Activando hábitos saudables

A concienciación da comunidade educativa a partir da transformación dun centro
A importancia de fomentar hábitos saudables e o contacto coa natureza nos colexios faise fundamental nunha sociedade cada día máis tecnolóxica e desnaturalizada. Sedentarismo e inmediatez marcan as nosas vidas ao funcionar a golpe de clic. O lecer, os xogos… todo mudou, e é complicado lidar con este estilo de vida que se está a impoñer, incluídas unhas xornadas escolares intensivas que non respectan os biorritmos e o benestar da rapazada.

Javier Pérez Gallego
xavijpg@edu.xunta.gal
CEIP Padre Crespo (Xunqueira de Ambía - Ourense)

 

 

No CEIP Padre Crespo iniciamos hai xa unha década unha serie de cambios no ámbito organizativo e metodolóxico para loitar pola supervivencia dun centro que estaba a esmorecer. Unha das primeiras actuacións tiña o obxectivo de concienciar a toda a comunidade educativa da mellora dos hábitos de vida.

As nosas actividades abranguen distintos ámbitos para facer do seu conxunto unha actuación coral para intentar mudar actitudes.

Debemos distanciarnos da ensinanza «ordinaria» e ver a educación desde unha perspectiva distinta. En certo modo, temos que desorganizar, desaprender… Se queremos chegar ao alumnado de hoxe en día dun xeito eficiente e non centrándonos soamente na consecución duns obxectivos académicos, en moitos casos fóra da realidade ou do posible, marcados por un currículo repetitivo nas distintas etapas e que, conforme subimos de nivel, esquece, trata vagamente ou relega ao papel ou a un segundo plano os hábitos de vida saudables, a formación de cidadáns responsables e respectuosos co medio, as habilidades sociais ou o benestar emocional en todos os sentidos.

No noso colexio, desenvolvemos nos últimos anos diversos programas de formación (PFPP), nos que participa a meirande parte do profesorado, para mellorar os procesos de ensinanza-aprendizaxe, cambiando a nosa organización, a metodoloxía e as prácticas cotiás.

Non sería posible sacar adiante e optimizar todas as nosas iniciativas sen a formación e colaboración nos grupos de traballo e sen o aproveitamento dos recursos que nos ofrecen os Contratos-Programa, tanto as modalidades do CP-Inclúe coma as do CP-Innova ou os distintos plans Proxecta dos que formamos parte.

 

Transformando o día a día

A vida cotiá no centro vén marcada polo desenvolvemento de distintos programas, xa integrados no horario. Grazas a contar cunha xornada partida, podemos encaixar as actividades sen tanta presión, fomentando a alternancia «traballo-lecer» tanto para alumnado coma para o profesorado, facendo moito máis levadío o intenso ritmo de traballo do colexio.

O CEIP Padre Crespo non sería o que é actualmente sen o noso Actívate e o Aliméntate ben. Están integrados nos actuais plans Proxecta: Proxectos de vida activa e deportiva (PVAD) e Nutriescolas.

 

 

Logo das dúas primeiras sesións de clase, todo se paraliza para ir ao Actívate, a cargo do profe de Educación Física, Francisco Pascual: 20 minutos de actividade física diaria baseada en xogos cooperativos, xogos lóxico-lúdicos, na práctica de distintas disciplinas deportivas, no baile e coreografías deseñadas pola mestra de música, cama elástica, rocódromo… O pavillón escolar e o patio convértense en espazos cheos de vida.

Divídense en grupos, co alumnado de sexto de primaria como axudantes e guías, que rotan cada día da semana polas distintas postas organizadas, onde ademais sempre hai profesorado para a axuda e control das actividades, polo que todo o mundo, dun xeito ou doutro, está implicado.

Non hai mellor forma de respectar os biorritmos de aprendizaxe que ter descansos activos logo de cada sesión de clase, aplicando aquilo de mens sana in corpore sano.

A inactividade física está xa considerada pola Organización Mundial da Saúde como unha nova pandemia, principalmente nos países «do primeiro mundo», e debemos combatela desde a infancia.

O Actívate busca fomentar a práctica do exercicio físico diario dun xeito lúdico e mellora, ao mesmo tempo, as relacións sociais, o benestar emocional… e, como consecuencia, o rendemento académico.

E logo do exercicio… a repor forzas! Chega o Aliméntate ben.

Todo o mundo —nenas, nenos e maiores— pasa polo comedor escolar para tomar a «merenda da mañá». O colexio faise cargo de todo, xa que non se poden traer alimentos nin bebidas das casas. No servizo colabora todo o persoal, dividido en quendas rotatorias para a atención do alumnado. Aproveitamos as subvencións que nos ofrece o FOGGA para a subministración de froita e leite na escola.

 

 

A educación nutricional é outro dos piares do centro. O comedor escolar é un espazo educativo máis, non unicamente destinado «á mera inxestión de alimentos». O comedor, que está na rede de Ecocomedores e que acaba de recibir o distintivo KM 0, serve como aula de saúde nutricional no que fomentamos unha alimentación máis saudable, fuxindo de ultraprocesados e azucres engadidos, con moitos produtos locais e ecolóxicos e cunhas elaboracións moi coidadas para a difusión da cultura gastronómica con menús onde hai desde receitas tradicionais de distintas comunidades autónomas ou internacionais ata as máis innovadoras, para acostumarnos a probar todo tipo de alimentos e preparacións.

A través dos Contratos-Programa Edusaúde e Edusostibilidade promovemos a formación de consumidores responsables, realizando talleres de lectura de etiquetaxes, charlas sobre nutrición, xornadas micolóxicas… con persoas expertas e co noso nutricionista, Juanjo Vilachá, que supervisa e aconsella na mellora dos menús escolares.

Non podemos esquecer o horto ecolóxico escolar, onde cultivamos, coa axuda de familias e alumnado, produtos que despois degustamos no comedor; todo baixo o noso lema «Sementa, recolle e saborea».

 

Metodoloxías alternativas

No centro desenvolvemos distintas prácticas para aprender dun xeito máis lúdico e motivante. «Romper o espazo de aula» é primordial nestas actividades: educación ao aire libre a través de retos matemáticos, circuítos de orientación con probas culturais, clases ou lectura en contacto coa natureza, nas zonas verdes do patio, no horto, saídas…

 

 

Ademais destas prácticas diarias habituais, nos venres concentramos moitas das actividades «alternativas»: teatro, obradoiros, contacontos, conmemoracións… conxugando a flexibilidade horaria, a transversalidade, o traballo interciclos… Estas metodoloxías contribúen a que o alumnado estea activado e motivado, o que tamén redunda no seu benestar.

Todo se pode integrar no noso sistema educativo, que agora nos permite certas liberdades e que debería ser promovido desde os equipos directivos tal e como nos di a LOMLOE en referencia á autonomía na xestión dos centros, de acordo co recollido no artigo 120.4:

Promover experimentacións, innovacións pedagóxicas, programas educativos, plans de traballo, formas de organización, normas de convivencia, ampliación do calendario escolar ou do horario lectivo de áreas ou materias...

Moitas das nosas actuacións teñen que ver coa aprendizaxe e co servizo, intentando que as nosas actividades ou proxectos teñan unha repercusión positiva na comunidade pondo en valor a riqueza cultural, patrimonial e natural do concello.

 

 

Esta forma de facer foi o xerme do traballo por ámbitos ou contextos educativos que agora xa están implantados no centro: temos unha hora diaria para desenvolver cada trimestre proxectos transversais comúns a todo o centro, desde infantil ata sexto de primaria.

Non poderiamos levalos a cabo sen unha formación continua con todo o claustro implicado. Ano tras ano abordamos distintas temáticas para seguir evolucionando, mellorando e complementando o noso coñecemento no campo da innovación educativa: ABN, metodoloxías activas, aprendizaxe baseada nos xogos, ámbitos educativos…

 

Educación emocional

A educación emocional conta con toda a prioridade no centro. Non pode haber un bo rendemento se non hai equilibrio mental. Desde hai uns anos, temos unha liña formativa aberta para a atención das necesidades educativas, a inclusión e integración de todo o alumnado, a convivencia, a mediación para a resolución de conflitos, a comunicación en positivo…

Ademais, aproveitamos todas as posibilidades das diversas modalidades do CP Inclúe, para organizar obradoiros co alumnado e centrar as actuacións nos intereses e necesidades detectadas, de paso que sacamos adiante as distintas conmemoracións máis significativas (25N, 8N, días da Discapacidade, Autismo, Aspeger…). Todo a través de dinámicas lúdicas pero impactantes, que invitan á reflexión, á expresión de sentimentos…

 

A comunidade educativa

A relación familia-escola é un piar básico para darlles continuidade ás nosas actuacións e á súa eficacia. Debemos ir da man e para isto organizamos conxuntamente charlas formativas que teñen que ver con centros de interese comúns: educación emocional, xestión das emocións; resolución de conflitos; límites e normas; riscos do uso das redes e tecnoloxías, o xogo en familia... Os nosos relatores fan unha dobre función, xa que, de ser posible, invitamos as familias a participar connosco ou organizamos obradoiros á parte coas mesmas temáticas. Exemplos claros foron Rocío Villar para a educación emocional ou Chafarís Compostela para o xogo en familia.

 

 

Este último obradoiro foi unha aposta pola volta a un pasado non tan afastado no que o tempo de xogo en familia era importante, aínda que fose de domingo en domingo. A través dun grupo de traballo, todo o profesorado tivo formación para introducir os xogos de mesa nas aulas, como complemento para o desenvolvemento de contidos curriculares en distintas áreas. Ás nosas sesións invitamos ás familias para que houbese unha transferencia real das prácticas na escola ás casas. O resultado foi tremendamente positivo, tendo en conta, ademais, que as xogueterías aumentaron as súas vendas deste tipo de xogos no Nadal para o alumnado de Xunqueira.

 

Reflexión final

Os centros educativos deberían ser verdadeiros motores de cambio e transformación da sociedade. Todos os esforzos que facemos minimízanse se non transcenden e hai unha continuidade máis aló das fronteiras dos colexios.

Por moi difícil que sexa, debemos seguir sementando a colaboración coas familias. En xeral, estamos moi centrados en facer saber, o que se fai nos centros a través das redes, blogs, webs…, e non lle damos ferramentas ou oportunidades para formarse no saber facer que, creo, nos sería moito máis útil no día a día.

Non hai mellor lección que predicar co exemplo para convencer a comunidade educativa de que outra sociedade é posible.

 

Sección: