Nutriexpertos do IES Ordes

Programa Aliméntate ben
O proxecto Aliméntate ben forma parte da estratexia educativa do Plan de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade da Dirección Xeral de Saúde Pública. Con el preténdese traballar o feito alimentario dun xeito integral na comunidade do alumnado, involucrando a profesores e familia. Co proxecto preténdese que o alumnado adquira e consolide hábitos alimentarios adecuados e teña as competencias necesarias para facer eleccións saudables no futuro.

María Trinidad Pérez López
Profesora de Matémáticas no IES Ordes (Ordes)
trinipl@edu.xunta.gal

 

Contextualización

O proxecto Aliméntate ben é o proxecto prioritario do noso centro, o IES Ordes, de Ordes, no que traballamos desde hai varios cursos.

O noso obxectivo principal é mellorar os hábitos alimentarios do noso alumnado e, por que non, tamén do profesorado e das familias, facéndoos conscientes do que comen e beben. Asemade, que teñan en conta a repercusión medioambiental do noso modo de alimentación e a formación necesaria para ser consumidores e consumidoras responsables.

No curso 2022/23 formamos parte do programa un total de 15 departamentos didácticos, 24 profesores e profesoras.

Traballamos no Aliméntate ben as seguintes modalidades:

1. Nutriexpertos 2 (ESO e bacharelato)

2. Froita na escola

3. Ti si que es un bo peixe

4. Lácteos na escola

 

Obxectivos

Traballamos os seguintes obxectivos:

1. Mellorar os hábitos alimentarios do alumnado, así como os deportivos.

2. Fomentar o consumo de froita e auga.

3. Concienciar sobre a problemática da obesidade infantil.

4. Coñecer as características básicas dos alimentos e a súa orde na pirámide.

5. Aprender a interpretar unha etiqueta nutricional.

6. Concienciar sobre a problemática medioambiental do consumo de alimentos nos países desenvolvidos dentro dun mundo globalizado.

7. Dar a coñecer os beneficios do consumo de proximidade e dos ecolóxicos.

8. Analizar os hábitos alimentarios no centro no tempo de lecer.

9. Empregar diferentes ferramentas de busca (Internet, biblioteca, xornais...) por parte do alumnado.

10. Fomentar a participación activa de todo o alumnado.

11. Darlle a coñecer a toda a comunidade educativa os resultados das actividades.

12. Fomentar as actividades colaborativas.

13. Potenciar o traballo interdisciplinario no centro, tratando os temas en múltiples materias e actividades.

14. Implicar a toda a comunidade educativa na campaña de concienciación.

 

Descrición das actividades

A continuación exponse un resumo das actividades realizadas durante todo o curso escolar por parte dos diferentes departamentos que colaboraron.

Bioloxía e Xeoloxía

Dada a variedade xeográfica do alumnado de terceiro da ESO (hai alumnado de Colombia, Venezuela, O Uruguay e Marrocos), nun primeiro momento dedicouse unha sesión a reflexionar sobre os aspectos alimentarios galegos que máis sorprendentes lle parecen ao alumnado doutras nacionalidades. A empanada, as castañas, a adoración polo polbo, o de agasallar con mostras de comida as consumicións nos bares, o saboroso que é o pan... resúltalles, cando menos, curioso. Pero, sobre todo, a teima de acompañar case todo con abondosas patacas é o que máis lles chama a atención. É por iso que se investigou a fondo o citado tubérculo, a súa orixe, beneficios, propiedades, formas de consumo...

Debuxo

O alumnado de debuxo de terceiro da ESO realizou unha pirámide colaxe saudable. No grupo de cuarto da ESO fixeron láminas sobre moitas froitas, sobre o leite e receitas saudables. Empregamos estas láminas para decorar o posto de repartición de froita e leite nos recreos.

 

Pirámide colaxe

 

Posto merenda saudable

 

Economía

O alumnado de primeiro de bacharelato realizou unha investigación sobre como as grandes corporacións moven os fíos no sector alimentario primando intereses económicos sobre a saúde do consumidor.

Educación Física

Pola natureza das materias deste departamento, a colaboración é constante ao longo de todo o curso e fusiónanse os obxectivos destas materias cos obxectivos do proxecto Aliméntate ben.

Física e Química

Colaboración desde o programa Polos Creativos coa posta en funcionamento de Radio Ordes. Véxanse as actividades do Departamento de Tecnoloxía.

FOL

A profesora de FOL foi a encargada da compra de froita para a modalidade Froita na escola. O diñeiro adxudicado ao centro por participar no programa Aliméntate ben foi investido en compra de froita que, xunto coa que proporciona o programa, permitiu ter un posto con froita durante practicamente todo o curso nos recreos.

Inglés

O alumnado de primeiro de bacharelato fixo un estudo detallado dos pratos orixinarios de países de fala inglesa e asemade unha comparativa con pratos típicos de Galicia.

Latín

O alumnado de terceiro e cuarto da ESO fixo un estudo do consumo de peixe en Ordes e unha comparativa coa antiga Grecia e Roma.

Lingua e Literatura Galega

Foron moitas as actividade organizadas polo Departamento de Lingua e Literatura Galega e Portuguesa. Unha xincana co alumnado de cuarto da ESO na Praza de Abastos de Santiago de Compostela, na que tiñan que ir resolvendo probas, co obxectivo de poñer en valor os produtos de proximidade foi unha das actividades.

O alumnado de primeiro da ESO fixo un estudo de superalimentos de outono.

Na materia de Portugués, a profesora co alumnado de terceiro da ESO e primeiro de bacharelato estudou a alimentaçao saudável en Portugal: receitas portuguesas, alimentos de Nadal e Semana Santa, e a pirámide dos alimentos foron parte dos traballos.

Matemáticas

O alumnado de primeiro da ESO traballou a temática do azucre e do sal na dieta, estudando cales son as recomendacións da OMS para adultos e nenos. Na aula estudouse con calma a información relevante sobre este tema, facilitada nos cursos de formación. Despois, os nenos e nenas fixeron unha base de datos do estilo «sin azúcar.org».

 

Azucre agochado nos alimentos

 

O Departamento de Matemáticas tamén xestionou e analizou dúas enquisas, facilitadas pola coordinadora. Unha a principio de curso e outra en xuño, para analizar o impacto do programa. A conclusión foi que o alumnado mellorou en formación en hábitos.

Música

Realización dun jingle, mensaxe publicitaria de pequena duración para promover produtos saudables.

Orientación educativa

O papel da orientadora do centro foi moi importante á hora de involucrar as familias, pois ten un contacto estreito con moitas delas.

Relixión Católica

A profesora de Relixión co seu alumnado fixo un estudo de comidas típicas de Pascua e comparativa con alimentos italianos aproveitando a excursión a Roma.

Tecnoloxía

O alumnado da materia de TIC aprendeu a manexar o Audacity como ferramenta para promover alimentos e hábitos saudables. Foi este alumnado o encargado de emitir na radio do centro o jingle que a profesora de Música fixo co seu alumnado.

Xeografía e Historia

Nas materias deste departamento, o alumnado fixo un estudo de diferentes temas: receitas do alumnado de diversas nacionalidades, alimentos «domesticados» desde a prehistoria, froitas viaxeiras desde outros países ou ruta das especies foron algúns deles.

Todo o profesorado que traballou no Aliméntate ben foi subindo as súas actividades á aula virtual do centro no curso PROXECTA: Aliméntate ben (2022/23). Pódese acceder como convidado ao curso co contrasinal: nutriescolas23

 

Avaliación e conclusións

En canto á avaliación do noso proxecto, valoramos moi positivamente a implicación do alumnado e das familias nas diferentes tarefas e somos conscientes de que os hábitos alimentarios non dependen soamente do traballo dun ano, pero aínda así pensamos que foi positivo o traballo realizado. Xa levamos varios anos co programa Aliméntate ben e este ano percibimos que se empezan a recoller resultados.

Fixemos actividades en todos os cursos e en todos os niveis, a prioridade sempre foi involucrar a toda a comunidade educativa, sobre todo o alumnado e as familias.

Primeira etapa: exposición por parte do profesorado, grazas ao material facilitado pola coordinadora Ana María Lorente.

Segunda etapa: traballos feitos na casa por parte do alumnado e das familias.

Terceira etapa: exposición conxunta dos traballos na aula e nos corredores do edificio para o resto do alumnado. Tamén exposición na aula do centro para as familias.

E este foi o xeito de traballar en todos os niveis con todo o profesorado.

Nos resultados das enquisas observamos que a meirande parte do alumnado aprendeu conceptos básicos referentes á nutrición, sobre todo nos bacharelatos.

Avaliamos moi positivamente a posta en funcionamento nos recreos de Radio Ordes, con diferentes anuncios de alimentación saudable.

Tivemos en conta as propostas de mellora por parte do alumnado. As merendas saudables foron unha proposta do alumnado dentro do programa do curso pasado que tivemos en conta e puxemos en funcionamento.

Parte da avaliación deste proxecto realizouse en cada unha das materias participantes segundo os estándares de aprendizaxe recollidos nas distintas programacións.

 

Bibliografía: 

 

 

Material facilitado por Ana María Lorente, encargada da formación do curso.

M. A. (2018). Salud a ciencia cierta: consejos para una vida sana. Barcelona: Planeta.

González Padares, Teo (1994). Alimentación para la salud. Bilbao: Editorial Desclée de ÇBrouwer.

VV. AA. (2021). Máis aló do prato. Analizando a dieta da miña contorna. Universidade de Vigo.

Sección: