
No espello emancipador de mulleres exemplares
Ana María Facal Maroñas
IES Maximino Romero de Lema (Zas-A Coruña)
anaf@edu.xunta.gal
Introdución
O equipo da biblioteca do IES Maximino Romero de Lema conmemorou o Día Internacional da Muller, no que se reivindica a plena e real igualdade de dereitos entre homes e mulleres, organizando a exposición «No espello emancipador de mulleres exemplares», coa que quixemos lanzar a nosa demanda —a través do recoñecemento moitas veces silenciado pola vontade dunha historia controlada por homes— do papel dunha serie de mulleres relevantes —un total de 23— en diversos eidos da vida en sociedade: ciencia, literatura, música, política, arte...
Como consideramos que son dignas de emulación, 23 mulleres do IES —persoal non docente, profesoras e tres alumnas da materia de Igualdade de Xénero— quixeron honrar esas mulleres coa realización dunha performance artística na que imitaban a muller de referencia, tal como se pode comprobar nas fotografías que acompañan estas palabras. Ao mesmo tempo, un breve texto serve de referente didáctico para recoñecer a relevancia destas 23 mulleres ante a historia.
Desde o distante 1911, cando Clara Zetkin auspiciara o que podemos cualificar como o primeiro 8M, foron moitas as datas, pero, en substancia, a pesar das melloras, aínda se manteñen moitas desigualdades e situacións discriminatorias, polo que temos que seguir coas reivindicacións ata que academos a plena igualdade.
A fotografía como medio de expresión, reflexión e aprendizaxe
É sobradamente coñecido o poder comunicativo da imaxe. Se, ademais, consideramos a tendencia na sociedade actual a comunicarnos a través de mensaxes curtas, impactantes e que esperten a curiosidade inmediata no receptor, chegamos á conclusión de que a fotografía, xunto con outros medios visuais e audiovisuais, constitúe unha ferramenta que nos permite captar a atención do receptor e achegarlle a mensaxe de maneira que lle resulte significativa.
Por outra banda, a fotografía, como expresión artística, permítenos a posibilidade de traballar e transmitir aspectos relacionados coa estética que non só constitúen de por si un elemento diferenciador, senón que contribúen e complementan a mensaxe que se transmite mediante as imaxes.
Con estas motivacións, no IES Maximino Romero de Lema, levamos dous cursos desenvolvendo un proxecto dentro do CP Innova EDUexcelencia de fotografía. Neste proxecto desenvólvense distintas actividades nas que se emprega a fotografía, nas súas distintas modalidades, como canle de expresión e de achegamento a diversos contidos: fotografía matemática, efectos ópticos, fotografía creativa etc.
Noutros proxectos temos empregado tamén outras técnicas, como a reportaxe, buscando sempre a máis axeitada á mensaxe que queremos transmitir e ás nosas competencias e posibilidades técnicas. Nesta ocasión, dado que a mensaxe está centrada no papel de mulleres referentes, na súa grande achega a campos moi variados, pero que adoita ser silenciado pola sociedade, optamos polo retrato como técnica expresiva, iniciándonos ao mesmo tempo nos aspectos específicos dela, como a iluminación, o enfoque, a composición etc.
No espello emancipador de mulleres exemplares
O equipo de dinamización da biblioteca do IES Maximino Romero de Lema inclúe na súa programación de actividades a conmemoración de certas datas relevantes, entre elas a do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo. Nesta ocasión, decidiuse como tema central da conmemoración o de facer visible o importante papel da muller na sociedade amosando unha serie de mulleres que fixeron contribucións moi importantes á sociedade, achegas que supuxeron descubrimentos, avances ou fitos transcendentais en distintos campos: a ciencia, as artes, os dereitos humanos etc. A particularidade de todas elas é que o seu protagonismo, a súa autoría, a súa relevancia nesas contribucións permaneceu en certo modo oculta, silenciada ou, como mínimo, sen o recoñecemento público e social que mereceron. Así pois, a finalidade principal foi a de facer visible a relevancia da muller na sociedade, fundamentada en achegas moi valiosas e non só pola contribución ou descubrimento en si, senón tamén polas circunstancias nas que tiveron que desenvolver o seu traballo: enfrontándose a convencionalismos sociais, discriminación de xénero, menosprezo e apropiación do seus esforzos e coñecementos por parte dos homes que as rodearon.
Na actualidade, maioritariamente, o alumnado non adoita presentar condutas dese tipo e parece camiñar cara a unha igualdade real entre homes e mulleres; porén, non sempre é así e, baixo a aparencia de superación da desigualdade, aínda se agochan moitas condutas discriminatorias sobre as que é preciso que reflexione o alumnado e que se implique nunha loita pola súa eliminación definitiva. E para isto, consideramos fundamental coñecer a traxectoria de moitas mulleres que padeceron e padecen estas circunstancias e entender as súas motivacións, a súa loita e o esforzo extraordinario que tiveron que realizar.
Desta maneira, a segunda finalidade é coñecer esas circunstancias adversas ás que tiveron que enfrontarse e identificalas como modelos para seguir de cara á transformación social co fin de lograr a igualdade real de mulleres e homes.
Por último, propuxémonos tamén un obxectivo de carácter máis instrumental, centrado no coñecemento e na posta en práctica dos distintos factores que interveñen nunha composición fotográfica para lograr o obxectivo marcado: no noso caso, a imitación no retrato dun modelo.
Con estas intencións, a seguinte cuestión á que tivemos que darlle resposta foi a de como transmitir a mensaxe de maneira que resultase atractiva e motivadora para o público ao que ía destinada, principalmente o alumnado do centro, aínda que estendéndoa a toda a comunidade educativa. Esta cuestión foi, para nós, fundamental, pois, aínda que consideramos que a mensaxe é necesaria e interesante, somos conscientes de que para contribuír a lograr as finalidades propostas non é suficiente con iso, senón que debe espertar o interese e a atención nos destinatarios. E isto é especialmente importante sobre todo nunha data tan sinalada na que a proposta de actuacións, campañas e mensaxes é tan abundante que se pode producir unha sobreexposición que conduza á indiferenza por parte do alumnado.
E con esta intención propuxemos que as mulleres do noso centro se caracterizasen como algunhas das mulleres que ao longo da historia achegaron os seus coñecementos, o seu esforzo e as súas loitas para lograr contribucións fundamentais en distintos campos. Desta maneira, o feito de descubrir e identificar en cada composición a persoas coñecidas e próximas ofrece un elemento de interese que facilita o achegamento ás mulleres representadas e á súa contribución á sociedade.
Elaborouse, a finais do mes de outubro, unha listaxe dalgunhas destas mulleres e animouse a participar a todas as demais mulleres do centro nesta iniciativa, explicando en que consistía.
Cada persoa participante tiña que escoller unha das mulleres propostas para caracterizarse coma ela e elaborar un pequeno texto no que se recollese, de maneira clara e resumida, a contribución que esta fixo e as circunstancias que a rodearon. Posteriormente, este texto inicial sería revisado polo equipo de dinamización da biblioteca coa finalidade de manter unha uniformidade no estilo literario.
Igualmente, en moitos casos, segundo se ía explicando a actividade, xurdiron outras mulleres, relacionadas coa experiencia ou a formación particular de cada unha das participantes. Deixouse que cada unha escollese libremente a persoa da que se ía caracterizar, o que deu lugar a un notable enriquecemento da proposta inicial, a unha maior implicación e participación e, sobre todo, a unha escolma máis multidisciplinaria que contribuíu a fortalecer a mensaxe principal da actividade.
Finalmente, as mulleres sobre as que se traballou foron Sally Ride, Concepción Arenal, Frida Kahlo, Marie Curie, Tarsy Carballas, María Moliner, María Wonenburguer, Jane Goodall, Rosa Parks, Simone de Beauvoir, Coco Chanel, Billie Holiday, Malala Yousafzai, Lise Meitner, Maruja Mallo, María Zambrano, Clara Campoamor, María Casares, Rosa Luxemburgo, Virgina Woolf, Sofía Casanova e Elisa e Marcela.
Na actividade participaron profesoras do centro, alumnas e tamén as mulleres encargadas do servizo de limpeza, da conserxería e da administración. Esta participación de todos os sectores foi tamén un aspecto que, desde o noso punto de vista e en relación coa temática tratada, lle proporciona un importante valor á actividade, pois é un reflexo de cohesión e implicación e contribúe a normalizar e a valorar o protagonismo da muller, independentemente das súas funcións particulares, e máis nun contexto educativo e formador.
Esta fase estendeuse durante o mes de novembro, de maneira que a comezos do mes de decembro todas as participantes tiñan escollida a muller á que ían representar.
Unha vez escollida esta muller, deseñouse un calendario para organizar a toma da fotografía correspondente. Partindo dunha imaxe da muller referente, as compoñentes do equipo da biblioteca axudaron a cada unha das participantes na elección, busca e, nalgúns casos, elaboración do vestiario e complementos de caracterización de cada unha das mulleres, así como da localización axeitada para tomar unha fotografía que imite o máximo posible a orixinal.
Aquí entran en xogo as habilidades máis directamente relacionadas coa fotografía, en particular coa técnica do retrato. Sería máis rápido, máis cómodo e obteríamos unhas realizacións moito máis logradas se acudísemos a unha fotógrafa ou fotógrafo profesional, pero a nosa intención era tamén achegarnos de primeira man aos aspectos básicos da linguaxe fotográfica e aos aspectos técnicos, pois iso formaba parte tamén dos obxectivos do CP Innova EDUexcelencia de fotografía. Por este motivo, decidimos realizar nós mesmas as fotografías, o cal constituíu unha oportunidade moi boa de experimentación e aprendizaxe e permitiunos adquirir unhas habilidades que doutra maneira non poderiamos conseguir.
Todo este proceso realizouse en horarios extraescolares, primeiro para poder desenvolver coa calma e o tempo necesarios todo o proceso de caracterización de cada unha das mulleres (vestiario, peiteado, maquillaxe, acondicionamento da localización etc.), proceso que nalgúns casos foi bastante longo, e tamén os ensaios de carácter máis técnico (iluminación, enfoque, exposición, etc.), sen interromper as obrigas de cada unha; pero tamén se elixiu o horario extraescolar para preservar a sorpresa e o impacto do resultado da actividade para o momento da súa exposición ao público.
Esta segunda fase desenvolveuse durante os meses de decembro e xaneiro.
Durante o mes de febreiro, dedicámonos á impresión das fotografías, tanto da orixinal como da realizada por nós no centro, á revisión e redacción definitiva dos pequenos textos que acompañarían a cada unha delas, e á composición final destes elementos. Esta composición consistiu en dedicarlle un cadro a cada unha das mulleres relevantes, no que se incluíu a fotografía orixinal, a fotografía realizada por nós e o texto relativo. Todo este traballo foi realizado tamén no centro, empregando os equipamentos tecnolóxicos dos que dispoñemos. Novamente, non buscabamos a perfección no resultado final, senón a experimentación e a aprendizaxe en todas as fases da elaboración da exposición.
Tamén se estudou a localización e a maneira de colocar a exposición final, composta de 22 cadros. Desta maneira, instalouse a exposición na entrada principal do centro, na que se mantivo ata o final do mes de marzo, coincidindo tamén co remate do segundo trimestre.
Unha vez retirada, procedeuse a instalala de maneira permanente no corredor da primeira planta, na que continúa na actualidade, e continúa espertando a curiosidade, especialmente entre o alumnado de nova incorporación ao centro.
Valoración final e conclusións
A valoración final desta actividade non podería ser máis satisfactoria: conseguimos acadar os obxectivos de achegamento, de coñecemento e de recoñecemento dunhas determinadas mulleres relevantes, e tamén experimentar e aprender un pouco máis as técnicas da fotografía e a súa utilidade comunicativa, motivadora e artística.
Pero, sobre todo, estamos moi satisfeitas da maneira en como o logramos, fundamentada na cohesión e implicación en igualdade, de maneira colaborativa e sen a busca de protagonismos particulares, unidas e motivadas pola importancia da actividade para a formación do alumnado e pola pequena contribución ao recoñecemento destas mulleres.
O resultado e produto final da experiencia, a exposición que continúa nas paredes do noso centro, continúa a xerar interese entre a comunidade educativa, ata o punto de propoñer a continuidade por parte de novas mulleres que van chegando ao centro e que lles gustaría participar nela. Polo momento, non se valora a ampliación da exposición, xa que hai outras propostas innovadoras que nos gustaría desenvolver, pero non se descarta para un tempo futuro.
Globalmente, valoramos de maneira moi positiva a experiencia, e esperamos que se converta nun espello emancipador no que se miren todas as mulleres, que o vexan todos os homes e que axude a construír unha sociedade igualitaria na que se respecten os dereitos e oportunidades de todas as mulleres e de todos os colectivos desfavorecidos.