
Da horta á cociña
Sandra Atanes Bouzón
CEIP de Viñagrande-Deiro (Vilanova de Arousa - Pontevedra)
«Profe, a min non me gustan as espinacas!»
Esta foi unha das moitas frases que lle escoitabamos ao alumnado ao presentar algunhas das propostas de cultivo ou de cociña. A cuestión: a alimentación saudable. Os cultivos na escola teñen unha dobre finalidade, vivenciar e experimentar o ciclo de vida das plantas, base da nosa alimentación, e favorecer hábitos alimenticios saudables a través do coñecemento dos beneficios da dieta atlántica.
A importancia da adquisición de hábitos saudables está recollida no preámbulo da LOMLOE, no que se sinala a necesidade de desenvolver a educación para o consumo responsable e o desenvolvemento sostible e a educación para a saúde. A redacción da disposición adicional cuadraxésimo sexta destaca a importancia de realizar proxectos que garantan un desenvolvemento adecuado para favorecer unha vida sa e autónoma, promover hábitos saudables de alimentación, fomentar a mobilidade activa e reducir o sedentarismo.
Os inicios do horto escolar
O comezo deste proxecto coincide no tempo coa participación na quinta edición do concurso escolar Recíclate con Sogama, enmarcado no Plan Proxecta (curso 2016/17). No proxecto preséntase un plan de divulgación sobre a separación do lixo, que resultou gañador obtendo a mellor puntuación en todos os parámetros avaliados. Con isto, o centro recibe unha illa de reciclaxe e un composteiro, xa que estaba prevista a implementación dunha horta escolar ecolóxica.
A horta escolar convértese en realidade grazas á colaboración das familias, que participan activamente na construción de catro bancais exteriores de 6 m2, preparando e colocando as táboas de madeira e transportando terra cos seus propios medios.
O proxecto medra coa construción dun invernadoiro
Os recursos para favorecer a ensinanza das Ciencias Naturais ampliáronse coa creación dun proxecto para conseguir un invernadoiro, que fomentará a realización de experiencias escolares de cultivo de abrigo. A horta escolar é un recurso educativo e, pola súa vez, un contexto de aprendizaxe privilexiado que favorece as metodoloxías activas: unha aprendizaxe nun contexto real a través da actividade tanto manipulativa coma intelectual.
En maio de 2021, inaugurase no patio do CEIP de Viñagrande-Deiro un invernadoiro de 50 m2, financiado a través de dous proxectos presentados á plataforma de crowdfunding da Fundación Triodos e da Fundación Alcampo por la Juventud da man de persoal docente e da ANPA A Prexela.
A realidade da vida dun centro: fortalezas e ameazas
Os centros son organizacións «vivas» que sofren cambios e variacións continuos, o que en moitas ocasións leva consigo certas dificultades e vantaxes.
As expectativas para levar a cabo a aprendizaxe no horto eran moi ambiciosas á vista dos recursos dos que dispoñía o centro e do interese das familias, mentres que a renovación de case a metade do profesorado supoñía unha ameaza para lle dar continuidade a esta actividade, debido á falta de experiencias previas e a escasa formación da gran maioría das persoas docentes, eu entre elas.
Esta é a realidade na que «aterro» cando chego a Viñagrande no curso 2020/21, inmersa nunha situación totalmente «anormal» marcada pola pandemia da covid-19, que condicionaría moitas situacións e decisións, entre as que se atopa a miña determinación de apostar por unha mellora da calidade de vida a través da protección e coidado do medio natural, polo que me presento voluntaria para a coordinación do equipo de ecoloxía.
Detección de necesidades de formación
Transcorren dous cursos dando «paus de cego», tratando de desenvolver unha actividade que resultaba moi motivadora para o alumnado e algúns docentes, pero ao mesmo tempo invadida por unha sensación de fracaso, debido á falta de vinculación das prácticas na horta cos contidos, cos elementos transversais e coa educación medioambiental, pola gran dificultade na realización de diferentes procesos: elaborar o compost, facer as sementeiras, coñecer as técnicas de cultivo, o control de pragas, lograr as colleitas esperadas…
Este desazo fai que, antes de que remate o curso, o claustro coincida na necesidade de contar cun plan de formación para o seguinte curso, da que se fará partícipe ao alumnado e a todas as familias interesadas.
Horto escolar e alimentación saudable é o título do PFPP que se leva a cabo no curso 2022/23, da man de Amilpa do Salnés, complementada cunha formación trimestral da Escola de Familias ENAPAS, e no que se tratan temáticas vinculadas coa alimentación saudable e o cultivo biointesivo.
Unha cousa leva á outra
A cociña é un recurso educativo que cada vez está máis presente nos centros de educación infantil e primaria.
Os obradoiros de cociña son unha proposta moi interesante, por tratarse de situacións de aprendizaxe que permiten o tratamento interdisciplinario de contidos das diferentes áreas e pola motivación que suscitan entre o alumnado de todas as idades.
Foi antes de emprender a formación sobre hortos que un grupo de persoas docentes suxire a adquisición de materiais para realizar actividades de cociña e preparación de alimentos. Isto fai que en pouco tempo se adquiran dúas placas vitrocerámicas, un forno e louza para poder facer actividades de cociña: bocadillos de vexetais, doce de cabaza e empanada, pizzas con base de espinacas e avea, fajitas ao estilo galego envoltas en follas de repolo escaldadas…
O potencial das actividades de horto e de cociña eran evidentes, principalmente por tratarse dunha práctica que favorece a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes. Cociñar implica tomar decisións, adquirir estratexias de cooperación e traballo en equipo, adquirir habilidades manipulativas, respectar as quendas de actuación e os gustos e intereses dos demais, secuenciar accións ou estimar as cantidades necesarias en función dos comensais, as condicións de conservación e tratamento dos alimentos, interpretar as etiquetas, promover a necesidade dunha alimentación saudable, escribir ou buscar a receita en diferentes medios ou soportes, aprender das familias creando un espazo na aula virtual, na que nos achegaban as súas receitas escritas e/ou vídeos elaborando sobremesas, doces…
O presente da nosa horta e cociña
A actividade do horto é a impulsora das actividades de cociña.
Como nos organizamos? Ao inicio do curso, as persoas que formamos o equipo de ecoloxía facemos unha planificación de secuencia de actividades ao longo de todo curso e un calendario de cultivos, sementeiras e colleitas, baixo a guía e supervisión da persoa encargada da formación realizada con anterioridade.
O punto de partida é a análise da terra e a súa mellora. As mostras de terra dos bancais externos e dos do invernadoiro envíanse ao Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia e, en función dos resultados, aplícanse as emendas pertinentes.
As persoas titoras de cada grupo, dos tres grupos mixtos de infantil e dos seis grupos de educación primaria, elixen unha sesión semanal na que desexan realizar a actividade, co fin de programar as actividades e non coincidir varios grupos na mesma franxa horaria, xa que o número de ferramentas e a dimensión dos bancais condiciona a participación a un máximo de 10-12 persoas. Os grupos de alumnado máis numerosos aproveitan os momentos nos que contan cunha persoa docente de apoio para facer desdobra.
Esta organización temporal é totalmente flexible, xa que ás veces é preciso sementar, transplantar ou apañar tendo en conta as fases da Lúa e, polo tanto, os días «óptimos» ou simplemente porque hai semanas nas que altas temperaturas obrigan a regar dous ou tres días por semana… e, como é sabido, a primavera é un momento de máxima dedicación aos cultivos.
Os obradoiros de cociña son actividades puntuais provocadas polas conmemoracións, as colleitas e o propio interese do alumnado.
No momento no que estamos a estudar a pirámide alimenticia e investigamos as etiquetas dos alimentos, para coñecer as súas propiedades nutritivas, xorde un obradoiro de cociña baixo o título Bocatas saudables, apañando as diferentes variedades de leitugas que temos no invernadoiro.
Comeza o outono e con el chega o momento de preparación das cabazas para celebrar o Samaín. Que imos facer con toda esa cabaza e as sementes que se retiran ao baleiralas? As sementes foron clasificadas, etiquetadas e postas a secar para cultivar diferentes cabazas na horta escolar no mes de abril/maio. Deste xeito, no mes de outubro teremos as nosas propias cabazas. A polpa da cabaza foi o ingrediente principal das «chulas de cabaza» do «pan de cabaza» e do «biscoito». Estas receitas foron elaboradas nos obradoiros rotativos que se organizaron para celebrar a xornada do Samaín. A organización de grupos mixtos de alumnado de todos os niveis foi un factor moi motivador e garantía de éxito destes obradoiros que se planifican dúas ou tres veces por curso.
«Profe, as espinacas na masa da pizza saben ben!»