Retos de Bonitiño!

Cara a unha saúde total!
Analizando as necesidades da sociedade e do noso alumnado como membros dela, detectamos na actualidade moitas carencias no ámbito da educación emocional, de hábitos de vida saudable e de coidado da natureza. Xurdiu a idea de integrar estas tres temáticas e desenvolver no centro proxectos con enfoque multifactorial.

Ofelia Cebrián Paz
ofelia.cebrian@edu.xunta.gal
Pepa Fernández Amor
f.amor@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Burela - Lugo)

 

 

Artigos científicos consultados indican que a realización de actividade física de xeito habitual e moderado constitúe un factor de primeira orde como tratamento preventivo de enfermidades en maiores e xente nova. Cando nos exercitamos, o corpo libera endorfinas (hormona da felicidade) que axudan a relaxarse, reducen o estrés, a ansiedade, melloran o estado de ánimo e favorecen o descanso. Todo isto demostra a relación positiva e bidireccional entre a condición física e o benestar emocional entre o alumnado de primaria, reforzando a necesidade de impulsar programas de mellora da saúde que incidan no campo emocional dos individuos. Está demostrado entre a poboación escolar que unha mellor condición física dá lugar a unha percepción máis positiva de un mesmo e incide no seu benestar emocional. De todos os estudos realizados despréndese que, para manter unha boa saúde mental, cómpre coidar o corpo, durmir, alimentarse ben e realizar exercicio constante e moderado, evitando así o sedentarismo e a obesidade, problemas moi frecuentes na actualidade entre a poboación escolar.

Se queremos responder a pregunta de cales son as vantaxes de manter hábitos saudables no benestar emocional, teremos en conta a especialistas como Mario Alonso Puig, neurocientífico e médico que responde que «as dimensións física, mental e anímica dunha persoa son tres realidades que se poden distinguir, pero non se poden separar». Son facetas interconectadas e traballando aspectos de todas elas achegamos orde á nosa vida, previmos o estrés, melloramos a autoestima, gañamos autonomía, acadamos equilibrio emocional...

No CEIP Plurilingüe Virxe do Carme queremos contribuír ao benestar da comunidade educativa indo cara á «saúde total», abordándoa como un sistema multifactorial. Somos conscientes da necesidade de sensibilizar e motivar a todos os seus integrantes para o éxito deste plan e para que os hábitos e aprendizaxes adquiridas sexan interiorizadas e perduren no tempo. A cultura da prevención no eido escolar é un piar básico para acadar obxectivos que melloren a calidade de vida da poboación en xeral. Implicando as familias e a outros sectores da comunidade educativa, darémoslle maior valor e continuidade.

Para isto iniciamos simultaneamente tres ambiciosos proxectos: Somos natureza (fomento do coidado e respecto medioambiental) desde a Biblioteca Escolar, Educación responsable (Fundación Botín e Consellería de Educación) e Plan de vida activa e deportiva (Plan Proxecta +). Os tres xuntos están presentes en moitas das actividades que se desenvolven no ámbito de todo o centro.

Concretaremos neste artigo o traballo que se levou a cabo no campo de hábitos de vida saudable.

Os obxectivos que se estableceron foron:

  • Promover hábitos de vida correctos.
  • Fomentar hábitos positivos de alimentación.
  • Evitar o sedentarismo no alumnado.
  • Fomentar a realización de actividade física no tempo de lecer e ofrecerlles ás familias opcións para ese momento.
  • Sensibilizar a comunidade educativa da necesidade de realizar actividade física.

Para darlles vida a estes proxectos creouse un grupo de traballo no que participan mestres e mestras de educación infantil e primaria co fin de coordinar todas as propostas desde principios do curso, planificando e organizando actividades motivadoras nas que participe toda a familia.

A continuación, faremos un percorrido por algunha das accións que ata agora se foron desenvolvendo en relación cos hábitos de vida saudables.

Iniciamos o traballo coa elección da mascota do proxecto. Convocouse un concurso para a selección, incentivando a participación cun agasallo para cada participante acorde coa temática (mandarina). O gañador levou un premio especial (reloxo de actividade). Houbo día de eleccións no pavillón, con mesa electoral incluída. A mascota elixida foi Bonitiño, símbolo da actividade principal da nosa vila: a pesca.

A partir dese momento, é Bonitiño quen propón retos e actividades para todos publicándoas nas redes sociais, a través de Abalar, carteis etc., e deste xeito consegue que cheguen ao maior número de familias. Descríbense a continuación algunhas propostas realizadas:

- Actividades para as familias: ioga, sesión cun adestrador persoal, charlas de nutrición, sesións de fit dance.

 

 

- Ofrecéronse alternativas deportivas, traendo ao colexio representantes de varios deportes con incidencia na nosa contorna (equipo feminino de fútbol sala de Burela, considerado o mellor do mundo, club de atletismo, club de piragüismo...)

- Contamos coa inestimable colaboración de diversas entidades locais: asistencia a actividades propostas polo Concello (a Aula Gaia ofreceunos múltiples actividades relacionadas coa saúde nas que participaron todos os grupos), Plan director da Garda Civil (drogas, alcohol, videoxogos e saúde mental...), confraría de pescadores (este curso participamos en charlas, xogos e propostas que promoven o valor nutritivo do peixe, á vez que velan polo mantemento do sector pesqueiro e da educación medioambiental), Asociación Esperanza (cada ano participamos nas xornadas escolares de prevención do cancro con asistencia de médicos do Hospital Público da Mariña), Farmacia o Parque de Burela (conferencia interactiva sobre a protección solar)...

- Merendas saudables: iniciouse esta actividade cunha charla para o alumnado de sexto de educación primaria a cargo dunha experta en nutrición, centrada nas merendas que traen para o recreo. Cos coñecementos adquiridos serían «profes por un día» no resto das aulas. Tomaron apuntamentos, seleccionaron información, prepararon unha presentación e, con todo ben asimilado, pasaron por todas as clases para amosarlles aos seus compañeiros e compañeiras como tiña que ser unha merenda correcta e axeitada ás necesidades dos nenos e nenas. Entregáronlle a cada familia un tríptico elaborado por eles mesmos, no que se recollían as ideas principais do explicado. Para que sexa máis efectivo, o profesorado reforza continuamente esta idea, informa as familias e pídelles colaboración para un maior afianzamento. Durante varias semanas, Bonitiño pediu que valorasen a calidade das merendas na súa aula. Os nenos e nenas, guiados polas súas titoras e titores, tiñan que reflexionar sobre os alimentos traídos e anotaron nun rexistro a valoración das merendas. Se o resultado era positivo, recibían un premio para todos (minutos de recreo...). Como produto final desta experiencia, Bonitiño propuxo o terceiro reto.

- O primeiro foi a Andaina dos Castros, á praia da Marosa. O reto consistía en acadar un mínimo de cen participantes (adultos e alumnado). Dobrouse o número previsto e foi unha experiencia moi divertida e gratificante que deu ánimo para continuar nesa liña.

 

- Segundo reto: Apadriña un sedentario. Cada neno e nena tiña como misión convencer un familiar adulto para realizar algunha actividade física durante un mes (camiñar, andar en bici, apuntarse ao ximnasio, baile...). Para ter evidencias, subían fotos a PADLET e cubrían un rexistro no que sinalaban as datas e os exercicios realizados. Ao final do mes entregáronselles diplomas aos participantes (adultos e padriños/madriñas).

- Terceiro reto de Bonitiño: Receitario extraordinario. Bonitiño propón elaborar un libro de receitas con merendas divertidas e saudables, tendo en conta o aprendido nas charlas de sexto de primaria. Enviarán as súas elaboracións ao correo da mascota co nome do prato, a preparación, ingredientes e algunha foto. O reto: conseguir cincuenta. O produto final será un libro encadernado para a biblioteca e a publicación nas redes sociais do centro.

 

 

A posta en práctica de todas estas experiencias deu resultados moi positivos. Apréciase nas aulas interese polo coidado da alimentación e a mellora da saúde. As merendas cambiaron moito desde o inicio do curso e nas conversas entre os nenos e nenas detectamos que están moi presentes as informacións que recibiron. A intención deste proxecto é instaurar hábitos. Por iso os traballos se estenden no tempo varias semanas. Logo da análise dos resultados, consideramos que estamos no bo camiño.

Todas as propostas foron ben acollidas pola comunidade educativa e todos os sectores se implican cada vez máis achegando ideas que, en ocasións, por falta de tempo, non podemos levar a cabo.

A intención é continuar na mesma liña de traballo nos vindeiros cursos e seguir colaborando coas familias para poñer o noso gran de area en acadar a «saúde total» sobre a que reflexionamos ao inicio deste artigo.

 

 

 

Sección: