Liberación de libros. Unha experiencia de bookcrossing na vila de Cangas

No ámbito da renovación e reordenación dos fondos bibliográficos da biblioteca do IES María Soliño e a través do traballo cooperativo dos auxiliares de biblioteca, deseñouse unha experiencia de liberación de libros na zona urbana da vila de Cangas. O protagonismo exercido polos auxiliares en todo o proceso confírelle á experiencia un carácter didáctico e de autonomía persoal.

Armando Sendín Domínguez
Profesor de Xeografía e Historia e coordinador da biblioteca
IES María Soliño (Cangas do Morrazo - Pontevedra)
armandosendin@edu.xunta.gal

 

 

A transformación que se vén operando nas bibliotecas escolares desde hai xa tempo ten mudado considerablemente estes espazos que deixaron de ser entendidos unicamente como unha «caixa de libros», como así indica a súa raíz etimolóxica, para se converter en bibliotecas inclusivas, centros reitores de transformación da vida cultural de moitos centros, contribuíndo a paliar as diferenzas de acceso á cultura inherentes aos centros públicos, apoiando a adquisición de competencias clave por parte do alumnado, facilitando un acceso á información igualitario e atendendo ao mesmo tempo, ás necesidade educativas especiais dunha parte dese alumnado.

Para acadar estes fins cómpre acometer unha renovación profunda dos fondos bibliográficos e materiais, amén dun cambio nas estruturas organizativas destes espazos. É desta necesidade de onde nace a experiencia educativa realizada na biblioteca do IES María Soliño de Cangas.

Como en tantas outras bibliotecas escolares, o problema inicial foi crear un equipo estable de profesorado que deseñase as estratexias que habería que seguir cada curso, así como unha cooperación entre departamentos, algo que pode demorar algún tempo. Ao mesmo tempo, desde o comezo deste periplo, tívose clara a necesidade de vincular o proceso de transformación cos seus principais usuarios; os alumnos e alumnas que pasaron a ser os seus protagonistas. A creación dun equipo de auxiliares de biblioteca supuxo en si un reto, xa que estes pasaron a participar en todas as súas actividades, desde os labores de xestión ata as propias organizativas das distintas celebracións que se levan a cabo cada curso. Por outra banda, o seu carácter heteroxéneo converte este equipo nun modelo de integración, onde conviven distintas realidades educativas e emocionais, facendo fincapé na inclusión daqueles/as con necesidades educativas especiais ou con algún tipo de trastorno ou discapacidade.

Ao longo de varios cursos acometeuse este traballo transformador e, entre os primeiros pasos dados, destacou o labor de expurgo realizada nos fondos bibliográficos da nosa biblioteca que deu pé á experiencia que estamos a expor.

 

O expurgo: un primeiro paso necesario, mais non imprescindible

Os expurgos realizados na biblioteca do instituto permitiron a renovación da colección, favorecendo a inclusión sistemática de textos con letras grandes, con pictogramas ou adaptados á linguaxe de signos e á lectura fácil, suplindo deste modo as carencias neste eido. Deste oportuno labor naceu a idea de crear un intercambiador de lecturas, pero como indicamos no título, este paso non é condición sine qua non para a realización da actividade.

Para organizar o expurgo seguiuse unha metodoloxía que pode ser extrapolada a outras bibliotecas de semellantes características. Partindo da necesidade de adecuación do catálogo e tendo en conta a limitación de espazo da sala de lectura, o traballo centrouse na selección daqueles exemplares que, por estaren en mal estado, posuír unha información obsoleta ou existir unha repetición innecesaria de ítems, cumpría que fosen trasladados a unha nova localización ou eliminados definitivamente do catálogo.

Así, seguindo a clasificación decimal universal e relacionando as materias incluídas en cada número cos distintos departamentos pedagóxicos do centro, deseñouse un horario ao longo de varias semanas durante as cales membros destes departamentos foron realizando a escolma dos libros que previamente foran retirados polo equipo da biblioteca dos andeis. Esta implicación do claustro é moi necesaria, xa que os membros do profesorado que actúan como bibliotecarios accidentais poden ter un coñecemento profundo das materias que imparten, mais un descoñecemento sobre aquelas outras das que non son docentes.

Neste camiño o papel do voluntariado da biblioteca foi moi importante, xa que tomaron parte activa en todo este traballo reorganizativo.

A selección partía de dúas premisas:

  • Libros que había que eliminar definitivamente da colección
  • Libros que había que retirar da sala de lectura

En paralelo, foi necesario crear o depósito permanente a onde se ían trasladar os materiais retirados, pero non eliminados do catálogo. O acondicionamento da sala pode demorarse algunhas semanas debido a cuestións loxísticas, polo que convén ter antes do inicio do expurgo este espazo acondicionado.

Unha vez realizada a selección dos ítems en función dos criterios establecidos, foron os auxiliares os que trasladaron os exemplares retirados á súa nova localización, seguindo a organización da sala de lectura e partindo, polo tanto, dos criterios establecidos na CDU.

Cadro onde se explica a metodoloxía trasladada ao claustro de profesores

 

 

Aqueloutros exemplares eliminados definitivamente dos fondos e dados de baixa na biblioteca pasaron a ser selados dun xeito especial e pasaron a formar parte da seguinte fase do proceso.

 

Selo deseñado pola biblioteca para marcar aqueles libros susceptibles de seren liberados

 

 Auxiliares realizando o labor de separación e selado de libros eliminados definitivamente do catálogo

 

Unha nova vida aos libros. O intercambiador

A medida que se foi avanzando no traballo de expurgo, agromou a posibilidade de establecer un espazo de troco de libros que puxese ao alcance da comunidade educativa do centro non só aqueles exemplares retirados definitivamente da sala de lectura e que se atopasen en bo estado, senón tamén achegas bibliográficas de particulares. A procura deste lugar de intercambio a un tempo espazo central do instituto e lugar de tránsito non é banal. No caso do noso instituto, a ágora existente á súa entrada foi o lugar elixido. De novo neste caso, o voluntariado de biblioteca foi imprescindible, actuando como intermediario nas distintas aulas, explicando as circunstancias da creación do intercambiador e as características da iniciativa.

 

Intercambio de libros no centro

 

Auxiliares presentando nas aulas o proxecto e explicando o seu funcionamento

 

Trasladar alén das portas do instituto esta iniciativa, xurdida como vemos da necesidade de renovación da colección e da súa adecuación ás novas realidades educativas, foi unha idea froito da maduración, non da improvisación. Así, tívose en consideración que «liberar» libros na vila ía ser unha actividade organizada en distintas fases, realizada fóra do horario lectivo e cunha finalidade educativa e de autonomía persoal do alumnado auxiliar.

 

A vila de Cangas. Laboratorio de probas

A lectura de artigos onde se daba conta de experiencias previas de bookcrossing realizadas en diversas cidades serviu de base para trasladar esta á nosa vila, onde nunca antes se puxera en práctica tal actividade. Compilar información ao respecto foi importante, xa que se desbotaron aspectos organizativos que transcendían os fins cativos da nosa experiencia (1).

Como xa se indicou, pensouse en retrotraer parte dos fondos desbotados no expurgo para que fornecesen, xunto coas achegas particulares, esta nova vida das lecturas. Os auxiliares de biblioteca ocupáronse deste labor que, coma nos casos anteriores, foron preparados polo profesorado que conformaba o equipo da biblioteca.

Porén, as lecturas non se ían deixar na rúa sen máis. Cumpría, pois, redactar un breve texto que lle explicase á cidadanía en que consistía a experiencia. Deseñouse un díptico en galego e castelán, onde se deu conta da finalidade da experiencia e dos lugares nos que se ían crear os espazos de liberación de lecturas. A elección destes espazos foi meditada, trátase de lugares de moito tránsito e gran visibilidade: a praza de María Soliña fronte ao concello, o quiosco de música da alameda e o peirao da estación marítima, de onde parten os transbordadores que, periodicamente, unen Cangas coa cidade de Vigo (2).

 

Dípticos en dúas linguas que acompañan as lecturas liberadas. Campañas diferentes

 

Era necesario agora mostrarlle o proxecto a todo o mundo. A conveniencia de que esta información chegase ao maior número de persoas, levou ao deseño dunha xornada informativa. Fóra do horario lectivo e acompañados polo coordinador da biblioteca, un grupo de auxiliares portando dípticos, procederon a repartilos pola vila. Unha parte deles acudiu con esta información ás principais librerías da vila, deixando alí os folletos informativos, outros repartiron estes entre os viandantes, explicando en que consistía a experiencia. A autoxestión foi determinante na experiencia: os máis tímidos acudiron ás librerías e os máis extravertidos buscaron a interacción co público.

Despois desta fase informativa, deixáronse exemplares nos lugares de intercambio, botando a andar os espazos de liberación de lecturas. Ao longo de varias semanas e durante varios cursos realizouse esta experiencia, sementando a prol dunha colleita que, se cadra, dará os seus froitos andando o tempo.

 

Artigo do Faro de Vigo do sábado 12 de febreiro de 2022 onde se dá conta da actividade

        

Ata agora, se tivésemos que avaliar a experiencia, teriamos que facelo en dúas vertentes. Desde o punto de vista da nosa biblioteca e do traballo co voluntariado, esta actividade podería cualificarse de moi positiva, na medida en que se traballaron valores de igualdade, autonomía persoal e fomento da lectura. No que respecta ao intercambio de libros, debemos indicar que se fai un uso limitado destes espazos, aínda que si hai un cativo grupo de habituais que liberan nestes espazos as súas lecturas. Por outra banda, na segunda campaña de liberación de lecturas, deseñouse unha actividade de bookcrossing a gran distancia: na excursión que se realiza cos auxiliares da biblioteca cada curso introducíronse en varias botellas textos en galego e castelán, acompañados da identificación do noso instituto e das súas coordenadas, coa esperanza de que outros, coma nós, poidan gozar da lectura. O éxito destas experiencias só o tempo o pode mostrar(3).

 

Conclusións

A preparación de actividades desta índole, que comprenden diversas fases e que implican a moitos actores, precisa dun labor de coordinación e de implicación que non é doado de xestionar, polo que cada biblioteca debe adaptarse ás circunstancias concretas do seu centro e neste caso da súa vila. Extrapolar unha actividade deste tipo a calquera lugar pode conformar problemas de índole organizativa e loxística, e non debe ser froito da improvisación, mais si de certa flexibilidade en canto aos obxectivos que se queren acadar. Desde logo, preparar con calma e a longo prazo a actividade non garante o éxito, mais non facelo supón, case con toda seguridade, o seu fracaso.

Por outra banda, actividades coma esta de fomento da lectura supoñen un reto, xa que rachar co paradigma que relaciona ler coa obrigatoriedade dunha lectura elixida por adultos con finalidade exclusivamente académica require de esforzo, paciencia e resiliencia ante os atrancos. Que o alumnado vexa os libros como algo que intercambiar e compartir supón xa un éxito. Polo tanto, facelo partícipe das dinámicas educativas da biblioteca supón en si mesmo un triunfo. A capacidade de traballo autónomo por parte dos auxiliares de biblioteca contribúe a converter unha actividade como o expurgo na posibilidade dunha experiencia cooperativa, facendo da necesidade virtude e aproveitando esta para traballar no eido da liberación de lecturas e das lecturas compartidas.

 

 

Notas:

(1) Non se ofrece a este respecto unha bibliografía exhaustiva, senón unha selección de referentes. Neste caso particular da organización da actividade, serviu de base o capítulo 7, «Desarrollo», do traballo de Rosa Vives, B. (2016). El fomento de la lectura a través de Bookcrossing y la creación de la biblioteca libre de centro (traballo final de máster). Universitat Jaume I de Castellón. Recuperado de https://repositori.uji.es/xmlui/handle/10234/166933

(2) Neste aspecto, cómpre ter en conta que sería adecuado facer partícipe o Concello desta proposta didáctica para que dalgún xeito acouten estes espazos de intercambio. Desgraciadamente, a nosa experiencia ao respecto foi negativa, ao manifestarse infrutuosas as xestións realizadas co consistorio e o seu responsable de Cultura.

(3) O texto de Zaid, Gabriel (2009). Libros al azar. Letras libres. Com. Decembro de 2009, páxina 45, foi neste sentido fonte de inspiración.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Cordón-García, J., Gómez-Díaz, R. e Alonso-Arévalo, J. (2012). La lectura colaborativa y caza de libros: practicando el bookcrossing y el ebookcrossing. Infoconexión. Revista Chilena de Bibliotecología y Gestión de Información.

Gómez Yebra, A. (2016). Animación a la lectura y literatura juvenil. Sevilla: Renacimiento.

Lage Fernández, J. J. (2022). Animación a la lectura. Diez principios básicos. Madrid: Ediciones del Laberinto.

Luri, G. (2020). La escuela no es un parque de atracciones. Barcelona: Ariel.

Mata Anaya, J. (2008). Diez ideas claves: animación a la lectura. Hacer de la lectura una práctica feliz, trascendente y deseable. Barcelona: Graó.

Pennac, D. (2008). Mal de escola. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Rosa Vives, B. (2016). El fomento de la lectura a través de bookcrossing y la creación de la biblioteca libre de centro (traballo final de máster). Universitat Jaume I de Castellón.

Sarto, M. (1999). La animación a la lectura con nuevas estrategias. Madrid: Editorial SM.

Vieites, M. (2014). Bookcrossing. Padres Y Maestros / Journal of Parents and Teachers (287), páxina 6. Recuperado a partir de https://revistas.comillas.edu/index.php/padresymaestros/article/view/1907.

Zaid, G. (1996). Los demasiados libros. Barcelona: Anagrama.

Zaid, G. (2009). Libros al azar. Letras libres, 11(132), 44-59. Recuperado a partir de https://letraslibres.com/wp-content/uploads/2016/05/pdf_art_14240_12600.pdf.

 

 

Sección: