A memoria das palabras

Un proxecto de innovación educativa que indaga sobre o léxico patrimonial da Fonsagrada
Neste artigo preséntase un proxecto innovador no ámbito educativo cuxo obxectivo é investigar e promover o léxico patrimonial da comarca da Fonsagrada, coa finalidade de estimular o uso da lingua galega e fortalecer o diálogo coa comunidade local. Descríbese a experiencia didáctica levada a cabo polo IESP Fontem Albei durante o ano lectivo 2022/23. Inclúese unha breve análise sociolingüística para contextualizar os obxectivos do proxecto e detallar as accións realizadas, así como os resultados obtidos.

Noemi Basanta Llanes
Departamento de Lingua Galega e Literatura
IESP Fontem Albei, A Fonsagrada
noemibasanta@edu.xunta.gal

 

1. Introdución

Durante o curso académico 2021/22, o IESP Fontem Albei da Fonsagrada implementou unha proba piloto para compilar léxico patrimonial, obtendo aproximadamente 40 palabras. Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración co Museo Etnográfico da Fonsagrada, baixo o lema «Trae a túa palabra ao museo», sentou as bases para futuras actividades de promoción e preservación do patrimonio lingüístico.

No curso 2022/23 solicitamos a inclusión do centro no Plan Proxecta «Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional» como unha maneira de afianzar a nosa determinación na recollida e difusión de léxico propio. Buscamos aumentar o volume do patrimonio recollido, mellorar o tratamento dos datos e fomentar a súa difusión en toda a comunidade educativa. Como consecuencia, sumámonos a ese colectivo que aposta pola didáctica arredor do léxico patrimonial e cuxos resultados foron recollidos no libro editado por Álvarez de la Granja e Negro Romero (2022). Un dos logros máis salientables durante o ano que participamos no Plan Proxecta foi a incorporación de máis de 500 palabras á nosa base de datos.

Tamén concibimos este proxecto como unha oportunidade para involucrar o profesorado nun modelo de ensino integrador, onde a recuperación de palabras servise como fío condutor dos distintos contidos e materias. De feito, buscamos establecer sinerxías con iniciativas do centro como o Plan Proxecta «Mestres gandeiros», o Contrato-Programa Innova EDUsaúde e o PFPP «Introdución ás metodoloxías activas».

A nosa experiencia demostrou que o proxecto non só enriquece a formación do alumnado, senón que tamén promove un maior vínculo coas súas raíces, incidindo positivamente na autoestima como falantes e aumentando a súa motivación. Partindo dun contexto maioritariamente galegofalante e recoñecendo o papel fundamental da educación na normalización do idioma, consideramos que é imprescindible incidir na preservación do patrimonio lingüístico, incluso naqueles contextos onde o galego goza dunha situación privilexiada. Proba disto é que o noso alumnado perdera unha parte significativa das palabras recollidas.

 

2. Análise da situación sociolingüística do centro

Segundo consta no proxecto educativo de centro (PEC), no proxecto lingüístico de centro (PLC) e no proxecto de fomento do galego do EDLG do curso 2022/23, os datos sociolingüísticos son os que seguen:

2.1. Contorna sociolingüística da Fonsagrada

O IESP Fontem Albei está situado na montaña lucense, na zona leste de Galicia, onde o perfil poboacional é moi envellecido, mais tamén predominantemente galegofalante, unha circunstancia que foi aproveitada para a posta en práctica do noso proxecto. Dito isto, cómpre aínda salientar o paulatino incremento de persoas migrantes que se instalan na vila e que fan que medre a diversidade lingüístico-cultural da comarca ao incorporar outros idiomas como o portugués.

2.2. Situación do profesorado

O claustro está conformado por 27 profesionais dos que unha pequena porcentaxe procede da propia Fonsagrada, casuística que tamén supuxo unha certa vantaxe para a consolidación e difusión do noso proxecto entre a veciñanza. Alén diso, boa parte do claustro emprega indistintamente o galego e o castelán como lingua vehicular no centro, mais a totalidade segue a normativa no relativo ao cumprimento de impartir certas materias en lingua galega, tal e como se recolle no PLC. De feito, a actitude xeral con respecto á utilización do galego é moi favorable. O IESP Fontem Albei usa o galego en toda a documentación administrativa e de xestión do centro, as comunicacións ou avisos nos distintos taboleiros de novas e os rótulos das distintas dependencias tamén están escritos en galego e, en xeral, promóvese nas actividades que se celebran ao longo do curso.

2.3. Situación do alumnado

Contamos cun total de 88 alumnos/as que teñen maioritariamente o galego como lingua habitual de comunicación oral, tanto dentro da familia coma no propio centro. Polo tanto, a maioría presenta unha boa competencia oral e unha actitude positiva cara á utilización do galego no ámbito educativo e tamén cara á súa normalización social. Non obstante, tamén existe un núcleo significativo de alumnado migrante que posúe o castelán como lingua de orixe e que é moi resistente ao cambio cara ao galego. O mesmo acontece co alumnado procedente do occidente asturiano que cursa bacharelato no noso centro. Aínda poderiamos destacar un terceiro perfil de alumnado migrante que ten como lingua habitual o portugués mais que, ao chegar á Fonsagrada, decide instalarse no castelán.

 

3. Obxectivos deseñados en función das necesidades detectadas nos diferentes ámbitos de actuación

3.1. Obxectivos a curto prazo

  • Coñecer o patrimonio lingüístico e cultural de Galicia, en xeral, e da Fonsagrada, en particular.
  • Difundir entre a comunidade migrante o patrimonio lingüístico e cultural da Fonsagrada.
  • Incidir no coñecemento do léxico patrimonial raiano, coa axuda do alumnado procedente de Asturias.
  • Potenciar a aprendizaxe baseada en proxectos, o traballo cooperativo e a gamificación.
  • Favorecer ámbitos de aprendizaxe de éxito que xeren benestar e potencien a ilusión por aprender.
  • Fomentar a interacción interxeracional para redescubrir o léxico da súa contorna.
  • Promover a utilización do galego tanto en contextos formais coma informais relacionados co proxecto.
  • Empregar ferramentas dixitais para a elaboración de bases de datos e para a difusión do coñecemento.
  • Difundir os resultados do proceso de aprendizaxe entre a comunidade educativa e a súa bisbarra.
  • Colaborar con entidades culturais e asociativas, así como coas empresas locais para favorecer o emprego da lingua galega e mellorar a súa valoración social.

3.2. Obxectivos a longo prazo

  • Integrar os diferentes departamentos didácticos nun mesmo labor pedagóxico de xeito que se creen canles de cooperación que no futuro poidan xerar aprendizaxes en común.
  • Favorecer a autoestima lingüística do alumnado e a concienciación sobre a urxencia de recuperar palabras en risco de desaparición.
  • Recuperar o uso do léxico patrimonial da Fonsagrada que xa desapareceu nas xeracións novas.
  • Potenciar a utilización da lingua galega como vertebradora de calquera aprendizaxe posterior do alumnado.
  • Involucrar a comunidade educativa na aprendizaxe do alumnado, poñendo en valor o moito que os/as falantes saben, mesmo sen seren conscientes diso.
  • Conseguir redes de implicación estables con colectivos externos (Concello da Fonsagrada, Museo Etnográfico, locais de hostalería, asociacións culturais etc.).
  • Eliminar prexuízos cara á variedade dialectal propia.
  • Desterrar estereotipos negativos cara ao galego que inciden no galego rural como sinónimo de castrapo ou de lingua mal falada.
  • Promover o emprego do galego entre o profesorado e o persoal non docente, tanto no rexistro culto coma no coloquial.
  • Integrar as actuacións deste proxecto en todos aqueles outros proxectos e plans que os equipos docentes desenvolvan.

 

4. Actividades realizadas para acadar os obxectivos

4.1. Actuacións para a recollida e xestión do patrimonio lingüístico

- Elaboramos e instalamos cadernos de recollida en varios puntos da vila para que as persoas que o desexasen puidesen depositar alí as súas palabras.

 

 

Tendo en conta o envellecemento da poboación, consideramos fundamental que os cadernos estivesen á disposición da veciñanza en lugares que visitan con frecuencia e en formato papel. Para esta actividade precisamos da colaboración de diferentes institucións, entidades, asociacións e empresas que se fixeron cargo dos cadernos e promoveron a implicación da comunidade.

 

 

- Definimos e clasificamos todas as palabras recollidas nunha base de datos colaborativa, aproveitando que o IESP Fontem Albei posúe unha conta G Suite con aplicacións en liña para todo o alumnado. O paquete inclúe Documentos e Drive. Ata o momento, as palabras que foron incorporadas poden consultarse aquí. Nesta tarefa, diferenciamos o papel do alumnado en función dos niveis educativos:

  • Nos cursos de primeiro e segundo de bacharelato o alumnado debía definir palabras, previamente proporcionadas polo profesorado nativo da Fonsagrada, nunha folla de cálculo compartida e preguntar na casa polas que non coñecía. Tamén debía incorporar, polo menos, outras dúas novas á base de datos.
  • Nos cursos de primeiro, segundo, terceiro e cuarto da ESO o alumnado debía definir palabras xa proporcionadas polo profesorado na aula e procurar algunha outra. O profesor ou profesora responsable era quen as incorporaba á base de datos colaborativa.

- Visitamos o Instituto da Lingua Galega, no marco das actividades que nos ofrecía o Plan Proxecta «Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional», para coñecer diferentes metodoloxías e proxectos de investigación relacionados co léxico patrimonial. Esta aprendizaxe foi de grande utilidade para mellorar os nosos procedementos de recollida e xestión do corpus.

4.2. Actuacións para o traballo e difusión do patrimonio lingüístico

- Participamos no certame literario das letras galegas organizado pola Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros da Fonsagrada con poemas e pequenos textos que incluían, como mínimo, tres palabras da base de datos.

- Introducimos o léxico en diferentes iniciativas coordinadas polo EDLG como, por exemplo, nos seguintes obradoiros:

  • De escritura creativa con Andrea Barreira Freire
  • De escritura creativa con Ana Carreira
  • De regueifas con Lupe Blanco
  • De romances con Antón Cortizas
  • Da cultura Hip-hop con Marvin L

- Deseñamos vídeos para as redes sociais, baixo o cancelo #NaFonsagradadicimosasí, co fin de fomentar a cesión de palabras por parte da veciñanza. Para esta actividade aproveitamos os recursos ofrecidos polos Polos Creativos.

- Deseñamos e implantamos unha xincana na que o fío condutor eran as palabras presentes na base de datos. Foi feita polo profesorado inscrito no PFPP «Introdución ás metodoloxías activas: o presente e o futuro da educación».

- Contribuímos á recuperación do Entroido tradicional da Fonsagrada, unha actividade que foi promovida logo de descubrirmos léxico específico como mázcara, foliqueiro, entroiro etc. Na actualidade, a Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros sumouse a esta iniciativa. Pode consultarse a reportaxe que nos fixo o xornal El Progreso.

 

5. Medidas de difusión do proxecto

- Participamos, en directo, no programa Patinho en Twitch de A Lobeira Today para explicar o noso proxecto. Asistiu unha alumna de primeiro de bacharelato, outra de segundo de bacharelato e a coordinadora do proxecto.

- Participamos no XLIV Certame Terra Chá de creación infantil e xuvenil cos vídeos elaborados para a promoción dos cadernos de compilación de léxico. O centro obtivo o primeiro premio e foi unha actividade realizada polos cursos de primeiro, segundo e terceiro da ESO, en colaboración cos departamentos de Lingua Galega e Literatura e o de Tecnoloxía.

- Participamos no segundo concurso do programa #DígochoEu, elaborando un guión no que se reivindicaba a variedade dialectal da Fonsagrada. O centro obtivo o segundo premio entre os centros de ensino secundario de todo Galicia. Foi unha actividade realizada polos cursos de primeiro de bacharelato e segundo de FP básica, coordinada polos departamentos de Lingua Galega e Literatura e o de Educación Plástica e Visual. Vídeo e entrega de premios.

- Fomos entrevistados/as polo xornal El Progreso:

- Incorporáronse 572 palabras da nosa base de datos ao Tesouro do Léxico Patrimonial Galego e Portugués do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

 

6. Avaliación

Para avaliación xeral do proxecto elaboramos tres rúbricas que pretendían analizar a consecución dos obxectivos do proxecto e dos obxectivos relacionados especificamente coas aprendizaxes do alumnado. Neste artigo non se presentan as rúbricas completas, mais si o deseño xeral e os ítems avaliados. Cada un deles foi puntuado de acordo coa seguinte escala: 1 (Nada satisfactorio), 2 (Pouco satisfactorio), 3 (Satisfactorio), 4 (Bo), 5 (Excelente).

Rúbrica 1: Avaliación xeral do proxecto (para cubrir polo claustro)

1. Planificación e organización

2. Xestión de recursos

3. Comunicación e coordinación

4. Avaliación e seguimento

5. Impacto e difusión

Rúbrica 2: Avaliación da implicación do alumnado (para cubrir polo claustro)

1. Participación e compromiso

2. Coñecemento e implicación

3. Colaboración e resolución de problemas

4. Utilización de recursos e ferramentas

5. Autoavaliación e reflexión

Rúbrica 3: Avaliación do proxecto e das aprendizaxes adquiridas (para cubrir polo alumnado)

1. Grao de satisfacción

2. Aprendizaxes adquiridas

 

7. Conclusións

Podemos constatar que este proxecto tivo unha notoria repercusión na mellora das competencias relacionadas cos coñecementos lingüísticos de tipo léxico, gramatical e semántico do alumnado. Tamén favoreceu a adquisición de contidos de tipo sociolingüístico, incidindo na mellora da autoestima galegofalante. Tivo aínda un impacto moi positivo na contorna, acadando unha gran implicación da veciñanza da Fonsagrada, tal e como pode verse no elevado número de palabras recollidas polo alumnado na base de datos e nas achegas realizadas a través dos cadernos. Debe destacarse aínda o grao de implicación de todos os departamentos do centro que favoreceu a implantación do vocabulario compilado no día a día das aulas e en actividades específicas como a edición de vídeo ou a elaboración dunha xincana. Aínda é de destacar a participación en varios obradoiros e certames cos que se obtiveron diversos premios e a repercusión da que tamén se fixeron eco os medios de comunicación, tal e como se recolle nas actividades.

 

Agradecementos

Quero agradecerlle a toda a comunidade educativa a súa implicación na recuperación do léxico patrimonial da Fonsagrada e, en especial, ás profesoras Concepción Monteagudo, Laura Fernández e Iria Fernández porque foron o núcleo que artellou todo este proxecto.

 

Bibliografía: 

 

 

A Lobeira Today (25 de abril de 2023). Patinho en twitch #33 - Hai esperanza! co IES Fontem Albei [Vídeo]. YouTube.

Álvarez, R. (coord.). Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. Recuperado de http://ilg.usc.es/Tesouro

Álvarez de la Granja, M., e Negro Romero, M. (eds.) (2022). Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.

Basanta Llanes, N. (coord.). A memoria das palabras. Base de datos. A Fonsagrada: IESP Fontem Albei. Recuperado de https://docs.google.com/spreadsheets/u/1/d/1wgEgcpz9BWnAca3XWhJaNywmS9PEKHucGpjbScIt5aI/edit?usp=sharing

El Progreso (26 de febrero de 2022). Más jóvenes de la provincia se visten de colores para dar la bienvenida al Entroido. El Progreso. Recuperado de https://www.elprogreso.es/articulo/comarcas/mas-jovenes-provincia-visten-colores-dar-bienvenida-entroido/202202261210011560697.html

El Progreso (10 de xuño de 2022). Alumnos do Fontem Albei da Fonsagrada recuperan léxico da zona. El Progreso. Recuperado de https://www.elprogreso.es/articulo/a-montana/alumnos-do-fontem-albei-da-fonsagrada-recuperan-lexico-da-zona/202206102036221582875.amp.html

El Progreso (4 de abril de 2023). A fala da Fonsagrada non se perde. El Progreso. Recuperado de https://www.elprogreso.es/articulo/a-montana/fala-da-fonsagrada-non-perde/202304041707101654494.amp.html

El Progreso (2 de febreiro de 2024). Alumnos del IES recuperan vocabulario típico del lugar. El Progreso [Edición impresa na reportaxe especial sobre a Feira do Butelo da Fonsagrada].

Fontem Albei, IESP (31 de marzo de 2023). Na Fonsagrada dicimos así (2º ESO) [Vídeo]. YouTube. https://www.youtube.com/watch?v=tf1y8eyuTaM

Televisión de Galicia (17 de xaneiro de 2023). Concurso #DígochoEu #DígochOLEu (IES Plurilingüe Fontem Albei da Fonsagrada) [Vídeo]. YouTube. https://www.youtube.com/watch?v=vOpSnZGaVD4e

Televisión de Galicia (17 de maio de 2023). II Premios #DígochoEu [Vídeo]. YouTube. https://www.youtube.com/watch?v=bJydhH98nUk

 

Sección: