. Punto 3:
As autoridades competentes velarán para que as comidas servidas en escolas infantís e centros escolares sexan variadas, equilibradas e estean adaptadas ás necesidades nutricionais de cada grupo de idade. Serán supervisadas por profesionais con formación acreditada en nutrición humana e dietética.
Esta lei de ámbito nacional é de obrigado cumprimento, pero como irei contando no texto isto non adoita facerse así.
Cinco puntos críticos para que un comedor saudable funcione
1. A cociña. Sen dúbida un piar fundamental no comedor escolar e ao que en ocasións non se lle dá a importancia que merece. As cociñeiras e cociñeiros dos centros escolares fan un gran labor, asumindo cargas de traballo altas e xornadas moi extenuantes, pero iso nada ten que ver coa alimentación saudable.
Sempre van realizar o seu traballo da mellor maneira que saben e co obxectivo de que o alumnado estea feliz no comedor. Non obstante, hai moitos mitos arraigados sobre o que é comer saudable e que ten que ser aburrido e triste, e iso trasládase aos comensais.
Por este motivo, é fundamental que o persoal de cociña estea formado sobre as recomendacións actuais.
2. O comedor. Do mesmo xeito ca no punto anterior, a falta de persoas formadas no comedor, que obrigan a comer un alimento que non gusta, castigan e premian con doces ou que berran para acabar o do prato, xera grandes conflitos e discrepancias tanto coas familias coma co alumnado e co propio centro. Pero como non hai ningunha normativa que regule nin que obrigue a que estas persoas estean formadas para realizar este traballo, vaise arrastrando ano tras ano a problemática.
3. O centro. Tal como indico na norma sobre a supervisión dos menús, non é unha cuestión persoal se se quere ou non que un profesional revise ou elabore ese menú. Con todo, a cantidade de menús escolares que non están elaborados nin supervisados por dietistas ou nutricionistas é alarmante, é máis, atrévome a dicir que en Galicia «o normal» é que non se revisen ou polo menos así pasa os últimos anos.
É fundamental entender que un menú ten que estar equilibrado e que é necesario priorizar calidade fronte a cantidade; que é necesario reducir a cantidade de lácteos e cambialos por froita; que cómpre quitar carne e poñer legumes. En resumidas contas, que é necesario comer de forma saudable para coidar a saúde.
4. As familias. Somos conscientes de que para moitas persoas o máis importante é que os seus fillos coman e non saian do colexio con fame. Pero tamén sabemos que, se se lles explica por que é necesario cambiar o menú do cole ou realizar outro tipo de intervencións desde a aula, comprenden a situación e a aceptan, aínda que sempre hai casos perdidos que non teñen solución, non imos ser nós as que neguemos esa evidencia.
Si que é certo que, nalgúns casos, as propias familias forman parte activa destes cambios. De aí, a importancia de mantelas informadas cos cambios no menú ou nas merendas e explicar as causas que xustifican ese cambio. Ofrecer formación sobre distintas temáticas máis aló da propia información do menú, como falar de etiquetaxe nutricional, planificación de menú ou almorzos e merendas saudables, sen dúbida, axuda a que cada vez entendan máis sobre como manter unha alimentación saudable, tamén na casa.
Formación sobre etiquetaxe coas familias
5. O alumnado. A idade infantil é a etapa da vida na que se adquiren os hábitos, polo tanto, é cando máis se debería traballar na educación alimentaria para poder adquirir as habilidades e coñecementos necesarios.
Para iso é fundamental que o alumnado participe de forma activa en actividades de educación alimentaria, sempre desde o xogo e a diversión, para que integren esa información na súa vida. E, por suposto, levalo tanto á aula coma ao comedor. Cando un grupo de sexto de primaria escolle os alimentos dunha das ensaladas do menú e lle pon un nome atractivo, resulta que esa ensalada deixa de ser un problema e se converte nunha aliada para consumir ensaladas.
Xogo das ensaladas tolas vs. realidade
Como conclusión, podemos dicir que formar e informar é a base do cambio, que aos adultos nos toca reaprender para ensinar os máis pequenos e que poidan ter a oportunidade de aprender a comer desde idades temperás.
Ninguén di que este sexa un cambio sinxelo nin rápido, pero si que é necesario contar con profesionais como as dietistas ou nutricionistas, que podemos acompañar e guiar en todo este camiño. Oxalá a Administración entenda tamén a importancia da nosa figura, para dar partidas orzamentarias que permitan contratar estes servizos, tanto en comedores escolares coma en actividades dirixidas á aula ou ás familias.