Mulleres en xogo

O autoconcepto e a autoestima son elementos determinantes para o desenvolvemento social, profesional e persoal do ser humano e para o afianzamento do sentido da propia identidade. Nese proceso de construción xogan un papel fundamental os referentes. A escola ten o compromiso de proporcionar unha educación íntegra e igualitaria, exenta de nesgos por razón de xénero. O proxecto Mulleres en xogo nace como unha necesidade de poñer en valor referentes femininos en distintos ámbitos da nosa contorna. Está vinculado ao Plan Proxecta Donas de Si que se implementou no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes no curso 2022/23. O proxecto, de carácter internivelador e interdisciplinario, foi galardoado con dous premios: primeiro premio na terceira categoría no Concurso de Carteis do 8M 2023 da Xunta de Galicia e o Premio Meninas 2023 do Ministerio de Igualdade polo proxecto intercentros co IES Ánxel Fole.

Coordinado por Jessica Mera Redondo, profesora de Debuxo
IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo)
jessicamera@edu.xunta.gal

 

 

Introdución

Mulleres en xogo xurdiu na materia de Proxectos Artísticos de primeiro de bacharelato. Trátase dun proxecto interdisciplinario e internivelador coordinado por Jessica Mera, profesora de Proxectos Artísticos (1.º BAC), e no que participaron Lucía González, profesora de Lingua e Literatura Galega (1.º ESO) e María Moares, profesora de Física e Química (3.º ESO). As seguintes alumnas de primeiro de bacharelato de Proxectos Artísticos traballaron de maneira activa en todo o proceso de creación, ilustración e deseño: Begoña Ares, Bárbara Arias, Ariadna Chong, Sofía Dapena, Celeste Díaz, Candela Fernández, Isabel Moreno, Anderson Rojas, Mireia Tato e Andrea Valdez.

 

Fases e metodoloxía

O carácter intrínseco da materia Proxectos Artísticos responde á metodoloxía activa da aprendizaxe baseada en proxectos (ABP). Seguimos así o proceso metodolóxico de concreción dos obxectivos, planificación, xestión, difusión e avaliación do impacto na contorna física máis próxima e noutras parcelas da realidade accesibles a través de Internet ou das redes sociais. Poñemos a énfase tanto no proceso coma no resultado. Desta forma, as distintas fases do proxecto coinciden coas distintas avaliacións: na primeira avaliación dedicámonos a determinar o produto e á investigación; a segunda, á creación de materiais e a terceira, á publicación, difusión do produto e á avaliación do resultado.

No ABP xoga un papel crucial a transversalidade e por iso se buscou a implicación dos departamentos de Lingua Galega e de Física e Química para enriquecer o produto final. Para facilitar o traballo cooperativo e interdisciplinario servímonos dun instrumento clave, a aula virtual, que permitía canalizar a comunicación entre os integrantes do proxecto, compartir recursos, pautar os procesos de traballo, debater, crear canles de axuda e fomentar a coavaliación sometendo as distintas tarefas a un proceso de revisión conxunta constante. A páxina web Cos ollos na igualdade creouse xa no primeiro trimestre para compartir o noso proceso de traballo en rede.

Dado que un dos nosos principais obxectivos é denunciar e reivindicar a visibilización de mulleres da nosa contorna, consideramos que o resultado das nosas pescudas debía traspasar os muros do noso propio centro. Ademais de involucrar o Concello de Lugo e os medios de comunicación, buscamos a implicación dos navegantes en rede.

 

Primeira avaliación. Fase de reto e investigación

Exposición do obxectivo, reto, propostas e elección do produto

Tras expoñerlle ao alumnado de bacharelato o obxectivo principal —investigar, visibilizar e darlles o lugar merecido a mulleres galegas que abriron o noso camiño—, abriuse un debate para determinar o produto adecuado que permitise a divulgación e coñecemento deses referentes femininos. Servíndonos da técnica de brainstorming, xurdiu a idea dos xogos de mesa.

Investigación

As profesoras de Lingua Galega e Física e Química encargáronse de realizar a investigación de mulleres galegas relevantes en distintos ámbitos co seu alumnado. María Moares, profesora de Física e Química, foi a responsable de coordinar o traballo cos grupos de terceiro da ESO e Lucía González ocupouse dos grupos de primeiro da ESO. Seleccionaron os referentes e facilitáronnos o contido que formaría parte dos xogos de mesa.

 

Segunda avaliación. Fase de creación e produción

Esta fase realizouse co alumnado de bacharelato. Foron distribuídos en grupos para realizar seis xogos de mesa.

  • QUEN É ELA. Segue as regras do típico Quen é quen? Cada peza está realizada e pintada en madeira. Resultou un dos xogos máis complicados pola súa elaboración e montaxe.
  • UNHA. Segue o patrón do Un, pero en cada tarxeta indícasenos o nome da muller e unha frase dela.
  • MATCH. Enfocado en dar a coñecer só mulleres científicas.
  • BINGO. No que substituímos o bombo por un saquiño.
  • MULLERES NA MEMORIA. Neste xogo relacionamos a muller cos seus logros.
  • QUEN SON? Coa estética deste xogo gañaron o cartel do 8M da Xunta de Galicia. Trátase de escoller unha carta que corresponde a unha muller e poñela na cabeza sen saber de quen se trata. O obxectivo é adiviñar que muller é facendo preguntas sobre ela.

 

Xogos de mesa

 

Nesta fase de creación abordamos diferentes áreas do deseño, presentes no currículo de bacharelato. Seguíase sempre o mesmo proceso de traballo: explicación dos contidos curriculares a través de presentacións dixitais, formulación das tarefas prácticas vinculadas ao proxecto e mostra das rúbricas específicas para cada exercicio avaliable. Recursos da aula virtual, como etiqueta, ficheiro, URL ou cartafol, e actividades, como foro e tarefa, facilitaron o proceso de aprendizaxe tanto para ordenar e facilitarlle a información ao alumnado coma para recibir a entrega das tarefas e realizar as correccións e propostas de mellora pertinentes.

O alumnado contou con táboas de indicadores (rúbricas) para a avaliación de cada exercicio, coa finalidade de facilitar o entendemento dos mínimos que debía alcanzar e co que podía realizar a coavaliación e a autoavaliación. Levouse a cabo a práctica da retroalimentación, de forma que as tarefas individuais e grupais foron devoltas con correccións e comentarios por parte da profesora para fomentar no alumnado o espírito autocrítico e motivalo na mellora da súa tarefa. Foi unha retroalimentación construtiva orientada ao progreso e perfeccionamento na aprendizaxe e unha retroalimentación apreciativa enfocada á motivación e ao recoñecemento. Tamén se levou a cabo a coavaliación, de forma que nas exposicións orais o propio alumnado avaliaba o traballo realizado polos seus compañeiros e compañeiras servíndose da rúbrica indicada para realizar unha avaliación obxectiva, crítica e construtiva.

As áreas do deseño que traballamos foron:

- Identidade corporativa. Buscouse a tipografía, fíxose o deseño dos logotipos e outorgóuselle unha cor a cada área ou ámbito no que se clasificasen as mulleres referentes. O vermello para cinema, o laranxa para literatura, o amarelo para arte, o verde para ciencia, o azul para deporte e o violeta para música e danza. Así, o alumnado traballou a construción dun logotipo, as tipografías (tipos, construción e significado), a cor (sistemas de cor tanto para web coma para imprenta e o seu significado).

- Deseño editorial. Realizamos a maquetación das cartas do xogo, as instrucións e os carteis informativos en Canva. Grazas a este programa, o alumnado traballou practicamente igual ca un deseñador gráfico e valoraba se poñía o sangrado, as marcas de corte ou se o arquivo estaba preparado para imprenta.

- Ilustracións. Cada xogo está ilustrado polo alumnado de bacharelato artístico, utilizando tanto o debuxo dixital coma o tradicional.

- Deseño da embalaxe. Construímos as caixas que conteñen os xogos e elaboramos as súas etiquetas.

Cada xogo de mesa reflicte o estilo pictórico de cada alumna. Con todo, para a exposición e para a publicación dos xogos de mesa como un conxunto, necesitabamos unha imaxe común. Por iso, cada alumna realizou a súa propia versión dun cartel anunciador da exposición. Someteuse a votación e, coa estética do cartel gañador, continuamos traballando todas, aplicando as súas formas e cores ao resto de elementos (chapas, expositor, merchandaxe).

- Gráfica expositiva. Na fase de publicación dos produtos traballamos a gráfica expositiva co deseño do posto que se situou na planta baixa do centro.

- Merchandaxe. Tamén deseñamos e fixemos as chapas para todo o profesorado do centro e a merchadaxe para as charlas (un bolígrafo, un caderno, unha bolsa e unha caixa, todo coa imaxe corporativa da exposición).

 

Merchandaxe

 

Terceira avaliación. Fase de divulgación e avaliación do impacto

Visibilización no centro

Para darlle visibilidade ao proxecto no centro e na contorna, organizamos un acto de presentación dos xogos de mesa no instituto. Invitamos a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira, e, dado o espazo limitado, decidimos que sería o alumnado de terceiro da ESO o que asistise ao evento pola súa implicación máis activa. Tras a charla da concelleira e a presentación e exposición dos xogos, o alumnado divertiuse participando no Bingo de mulleres galegas.

Os xogos quedaron depositados de forma permanente no corredor do instituto. Foilles comunicado a todo o alumnado e profesorado a existencia dos xogos e incitouse ao seu uso nas titorías e horas de lecer.

 

Presentación dos xogos de mesa

 

Visibilización na consellería

Premio do cartel 8M da Xunta de Galicia 2023

Seguindo a estética do xogo Quen son?, as alumnas Sofía María Dapena e Mireia Tato decidiron deseñar un cartel que obtivo o primeiro premio na sexta edición do Concurso de Carteis do 8M, Día Internacional da Muller, convocado pola Xunta de Galicia. A entrega do galardón tivo lugar na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, baixo o lema «Elas abriron o teu futuro».

 

Concurso carteis 8M

 

Cartel gañador

 

Visibilización na contorna. Proxecto intercentros

O calendario escolar Mulleres de Lugo. Premio Meninas 2023

Tras o enorme éxito dos xogos de mesa realizados polas alumnas de primeiro de bacharelato, decidimos continuar enriquecendo o proxecto. Para iso, puxémonos en contacto coa profesora de Lingua Castelá Felisa Redondo, do IES Ánxel Fole, que leva anos creando a páxina web Mulleres de Lugo. Tras debater cal sería o produto axeitado para dar a coñecer mulleres referentes de distintos ámbitos de Lugo, coincidimos en crear un calendario ilustrado para o seguinte curso. Non só permitiría a transmisión e divulgación entre a poboación en xeral, senón que sería unha interesante ferramenta educativa nas aulas.

Tras a publicación do calendario escolar 2023/24 da Xunta de Galicia, comezamos o deseño. Aproveitamos as ilustracións feitas polas alumnas gañadoras do concurso de carteis do 8M da Xunta de Galicia. En cada día do curso escolar incluímos información sobre unha muller significativa. O obxectivo do calendario non é só visibilizar as mulleres da nosa contorna, senón promover a investigación nas aulas, derrubar prexuízos por razón de xénero e procedencia, e fomentar a autoestima e o orgullo entre o alumnado. Ademais de ser un instrumento de investigación e coñecemento de mulleres da nosa contorna, está pensado como unha ferramenta de traballo na clase. Teñen espazo para anotar datas de exames e traballos, recordatorio de aniversarios, retos por cumprir e eventos significativos como saídas, viaxes ou relatorios.

O Concello de Lugo sufragou o gasto do calendario para os distintos grupos de ESO e bacharelato no IES Ánxel Fole e no IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes. A Delegación do Goberno recoñeceu a transcendencia deste proxecto co Premio Meninas 2023 polo labor «en prol da igualdade e da loita contra a violencia de xénero».

 

Premio Meninas

 

Conclusións

Este proxecto internivelador, interdisciplinario e intercentros resultou un traballo moi enriquecedor tanto para o alumnado coma para o profesorado implicado, así como para a comunidade educativa e a contorna, que mostraron a súa receptividade e colaboración no proceso de traballo.

O alumnado desenvolveu as seguintes competencias:

  • Sensibilización na necesidade de visibilizar as mulleres referentes na nosa contorna.
  • Competencia emocional libre de estereotipos por razón de xénero e procedencia.
  • Aplicación práctica de todos os contidos da materia na creación dun produto.
  • Coñecemento de todas as áreas do deseño e de todas as fases de traballo dun proxecto artístico: procura de información, creación de bosquexos, petición de orzamentos a diferentes imprentas, creación de contidos, publicación, divulgación e implicación de organismos públicos.
  • Responsabilidade do traballo en equipo.
  • Asertividade na toma de decisións conxuntas.
  • Espírito crítico na avaliación dos traballos propios e dos compañeiros, valorando de forma obxectiva tanto o proceso como o produto final.
  • Creatividade e espírito emprendedor deseñando propostas artísticas como instrumentos de denuncia, visibilización e concienciación.

Cal foi o impacto?

  • Visibilidade no centro a través de exposicións, presentacións orais e eventos, e presenza en espazos específicos como a biblioteca e as aulas.
  • Visibilidade nas redes sociais: páxina web do centro IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes, páxina web Cos ollos na igualdade, blog El Club de Poetas Insomnes, páxina web Mulleres de Lugo.
  • Visibilidade no Programa de actividades do Concello de Lugo entre as campañas de sensibilización.
  • Concurso Carteis 8M da Xunta de Galicia.
  • Premio Meninas 2023.
  • Presenza pública a través do medios de comunicación: La Voz de Galicia , El Progreso, El Correo Gallego, Faro de Vigo, La Opinión, entre outros.

 

 

Sección: