Aula o jaula

La escuela en tiempos convulsos. Reflexiones de un profesor vocacional

Autor: Solano, Toni
Editorial: La Esfera de los libros, Madrid 2023

Autor da recensión: Javier Pintor Elizalde
jjpinel@edu.xunta.gal
Centro de Formación e Recursos da Coruña

 

 

Toni Solano é catedrático de Lingua e Literatura e director do instituto de educación secundaria IES Bovalar en Castellón. Na súa dilatada e frutífera vida académica exerceu de docente da súa materia, de relator en actividades de formación do profesorado, de adiantado na introdución das tecnoloxías na aula e de activista en redes sociais cun perfil @tonisolano moi seguido por docentes e outras criaturas. O seu blog Repaso de lingua continúa a ser unha referencia para moitos profesores de lingua e literatura.

Aula o jauja é o suxestivo e provocativo título dun libro nacido da experiencia dun docente comprometido co seu traballo. Nesta crónica enxeñosa, o autor analiza diferentes aspectos do mundo académico seguindo a estela de episodios significativos do mundo da mitoloxía (Jasón e os Argonautas, o Cabalo de Troia, A illa de Circe) e de personaxes tan recoñecidos dese mundo como poden ser Ícaro, Sísifo ou Prometeo. Protagonistas estes cos que nalgún momento da nosa andaina académica todos nos podemos identificar dalgún xeito.

Este ensaio divulgativo e ameno ofrece luz sobre o convulso mundo educativo e examina algunhas das incoherencias e obstáculos do sistema que dificultan o labor do educador. Toni Solano, de xeito sensato, bastante irónico e cunha gran dose de autocrítica, desterra utopías absurdas e reflexiona sobre aspectos tan significativos da educación como son o uso das tecnoloxías e dos móbiles nas aulas, a inclusión educativa, a ratio das aulas, as vocacións frustradas dunha parte do profesorado, o absurdo do continuum interminable de leis educativas e a necesidade dunha formación inicial e continua do profesorado adaptada ás necesidades do alumnado e á escola de hoxe en día.

Toni Solano avoga por unha educación integral e inclusiva e por unha escola pública con recursos, que sexa un espazo seguro e acolledor para o alumnado, a salvo das violencias tan presentes na nosa sociedade e no que as portas estean sempre abertas para as familias. Unha escola, en definitiva, na que se traballe en equipo, se entenda a diversidade como unha riqueza e se formen cidadáns críticos e responsables. E na que se asuma que todos formamos parte do mesmo equipo.

Educar non é unha tarefa sinxela e este libro non ofrece receitas máxicas, pero, como di Nando López, no prólogo ofrece unha aperta estimulante e cómplice para aquel interesado no mundo da educación.

 

 

Sección: