Cara a unha boa calidade de vida

Vida activa, deportiva e saudable no CEIP Plurilingüe Sofía Casanova
Relacionamos a alimentación equilibrada e a horta escolar coa vida activa e deportiva e a hixiene postural coa intención de levalos a cabo na práctica educativa a través de experiencias cunha metodoloxía didáctica fundamentalmente comunicativa, inclusiva, activa e participativa e cuns materiais e recursos didácticos motivadores cara ao alumnado.

Carolina Díaz Folgueira
cdfolgueira@edu.xunta.gal
Lidia Plana Galán
lidiaplanagalan@edu.xunta.gal
María Beatriz Pouso Calo
pousocalo@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe Sofía Casanova (Culleredo - A Coruña)

 

 

Fundamentación

Partindo da OMS, que define a saúde como «un estado de completo benestar físico, mental e social e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades», e estando inmersos nos programas CPInnova, en concreto, EDUsaúde, pretendemos que o centro sexa dinamizador de hábitos de vida saudables. A partir do proxecto de centro do PLAMBE de hai tres anos, baseado na Axenda 2030, desde o equipo docente propuxémonos continuar cara a unha mellora da calidade de vida e aproveitar os recursos naturais que nos ofrece a contorna do centro para formarnos e cubrir necesidades da comunidade educativa. Así, nestes dous últimos anos, a través do correspondente asesoramento, participamos en diversos cursos do Plan de formación permanente do profesorado para promover a saúde, relacionados coa alimentación equilibrada e horto escolar, coa vida activa e deportiva e a hixiene postural coa intención de levalos a cabo na práctica educativa a través dunha metodoloxía didáctica fundamentalmente comunicativa, inclusiva, activa e participativa e cuns materiais e recursos didácticos motivadores cara ao alumnado.

 

Descrición

As experiencias presentadas están relacionadas entre si e teñen a súa base teórica e a súa posta en práctica en todos os niveis educativos do centro, desde educación infantil ata educación primaria, atendendo ao grao de complexidade en contidos e procedementos.

 

Alimentación equilibrada e horta escolar

É un clásico que desde as aulas se traballa a pirámide alimenticia e a composición nutricional dos produtos envasados. Mais quixemos darlle unha volta ás parvas de media mañá e, a través da actividade Xoves de froita, fomentamos o consumo deste tipo de alimentos pola importancia nutricional que teñen, levando un rexistro para comprobar o seu seguimento por parte do alumnado.

Ademais, aproveitando tanto o espazo natural do recinto escolar coma o invernadoiro, fomentamos no alumnado o coñecemento e coidado dos vexetais que consumimos. Grazas a Laura Gaioso, de HortaEcoruña (relatora no seminario sobre horta escolar), ao longo do curso escolar, aprendemos a escoller as sementes de inverno e de verán para un mellor aproveitamento e sementar ou plantar en función das fases da Lúa. Por exemplo, a plantación de cabazas en xuño para a posterior mostra de cabazas decoradas no Samaín, a elaboración de macedonia de froitas coas mazás, peras e limóns das nosas árbores, coas framboesas e cos amorodos do invernadoiro ou a degustación dunha ensalada de leituga, cenoria, tomates e ravos.

Nesta actividade participaron, fundamentalmente, nenos e nenas do ciclo de infantil, e do primeiro, quinto e sexto nivel de educación primaria, mantendo os sementeiros nas aulas, para logo plantar e facer o seguimento e o coidado desde o invernadoiro.

Por outra banda, facemos compostaxe cos desperdicios e a poda dos vexetais, dando importancia ao que se debe ou non incorporar ao contedor orgánico. Así mesmo, formámonos para aprender e ensinar a criar miñocas vermellas californianas coa intención de obter humus que sirva de fertilizante para as nosas sementes.

Para fomentar a propia hixiene corporal e aproveitando as plantas aromáticas da nosa colleita, levamos a cabo un obradoiro de xabóns da man de Jéssica Estraviz, de Mar de Miranda, enfocado ao alumnado a partir do terceiro nivel de primaria. Os nenos e nenas aprenderon tanto a discriminar olores e texturas coma a elaborar os seus propios xabóns.

Finalmente, coa actividade Os 3 R promovemos a reutilización de materiais de refugallo para convertelos en xoguetes.

 

Horta e xabóns

 

Vida activa e deportiva

A través do Proxecto de vida activa e deportiva, elaborado polos especialistas de educación física, contribuímos a que o alumnado coñeza xogos tradicionais, como a buxaina, e deportes da man de asociacións e clubs específicos (como Balonmán de Culleredo e Hóckey de Cambre) e que desenvolva 60 minutos de actividade física ao día (recomendación da Sociedade Española de Pediatría). Isto vai unido á mellora e formación no eido da nutrición, aspecto fundamental para o coidado da saúde.

 

Deportes e xogos tradicionais

 

Na educación infantil contamos con bicicletas adaptadas ao alumnado, sen pedais, para empregar, como mínimo, unha vez á semana para seguir un circuíto.

A partir do curso pasado, o centro promove patios activos, cun recuncho de baile e a participación do noso alumnado en actividades físicas relacionadas cos xogos populares e os deportes tradicionais (o pano, o brilé e o tiro á corda) no tempo de lecer. Así mesmo, contamos cun horario para alternar os niveis educativos na práctica de baloncesto, fútbol e brilé.

Cómpre puntualizar que o primeiro curso que se puxo en marcha o recuncho de baile foi levado a cabo pola mestra especialista en educación musical, mais neste curso actual xa é o alumnado de quinto e sexto de educación primaria o encargado e responsable da súa realización, coa mediación oportuna do profesorado.

Por outra banda, levamos dous cursos organizando unha carreira solidaria e integradora para o Día da Paz e iniciamos unha actividade baseada na milla diaria.

 

Baile, bicis e milla

 

Este ano iniciámonos nos protocolos de valoración da condición física saudable establecidos en DAFIS, dentro da plataforma galega do mesmo nome. Deste xeito, medimos as calidades físicas e psicomotrices relacionadas coa saúde e coñecer o estado físico no que se atopa o noso alumnado para decidir cales son os aspectos que precisan mellorar e cales non. Esta valoración é fundamental para coñecer e facer un seguimento dos seus valores de condición física e deseñar actuacións adaptadas ás súas necesidades. Deste xeito, poderemos coñecer a porcentaxe de obesidade do noso alumnado e ter datos obxectivos de como evoluciona.

Por outra banda, promovemos as saídas a pé a lugares da contorna (xardín botánico, paseo Tierno Galván, casa da cultura) prescindindo do transporte en bus, sempre e cando a meteoroloxía o permitise.

Así mesmo, en igualdade de importancia co movemento está o descanso. Promovemos recunchos de relaxación e mesmo organizamos e levamos a cabo un obradoiro de luz, no que participou o alumnado de infantil, como unha actividade alternativa á lectura ou xogos de relaxación.

 

Obradoiro de luz

 

Hixiene postural

Relacionado coa condición física do noso alumnado e tendo en conta as horas que pasa sentado, ideamos formarnos na hixiene postural. Dentro do PFPP, da man de María Belén Lamela, de NACU.ES, organizamos o grupo de traballo sobre hixiene postural. Logo da presentación da información e da demostración práctica da relatora, os docentes participantes puxemos en práctica o aprendido coa repetición dos exercicios.

De cara ao alumnado, por unha banda, recalcamos a necesidade de levar lixeiras e correctamente postas as mochilas. Por outra banda, facemos especial fincapé tanto na limpeza, orde e liberación de obxectos no espazo de traballo coma na postura corporal relaxada e con puntos de apoio non tensionados.

Realizamos un obradoiro de debuxo de letras itálicas, onde o alumnado do sexto nivel de educación primaria fixo de mediador co alumnado de menor idade.

 

Obradoiro escritura itálica

 

Reflexións sobre a práctica

A acollida polo alumnado foi realmente positiva, xa que as características das experiencias eran innovadoras de por si e tanto a posta en práctica coma os materiais foron moi motivadores.

A través destas experiencias cara a unha vida saudable conseguimos alumnos e alumnas máis activos e críticos coas accións que repercuten tanto no propio corpo coma na contorna.

A boa organización dos grupos participantes nas distintas experiencias minimizou as dificultades para a súa implementación.

Aínda que sempre xorden aspectos susceptibles de mellora, o importante é ofrecer ideas e suxestións que sumen valor ás experiencias. Entre o traballo en grupo do equipo docente e o asesoramento por parte do CFR, solucionamos problemas iniciais de agrupamentos, horarios e recursos materiais.

 

Valoración final

Dando resposta ao currículo e tendo en conta os bos resultados obtidos durante estes dous últimos cursos a través das experiencias descritas, consideramos que a promoción da saúde debe estar integrada no día a día da vida escolar a través de actividades saudables, activas e motivadoras. Con todo isto, consideramos conveniente darlle continuidade a este aspecto dentro da comunidade escolar e na práctica de aula.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Organización Mundial da Saúde: https://www.who.int/es/

La alimentación equilibrada en la infancia y la adolescenciahttps://www.deustosalud.com/blog/dietetica-nutricion/alimentacion-equilibrada-infancia-adolescencia

Consejos sobre actividad física para niños y adolescentes: https://www.aeped.es/comite-promocion-salud/documentos/consejos-sobre-actividad-fisica-ninos-y-adolescentes

https://dafis.xunta.es/

 

 

Sección: