Cómo lograr que los alumnos trabajen en la escuela

Siete claves para enseñar de manera diferente

Autor: Grandserre, Sylvain and Lescouarch, Laurent
Editorial: Editorial Popular, Madrid, 2022

Autor da recensión: Alberto Huerga Carnicero
alberto.h@edu.xunta.gal
Centro de Formación e Recursos da Coruña

 

 

No contexto de finais do século XX e principios do XXI, a educación no mundo occidental viuse inmersa nun vórtice de correntes educativas que desembocaron na promulgación de innumerables tratados pedagóxicos e resolucións lexislativas en materia de educación, cada cal coa súa propia idiosincrasia. É sobradamente coñecido o caso particular español (LOECE, LODE, LOXSE…); no caso francés, as achegas dos grandes pedagogos históricos (Robin, Ferrer, Korczak, Freinet, Oury) constitúen unha inxente e fecunda fonte de reflexións sobre as que os axentes educativos tratan de repensar o ensino de hoxe.

Aínda que pola nacionalidade dos autores as referencias ao sistema educativo francés son constantes, o feito de que sexa un país moi próximo ao noso e a similitude dos sistemas educativos destes dous países fan que as cuestións que estes autores poñen sobre a mesa sexan aplicables ao contexto educativo español e ao galego máis concretamente.

Nesta obra, definida polos propios autores como de sabedoría pedagóxica, o lector poderá atopar unha serie de reflexións recollidas polos autores ao longo das súas traxectorias profesionais. Sylvain Grandserre (mestre e autor de varios libros de pedagoxía) e Laurent Lescouarch (profesor universitario e investigador no campo das prácticas pedagóxicas orientadas á aprendizaxe) fannos un percorrido polas diferentes correntes pedagóxicas que imperaron no contexto europeo no último século, co propósito de convidar o lector (docentes, pais, nais, axentes educativos, políticos etc.) a visualizar unha renovación das ideas pedagóxicas que deberían imperar nas aulas, coa intención última de conseguir que a función docente se achegue a metas máis relevantes que a mera aprendizaxe de contidos: aprender a aprender e darlle sentido funcional á escola.

Ao longo dos sete capítulos nos que se estrutura a obra, estes dous autores fan un percorrido polas cuestións máis controvertidas ás que se enfronta día a día o profesional da educación: a liberdade pedagóxica, a metodoloxía de aula, a innovación, o sentido primordial da educación, o alumnado como proxecto de vida, o proceso de construción das aprendizaxes no alumnado, a obsesión pola programación, a organización da aula, o xogo, a avaliación, o papel das familias, a diferenciación pedagóxica etc.

O enfoque que subxace nas formulacións destes autores baséase en dar respostas pertinentes a cuestións como manter a curiosidade dos nenos, ter en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe, que resposta darlle a un alumno que fracasa despois de realizar un esforzo maiúsculo, que métodos de ensino habería que adoptar e como desenvolver a autonomía, a responsabilidade e a creatividade no alumnado.

Sen dúbida, o lector atopará nesta obra un conxunto de elementos sobre os que reflexionar e tamén unha serie de achegas extraídas do ámbito pedagóxico que lle poderán servir para reformular ou contrastar concepcións previas.

 

 

Sección: