As bibliotecas escolares galegas teñen plan, compás e bitácora

A propósito do Plan de Lectura e do Plan de Biblioteca
Os decretos que regulan a ordenación e os currículos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia establecen que os centros docentes deberán incluír dentro do seu proxecto educativo e funcional un plan de lectura e un plan de biblioteca. Esta normativa propón cambios de nomenclatura e engade unha novidade documental que é do interese dos equipos das bibliotecas escolares. Este artigo trata de recordar algunhas ideas básicas sobre en que consiste e para que serve cadanseu destes plans, e quizais sobre como abordar a súa revisión e/ou nova redacción.

Francisco César Díaz Rey
Asesoría de bibliotecas Escolares
francisco.cesardiaz@edu.xunta.gal

 

 

Punto de lectura - barco. Biblioteca do CEIP de Meaño - As Covas

 

É martes, como podería ser outro día calquera, de mañá, cedo, e na radio da biblioteca do colexio de Carballedo soan os sinais horarios que preceden á lectura da axenda da semana. No entanto, un pequeno grupo de nais e pais fica nunha escola de Meaño, porque é o seu día de voluntariado na biblioteca. Nun instituto da Mariña, na biblioteca, reúnense as coordinadoras dunha microrrede para ultimar a organización do proxecto documental integrado que comparten cada curso escolar. Nese mesmo intre, acode a un instituto da Limia unha das autoras máis lidas nos clubs de lectura —dos centos de clubs de lectura que abeiran as bibliotecas escolares de Galicia— para conversar coas lectoras e lectores da súa última obra. Na escola de Chancelas, en Combarro, ultiman a transformación da biblioteca porque é martes, Martes con Arte, e na hora do recreo terá lugar un pequeno concerto. Vai chegando o tempo de lecer e, daquela, en cada centro, en cada biblioteca, de Tui a Cedeira, do Courel á Arousa, vanse achegando ás bibliotecas as voluntarias e voluntarios, a traballar, a colaborar na xestión, no empréstito, na mediación lectora…

 

O Plan. O Plan LIA e o PLAMBE

A lexislación educativa do país vén recollendo desde hai anos a necesidade de que os centros educativos conten cunha biblioteca escolar e de que estas bibliotecas estean renovadas e actualizadas de acordo cos tempos. A máis recente, a Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 113 establece que os centros de ensinanza disporán dunha biblioteca escolar, que estes instrumentos educativos contribuirán a fomentar a lectura e a que o alumnado acceda á información e outros recursos para a aprendizaxe das demais áreas e materias, e poida formarse no seu uso crítico, debendo contribuír estas bibliotecas escolares a facer efectivos os principios pedagóxicos referidos á lectura e dispoñendo que a organización das bibliotecas escolares deberá permitir o seu funcionamento como espazo aberto á comunidade educativa dos respectivos centros, así como que a súa dotación se fará de forma progresiva.

A lectura constitúe un factor fundamental para o desenvolvemento das competencias clave, é de especial relevancia o desenvolvemento de estratexias de comprensión de lectura de todo tipo de textos e imaxes, en calquera soporte e formato. Co fin de fomentar o hábito e o dominio da lectura, así como o da comunicación, os centros docentes organizarán a súa práctica docente de xeito que se garanta a incorporación dun tempo diario de lectura e práctica da oratoria nos termos recollidos na súa concreción curricular. Para facilitar esta práctica, a consellería con competencias en materia de educación promoverá plans de fomento da lectura e de alfabetización en diversos medios, tecnoloxías e linguaxes. Para iso contarase, de ser o caso, coa colaboración das familias ou persoas titoras legais e do voluntariado, así como co intercambio de boas prácticas.

Decreto 155/2022. Principios pedagóxicos

 

Pola súa parte, as ordes que desenvolven os decretos que regulan a ordenación e os currículos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia establecen que os centros docentes deberán incluír dentro do seu proxecto educativo e funcional un plan de lectura e un plan de biblioteca.

 

Equipo de voluntarias da Biblioteca de Rabi (CEIP P. de Chancelas, en Combarro)

 

Temos que celebrar cada un destes pequenos avances normativos, que entendemos que recoñecen o traballo que se fai nos centros e que lles poden outorgar solidez e futuro aos logros acadados xa. En Galicia temos un plan, que chamamos Plan LIA, que apunta moito máis lonxe e que na súa terceira edición (2021-2025) ten entre os seus obxectivos fundamentais dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes coas necesidades do século XXI, facendo delas espazos creativos de aprendizaxes innovadoras e inclusivas que apoien a adquisición das competencias clave do alumnado.

É por iso que debemos celebrar que na normativa actual se estableza a necesidade de que os centros educativos conten cun plan de lectura e cun plan de biblioteca, pois entendemos que vén apoiar o traballo desenvolvido durante estes últimos case vinte anos, nos que os centros educativos galegos, mirándose na vangarda que constitúen os centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, foron construíndo os seus plans de biblioteca, ligados a uns plans de lectura (aos que sempre lles chamamos proxectos lectores), que explican, creo eu, en gran medida, a calidade e fondura dos cambios que se teñen promovido non só nas propias bibliotecas senón no conxunto dos centros e da súa vida pedagóxica.

Daquela, lonxe de nos preocupar por se temos que elaborar novos documentos institucionais, haberá que pensar que esta é unha fermosa oportunidade de pór en valor o que xa temos feito. Quizais, iso si, pode ser unha oportunidade interesante para revisar, actualizar, renovar certos aspectos que co paso do tempo poden estar superados e, do mesmo xeito, incorporar outros que nos ocupan arestora.

 

O compás. A agulla de marear (1)

Os centros docentes deberán incluír dentro do seu proxecto educativo e funcional un plan de lectura coa finalidade de promover a lectura, que se concretará anualmente na programación xeral anual a través de actuacións destinadas ao fomento da lectura, da escritura e das habilidades no uso, no tratamento e na produción da información, en apoio da adquisición das competencias clave.

Decreto 155/2022. Título III. Plans educativos. Bibliotecas escolares e aproximación á lectura

As instrucións para a organización e funcionamento das bibliotecas escolares de Galicia veñen recollendo desde hai anos que os centros docentes deben incluír dentro do seu proxecto educativo e funcional o plan de lectura, que terá por finalidade a promoción e o fomento da lectura, a escritura e as habilidades no uso, no tratamento e na produción da información, en apoio da adquisición das competencias clave. Este plan de lectura concretarase como plan anual de lectura na programación xeral anual a través de accións enfocadas ao logro daqueles obxectivos establecidos que se pretendan desenvolver en cada curso escolar.

 

As mochilas viaxeiras. Unha iniciativa de vinculación escola - familias arredor da lectura

 

Daquela, nada hai de novo na normativa actual máis alá dun cambio de nome (de Proxecto lector a Plan de lectura), que non altera nin sequera as siglas habituais, e as bibliotecas escolares seguen a coordinar as actuacións para o desenvolvemento destes plans de lectura, que son:

"(...) documentos deseñados para desenvolver a medio prazo en que, a partir da análise do contexto en materia de lectura, se articulan todas as intervencións que se van realizar no centro en relación coa lectura, a escritura e as habilidades informativas, coa participación do profesorado das distintas áreas, materias e ciclos, incorporando a biblioteca escolar e as bibliotecas de aula como recursos fundamentais para a súa posta en marcha."

Decreto 130/2007. Anexo V. Proxecto lector de centro

 

Así o explicaba o primeiro texto normativo que lles concedeu carta de presentación e invitou a todos os centros educativos do país a deseñar e elaborar consensos sobre este particular eido educativo que se articula arredor da lectura, a escritura e as habilidades informativas, e que é tamén o eido esencial das bibliotecas escolares. Deste xeito comezou a perfilarse este noso compás para navegar.

 

Biblioteca Luis Davila, do CEIP Torre - Cela, de Bueu

 

Igual que as naves e navíos, os equipos das bibliotecas precisan saber cara a onde dirixen os esforzos, isto é, cales son os obxectivos e liñas de actuación prioritarias ás que serven as bibliotecas e o seu programa de actividades. Estes plans de lectura funcionan coma ese compás que marca o norte, que nos recorda cara a onde queremos ir, que mesmo nos fixo posible barloventear tempos de pandemia sen perder o rumbo. Ao longo deste tempo as bibliotecas escolares galegas foron collendo a agulla de marear.

Certo que temos compás, mais isto non significa que non haxa que axustar o rumbo a cada paso. Atentas ás necesidades das comunidades ás que serven, as bibliotecas escolares poden, e mesmo deben, revisar os seus plans de lectura para lles dar resposta aos novos retos que supón entenderse como «espazos de aprendizaxe (físico e dixital) que ofrecen as escolas para a lectura, investigación, pensamento, imaxinación e creatividade, actividades fundamentais para a adquisición de información e coñecemento do alumnado e do seu desenvolvemento social, cultural e persoal», tal como veñen definidas nas máis recentes instrucións da IFLA/UNESCO. (2)

Os grandes retos mantéñense e apuntan, por unha banda, á necesidade de integrar as bibliotecas escolares ao servizo das áreas e materias curriculares e, por outra, a democratizar a lectura e o acceso ao coñecemento, na diversidade de formatos e soportes nos que se realiza; tanto como a alfabetización mediática e informacional das comunidades ás que serven. Vivimos cambios tan rápidos e radicais no ecosistema da lectura que van moito máis aló de escoller entre ler nas pantallas ou en papel, e que, como sinala Gemma Lluch, atenden a «como os hábitos de relación coa información afastan a cidadanía da información contrastada e verificada que realizan profesionais da información; namentres, se compra calquera bulo xerado por bots en WhatsApp, Facebook, X ou TikTok; ou da adicción que provoca o consumo adictivo do tocar e arrastrar de determinadas aplicacións e que, posiblemente, provoca dificultades para prestarlle atención á lectura dun texto non fragmentado.» (3)

 

Emisora de radio do Recanto de Leo. Biblioteca escolar do CEIP A Lama

 

Esta idea de democratización do acceso ao coñecemento, clave no noso modelo de biblioteca escolar, implica unha serie de novos retos que necesitamos incorporar aos plans de lectura e que teñen que ver tanto con incorporar contidos novos, coñecementos, habilidades e estratexias diferentes ás que son necesarias na lectura analóxica coma con resignificar o termo «alfabetismo» para sumar novas competencias ás que son precisas para unha alfabetización tradicional, ou con entender as bibliotecas como mecanismos de compensación social para esa alfabetización de todos e todas. 

Tendo en conta estas realidades que nos interpelan directamente, parece chegado o momento para revisar os proxectos lectores e irmos algo máis aló de cambiarlles o nome. Sabemos que serán o noso compás para as mareas que veñen. Cómpre volver poñer a lectura e a escritura no alto da mesa nos claustros, cómpre renovar consensos —mesmo en ocasións haberá que retomar diálogos complexos— e tender pontes, integrar posturas, compartir formacións e volver poñer, negro sobre branco, algúns acordos, mesmo que sexan poucos e humildes ao comezo. Compás na man, mirada ao lonxe e pés na terra cara ás próximas mareas.

 

A bitácora. Anotacións das mareas (4)

Os centros docentes contarán cunha biblioteca escolar e deberán incluír dentro do seu proxecto educativo e funcional un plan de biblioteca, que se concretará anualmente na programación xeral anual a través das correspondentes actuacións, coa finalidade de promovela como centro de referencia de recursos da lectura, da información e da aprendizaxe. Así mesmo, a biblioteca escolar será un punto de encontro entre alumnado, profesorado e familias que facilite a comunicación, a creatividade, as aprendizaxes, o traballo colaborativo e os intercambios culturais no centro, ademais de servir como instrumento de apoio para o desenvolvemento do plan de lectura.

Decreto 155/2022. Título III. Plans educativos. Bibliotecas escolares e aproximación á lectura

 

De novo atopamos no texto normativo referencias que son xa realidade de moitos centros educativos e bibliotecas escolares do país. Certo é que este parágrafo dos decretos de currículo incorpora unha novidade documental: a necesidade de incluír, dentro do proxecto educativo e funcional dos centros, un plan de biblioteca. Mais tamén é certo que, durante todos estes anos en que se vén producindo unha renovación estrutural das bibliotecas escolares de Galicia, en todos os casos contaron cun plan de biblioteca, un proxecto inicial ben detallado, pensado e pleno de compromisos e ilusións. Para poder formar parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), cada equipo traballou arreo no deseño e construción dunha biblioteca escolar e dun programa de actividade completo e exhaustivo para poñer ao día este importante servizo educativo; e tamén é verdade que estes proxectos iniciais foron cedendo protagonismo aos plans anuais de biblioteca que reflicten como as ilusións de inicio se fan realidade ao longo do tempo, curso a curso. En xeral, o documento que manexamos decote nas bibliotecas escolares é o noso plan de traballo anual, ese plan sobre o que elaboramos unha memoria detallada cada fin de curso, a memoria que nos axuda a observar como avanza o noso plan de biblioteca, que resultados vai acadando ou cales serían, xa que logo, as liñas prioritarias ás que prestarlles atención no curso seguinte.

 

Escornabot viaxeiro. Programa de difusión de biblioteca creativa no CEIP de A Lama

 

Estes nosos plans de traballo de cada curso e as súas memorias son o cerne dunha cultura de avaliación que está na esencia do Plan de mellora das bibliotecas escolares galegas. As coordinadoras e coordinadores das bibliotecas escolares sempre botaron man de ferramentas útiles para esta reflexión permanente, atenta aos avances, tanto como a solucionar as dificultades ou a rabuñar recursos alá onde se pode… Unha ferramenta clave para esta cultura de avaliación foron sempre os blogs das bibliotecas. Velaí eses cadernos da bitácora, onde se anotan as incidencias, onde se fai memoria e se consignan as reflexións que poden axudarnos a facer unha mellor viaxe na próxima marea, quizais a pescar máis ou a navegar con menos risco.

As bibliotecas escolares, nas súas bitácoras, sábense espazos mediadores das lecturas no centro polo que son o «núcleo» da atención á formación de hábitos de lectura no conxunto da comunidade educativa. Alí consignan os deseños, o asesoramento e apoio que prestan ás actividades para o fomento da lectura que teñen en conta os distintos sectores que conforman as súas comunidades, procurando a colaboración de todos eles.

Sábense tamén espazos clave para crear situacións nas que lectoras e lectores se atopen cos contidos culturais en diferentes soportes e formatos, que amplíen a súa mirada sobre o mundo e a súa experiencia; tanto como contextos privilexiados para o desenvolvemento de competencias informacionais e mediáticas, como requisito para a construción do pensamento crítico. Por iso anotan nas súas bitácoras as iniciativas que artellan para facilitar o tratamento transversal dos contidos e un enfoque interdisciplinario en proxectos e actividades, contribuíndo así aos cambios metodolóxicos imprescindibles, tratando de involucrar a todo o profesorado, a todas as áreas, etapas e niveis, así como a todos os programas nos que está inmerso o centro para o desenvolvemento do seu proxecto educativo

Estas memorias ou bitácoras da biblioteca escolar reflicten os esforzos para incorporar as familias (na medida do posible e a través de distintas fórmulas), co fin de implicalas na formación das lectoras e dos lectores e, tamén, na súa formación como usuarios críticos de información e dos medios de comunicación. E son moitos os exemplos de bibliotecas escolares que traballan neste sentido: as seccións específicas dentro da colección destinadas aos adultos; os espazos de lectura específicos para nais e pais; os clubs de lectura de adultos nos que se implica profesorado, persoal non docente, nais, pais ou exalumnos; os grupos de adultos colaboradores; as «familias lectoras», o programa Lectura e Familias ou simplemente as mochilas viaxeiras pensadas como instrumento de vinculación son algunhas propostas que ofrecen bos resultados.

 

Emisora de radio do Recanto de Leo. Biblioteca escolar do CEIP A Lama

 

As nosas bitácoras susténtannos e permítenlles ás bibliotecas escolares enfrontar cada marea, isto é, cada curso escolar, para seren útiles, inclusivas e atentas ás necesidades que xorden. A normativa actual solicítanos renovar os votos e consignar nun documento marco, de medio prazo, o noso plan de biblioteca, o que inspira e abeira estas bitácoras anuais. Non será tarefa difícil, pois xa o temos. A persoa responsable da biblioteca escolar será a encargada, en colaboración coa xefatura de estudos e o equipo de apoio, máis que de elaborar, de revisar, retocar e consensuar un plan de biblioteca que debería incluír, cando menos, actuacións nos seguintes ámbitos:

- En relación coa organización e xestión (automatización e organización da colección, incluídos os recursos electrónicos seleccionados); provisión de recursos, en distintos soportes e formatos; servizos bibliotecarios básicos; mecanismos para a difusión da información; espazos dixitais (páxina web, blog ou presenza nas redes sociais); persoa designada como responsable da biblioteca escolar; equipo de apoio; usos e horarios de apertura (en tempo lectivo e non lectivo).

- En relación coa dinamización e promoción dos recursos da biblioteca, a súa integración no tratamento do currículo e a súa contribución ao desenvolvemento das competencias clave do alumnado.

- En relación coa formación de usuarios e coa adquisición da competencia informacional (ou de uso e tratamento da información, incluída na actual competencia dixital).

- En relación co fomento da lectura e co desenvolvemento do proxecto lector de centro.

- Outras actuacións relacionadas con proxectos e programas nos que está inmerso o centro.

- Criterios e procedementos de avaliación (dos servizos da biblioteca e da situación da lectura no centro, entre outros). Indicadores e instrumentos que se van utilizar.

 

O Sobreiral das Palabras. Biblioteca escolar do IES Valadares. Vigo

 

É media mañá e nun agocho subterráneo dun dos edificios da Cidade de Cultura, que acubilla enormes servidores informáticos, unha ardentía de luces de cores dá conta dos miles de movementos que se están a operar nos programas de xestión das bibliotecas escolares de institutos e escolas de todo o país, de préstamos e devolucións, de pescudas e reservas de libros, revistas, xogos e outros recursos. É o horario dos recreos, e de moitas das horas de ler. Nos servidores da plataforma dixital de préstamo E-LBE.2 dispáranse tamén os pedidos en liña, moitos deles mediados polos computadores de E-Dixgal, desde as bibliotecas ou desde as aulas. En Malpica de Bergantiños comeza a preparación dun menú saudable na cociña da biblioteca, mentres nunha escola infantil de Arteixo, os pequenos deseñan para imprimir en 3D pezas para reparar os seus robots Escornis;  nun histórico instituto da Cidade das Murallas inauguran unha exposición de pintura, e no Rosal, un equipo de voluntarias decora os novos muros que amplían a biblioteca, á que chaman A Quinta dos libros, con imaxes enormes inspiradas na literatura tradicional; en Vigo, no Sobreiral das palabras, un grupo de alumnas está a gravar un audiovisual que incide na formación dos usuarios da biblioteca, mentres na escola de A Lama todo está disposto para as exposicións orais do proxecto documental: Previdos! Luces, cámara… acción! 

 

Todas as bibliotecas escolares galegas integradas no PLAMBE contan cun plan de biblioteca. Non lles cómpre, xa que logo, pensar en que teñan que elaborar un novo documento. O que si podemos —mesmo diría que debemos— é botar man do proxecto inicial para comprobar canto ten avanzado xa o centro con respecto a aquel primeiro esbozo, canto ten cambiado a biblioteca e, máis aló, canto teñen mudado as prácticas pedagóxicas no conxunto da escola. Estaremos daquela a punto para escribir algunhas notas sobre o que cómpre abordar de aquí en diante. 

... porque temos plan, compás e bitácora.

Xa é polo serán e moitos centros educativos fican xa pechados. Houbo actividade esta tarde nas bibliotecas, abertas moitas delas para o alumnado, para as familias, con actividades específicas ás veces (charlas, obradoiros, conversas, clubs), e noutras coa sinxela oferta da colección e equipamento para a lectura, a consulta de información, a realización de traballos e o estudo… Noutros centros continúa a actividade, mesmo máis que na mañá, nas escolas de idiomas e conservatorios, nos centros de secundaria con horarios de tarde-noite, nas escolas de adultos, reprodúcense as escenas da mañá con outros protagonistas. Nun centro de formación profesional de Vigo, unha biblioteca impresionante que semella un submarino, e leva o nome de Nautilus, abeira unha acción formativa en colaboración co CFR para un gran número de docentes.

Faise noite, e nunha escola dun barrio de Vigo vese unha actividade impropia destas horas. É unha noite especial na que o equipo de voluntariado vai quedar a durmir na biblioteca…

 

 

 

(1) compásagulla de marear ou búsola é un instrumento de navegación para atopar direccións na Terra. O compás está composto por unha agulla magnética na horizontal, suspensa polo centro de gravidade, que se aliña de maneira precisa co campo magnético da Terra.

(2) Directrices da International Federation of Library Association and Institutions (IFLA) para as bibliotecas escolares. 2ª Edición revisada. 2015

(3) Lluch, G. (2023). La biblioteca escolar, un espacio imprescindible. CLIP De SEDIC: Revista De La Sociedad Española De Documentación E Información Científica, (88), 45–56. https://doi.org/10.47251/clip.n88.130

(4) (Caderno de) bitácora: Libro no que cada oficial de a bordo, ao facer a garda, vai anotando os datos ou feitos máis relevantes ocorridos durante a navegación, como as observacións meteorolóxicas, velocidade da marcha, manobras etc., que serve como borrador do diario de navegación.