As Letras Galegas son en maio?

Patricia Abad Reino, mestra de educación infantil e coordinadora do EDLG
CEIP Raquel Camacho (A Coruña)
patricia.abad@edu.xunta.gal

 

 

Introdución

Coma cada curso escolar e con motivo do día grande das nosas letras, a Secretaría Xeral da Lingua convocou no ámbito de toda a comunidade autónoma un concurso para elaborar a exposición sobre Luisa Villalta, a autora homenaxeada o Día das Letras Galegas de 2024.

Son moitos os centros educativos que ao longo dos diferentes anos se presentan a experiencias e iniciativas que ofertan os diversos organismos e institucións do país.

Coincidindo con que é a primeira vez este curso escolar 2023/24 en que exerzo como coordinadora do equipo de dinamización de lingua galega (EDLG), o CEIP Raquel Camacho decidiu presentarse unha vez máis ao citado premio dentro da categoría A (infantil e primaria). Convén subliñar que no noso caso contamos cun claustro dinámico, participativo, moi comprometido e fortemente implicado coa innovación educativa. O feito de presentármonos a todos aqueles concursos que, neste eido, consideramos interesantes así o demostra.

Aínda que o día grande das nosas letras se conmemora o 17 de maio, ese compromiso e implicación dinos que levamos oito meses con esta conmemoración na cabeza, pois calquera profesional comprende que a presentación a un premio de tal magnitude precisa de moito traballo previo, moitas reunións, estudo, planificación, execución e moitas modificacións. Mais a ilusión e o soño de gañar compensa este sacrificio, sobre todo após tantos anos participando no citado concurso.

Finalmente, o soño fíxose realidade, mais botando a ollada atrás, polo esforzo realizado, pódese dicir que foi un soño moi sufrido.

 

Contextualización

O CEIP Raquel Camacho é un colexio situado no barrio da Agra do Orzán da cidade da Coruña. Trátase dun centro urbano que acolle alumnado de diferentes nacionalidades e, polo tanto, con moito descoñecemento da nosa lingua.

De feito, tal e como establecemos na addenda anual ao Plan lingüístico da PXA, neste curso, un 77 % do alumnado de nova incorporación ten o castelán como lingua inicial, fronte ao 1,3 % que ten o galego. O resto repártese entre aqueles cativos que aprenderon as dúas linguas por igual ou aos que se lles fala noutros idiomas (uolof, árabe, inglés, portugués). 

 

 

Polo tanto, no centro sabemos que a competencia en galego deste alumnado, en principio, é moi escasa e que é a escola o único axente social onde os rapaces  poden ir progresivamente adquirindo o uso e coñecemento da nosa lingua. De aí, a importancia de levar a cabo todas as iniciativas posibles en galego.

Luísa Villalta foi unha veciña da nosa cidade. Nas súas obras aparecen moitos recantos da Coruña que todos e todas podemos recoñecer. Esta proximidade con nós foi decisiva á hora de querer participar no concurso. Alén diso, o feito de ser, en sesenta anos de historia, a sexta muller homenaxeada no día das nosas letras supuxo para nós un elemento motivador extra.

Por iso, neste curso escolar a participación fíxose case obrigatoria ao se lle dedicar a ela o Día das Letras.

 

Obxectivos

Os obxectivos xerais que nós pretendemos conseguir con este traballo foron basicamente os seguintes:

  • Incluír a toda a comunidade educativa na realización dunha tarefa en galego.
  • Dar a coñecer a vida e obra de Luísa Villalta.
  • Potenciar o uso da nosa lingua no centro a través das actividades.
  • Amosar a cidade da Coruña a través da obra de Luísa Villalta.
  • Gañar o premio do concurso na nosa categoría.
  • Elaborar unha proposta inclusiva.

 

Recursos

Para conseguirmos tales fins contamos cos recursos humanos que contribuíron coa súa dedicación e traballo a levar a cabo este proxecto, pois, alén dos membros do EDLG, participaron o profesorado do claustro e o persoal de administración, o alumnado de todos os niveis educativos, as súas familias e o persoal de bibliotecas municipais da cidade. Todos eles empregaron, alén do necesario material informático e de teléfonos intelixentes, os recursos materiais propios das nosas actividades, como o clásico papel continuo de diferentes cores, pintura, fotografías reais, material de refugallo e diverso material non funxible das aulas de infantil (bloques de construción etc.).

 

Descrición da actividade

Desde un primeiro momento, tivemos que organizar o traballo desta experiencia educativa e dividímolo en seis etapas:

1. Estudo da proposta

2. Organización do traballo

3. Creación dos carteis coa comunidade educativa

4. Elaboración dunha guía didáctica

5. Posibles modificacións de carteis e da guía didáctica

6. Difusión do traballo

Etapa 1: Estudo da proposta

Neste punto fixemos unha análise da situación e unha profunda reflexión, xa que o EDLG do centro levaba anos presentándose a este concurso con propostas que supuñan moita organización e esforzo e ata o momento nunca resultaran gañadoras.

Este feito influíu moito en que os compañeiros e compañeiras do equipo non estivesen o suficientemente motivados para se mergullaren nun novo proxecto, mais nunha das reunións na que se estudou a fondo a proposta decidiuse que o centro se presentase de novo co establecemento dalgunhas necesarias mudanzas.

No entanto, o factor definitivo que nos animou a participar foi, sen dúbida, a autora homenaxeada, por ser muller e ser coruñesa.

Etapa 2: Organización do traballo

O primeiro paso que demos foi o estudo da biografía e das obras de Luísa Villalta. Paso complicado porque no mes de outubro, no que comezamos a traballar na proposta, non estaba dispoñible a necesaria información sobre a autora (de feito, moitos estudos biográficos publicaríanse no mes de decembro), e o traballo tiña que se enviar no mes de xaneiro.

En canto ás obras literarias, tampouco foi sinxelo achalas. Tivemos que facer unha minuciosa procura por diversas bibliotecas da cidade e, aínda así, non conseguimos atopar todos os títulos.

Unha vez reunida a información sobre a autora, no equipo decidiuse que temas se querían destacar nos carteis para dar a coñecer a figura da homenaxeada.

Como coordinadora do equipo de dinamización en lingua galega (EDLG), recaeu en min a responsabilidade de estruturar e organizar o traballo entre os diferentes membros deste para que todos tivésemos unha necesaria coherencia estética. Nesta etapa establecemos a data para a montaxe dos resultados finais.

Etapa 3: Creación dos carteis coa comunidade educativa

Todos os membros do EDLG eran responsables da elaboración dun cartel e, dado que o equipo o forman profesionais de diferentes especialidades, o alumnado co que se traballou foi tamén diverso. Así, por exemplo, a mestra de Pedagoxía Terapéutica traballaba cos alumnos e alumnas que atendía na xornada, en canto que a mestra de primeiro de educación primaria preparaba os seus quefaceres co seu grupo e as familias deses alumnos.

Os puntos básicos que tiña que ter cada cartel eran o título, o seu pictograma, o título en escritura braille e o código QR, no que se mostra tamén na lingua de signos.

Despois dos clásicos intercambios de opinión, decidimos idear os dez carteis cos seguintes títulos:

Cartel 1: Veciña da Coruña

Nel presentamos un mapa da cidade cos monumentos máis emblemáticos, como a torre de Hércules, o Concello, o Obelisco, a estación de tren… e Luísa Villalta de costas observando a cidade. A idea era simular unha ruta pola Coruña da man da homenaxeada.

Cartel 2: O meu barrio, a Falperra

Nun papel continuo branco debuxouse a casa amarela da autora coa placa na fachada que lle dedicara a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Tratamos, así mesmo, de reflectir a infancia da autora xunto coa súa familia, paixóns e afeccións.

Cartel 3: O meu instituto

Trátase dun debuxo do Instituto Eusebio da Guarda onde se mostra unha Luísa Villalta de nena soñando cos seus posteriores estudos e rodeada de libros e material escolar.

Cartel 4: O meu violino

Neste cartel tratamos unha das grandes paixóns da poetisa, a música, e concretamente o violín. Por iso, nun papel amarelo recortouse a silueta do violín e xogouse coas letras simulando notas musicais e escribindo en partituras como se fose unha pauta. Abaixo da partitura pódese ler:

«O violino cala, agora falo eu».

«Isto é poesía, un ruído provocado».

Cartel 5: Comprometida coa cidade

Este dividiuse en dúas partes: na parte superior aparece Villalta como unha muller comprometida coa lingua e coa cultura galegas sinalando algunhas asociacións das que formou parte. E na inferior, a nosa autora amosa o seu lado máis loitador nas múltiples manifestacións ás que asistía.

Non quixemos esquecer que Luísa Villalta foi unha coruñesa que gozaba do vento, do mar e da beleza da cidade, ao mesmo tempo que participaba no activismo en causas sociais e culturais.

Cartel 6: A miña paixón pola docencia

A autora foi profesora de Lingua e Literatura galegas en tres institutos. Esta faceta resultou moi relevante porque, alén de ensinar lingua e literatura, achegaba os seus alumnos e alumnas a outros temas culturais e sociais, como era o caso, por exemplo, dos clubs de lectura ou das actuacións teatrais.

Por iso tratamos de representar unha profesora na aula con algúns temas de interese escritos no encerado de fondo.

Cartel 7: As miñas publicacións

Aquí amósanse portadas de diversos libros seus. Para esta autora nada na literatura lle era alleo: poesía, relato, novela, ensaio, teatro, tradución… E mesmo chegou a escribir artigos de opinión para a prensa escrita, motivo polo que tamén aparecen réplicas dun xornal onde se publicaban moitos dos seus artigos.

Cartel 8: Papagaio

Este cartel fai referencia a un recanto da Coruña mais tamén a unha das súas publicacións xunto coa fotógrafa Maribel Longueira. Por iso amosamos o derrubamento do barrio sucio entre escombros con varias imaxes de Maribel Longueira e pequenos versos da autora.

Cartel 9: A última estación

 

Cartel nº 9

 

O número nove fai referencia á estación de tren. A intención é amosar a cidade da Coruña como fin de traxecto, «En concreto» (2004). Os trens chegan ou parten. Por iso tamén somos nós a nosa última estación.

Este cartel foi realizado polo alumnado de primeiro de educación primaria con bloques de construción como unha réplica da auténtica estación de tren da Coruña.

Cartel 10: Son a sexta

O último cartel fai referencia a un aspecto que consideramos moi relevante, que é, como xa temos dito, o feito de que en sesenta anos de historia de conmemoración das Letras Galegas, Luísa Villalta fose a sexta muller á que se lle dedica este día. Por iso, nun sinxelo papel continuo verde establecemos un estante de libros doutros autores masculinos gañadores do premio xunto con libros nos que nas portadas aparecen as mulleres que o conseguiran coa súa foto e ano de conmemoración.

Aínda así, tiñamos outro cartel moi significativo que ao final eliminamos. Trátase do titulado «O cemiterio de Santo Amaro».

Como sabemos, Luísa Villalta morreu moi nova, con 46 anos, e os seus restos descansan no cemiterio de Santo Amaro da Coruña, un lugar moi emblemático na cidade no que están soterrados outros ilustres persoeiros do mundo da nosa cultura.

O cartel, esteticamente, era para nós un dos máis importantes de toda a exposición, xa que contaba con elementos naturais imitando palmeiras e mesmo a propia fachada fora feita con area da praia do Orzán.

Unha vez superado o proceso de selección e logo de sermos declarados gañadores do concurso, por razóns estéticas, foi substituído polo número seis.

Etapa 4: Elaboración da guía didáctica

Despois dos carteis, o seguinte paso foi a elaboración da guía didáctica. Tal e como estabelece a convocatoria, axustámonos ás bases co seguinte esquema:

- Presentación que introduce o traballo.

- Biografía resumida da autora en formato escrito con algunha fotografía, biografía con pictogramas e tamén en braille.

- Actividades organizadas en ciclos educativos, xunto con actividades adaptadas ao alumnado con NEAE e actividades para traballar na casa dirixidas a toda a familia, unha novidade da nosa proposta.

As actividades que se propoñen seguen todas a premisa de que sexan actividades lúdicas, por iso para todos os ciclos se repiten sopas de letras, encrucillados, xogos de memoria, de achar diferenzas, actividades Genially etc.

Alén diso, todas elas están dispoñibles nun anexo descargable que está nas referencias de webgrafía da guía. Este recurso facilita moito o traballo para o mestre ou a mestra, xa que nos centros educativos só contamos cunha guía e, se queremos facer as actividades, temos a opción de as descargar e fotocopiar grazas ao anexo.

En canto ao proceso de elaboración das actividades, case todas foron levadas a cabo con Canva e con imaxes de permiso aberto. E, por suposto, o centro de interese das actividades son os carteis.

Etapa 5: Modificacións de carteis e guía didáctica.

Unha vez seleccionados os nosos carteis como gañadores do concurso, chegou o momento das correccións e das posibles modificacións para, finalmente, imprimir o traballo nas datas fixadas.

Este proceso de correccións e modificacións resultou moi arduo e laborioso, xa que o profesorado estaba inmerso nas diversas tarefas didácticas e escolares do seu día a día e non lle resultaba agradable ter que dedicar máis tempo a un traballo que xa rematara.

Moitas das correccións que se fixeron foron lingüísticas, de ortografía e gramática, tanto nos carteis coma na guía.

Desde o centro escolar entendemos e agradecemos que se nos axude corrixindo a parte lingüística, mais a estética, o tratamento dos contidos ou a súa organización sempre é preferible non modificalas, pois temos que ter en conta que se trata dunha exposición elaborada fundamentalmente por alumnos e alumnas que, a pesar de non ter unha perfecta calidade, resulta, sen dúbida, moi valiosa. Por iso desexamos que a nosa experiencia sirva para que, en futuras convocatorias, as posibles modificacións do traballo orixinal sexan as mínimas e necesarias, xa que se as modificacións resultasen moi evidentes podería chegar un momento no que o alumnado xa non o recoñeza.

Desde o mes de febreiro, data da comunicación da resolución do concurso, ata case o mes de maio, tanto os carteis coma a guía sufriron múltiples transformacións. E cada pequena modificación, cada mínima mudanza supón horas de traballo ao influír na guía, nas actividades, nos descargables etc.

Etapa 6: Difusión do traballo

Como todos os anos, a Consellería de Educación encárgase de enviar a todos os centros educativos e outras institucións os dez carteis gañadores, xunto coa guía didáctica.

Pola nosa parte, desde a páxina web do colexio, promovemos a súa versión dixital xunto cos descargables. Así mesmo, esta información está tamén dispoñible nos nosos perfís sociais.

 

Metodoloxía

O traballo en equipo foi o eixe principal para elaborar a exposición. Desde un primeiro momento partiuse dunha idea clara e cunha axeitada organización do proceso entre os diferentes membros da comunidade educativa. Nesta tarefa axudou moito que o EDLG do centro estea composto por membros do claustro de diferentes especialidades, o que facilitou a diversidade de traballos e de alumnado participante.

Outro aspecto importante foi enfocar a tarefa en función das características do alumnado, xa que se conseguiu que participasen alumnos e alumnas con NEAE, de infantil e de primaria. E non debemos esquecer a colaboración e participación das familias. Este proxecto serviu de canle para achegalas ás actividades do colexio contribuíndo co seu inestimable gran de area á exposición.

 

Avaliación

Desde o EDLG avaliamos a elaboración da actividade como positiva, xa que consideramos que cumpriu os obxectivos previstos: achegar a comunidade educativa á cultura galega, promover o uso e o coñecemento do galego no centro e, por suposto, dar a coñecer a vida e a obra de Luísa Villalta.

 

Conclusións

Como centro educativo estamos moi satisfeitos por gañarmos o premio. Non podemos esquecer que comezou como unha tarefa máis dentro do plan de traballo anual e, sen dúbida, rematou como a actividade máis importante do curso.

A dimensión do resultado da actividade é tal que ata o grupo comercial Vegalsa-Eroski elixiu un dos nosos carteis, o nº 1, para imprimir as súas bolsas de plástico durante o mes de maio.

 

Cartel nº 1

 

Non sabemos exactamente cales foron as razóns que nos levaron a  acadar o premio, mais desde o noso convencemento destacariamos a inclusividade da proposta, a calidade estética dos carteis, a aposta polo traballo cooperativo e a síntese expositiva.

En definitiva, nesta proposta realizouse un importante labor que se estendeu desde outubro ata maio. Supuxo un esforzo maiúsculo que non todos os profesionais están dispostos a asumir.

Finalmente, alén das dificultades, satisfaccións, preocupacións, implicacións… que se viven ao redor dunha iniciativa coma esta, publicamos este artigo para que se coñeza a nosa experiencia e para que lles poida ser útil a outros centros para motivar o alumnado, o profesorado e os pais e nais co fin de que contribúan e se comprometan coa normalización, dignificación e dinamización da nosa lingua, tan necesitada, e da que non nos podemos arredar.

De feito, ante tanto traballo e dedicación, volveremos  presentarnos o curso que vén?  Primeiro intentaremos repornos do esforzo realizado, ouviremos os sabios consellos que nos cheguen e logo xa decidiremos.

 

 

 

Sección: