Introdución da Axenda 2030 con perspectiva de xénero na educación primaria mediante asembleas
Carmen María Caeiro Rodríguez
Mestra de Educación Primaria pola Universidade de Vigo
carmenmariacaeirorodriguez@gmail.com
Fundamentación
No proceso de socialización, as persoas aprendemos e interiorizamos os elementos socioculturais do noso ámbito, integrándoos na nosa personalidade baixo a influencia de experiencias e axentes sociais significativos (Aron, 1971, como se cita en Lucas Marín, 1986). A escola, como axente de socialización primario, ten un papel crucial neste proceso e contribúe tanto á perpetuación coma á transformación dos valores culturais dominantes pois «a igualdade apréndese» (Arias, 2022).
A sociedade precisa accións que permitan a consecución dos ODS para o 2030 e iso ten que producirse a través de diversos ámbitos, pero, sen dúbida, a educación é un instrumento clave que se debe empregar, pois esta supón unha oportunidade de cambio e transformación para a sociedade (Mendoza Carretero, 2021). O logro da igualdade de xénero non é só un obxectivo importante por si mesmo, senón que é ademais un factor capaz de acelerar o cumprimento da Axenda 2030 e a obtención dun futuro sustentable para todas as persoas e coidar o noso planeta, agora e para as futuras xeracións (ONU Mulleres, 2022).
Neste sentido, as asembleas na aula son unha ferramenta valiosa, permiten que o alumnado comparta, debata e reflexione sobre unha variedade de cuestións, e promoven o respecto, o consenso e a comunicación (Martínez e Romera, 2020).
Alén diso, é importante recoñecer que a igualdade de xénero está intrinsecamente ligada á sostibilidade; unha sociedade igualitaria non só promove a xustiza social e o respeto aos dereitos humanos, senón que tamén contribúe á conservación do medio ambiente e á construción dun futuro máis sostible para todas as persoas. Porén, a promoción da igualdade de xénero vai da man coa loita contra o cambio climático e coa protección da biodiversidade, asegurando así un futuro máis seguro e equitativo para as xeracións futuras.
Contextualización
Esta intervención levouse a cabo durante o curso 2022/23 nun CEIP pertencente á localidade de Ponteareas con alumnado de quinto de educación primaria. Desenvolveuse durante 12 semanas, dende o 13 de xaneiro ao 14 de abril.
Obxectivos
Os obxectivos foron:
- Identificar os ODS e os patróns da socialización diferencial dos universos feminino e masculino.
- Facer patentes as relacións entre igualdade de xénero e desenvolvemento sostible.
- Analizar as desigualdades de xénero na cotiandade familiar e na contorna.
- Participar nas dinámicas dunha sociedade democrática e que valora a palabra, o consenso e o diálogo.
- Presentar propostas creativas para promover a igualdade de xénero e dar a coñecer os ODS na comunidade escolar.
Metodoloxía
A metodoloxía empregada estivo baseada nos principios da aprendizaxe cooperativa (Varaldi, 2022) e na participación plena do alumnado usando as asembleas (Martínez e Romera, 2020) como recursos didácticos fundamentais. O alumnado foi activo e protagonista durante todo o proceso de aprendizaxe.
Relación da experiencia cos elementos curriculares de educación primaria
Recursos empregados
O desenvolvemento da experiencia precisa de materiais variados, como noticias de actualidade, vídeos, infografías, xogos... relacionados coas temáticas que se van tratar e que se indican posteriormente.
En cada asemblea, que describimos sucintamente a continuación, facilítanse os enlaces e os materiais empregados que poden editarse ou descargarse.
Desenvolvemento da proposta
A intervención tivo 3 partes diferenciadas:
1. Cinco sesións con tarefas e actividades previas
2. Dez asembleas con temáticas diversas, como a contaminación téxtil, a linguaxe inclusiva, o coñecemento de mulleres científicas
3. Dúas asembleas finais coa avaliación e eleccións á Presidencia.
As primeiras sesións (da 1 á 5) foron introdutorias, deseñáronse para coñecer as ideas previas sobre os espazos de debate, como funcionan as asembleas, a súa utilidade e tamén para investigar que sabían sobre a ONU ou a Axenda 2030. Indícase a continuación o esquema desas sesións:
Sesión inicial 1. Que é unha asemblea?
Coa axuda dunhas preguntas guía propiciamos que o alumnado indique que sabe sobre as asembleas:
Coñecedes algún xeito para debater e falar?
Sabedes que é unha asemblea? Que pensades que é?
Escoitastes falar algunha vez de asembleas? Coñecedes algunha?
Que credes que fan? Para que as farán? Pensades que é útil?
Xurdiron ideas como:
—É unha reunión para falar dos problemas da comunidade de veciñas e veciños.
—É o que fan os políticos e as políticas cando se reúnen.
—Son útiles para solucionar problemas.
—Hai cargos como unha persoa que tome notas, outra que outorga a palabra, outra que manda calar.
—Ten que haber normas e hai que cumprilas todas.
—Hai que ter un propósito ou fin común.
—As persoas que a conforman teñen un carné ou un pase.
Logo preguntouse sobre os temas que os preocupaban no ámbito persoal, da escola, da contorna, do planeta... Continuamos debatendo e o alumnado comenta cales son algunhas das temáticas que o preocupan:
- O maltrato á infancia
- A violencia de xénero
- Guerras
- As enfermidades mentais
- As desigualdades sociais
- A destrución do planeta
- O quecemento global
- A fame no mundo
- O maltrato animal
- O racismo e a discriminación
- A perda da vivenda
- A falta de traballo
O alumnado menciona que ten que haber materiais como cartas, documentación etc. para orientar os debates.Todas estas ideas son anotadas no caderno de bitácora de cara á realización do material para a formalización da asemblea na aula e quedamos en seguir traballando sobre as asembleas en vindeiras sesións.
Sesión inicial 2. Organismos oficiais
Parte 1: Que é a ONU
Recordamos o acontecido na sesión anterior:
—Lembrades que na sesión anterior falamos das asembleas e dalgúns temas que vos interesan ou preocupan? Coñecedes organismos que fagan asembleas para tratar problemas da humanidade?
O alumnado di que non coñece ningún.
—Hai moitos organismos importantes que tratan temas que preocupan a humanidade e fan asembleas para debatelos. Un deses organismos é a ONU, unha organización da que España forma parte.
Algúns e algunhas escoitaran falar dela, mais non sabían exactamente que era, así que decidimos informarnos cun vídeo: Que é a ONU?
Concluímos que nas asembleas, entre outras cousas, chegan a acordos, planean melloras e obxectivos para mellorar a vida das persoas e do planeta.
Parte 2. Que son os ODS
Partimos dun debate suxerido por este comentario-pregunta:
—Na ONU, no ano 2015, asinaron a Axenda 2030. Un acordo con 17 obxectivos moi importantes para o noso planeta. Que obxectivos supoñedes que propuxeron? Terán que ver co que dixestes que vos preocupaba o outro día?
Decidimos ver un vídeo para ver se acertaron: Que son os obxectivos de desenvolvemento sostible?
Observamos que:
- A humanidade está preocupada pola fame no mundo, a pobreza, o cambio climático... Por iso, nunha asemblea propuxeron eses 17 obxectivos.
- Algunhas preocupacións teñen que ver co que indicaramos na sesión anterior e outras non.
- Algúns dos obxectivos si tiñan que ver coas súas preocupacións, coas indicadas en días anteriores.
Propoñémonos coñecer mellor algúns deses obxectivos, debater sobre eles e comentar solucións aos problemas cos que se relacionan.
Rematamos a sesión facendo un Pasapalabra con termos que teñen que ver coas ideas comentadas ata o de agora, así avaliamos o aprendido: Que aprendemos?
Sesión inicial 3. Problema Axenda 2030
A sesión comeza presentando un problema:
—É necesario conseguir os avances para toda a humanidade, mais un dos problemas é que está a deixar atrás a máis da metade da poboación... Sabedes quen está a quedar atrás?
O alumnado di que a Terra, as e os pobres, a infancia, as mulleres. E o profesorado propón ver un vídeo: ODS 5: Igualdade de xénero.
Debatemos con que ODS se relaciona. Chegamos á conclusión de que se relaciona co ODS 5. No vídeo aparecen termos que non coñecemos. Preguntámonos: Que son estereotipos ? Que cremos que son ? Que pensamos que son os roles de xénero? Recollemos as súas ideas, observamos que hai dúbidas, que non o teñen claro. O profesorado propón a lectura en gran grupo dun texto curtiño:
Os homes en Persia usaban zapatos de tacón para ir máis seguros agarrados aos estribos dos cabalos; cando os reis viron a presteza que lles daba ao baixar dos cabalos, empezaron a usalos eles. A cor rosa tampouco era de nenas, representaba a valentía e era usada por homes. Co tempo, as guerras, a escaseza e outras casuísticas levaron a sociedade a modificar estes hábitos ata os nosos días, nos que os tacóns e o rosa semellan ser só para mulleres, pero isto non ten máis que ver que cos costumes da sociedade onde naces e vives.
Comentamos en gran grupo o contido do texto e aparecen máis exemplos. Introducimos os termos sexo e xénero. Rematamos a sesión visualizando un novo vídeo: Estereotipos e roles de xénero.
En gran grupo reflexionamos sobre o que aprendemos na sesión, vemos que hai moitas temáticas para debater, decidimos que é boa idea constituír a nosa propia asemblea. Recollemos o sucedido.
Sesión inicial 4. Imaxe asemblearia
Lembramos que quedamos en constituírnos en asemblea e que xa falaramos do que precisamos. Como se trata de mellorar o mundo e de solucionar problemas, decidimos que será un carné de axentes de cambio e queren que se sexa moi persoal. Así que necesitaremos, o noso propio logotipo (igual que ten a ONU) e un cordel para penduralo.
Para personalizar os carnés propoñen facer un debuxo para o reverso. Propoñémoslles facer unha tarefa de relaxación e autoconsciencia que nos axude a realizar un debuxo. Usamos esta narración (que escoitamos relaxadas e relaxados e cos ollos pechados):
Intenta lembrar un momento feliz da túa vida: onde estabas, con quen, que facías ou faciades... Mira ese instante como se foses unha espectadora ou un espectador, como se estiveses mirando desde unha nube ou desde un arco da vella. Afástate e mira a túa aldea, a veciñanza, o can de María, ou a Pepe ou quen sexa. A túa aldea. Afástate máis e máis. E moito máis, de súpeto: a Terra! Esta especie de mazá reineta flotante. E incrible, a que si? Alí abaixo (ou enriba) estamos nós... Síntete importante e abre os ollos.
O profesorado propón que debuxen pensando na «miniviaxe» que acaban de facer. Saen ideas como un autorretrato, a Terra, unha árbore, o río Uma, o can de María ou Nova York. Liberdade... decátanse de que é importante deixar voar a imaxinación.
Agora toca elaborar o cordel para o carné e trenzamos las de cores. Como xa temos todo listo para o carné, temos que deseñar o logotipo, un que poñeremos nos nosos documentos.
—Como vos gustaría que fose? Que elementos debe conter (iconas, texto...)?
As propostas do alumnado: redondo e grande, que leve o noso nome: co logotipo dos ODS, cunha foto de cada persoam, con algo que represente a igualdade de xénero, que teña un contrasinal secreto.
Por consenso decídese que sexa redondo, que leve o nome, o debuxo persoal e o logo da Axenda 2030 coas iconas de muller e de home no centro.
Toca falar das finalidades e das normas e o alumnado propón para a primeira salvar o planeta e os seres vivos, darlle a coñecer a Axenda 2030 a todo o mundo, rematar coa desigualdade de xénero. En canto ás normas: asistir ás reunións; respectar as quendas de palabra; escoitar, votar, opinar, non saír do tema; coidar os materiais; saber o que hai que facer cos cargos; comprometerse; aceptar os sorteos; non faltarse ao respecto.
Comentamos a continuación que documentos pensamos que necesitamos, se cómpre anunciar a data de xuntanza e as temáticas que se van tratar, se se fai constar o debatido e os acordos acadados, e para iso propoñen: poñer unha folla no taboleiro da aula; recoller as ideas principais e os resultados das votacións unha folla; enviar unha carta e gravar as asembleas en vídeo.
Os cargos/roles dos que falamos na primeira sesión foron a presidencia, a vicepresidencia, a persoa secretaria, a persoa moderadora e auxiliar.
Como comentaron que querían alguén que «mandase calar por se acaso» e teñen medo de que se faga tarde para recoller, o profesorado propón dúas máis: garda, Meretseger.
Quédanos debater como deberiamos asignar os roles cada semana. Despois dalgunhas propostas do alumnado —por orde de lista, a sorteo con números, por votación—, o profesorado propón:
—Somos 17, de que falamos ultimamente que tamén sexa 17?
—Dos ODS —din varias persoas.
—Que vos parecen unhas cartas con todos os ODS?
O alumnado está de acordo.
—Que ODS é o máis adecuado para cada cargo? Por que o credes ?
O alumnado fai propostas como que o ODS 4 teña cinco cartas e que a quen lle toque exerza un cargo; que a Presidencia e a Vicepresidencia a exerzab as mestras sempre; que o ODS da paz é axeitado para moderar ou mandar calar; elixir os ODS que máis se parezan ao cargo.
O profesorado escribe os 17 ODS no encerado e, entre toda a aula, decidimos como será o sorteo e como imos sentar, pois xorde a cuestión de se os cargos deben sentar xuntos. Conxuntamente decidimos que hai que sentar de xeito que nos vexamos a cara sempre. Recollemos o sucedido no caderno de bitácora, o cal servirá para o deseño do material asembleario.
Sesión inicial 5. Constitución e ensaio xeral
Formalización da asemblea: cada persoa, por orde de lista, vén ler os documentos constituíntes onde constan as finalidades que decidimos entre todas as persoas e, logo de asinar documento de compromiso, a Presidencia coloca no seu pescozo a acreditación de axente do cambio.
Vemos os materiais que imos utilizar en todas as asembleas: cartas cos ODS, cartas con termos da RAG e con iconografía variada e documentos oficiais: orde do día e acta da sesión.
Finalizamos cun ensaio do protocolo que terán todas as asembleas:
Inicio: a hora, lugar e tema/s do día estarán no taboleiro da aula. Collemos a acreditación ao entrar e poñémola ao pescozo. A Presidencia pon diante de cada persoa unha carta cos ODS colocada polo reverso, dámoslle a volta todas as persoas á vez e as que teñan cargo proceden a coller a tarxeta coas súas funcións e colocarana no soporte que teñen diante do seu posto. Deseguido, o secretario ou secretaria pídelle á Presidencia a acta do día anterior e dálle lectura para aprobala, despois dá paso ao tema do día.
Central: partindo de preguntas e/ou materiais relacionados co tema do día e preparados previamente (artigos, infografías, iconografía, palabras ou frases, vídeos...), a Presidencia comeza a sesión lanzando unha cuestión/problema que dá pé a falar e a opinar e, logo dunhas primeiras impresións, a persoa auxiliar reparte materiais para seguir reflexionando, compartindo, debatendo e (se procede) propoñendo accións.
Peche: a persoa garda controla os tempos para avisar cando sexa o tempo de «rolda de intervencións» e logo recollerá o material antes de marchar. A persoa secretaria levanta a sesión e asina a acta, que terá anotadas as ideas principais e os acordos alcanzados.
Unha vez realizadas esas sesións iniciais, desenvolvéronse varias asembleas con perspectiva de xénero e ligadas aos ODS (tendo o ODS 5 como transversal a todos) e con temáticas diversas. Resúmense seis delas a continuación:
Asemblea 1. Amor en maiúsculas
A afectividade é unha necesidade básica dos seres humanos. Na nosa cultura existen estereotipos neste eido, ensinásenos a vivir o amor de maneira diferente segundo sexamos mulleres ou varóns. O ODS 5 precisa, para desenvolverse, que tamén se teña presente o amor. Ademais, «a sociedade de consumo nútrese da construción social de xénero, principalmente coa publicidade como ferramenta esencial que condiciona os comportamentos das persoas consumidoras» (López Salorio, 2018, p. 93). ODS 5, ODS 4, ODS 12.
—Levamos toda a semana falando na aula sobre o amor... Que é o amor? Hai distintos tipos de amor?
Observamos que hai moitas opinións, pero que coincidimos en que hai moitos tipos de amor.
—Existe a media laranxa? Vivimos as relacións igual as mulleres e os homes? Hai estereotipos neste eido?
Lemos os artigos de Marisol Andrés e Andrea de Santos que falan dos estereotipos románticos: «Ni media naranja ni príncipe azul: los mitos del amor romántico» e «Los mitos del amor trastocan la mente», respectivamente. Debatemos sobre os artigos e sobre como entendemos o amor segundo o noso sexo. Pensan que o viven distinto porque elas teñen que «agardar o príncipe» e eles teñen que «matar dragóns» para «conseguir o amor».
—Pensades que iso forma parte da socialización da que falabamos nalgunha sesión anterior?
A persoa auxiliar reparte entre as persoas cartas cos termos seleccionados para a asemblea de hoxe: adorable, sensible, valente, forte...
—As frases serven para entender como nos socializan sen decatarnos diso?
Do debate foron saíndo, por exemplo:
—Eu poñería: «A princesa non se puido resistir diante dos encantos da valente doncela» e non «O príncipe non se puido resistir diante dos encantos da fermosa doncela» (1)
—Pois eu, en vez de «Non quere quedar soa na casa porque é unha medrosa», poñería «Ese neno é un medroso».
—En vez de «Púxose como unha histérica», poñería «O neno púxose como un histérico cando viu a araña».
—A min gústame «Un home fermoso» en vez de «Unha muller fermosa».
O debate lévanos a falar sobre as datas como o San Valentín, sobre os agasallos...
—As datas como San Valentín promoven o amor ou o consumo?
Hai diversas opinións e pensamos que cómpre informarnos máis. Proxectamos o vídeo do ODS 12 (Consumo e produción responsable). A persoa auxiliar reparte cartas que conteñen iconografía de agasallos como doces, perfumes, maquillaxes, xoias etc.
—Estes aparellos teñen xénero? —mentres observan imaxes de bombóns, gravatas, flores...—. Do debate coliximos que a todas as persoas (independentemente do noso sexo) nos gustan as flores, os doces e os agasallos, pero que o consumo excesivo non é sostible.
—Seremos quen de facer propostas de agasallo máis sostibles, propostas que non aumenten o consumo irresponsable? Propostas como a de Carlota Bruna que usa Instagram para concienciar contra o consumismo?
Pensamos en recoller o falado hoxe na asemblea cunha oración-resumo que recolla o debatido. Cada persoa propuxo unha frase, fixemos votacións con segunda volta: aínda que houbo unha primeira clara vencedora, fixemos unha nova votación coas tres persoas que máis votos acadaron. Despois da votación escribimos cada letra da oración nun corazón ata formar a frase e pegámola no taboleiro da aula: «Eu son o amor da miña vida».
Asemblea 2. Non máis Matildas
O desenvolvemento humano é inequitativo e desigual, e seguirá séndoo se negamos ou invisibilizamos o labor que as mulleres fixeron a prol dun mundo sostible en diversas áreas (Verdiales, 2021). Dedicamos varias asembleas para traballar este aspecto
—Lembrades que falamos sobre que as palabras inflúen na visión do mundo? Lembrades que falamos na aula de que o que non se nomea non existe? Que pensades que pasa se nas profesións só usamos un xénero? Que imaxe temos se falamos de médico, xuíz, científico...? É o mesmo que se usamos médica e médico, xuíza e xuíz...? Pensades que todos os traballos son para todas e todos?
Comeza o debate con afirmacións como:
—No colexio limpa unha muller e o conserxe é un home.
—Non atopamos ningunha cousa que unha e outro non poidan facer.
A persoa auxiliar entrega as cartas seleccionadas para animar a reflexión: termos de profesións como médica e médico, azafata, piloto, científica e científico... e iconografía de cascos de construción, estetoscopio, microscopio, agulla e fío... Enriquécese o debate:
—Cando se fala de persoas que teñen éxito sempre poñen de exemplo un home, como no caso dos pintores: «Fomos a unha exposición de obras dos grandes pintores do século XX».
—Pois eu penso que hai máis modistas, pero leo «Un modisto galego de fama internacional».
—«O Día das Letras Galegas dedícase cada ano a un escritor». Pois non sabía que Xela Arias era un home! —din xa algo anoxadas e anoxados.
—Non entendo que se poñan exemplos de médicos e enfermeiras, de azafatas e pilotos.
—As exploradoras vestíanse de home para ir nos barcos como grumetes. —Engaden datos que lembran mentres len «Os exploradores viñan satisfeitos do seu labor».
—Se falamos de traballo en que ODS pensades?
—No 7 —indican despois de mirar as cartas dos ODS postas na mesa.
Proxectamos o ODS 7 e resumimos en gran grupo a idea do vídeo sobre o acceso a unha enerxía segura e non contaminante.
—Ten que ver co traballo? E coa ciencia e a tecnoloxía?
Sabemos que esta semana se celebra o Día da Nena e da Muller na Ciencia. Por que credes que se precisa un día así?
—Para que as nenas saiban que poden ser científicas, xa que a RAG só recoñece os científicos e os exploradores!
—Na tele falan máis dos científicos e dos expertos, e nos nosos libros de texto tamén.
—E non pensades que debería haber un día para os nenos?
—Iso tamén o din as persoas machistas sobre o Día da Muller, pero eles non tiveron que loitar coma elas. —Lembran o vídeo que vimos nunha sesión de ideas previas cando falabamos dos dereitos femininos.
—Cando estean sen votar un século, igual entón... —afirman por unanimidade.
—Que científicos coñecedes?
Comentan que Einsten, Ramón e Cajal, Newton...
—E científicas?
Un neno fala da muller que foi ao espazo con Yuri Gagarin e que non sae nos libros, pero non lembra o nome.
Proxectamos o vídeo Niñas en pie de ciencia, conversamos sobre ese vídeo e sobre as científicas que nel se mencionan. Ven que non coñecían que esas achegas as fixesen mulleres.
—Sóavos o efecto Matilda? —O nome só lles soa do libro de Roald Dahl.
A persoa auxiliar pon na mesa a infografía realizada pola Fundación Aquae onde mostran cinco mulleres vítimas deste efecto e cuxa nomenclatura fai honor a Matilda Electa Joslyn (1826-1898). Comentamos toda a información. Quedamos en seguir traballando sobre as científicas para visibilizalas e que a persoa auxiliar coloque na seguinte sesión láminas con científicas para iniciar a tarefa.
No momento da rolda de intervencións varias persoas comentan que estiveron falando que non queren tapar a cara para as fotos.
—Gustaríanos saír coa cara sen tapar para ter un recordo das asembleas.
Digo que para iso teño que pedirlles permiso ás súas familias cun documento escrito que terán que asinar. Votamos e estamos de acordo en facer o impreso a semana que vén e levalo para a casa.
Asemblea 3. Conquistar a cadea de mando
Se se analiza o mapa ocupacional, observamos que a asignación de roles ten moito peso nas profesións e traballos elixidos. Hai ocupacións masculinizadas e outras feminizadas: no eido educativo a presenza feminina é moi alta. Por lóxica, poderiamos pensar que os órganos de poder e xestión dos centros educativos están en mans de mulleres, pero os datos indican o contrario (Institulo das Mulleres, 2022). Que sentido ten iso e cales son as consecuencias? ODS 5, ODS 4, ODS 17.
O alumnado estivo investigando sobre as científicas que escolleu. Leu e gravou sobre os seus logros. Xa ten todo listo para montar a exposición no centro.
Despois de ver o que xa temos e poñer en común as diferentes realizacións, iniciamos o debate da asemblea de hoxe:
—Pensades que o talento feminino pode mellorar o desenvolvemento do planeta e das nosas vidas? Por que? Que ODS pensades que están relacionados?
O alumnado indica que:
—Moitos: o do clima ou o da innovación.
—Habería máis descubrimentos para curar enfermidades se houbese máis mulleres investigando, avanzaríase máis.
—A miña científica descubriu máis de cinco mil especies de plantas...
—Pois a miña, Ángeles Alvariño, descubriu organismos mariños.
Proxectamos os vídeos ODS 13, ODS 15, ODS 9 e comentamos o que vimos. Colixen que, se non houbese talento feminino agochado, o mundo sería mellor.
—Pensades que as mulleres o teñen difícil en todas as profesións? En cales?
O alumnado di:
—Na política.
—No exército ou sendo escoltas ou gardas xurados.
—Eu teño una tía policía e di que case todos son homes —comenta unha nena.
—Tamén hai menos astronautas mulleres.
—Nunca vimos mulleres conducindo un camión ou traballando nunha obra ou de fontaneiras e electricistas.
—Eu son mestra, pensades que os estereotipos de xénero teñen consecuencias na educación?
Pensan que si pois hai moitas máis mestras ca mestres.
—Que ODS estarán relacionados?
Despois dun curto debate no que o alumnado non o ten moi claro, proxectamos o ODS 4. Debatemos sobre o contido do vídeo e reflexionamos usando como base unha pirámide realizada segundo datos do Ministerio de Igualdade sobre as cifras na educación e os postos desde mestras e mestres a reitores e reitoras ou catedráticas e catedráticos. A persoa auxiliar tamén comparte as cartas seleccionadas relacionadas co debate: mestra e mestre, decana e decano, reitor e reitora, xerente.
—As frases das cartas «mostran a realidade» ou «condicionan a realidade»?
Len as oracións propostas para os termos e xérase un debate sobre «o inxusto» que é para as mulleres.
—Pois un pouco as dúas, «O reitor inaugurou o curso» será porque hai máis homes.
—Pero tamén hai mulleres, non?
—«Eleccións a decano». Mesmo semella que xa non poden presentarse mulleres ao posto...
—Non entendo, se di «persoa», por que logo poñen en masculino a frase.
—Tamén hai «mestras da pintura» como Maruja Mallo. —Mentres le «Os grandes mestres da pintura».
Falamos de como os estereotipos de xénero levan a que as mulleres non estean en postos de decisión. Volvemos sobre os ODS, tentamos relacionar o debate con eles.
—A cal ou cales dos ODS nos referimos? Cremos que os obxectivos se interrelacionan, afectan uns aos outros? Un cambio pequeno pode xerar grandes consecuencias? Será bo buscar alianzas para acadar os ODS?
O alumnado opina que:
—Se hai máis mulleres mestras, por lóxica debería haber máis mulleres nos postos de dirección.
—No noso colexio, ademais, temos unha directora.
—Pero as mestras teñen fillas e fillos e faltan máis ao traballo ca os compañeiros.
—Iso tamén ten que ver cos estereotipos. Son mulleres e, segundo os estereotipos, tócalles coidar.
—As mulleres temos que seguir loitando polos nosos dereitos. —Os nenos asenten.
Proxectamos o vídeo ODS 17 e, despois de visualizalo, falamos sobre o efecto bolboreta da Axenda 2030. Non teñen claro que quere dicir ese efecto nin de onde provén. Proxectamos unha explicación curta «Efecto Mariposa».
Asemblea 4. O autocoidado físico e psíquico
Os ODS están relacionados e uns lévannos a outros (paz, saúde e benestar). Aprender a resolver os conflitos que xorden na vida diaria ten consecuencias: se sabemos expresar as nosas ideas, recoñecer as nosas emocións (a maneira que temos as persoas de percibir e xestionar as emocións está moi influída polo xénero) e esixir respecto; devirá nunha mellor saúde mental, en paz interior e nunha mellora integral da nosa saúde. ODS 3, ODS 4, ODS 5
—Pedistes falar nunha sesión asemblearia das leas e dos conflitos que xorden na aula e no recreo. Así que dedicaremos esta a iso.
Proxectamos o vídeo que gañou o premio á innovación no concurso Móvete polos ODS da UVigo, Unha ducia, e o vídeo do ODS 3.
—Como están relacionados os demais obxectivos con eses? Que quere dicir «se coidas de ti, coidas do planeta?». Hai linguaxe inclusiva?
Comentan que, se comes cousas cultivadas preto, non teñen que vir tantos camións con cousas doutros países ou que, se usas a bicicleta, contaminamos menos.
—Considerades que hai diferenzas respecto do coidado da saúde entre mulleres e homes? Haberá desigualdade na saúde mental, na saúde física?
Poñen exemplos que coñecen, mais gustaríalles profundar e buscar información. Quedamos en ler e buscar datos recolléndoos nun panel.
—O outro día na clase falamos de problemas físicos se non levamos unha boa alimentación e non facemos deporte; pensades que tamén afecta á nosa saúde mental?
Din que si, pois cando están xogando ao aire libre na hora do recreo volven máis relaxadas e relaxados que cando chove e quedan na aula.
—O xogo entón é bo para a nosa saúde física e mental? Que máis afecta á nosa saúde mental?
—As discusións e pelexas —comentan.
—Os conflitos teñen algo que ver cos ODS?
—Si. As pelexas nada teñen que ver coa paz —asenten.
—Pensades que as pelexas se dan igual entre mulleres e varóns?
—Hai pelexas, mais son distintas. —Durante uns minutos poñen exemplos e contraexemplos.
—Cantas persoas pensades que hai implicadas cando xorde un conflito?
—As vítimas, os agresores ou as agresoras.
—E a persoas que están vendo o que pasa.
—Pensades que é sinxelo aprender a discutir? Que diferenza hai con dialogar?
Responden varias cousas e decidimos poñelas nun papeliño para ver se podemos facer un mapa mental que nos axude a resolver os conflitos. Algunhas delas son falalo e internar resolvelo escoitando as versións, deixar tempo a que se tranquilicen, falar con respecto, pedir perdón e darse a man (ou abrazarse), chegar a acordos que satisfagan a todas as persoas...
Facemos o mapa e vemos que temos varias maneiras de evitar pelexas e resolver conflitos, mesmo moitas delas poden servir tamén para o resto das persoas. Vemos que xogar non debe implicar pelexas, xogar é imporante para a saúde, para relacionarse, para aprender...
—Falando da importancia de xogar: traio un xogo co que ides profundar nos 17 ODS dun xeito divertido e didáctico que se chama Go Goals,2 xogaremos un chisco e despois poderedes incluílo nos xogos habituais da aula.
Asemblea 5. A corresponsabilidade
A consecución dos ODS require dun exercicio de corresponsabilidade solidaria (López de San Román, 2020), os primeiros pasos para aprender a ser corresponsables poden darse no ámbito máis próximo. Liberar as mulleres dos ámbitos privados que teñen que ver co coidado e potenciar que acaden os espazos públicos terá melloras para toda a sociedade, pois o talento multiplicarase por dous. ODS 5, ODS 4, ODS 8.
—Xa temos claro que a igualdade de xénero devirá nunha mellora global. Pensades que as mulleres temos sinxelo dedicar horas ao traballo remunerado? Fan os mesmos traballos de coidado as mulleres e os homes?
—As nais traballan máis e algúns pais «axudan».
—Os homes non teñen que «axudar», senón «colaborar».
—As nais que non traballan fóra da casa fan case todo elas.
Proxectamos o ODS 5. A persoa auxiliar pon as cartas seleccionadas na mesa: termos como nai, pai, materno, paterno... e iconografía de utensilios de coidado e mantemento do fogar como ferro de pasar, vasoira, alicates, serra, trade, lavadora...
—Que pensades de como definen os termos?
—Non entendo que nai non teña unha segunda acepción como pai no dicionario: «É o seu pai adoptivo. Foi un pai para el.». Unha muller non pode adoptar?
—Por que non pode ser «autoridade materna»? A miña nai é moi boa mandando —manifestan logo de ler como as frases asimilan autoridade ao pai e coidados á nai.
—Estou de acordo! O meu pai é moi agarimoso.
—Quen usa os aparellos e ferramentas que tendes diante? Son de muller ou/e de home? Hai impedimentos para que todos sexan usados por calquera persoa adulta?
Persoa a persoa comentan sobre cada aparello:
—Tanto unha vasoira coma unha chave de parafusos pode ser usada por unha muller ou por un home.
—Eu véxolles usar máis a miúdo a vasoira á miña nai e a chave de parafusos ao meu pai. —O resto do alumnado concorda con esta afirmación.
—Nunca vin o meu pai cun ferro de pasar nin a miña nai cun trade, pero penso que poderían intercambialos.
—Logo a carga de coidados ten consecuencias.
A persoa auxiliar pon na mesa a infografía publicada polo Ministerio de Igualdade sobre a saúde das mulleres e a sobrecarga de coidados. Comentámola. Varias nenas e nenos identifican a depresión e a necesidade de medicación para durmir coa súa nai.
—Que vos parece se lle dades forma escrita ao que estades comentando?
A persoa auxiliar entrega unha lámina que levarán para casa na cal hai un cómic con seis viñetas onde as persoas protagonistas son unha nena axente do cambio, a nai e o pai. Hai diferentes situacións no salón, corredor e cociña. Saen unha serie de bocadillos sen texto que terán que escribir, así como darlle un título.
Asemblea 6. Información sen formación
Poñer as lentes violetas é unha metáfora usada, entre outras autoras, por Gemma Llenas (2012) para comentar como se vería a sociedade cunha perspectiva de xénero e concienciarse da discriminación. Esa conciencia é necesaria se pretendemos camiñar cara á igualdade. As noticias permitiron traballar sobre temáticas da Axenda 2030. ODS 5, ODS 1,ODS 2,ODS 6, ODS 8, ODS 10, ODS 14 , ODS 15.
—Hai unhas semanas fixemos unhas preguntas para entrevistar a Alice Finot, esta semana traballamos con diversos periódicos que trouxestes de casa para facer unha noticia sobre o Día da Auga e comentastes que a prensa non sempre usa linguaxe inclusiva. Iso é porque xa estades poñendo a «lente violeta».
—Que e iso? —Non teñen claro o das lentes, pero si que lles soa.
Comentan que é ver as cousas pensando na igualdade, coma se fosen unhas lentes máxicas que eliminan os estereotipos da nosa cabeza. Queren saber de onde provén e falamos da metáfora que xorde do libro O diario violeta de Gemma Llenas: a mancha violeta na portada, a suxestión da avoa de facer un diario feminista e a relación desa cor co feminismo; mencionamos a historia das obreiras que morreron queimadas nunha fábrica por defender os seus dereitos.
—Volvamos á linguaxe, entón pensades que é importante?
—Se desde pequena non escoitei dicir «a bombeira», quizais pense que unha muller non o pode ser.
—A min sempre me din «peitéate que así non estás bonita» e ao meu curmán non llo din nunca.
Levamos noticias recollidas da prensa (relacionadas coa Axenda 2030) e que a persoa auxiliar reparte entre todas as persoas, cada unha explica unha noticia (comentámola e falamos dos diversos temas relacionados coas novas), sinala o que lle chama a atención e comenta como se podería reescribir. Uns exemplos:
- «Os refuxiados da guerra de Ucraína (...)», falamos da guerra, dos efectos dela nas nosas vidas... E reescriben: «As persoas refuxiadas da guerra...».
- «(...) para medir el plástico marino: científicos de Vigo homologan (...)», falamos dos plásticos que rematan no océano, de onde proveñen... E reescriben: «Científicas e científicos...».
- «(...) necesitan la ayuda de los niños para plantar 200 castaños (...)», deu pé a falar das árbores autóctonas e dos ecosistemas. E reescriben «(...) axuda da infancia para (...)»
- «La Xunta amplia la flexibilización horaria a todos sus empleados con hijos menores (...) quedan fuera los docentes, los trabajadores del Sergas y el personal de los juzgados», falamos da conciliación familiar, de quen ten a carga de traballo e de a quen esquece mencionar a noticia. E reescriben: «... todas ás persoas empregadas con fillas e fillos menores...».
- «(...) dentro del programa Enche o teu monte, los propietarios recibieron los primeros ejemplares de plantas forestales, frondosas y autóctonas (...) los titulares de las parcelas(...)», falamos das iniciativas dos concellos, da política... E reescriben: «as persoas propietarias ou titulares».
- «La demanda de talento (...) sectores en auge como TIC (...) directores de proyectos, financieros o comerciales, perfiles más buscados», falamos dos traballos do futuro. E reescriben «persoal para dirixir proxectos...».
- «El director de Coren compartió con empresarios su trayectoria, ao pé da foto con empresarias «Imagen de los asistentes al almuerzo», falamos da paridade nas empresas, da súa realidade en canto a traballos familiares. E reescriben «(...) con empresarias e empresarios, as persoas asistentes ao...».
- «La pobreza mata (...) como han comentado los expertos...»; o artigo é interesante e falamos das desigualdades. E reescriben «as persoas expertas».
- «Alumnos del IES (...) rescatan del olvido a las mujeres con Nobel», na fotografía hai máis mulleres e nenas; falamos do interesante do proxecto e da mágoa de non usar linguaxe inclusiva, o que desmerece o acto. E reescriben «O alumnado do IES...».
- «Visibilizar a la mujer científica entre los más jóvenes»; pé de foto con máis alumnas «la profesora y los alumnos que escribieron el libro». Na mesma liña ca a anterior.
- «Descubren el genoma humano más antiguo (...) un equipo de investigadores (...) entre los expertos (...)», preguntámonos se de verdade non habería mulleres no grupo de persoas expertas.
- «Los líderes de la UE activan fondos de ayuda urgente para Turquía y Siria», falamos dos países que menciona, se lembran onde están e o que está pasando neles. E reescriben «As persoas que lideran a UE...».
Queren facer unha exposición cos recortes sinalados para concienciar e que todas as persoas poñan «as lentes violetas». Decidimos facelo ao longo da semana.
A proposta rematou con dúas ASEMBLEAS FINAIS:
Asemblea 11. Que Aprendemos?
—Despois de case catro meses desde a creación deste espazo, poño fin ao meu cargo de presidenta e, antes de convocar eleccións, cómpre unha tarefa, cal pensades que é?
—Nomear unha sucesora ou sucesor?
—Pensades que iso é democrático?
—Non, hai que facer eleccións
—E que fai falta para ás eleccións?
—Urnas, votos, candidaturas...
—Ben, mais antes, imos recoller o aprendido. Por que pensades que é necesario?
—Para saber se podemos quedar sós e soas? Se somos capaces de facer asembleas sen que ti esteas?
—Para ver se aprendemos moito sobre os ODS e os problemas que hai que arranxar na humanidade.
—Para ver que nos falta aínda por aprender...
—Para que saibas o que máis nos gustou e que menos, así podemos cambialo.
Primeiro facemos un Kahoot6 e despois respondemos unhas cuestións por escrito.
Anotamos todo o sucedido no caderno de bitácora e logo analizamos a información recollida nos instrumentos para facer a avaliación final.
Asemblea 12. Elección á Presidencia: candidaturas
Pregunto quen quere presentarse para o cargo para asumir o rol da Presidencia. Hai varias candidaturas e haberá campaña ata o penúltimo día de clase, nese día votarase de cara ao próximo curso, durante o cal se continuará coa asemblea, mais desta vez desde o inicio do ano escolar, pois o alumnado quere seguir e a titora (que será a mesma) desexa continuar coa dinámica ao observar os bos resultados.
Preséntanse catro persoas e, conxuntamente, traballamos no que necesitan para o cartel da súa candidatura. Propoñen unha foto, un slogan, temas que propoñemos nas asembleas, data da votación... Elaboramos un cartel para cada persoa con ocos baleiros no que cada persoa escribirá o seu texto.
Logo dunhas semanas pasaremos polo centro para saber como vai a campaña electoral.
Avaliación e conclusións
Para avaliar empregamos varios instrumentos de recollida de información.
- Inicial: debates para analizar e compartir ideas previas.
- Formativa: caderno de bitácora e álbum fotográfico (tras cada sesión). Xogo Pasapalabra.
- Final: test Kahhot, cuestionario con preguntas curtas e reflexións individuais cunha redacción sobre as aprendizaxes.
Esta proposta resultou unha experiencia enriquecedora e indeleble para o alumando que así o comentou na avaliación final, acadáronse os obxectivos propostos e observáronse aprendizaxes importantes tanto conceptuais coma actitudinais e procedimentais. As asembleas móstranse como un recurso fundamental que propicia o pensamento crítico e a autoxestión (Otero, 2009), ademais de contribuír ao desenvolvemento de destrezas socioemocionais, traballando aspectos relacionados coa convivencia, a xestión emocional e a potenciación da igualdade (Decreto 155/2022).
Comprobamos que traballar a igualdade de xénero e os ODS de maneira integrada e indisociable foi moi positivo, pois o xénero é transversal a todos os ODS (Álvarez-Lires, 2023). O alumnado comprende que as causas e consecuencias das desigualdades de xénero non só son un tema persoal ou familiar senón social e, porén, global. Asumen que terán que loitar pola igualdade e seguir a máxima da Axenda 2030 de non deixar a ninguén atrás (Arias, 2022).
Ademais dos datos sacados na avaliación, obtivemos unha retroacción externa dunha traballadora social que foi impartir unhas charlas sobre igualdade de xénero dúas semanas despois de rematar a intervención. A relatora deixou constancia nun informe, del destacamos que observou como o alumnado tiña claro como existen clixés e comportamentos asociados que son transmitidos e a importancia de eliminalos, amosando comprensión sobre o que son os estereotipos de xénero e como se manifestan, ademais dun amplo coñecemento de mulleres relevantes para a sociedade, especialmente do ámbito científico. Asemade, desatacou o alto nivel de debate, participación e reflexión do alumando.
(1) As frases subliñadas están recollidas literalmente do dicionario en liña da Real Academia Galega.
Álvarez Lires, M. M. (dir.) (2023). Precursoras da sustentabilidade e da Axenda 2030. Deputación de Pontevedra.
Andrés, M. (2017) Ni media naranja ni príncipe azul: los mitos del amor romántico. Escritura Feminista. https://acortar.link/gC00nb
Arias Correa, A. (2022). Fronte ao negacionismo. Alianzas desde o feminismo [Manifesto 25N]. Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Pontevedra: Deputación de Pontevedra.
Canal Tik Tak Draw (2020). El efecto mariposa [vídeo YouTube] https://www.youtube.com/watch?v=YiztA4Sz6pE
Canal UN Etxea - Asociación del País Vasco para la UNESCO (2010). Home [YouTube Channel] https://www.youtube.com/@UNetxea/about
Concurso Móvete polos ODS (2022). Unha ducia [arquivo de vídeo]. Youtube, https://acortar.link/6OPdGV
De San Román, A. L. (2020). Los ODS, un gran proyecto ético de corresponsabilidad solidaria. Diario Responsable. https://acortar.link/z1YiF5
De Santos, A. (10 de febrero de 2023). Los mitos del amor trastocan la mente. Faro de Vigo, p. 32.
Durán, A. F. (2019). La asamblea en primaria: estrategias de intervención. Asamblea, 1, 2C.
Fundación Aquae (s. d.) ¿Qué es el efecto Matilda? https://www.fundacionaquae.org/efecto-matilda/
Gobierno de España (2018). Estrategia de desarrollo sostenible 2030. Dirección Xeral de Políticas de Desenvolvemento Sostible. Ministerio de Asuntos Sociais, Unión Europea e Cooperación. AXENDA 2030. https://acortar.link/O5gwEI
González González, M. (dir.). Dicionario da Real Academia Galega. A Coruña: Real Academia Galega. https://academia.gal/dicionario
Instituto da Muller. Observatorio para a Igualdade de Oportunidades (2020). Guía de coeducación: Síntesis sobre la educación para la igualdad de oportunidades entre mujeres y hombres. Edita: Instituto da Muller (Ministerio de Igualdade). https://bit.ly/3ILqxNY
Lienas, G. (2012). O diario violeta de Carlota. Editorial Galaxia.
López Salorio, L. (2018). Objetivos de desarrollo sostible con enfoque de género y cuidados. InteRed. Recuperado 2 de xaneiro de 2023 de https://bit.ly/3OFwtf2
Lucas Marín, A. (1986). El proceso de socialización: un enfoque sociológico. Revista Española de Pedagogía, 173. https://bit.ly/43opT0M
Martínez, O. e Romera, M. (2020). La asamblea de clase: una experiencia de aprendizaje de infantil a secundaria. Go Books! Editorial.
Mendoza Carretero, M. R. (2021). Reseña de Sáenz-Rico, B. (coord.) Guía didáctica para la implementación de los objetivos de desarrollo sostenible en educación primaria. Revista de Educación Ambiental y Sostenibilidad, 3(2), 2401. https://doi.org/kck3
Ministerio de Educación e Formación Profesional [@educacion2p0] (2022). Niñas en pie de ciencia [arquivo de vídeo]. Youtube. https://acortar.link/iHQV1d
Naciones Unidas (2015). Cumbre de las Naciones Unidas sobre el Desarrollo Sostenible. https://acortar.link/Y6taV8
Organización das Nacións Unidas Mulleres (2022). El progreso en el cumplimiento de los Objetivos de Desarrollo Sostenible: Panorama de género 2022. https://bit.ly/3qiqt1K
Otero Martínez, N. (2009). La resolución de conflictos en el aula: La asamblea. Cuadernos de Educación y Desarrollo, 2. https://bit.ly/43a5dtx
Publicaciones[@carlotabruna]. (s. d.). IGTV [Perfil de Instagram]. Instagram. Recuperado o 20 de maio de 2023 de https://www.instagram.com/carlotabruna/
Real decreto 155/2022 polo cal se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 183 do 26 de setembro). https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220926/AnuncioG0655-190922-0001_gl.html
Verdiales López, D. M. (2021). La mujer: pieza clave en el desarrollo sostenible. Estrategias contenidas en la Agenda 2030. Espiral (Guadalajara), 28(82), 145-171. https://bit.ly/43a4tEx