Proxecto ENDE
Fernando Díaz Mirón. Profesor de Debuxo.
IES Aquis Querquennis (Bande - Ourense)
diazmiron@edu.xunta.gal
María Villarino López. Profesora de Xeografía e Historia.
IES de Allariz (Allariz - Ourense)
mariavillarino@edu.xunta.gal
Contextualización
Queriamos encher un baleiro que existía e facernos eco dunha demanda do profesorado e do alumnado galego en cuestión de arte: dispor dun dicionario de termos artísticos en galego no que incluír non só o noso patrimonio lingüístico, senón tamén o artístico. Nos diferentes niveis e materias precísanse definicións e explicacións dos principais termos das artes. Desde a nosa experiencia artística, teórica e práctica, como docentes e como ilustradores e creadores de contidos (IG: @diazmiron76; @mvillarino; www.mariavillarino.com), decidimos crear este recurso caracterizado por:
- Ser unha ferramenta instrumental, un recurso en formato dixital e en galego, e con aplicacións interactivas, con material descargable en liña e fóra de liña.
- Conter máis de 80 ilustracións de produción propia, para libre uso e coa cesión de todos os dereitos sobre elas (carácter REA, recursos educativos abertos). e realizadas expresamente para o proxecto. E con mais de 300 fotografías tamén propias e postas ao servizo do profesorado e do alumnado para o seu libre uso.
- Posuír unha gran diversidade no seu acceso, uso e aplicación, xa que atende a distintos ritmos de aprendizaxe, niveis e características do alumnado. A consulta activa con diferentes criterios tamén implica a súa mellor adaptabilidade e accesibilidade (lectura facilitada en formato audio Mp3 e un apoio visual con iconas e pictogramas, á parte das ilustracións, fotografías e gif con cadansúa descrición). Así mesmo, é portable a diferentes plataformas, dispositivos móbiles e navegadores.
- Ser unha proposta diversificada dirixida aos docentes e ao alumnado que necesite unha ferramenta que facilite o achegamento aos contidos artísticos, desde calquera nivel, ciclo, área ou materia. E tamén como a posibilidade de aprendizaxe da metodoloxía propia de calquera dicionario, con ordenamento alfabético, o que supón unha competencia propia tanto da primaria coma da secundaria. As actividades poden ser guiadas ou resoltas de xeito autónomo, retroalimentadas e constan dunha oferta variada para atender a diversidade.
- Queremos colaborar na normalización e promoción da nosa lingua galega como vehículo desta materia específica. Tamén do patrimonio galego a partir da escolleita sistematizada de obras da nosa arte e da dignificación e difusión destas, así como dos artistas e das artistas. Tamén visibilizamos a arte das mulleres galegas, a súa presenza e importancia, así como de autores e obras nas marxes da popularidade, aceptación social ou cultura de masas.
Obxectivos
Tal como se recolle na Guía para la aplicación del perfil de aplicación LOM-ES V1.0 en la educación (1), este tipo de ODE, obxecto básico (nivel 1) non ten asociado un nivel de cobertura curricular, xa que se pode abordar desde múltiples materias, áreas, currículos, momentos e situacións de aprendizaxe etc. Así pois, pódese relacionar con elementos curriculares de diferentes áreas de primaria (Ciencias Sociais, Educación Plástica e Visual, Lingua Galega...); de materias da secundaria (Xeografía e Historia, Lingua Galega, Educación Plástica e Visual, Cultura Clásica, Expresión Artística etc.); de materias de bacharelato (Fundamentos Artísticos, Historia da Arte, Debuxo Artístico, Debuxo Técnico Aplicado ás Artes Plásticas e Deseño, Debuxo Técnico; Lingua Galega etc.), do ámbito sociolingüístico na FP básica ou en módulos de FP específica vinculados coas artes e as humanidades.
Os obxectivos fundamentais deste obxecto básico de nivel 1 son:
- Dotar o alumnado e o profesorado dunha ferramenta inexistente, dixital multimedia, interactiva, accesible, adaptable, interoperativa, portable e en galego, fundamental no estudo da arte.
- Doar un banco de imaxes de calidade (80 ilustracións, 300 fotografías estáticas e en movemento aproximadamente), explicativas, libres, portables e descargables (REA) sobre os conceptos artísticos para facilitar o acceso ao currículo.
- Ampliar o vocabulario en lingua galega e potenciar o coñecemento, a utilización e a normalización do uso do galego no contexto específico da arte.
- Coñecer, valorar e difundir o legado patrimonial e artístico propio desde a necesidade da súa conservación e mellora. Valorar o vocabulario específico como parte do noso patrimonio inmaterial.
- Colaborar na adquisición de competencias clave, saberes básicos e das situacións de aprendizaxe durante a etapa de primaria (Decreto 155/2022), a etapa de secundaria (Decreto 156/2022), a FP básica (RD 217/2022) e FP específica; e a etapa de bacharelato (Decreto 157/2022).
- Servir como material propio de uso docente, como recurso de aula, para encerado dixital, como soporte das explicacións ou na aula virtual, E-Dixgal e Plan Dixital, e tamén para consulta do alumnado de diferentes niveis e etapas.
- Familiarizar o alumnado coa metodoloxía propia da utilización dun dicionario, interactivo e dixital, e promover o emprego desta ferramenta dun xeito autónomo.
- Propoñer actividades de avaliación tanto dos contidos coma do propio recurso.
- Ofrecer a alumnado con necesidades educativas especiais e específicas dun recurso de metodoloxía diversa, intuitiva e portable, que permite a accesibilidade desde diferentes capacidades, idades, competencias e coñecementos previos; diversificando o seu uso e finalidade en función das necesidades e intereses diversos.
- Fomentar o carácter interdisciplinario, internivelar e interfuncional do coñecemento do vocabulario artístico desde un proceso de aprendizaxe significativo, personalizado e colaborativo.
Recursos empregados
O dicionario de termos artísticos Ende está realizado coa ferramenta de código aberto eXeLearning, o que permite a súa posterior edición, descarga e portabilidade a aulas virtuais ou webs, sempre baixo licenza CC BY-NC-SA 4.0. Para acceder ao proxecto Ende no repositorio Abalar precísase un dispositivo con conexión a Internet. Nesta ligazón é posible visualizar o recurso ou descargalo. Ende posúe un estilo (cores, fontes, cabeceira,…) propio en eXeLearning chamado villarinoii que se pode atopar xunto ao resto dos arquivos do proxecto unha vez descargado o cartafol comprimido ende.zip.
O proxecto Ende está composto de imaxes, vídeos e animacións realizadas polas súas autoras: ilustracións de María Villarino e fotografías de Fernando Díaz. Atópanse como apoio visual á definición e explicación de cada termo e tamén nas probas e actividades do recurso. Todas elas se poden usar e descargar baixo licenza CC BY-NC-SA 4.0. Na optimización e edición destas imaxes empregouse software como Gimp e Photoshop Elements, mentres as animacións e vídeos se realizaron mediante Canva. Hai só catro imaxes externas no dicionario, todas elas de dominio público, cuxa orixe é Artvee, archive.org e o Met Museum.
A navegación é fácil e intuitiva a través do menú de navegación. Funciona cos principais navegadores web e cos sistemas operativos Android, Windows e iOS, polo que se pode empregar en tabletas e móbiles. Para a visualización do recurso desde o cartafol comprimido en teléfonos móbiles Android, pódese usar a aplicación libre eXeReader.
Unha das característica deste dicionario de termos artísticos é a súa accesibilidade. Conta con audios e pictogramas de lectura de cada definición. O material sonoro está especialmente recomendado para persoas con dificultades visuais. Os audios en galego obtivéronse a partir da ferramenta en liña Cotovia do Grupo de Investigación en Tecnoloxía Multimedia da Universidade de Vigo. Para a elaboración dos pictogramas empregouse o software AraWord, que forma parte das ferramentas AraSuite, deseñadas para persoas con diversidades comunicativas. Algunhas das iconas proceden da web the noun project que ofrece imaxes libres destas características.
Descrición da actividade
Non se trata dunha unidade didáctica nin dun bloque de contidos de varias unidades didácticas (secuencia); é un obxecto dixital educativo (ODE) de nivel 1 ou obxecto básico (OB), (2) é dicir, un recurso dixital e audiovisual, interactivo e portable ás aulas virtuais do profesorado, E-Dixgal e Plan Dixital, imprescindible no traballo dos contidos de Historia da Arte e inexistente.
O punto de partida é o glosario proposto pola CIUG para o exame de ABAU de Historia da Arte, composto de 74 termos coas súas definicións e explicacións apoiadas en máis de 80 ilustracións e máis de 300 fotografías. Todo este material doado é libre e accesible: con lectura de apoio, descrición escrita de imaxes e pictogramas de apoio. Trátase dun dicionario de termos artísticos que se axusta ás necesidades desta materia da modalidade do bacharelato de Humanidades (e optativa para outras modalidades), pero tamén para materias con contidos artísticos, de primeiro e segundo curso de bacharelato: Fundamentos da Arte, Deseño, Debuxo Artístico e Debuxo Técnico, Técnicas de Expresión Gráfico Plásticas, Volume etc. Tamén é unha ferramenta útil e necesaria na etapa da ESO nas materias de Humanidades, como Xeografía e Historia, Cultura Clásica ou Educación Plástica, Visual e Audiovisual; Expresión Artística; e outras posibles optativas; todas con contidos específicos da arte: Patrimonio, Paisaxe e Sustentabilidade, Historia e Xeografía de Galicia... Tamén para os módulos de FP dos CIFP e EASD de familias relacionadas coa arte. E tamén vinculado aos contidos artísticos do ámbito sociolingüístico da FP básica. E, por suposto, relacionado cos contidos da Lingua Galega e Literatura.
Tamén se ofrece unha unidade didáctica para a materia de Historia da Arte de segundo de bacharelato, cunha temporalización de contidos trimestral, coas súas actividades e instrumentos de avaliación.
Metodoloxía e aplicación na aula
É un dicionario elaborado cunha ferramenta de código aberto: eXeLearning. É dixital e audiovisual, interactivo e portable ás aulas virtuais do profesorado, E-Dixgal e Plan Dixital. É accesible desde unha plataforma dixital que permite a consulta en liña e fóra de liña desde diversos dispositivos e navegadores. Pódese editar, quitando ou non contidos, para que cadaquén o adapte ás súas necesidades.
No Manual de uso, explícase toda a súa potencial empregabilidade e transversalidade con detalle.
As características do propio recurso fano adaptable e diversificable. Estas características son:
- Interdisciplinario: tal e como queda recollido, existe unha ampla base legal nos decretos e reais decretos vixentes en materia de educación que xustifican a necesidade deste tipo de recurso, tanto no relativo ao seu contido coma en canto á súa metodoloxía e natureza —ODE de nivel 1 ou de nivel 2-4: obxecto básico ou obxecto de aprendizaxe—.
Desde moitas áreas, materias e ámbitos pode ser empregado xa cos obxectivos que se van definir, que tamén son tamén diversos: como ampliación para a ABAU, como explicación e soporte de contidos curriculares de diferentes materias, como dicionario en galego dun vocabulario específico de arte, como recurso de uso para a aprendizaxe da mecánica dun dicionario lingüístico etc.
- Internivelar: explícase a adaptabilidade a diferentes cursos e niveis do sistema educativo. Pode ser empregado como recurso para o achegamento ao estudo e avaliación de contidos de arte para o alumnado da primaria (segundo e terceiro ciclo) e como instrumento de familiarización co contorno dixital, interactivo ou a metodoloxía propia dun dicionario lingüístico. E tamén en canto aos obxectivos expostos da etapa da ESO, da FP básica e do bacharelato.
- Interfuncional: queda patente que é un recurso libre e aberto que pode ser empregado polos docentes e polo estudantado. Foi creado para ser ligado nas aulas virtuais dos cursos e utilizado na aula física nos encerados dixitais e desde diferentes dispositivos.
As e os docentes poden servirse do material descargable, do banco de imaxes e do glosario, das actividades de avaliación, da portabilidade a aulas virtuais e incluído nos plans dixitais dos centros, e do propio dicionario como apoio na aula, virtual e física.
O estudantado de bacharelato, especialmente o que se prepara para a ABAU en Historia da Arte, pode empregar este recurso para a avaliación, a creación de materiais propios, guía de aprendizaxe, para pescudas, explicacións e para ter acceso a material descargable e portable.
Avaliación
A avaliación do alumnado farase desde a proposta de material diverso (aplicado aos obxectivos formulados na materia de Historia da Arte de segundo de bacharelato).
No menú propóñense unha serie de actividades de diferente tipoloxía, contidos e nivel. Estas actividades están clasificadas en Angueiras e Estoxo.
As Angueiras inclúen probas, xogos, desafíos e enquisa.
- Probas: son un conxunto de actividades clasificadas de comprobación parciais/global tipo test SCORM. Formulan un conxunto de preguntas sobre o total dos 74 termos artísticos e sobre a proposta parcial por trimestre (véxase o apartado anterior sobre as orientacións didácticas). En total son catro comprobacións (3 parciais de 30 cuestións e 1 global de 40) elaboradas con eXeLearning (idevice). O que caracteriza estas comprobacións é que son interactivas, dixitais, con retroalimentación, avaliables e portables á aula virtual do profesorado. O test SCORM é un test multiescolla que permite a recollida de datos por parte do profesorado no seu caderno de cualificacións nas plataformas Moodle.
- Xogo de adiviñas: son un idevice de eXeLearning que permite, a partir de pistas, descubrir o termo oculto de 20 conceptos. Tamén ten retroalimentación, cualificación e avaliación do progreso.
- Desafíos: son propostas de actividades con dous enfoques: oito situacións de aprendizaxe e preparación da ABAU segundo o esquema da CIUG e recollen modelos de exames de Historia da Arte (CIUG) en relación co apartado de definición de termos artísticos.
- Enquisa: é o instrumento de avaliación externa do proxecto. É unha enquisa de satisfacción elaborada con Abalar Box para obter feedback dos usuarios e usuarias.
A avaliación da proposta educativa e do seu desenvolvemento na aula valorarase en función do criterio da súa empregabilidade. É dicir, polas súas características proponse un recurso especialmente funcional polo que a avaliación deste se centra en se está sendo utilizado e se está servindo como apoio aos docentes e alumnos. Desde o punto de vista cualitativo e cuantitativo a avaliación será:
- No cuantitativo avaliarase o número de pescudas e descargas (análise de metadatos).
- No cualitativo: test para valorar o nivel de satisfacción dos/das usuarios/as.
No Estoxo custódiase outro tipo de material de uso que non se clasifica estritamente no apartado anterior: glosario e cadros mudos.
- O glosario é un documento no que se sintetiza a listaxe das definicións dos termos tratados, para facilitar a accesibilidade, portabilidades e traballo sobre eles.
- Os cadros mudos son un conxunto de ilustracións explicativas mudas dos termos artísticos. Poden empregarse en actividades, probas, avaliacións… para ser completados.
Conclusións
Este proxecto permitiunos facer o que máis nos gusta: debuxar, crear e discorrer situacións de aprendizaxe e de deseño de material didáctico. Pero tamén, tal como recollemos nos nosos Afagos, devolver e agradecer o material recibido e partillado polo profesorado que antes de nós se enfrontou á materia artística. Deste xeito, a tolemia que pode semellar entregar os dereitos de uso e distribución de ducias de fotografías e ilustracións propias parécenos, cando menos, xusto e equitativo.
Durante o proceso de realización do proxecto recibimos axuda altruísta dunha chea de especialistas en diferentes campos, que fomos atopando segundo as necesidades e contratempos se foron presentando. Lingüistas, historiadores da arte, estudosos da arqueoloxía e do patrimonio, asociacións de oficios e culturais, docentes de diferentes áreas… sumáronse ao proxecto, ofreceron a súa sabenza engrandecendo os obxectivos iniciais. Hoxe eles mesmos demándannos máis, xa que lles parecen insuficientes 74 termos ou centos de imaxes; mesmo querendo superar os límites da arte e recoller o reto de aventurarnos en diferentes materias e saberes.
Seguindo esta idea, os inputs recibidos foron sempre espectaculares. Temos unha chea de afagos e felicitacións, correos e mensaxes que alimentan a nosa gratitude a esta gran comunidade que logrou artellar Ende. Desde o 20 de febreiro que foi publicado no repositorio Abalar, hai aproximadamente un par de meses, temos mais de 600 visitas. Polo de agora ocupamos o posto 31 de entre os 1965 recursos dispoñibles. O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela ligou Ende como dicionario de consulta de termos lingüísticos e a CIUG partilla a ligazón como material de apoio da ABAU na materia de Historia da Arte.
Por todo isto, agardamos ampliar o proxecto Ende no futuro: engadir máis termos, mellorar as prestacións que ofrece e sumar novas e ricas colaboracións.
Notas:
(1) Anexo I: Objeto digital educativo (ODE). Definición, arquitectura, niveles de agregación y tipología. Guía realizada polo Ministerio de Educación (ISFTIC), Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (Entidade Pública Empresarial red.es) e as comunidades autónomas en relación cos programas institucionais para o desenvolvemento da sociedade do coñecemento e das actuacións do programa Internet na Aula (Plan Avanza).
(2) O obxecto básico, nivel 1 de ODE, sería o nivel de agregación máis baixo no que se inclúen como subtipo de ODE os dicionarios dixitais dentro do subgrupo: sistema de representación de información e/ou coñecemento; tal e como se recolle no anexo I da Guía para la aplicación del perfil de aplicación LOM-ES V1.0 en la educación; editado polo Ministerio de Educación (2009). Véxase o anexo I. Esta información tamén se recolle nas indicacións sobre contidos dixitais elaborada polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional , Xunta de Galicia.
Borrás Gualis, G., Esteban Lorente, J. F., Álvaro Zamora, I. (1994). Introducción general al arte. Arquitectura, escultura, pintura, artes decorativas. Madrid: Ed. Istmo. Colección Fundamentos.
De Azcárate Ristori, J. M., Pérez Sánchez, A. E., Ramírez Domínguez, J. A. (1987). Historia del arte. Madrid: Ed. Anaya.
De Gregorio Fernández, E., A. Sendín Domínguez (2010). Dicionario de arte. Vigo: Xerais.
Fernández Senra, X. (dir.). Raigame. Revista de arte, cultura e tradicións populares. Núm. 45, 46, 49. Ourense : Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. Deputación Provincial de Ourense.
Fatás, G. e Borrás, G. M. (1993). Diccionario de términos artísticos de arte. Madrid: Ed. Alianza.
Franco Grande, X. L. (1972). Diccionario galego-castelán. Ed. Galaxia.
Gómez Méixome, A. (coord.), A. González Rodríguez, M. A. Solla Portela (2004). Dicionario visual da construción. Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
González Piñeiro, M. I. (2013). Glosario de arte para bacharelato (castelán-galego). Cangas do Morrazo: Ed. Morgante.
Monterroso Montero, J. M. (2023). Directrices do grupo de traballo de Historia da arte da Comisión Universitaria de Galicia.
Revilla, F. (1990). Diccionario de iconografía y simbología. Madrid: Ed. Cátedra.
Souto González, M.et alii(1998). Léxico de urbanismo, construcción e arquitectura. Vigo: COAG-Concello de Vigo.
VV.AA. (2005). Gran diccionario da lingua galega. Século 21. Ed. Galaxia e Ed. Cumio.
VV.AA. (2009). Gran dicionario Xerais da lingua. Vigo: Ed. Xerais, 2 tomos.
Vega Pato, Tomás (2007). Arquitectura popular ourensá: pechos de clausura simple e complementos. Encintados, encalados e engadidos decorativos. Ourense: Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. Deputación Provincial de Ourense.
Rodríguez Río, X. A. (2023). Buscatermos. Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.
Souto García, M. B. (2002): Vocabulario das artes gráficas. Obradoiro de encadernación. Vigo: Universidade.
Consorcio Interuniversitario de Galicia (CIXUG). Tradutor online. Sede en Compostela.
VV.AA. (2023). Dicionarios en liña Rinoceronte. Cangas de Morrazo: Editorial Rinoceronte.
VV.AA. (2023). Dicionario da Real Academia Galega (Diccionario en liña). Real Academia Galega
VV.AA. (2023). TERGAL versión 1.5.2 (Buscador en liña). Centro Ramón Piñeiro para Investigación de Humanidades.
VV.AA. Propostas Pedagóxicas sobre Arquitectura Popular. Ourense: Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. Deputación Provincial de Ourense.
Santamariña, A. (2023). Dicionario de dicionarios (DdD). Seminario da Lingua Galega e Seminario de Lingüística Informática da UVigo.
Estraviz, I. (2023). Dicionario Estraviz en liña.