Síntome ben

Beatriz Somoza Pires
somozapires@edu.xunta.gal
María Carmen Negro Fernández
mnegro@edu.xunta.gal
María Ángeles Ramos Castro
ramoscastro@edu.xunta.gal
CEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa - Pontevedra)

 

 

A pandemia obrigounos a vivir situacións moi complicadas para as que non estabamos preparados, pero á vez conseguiu que nos unísemos como comunidade e puidésemos coñecer moi de cerca as familias e a súa situación tanto física coma emocional. Por iso, e tras vivir dous cursos complicados que nos deixaron moi marcados, alumnado e profesorado escollemos como tema reitor o coidado físico e mental da nosa comunidade educativa baixo o lema «Síntome ben».

 

 

Como centro educativo, somos responsables de educar persoas competentes e autónomas en todos os aspectos para que poidan defenderse como adultas. Nós mesmos somos a ferramenta máis poderosa coa que afrontar a vida e o futuro que nos agarda, así que o equilibrio e a saúde física e mental son fundamentais. Con este proxecto, fundamentado na PDI levada a cabo no curso 2021/22 no CEP Plurilingüe de Riomaior en Vilaboa e sempre amparado no traballo das liñas dos PFPP, quixemos ensinar o noso alumnado e guiar as familias e a comunidade nun proceso de recuperación e resiliencia, porque sentíndonos ben non teremos límites.

Aínda que estivo planificado para un curso, pretendiamos ofrecer competencias fundamentais que fosen interiorizadas e sentar as bases de cidadáns equilibrados e autónomos. Xa que logo, os hábitos adquiridos incorporáronse na rutina diaria de alumnado e familias e continuaron nos seguintes cursos. A metodoloxía utilizada foi inclusiva, activa, colaborativa, participativa e integrada totalmente na práctica educativa, polo que todas as materias achegaron contidos. As materias lingüísticas foron ferramentas vehiculares fundamentais para o desenvolvemento da investigación, redacción e expresión; as Matemáticas permitíronnos manexar datos e porcentaxes; as Ciencias Naturais, contidos sobre o corpo humano, a saúde, os alimentos; as Ciencias Sociais, a saúde, as emocións e a forma física; a Educación Física, coidado do corpo; Música, Relixión e Valores, manifestación das emocións, e a Plástica ocupouse da decoración dos espazos para eventos e da creación e customización de roupa, adornos para cabelo e unllas.

 

 

Entre os contidos tratados figuran coidado do corpo e da mente, hábitos e alimentación saudable, exercicio físico, primeiros auxilios, relaxación e estratexias de mindfulness, control da respiración, aspecto físico, autoestima e autocoñecemento, empatía, compaixón etc. Igualmente coidamos do planeta traballando a sostibilidade, economía circular, compostaxe, consumo sostible e de proximidade, reciclaxe e reutilización.

 

 

O tema foi escollido a través dunha enquisa do alumnado do centro a finais do curso 2020/21. O paso seguinte, en setembro, foi a proposta de traballo que partiu do equipo da biblioteca, e posteriormente perfilada por todo o claustro, deseñando o proxecto e a súa execución. Propuxéronse actividades para levar a cabo cada día e colaboracións externas das familias e persoal especializado, e posteriormente asignouse a repartición de tarefas para as distintas actividades e talleres.

O obxectivo fundamental era mellorar a autonomía e o estado físico e mental da nosa comunidade, así como educar para a vida. Involucraba a familias, alumnado e mestres participando de xeito activo no proxecto. Como estaba orientado a todos os niveis e idades, decidimos utilizar un código de cores e adxudicar un día da semana para cada aspecto.

A planificación xestionouse do seguinte xeito:

 

 

Investigamos e promovemos un alimento saudable de tempada e proximidade semanalmente poñendo en valor as producións do concello (conservas, pesca, acuicultura…), aprendemos a calmarnos e a respirar como ferramenta para controlar as nosas emocións, organizamos talleres de fomento da creatividade a través do deseño da nosa propia roupa, adornos, complementos, promovemos o exercicio físico con paseos pola contorna e aprendizaxe de novos xogos e deportes, elaboramos produtos como o iogur e o marmelo, e cociñamos receitas con ingredientes do noso horto, como a tortilla de herbas aromáticas ou o arroz con verduras, empregando as matemáticas para calcular o uso dos ingredientes e creando receitarios en diferentes linguas.

 

 

Focalizamos o traballo de xeito que todas as competencias quedasen cubertas. Ao sermos un centro plurilingüe, foi importante a mellora da expresión e da comprensión oral a través da promoción dos produtos e da comprensión lectora mediante a busca de información para a investigación, a expresión escrita a través do extracto de ideas principais e a síntese da información atopada, escrita creativa na creación e xustificación dos logos do proxecto e comprensión oral mediante a escoita activa.

Reforzáronse igualmente procesos de planificación, realización e comunicación de resultados das investigacións realizadas. Calculáronse medidas e porcións necesarias para a elaboración e a repartición das receitas cos produtos da horta. Medíronse espazos para a realización de xogos e eventos.

 

 

As TIC foron unha ferramenta fundamental para a busca e sedimentación da información, seleccionando fontes fiables, elaborando vídeos, fotografando e utilizando a radio escolar.

A aprendizaxe por proxectos e unidades integradas estimula esta competencia desde o momento no que se fai reflexionar sobre o que se sabe, o que se quere saber, onde buscamos, como nos organizamos para atopar as respostas, que aprendemos. O alumnado debe ser o protagonista do proceso e do resultado da súa apre

 

 

Existían dous obxectivos fundamentais, educar a comunidade para establecer rutinas e ofrecer actividades e consellos que mellorasen a saúde do alumnado e das familias.

O alumnado deseñou, planificou e organizou as festas temáticas celebradas no centro —Halloween, Magosto, Thanksgiving, Nadal, ST Patricks, Festa Country e Festa India—, co que traballaron o emprendemento, así como aspectos artísticos: a imaxinación e a creatividade, coñecemento de diversas técnicas e artistas. Decoráronse espazos, customizouse roupa e creáronse vestimentas temáticas.

Sempre tivemos como referente a coeducación, a educación para a igualdade, a inclusión, e o respecto polas diversas formas de manifestación da personalidade e polas diferenzas e a variada identidade de xéneros.

Foi fundamental a busca e manexo da información, polo que a biblioteca coordinou os diferentes materiais tanto de aprendizaxe coma de transmisión da información e cunha planificación de xeito globalizado e interdisciplinario. Como ferramenta de rexistro e transmisión, realizouse unha mellora do espazo da radio escolar, ofrecendo técnicas audiovisuais, como, por exemplo, o croma, polo que o profesorado realizou formación nestas ferramentas dixitais, así como en xestión emocional.

A colaboración coas familias foi plena. Coñecían o proxecto e o seu papel nel, comezando por explicarlle o cambio na proposta de parvas diarias dun tipo de alimento á implementación das friameiras, con diferentes departamentos para froitas e verduras, proteínas e hidratos. Establecemos unha canle de comunicación e todos os venres eran informados das actividades desenvolvidas, a estrela da semana e dábanse propostas para o tempo libre e lecer adaptadas ao tempo meteorolóxico: paseos para ver as cores do outono, enlaces a rutas de sendeirismo, actividades culturais na contorna ou consellos de organización da neveira con petiscos saudables, novas receitas, decoración de outono ou primavera para a casa e o xardín, actividades en familia para días chuviosos, propostas de aspecto persoal, recomendacións da prensa local ou programas da TVG do ámbito da saúde.

 

 

Utilizáronse todos os recursos á nosa disposición: naturais, materiais e tecnolóxicos e humanos. Púxose en valor a comunidade visibilizando traballos e servizos como a elaboración de conservas, a compostaxe, supermercados, farmacia, entidades bancarias e asociacións como a ANPA, comunidade de montes, club de piragüismo etc.

Elaboráronse dípticos, receitas de cociñas, ecoconsellos, libro cos alimentos estrela semanais, materiais curriculares, botes de sentimentos e murais

Para a difusión dos traballos utilizáronse varias canles de comunicación: web do centro, blog da biblioteca, radio escolar, megafonía e redes sociais.

Este proxecto foi medrando no seu desenvolvemento, superando as expectativas e obxectivos marcados. Pretendiamos orientar, educar e guiar tanto o alumnado coma as familias para acadar un impacto de mellora da saúde na nosa comunidade educativa e, á vez, sentar bases sólidas que mellorasen a calidade de vida a longo prazo. Mellorouse a alimentación interiorizando o equilibro de proteínas, verduras, froitas e hidratos e dinamizouse a actividade física. A prevención tivo igualmente un papel relevante e, grazas á asistencia ao noso centro de especialistas, detectáronse problemas de sobrepeso, auditivos, visuais e incluso podolóxicos que foron redirixidos para o seu tratamento. Normalizáronse tendencias e usos de diversas vestimentas e estéticas en igualdade de xénero, como o uso de saias ou a maquillaxe. Mellorouse a empatía e a colaboración como unha ferramenta eficaz para sentirse mellor. Tamén foi un punto de partida para o centro educativo que, grazas a este traballo, incluíu no PEC e nas metodoloxías do centro actividades máis competenciais, máis situacións de aprendizaxe, grupos multinivel e colaboracións entre o profesorado do centro.

 

 

Todas estas actividades quedaron reflectidas no blog da biblioteca.

Foi unha experiencia moi gratificante e que tivo un grande impacto educativo e social que perdurou no tempo, moi ambicioso, pero moi ben planificado e con grande involucración de toda a comunidade. Aínda que supuxo un grande esforzo, xuntos foi doado de executar.

 

 

Sección: