Ilustrar nunha aprendizaxe informal, acompañamento maior

Ante o aumento da esperanza de vida na poboación, cómpre reflexionar sobre a necesidade do acompañamento interxeracional no seo da familia e a promoción das posibilidades dos maiores entendida como oportunidade de transmisión bidireccional de coñecementos válidos e valiosos.

Gonzalo Xosé Francisco da Rocha
Profesor de Ciencias Sociais
IES María Casares. Oleiros (A Coruña)

 

 

Contextualización

Unha pirámide de poboación é unha gráfica de barras que cuantifica, segundo o xénero masculino e feminino, as proles demográficas por grupos de idades, xeralmente de cinco anos. Sendo unha representación estática no tempo, resultado da contabilidade clasificada nunha data concreta, ademais permite deducir, en condicións non catastróficas, a evolución no futuro. No caso galego, desde 1975, as sucesivas pirámides comezan a perder a base ata os mínimos actuais. Pola contra, o cumio, segundo transcorreron os 50 anos desde entón, vai sendo máis numeroso ata o punto de «inverter» a forma da pirámide que asemella pousar nun vértice mentres os perpiaños varudos van para a cima cos grupos de maior idade, especialmente as mulleres (85,83 anos) en comparación cos homes (80,27 anos).

Á marxe de consideracións que se centran nos problemas dunha poboación avellada, é dicir, sen novas remesas demográficas para o impulso da economía, pois son as motivadoras de innovación per se («Migrantes. Un diálogo con intelixencia emocional», EDUGA 78), o certo é que a maior esperanza de vida e de benestar social deben ser motivo de satisfacción. Vivimos máis e mellor. Ata unha cuarta parte (25 %) da poboación galega, 700 000 habitantes, supera os 65 anos de idade (a principios do século era o 17 %) e deles, máis de 140 500 superan os 85 anos de idade. Un grupo que se reforzará cuantitativamente coa xubilación dos continxentes do noso particular baby boom entre os anos sesenta e setenta do século pasado, visibles na gráfica da poboación polo tamaño das barras correspondentes, as meirandes de todas.

 

 

Xorde, xa que logo, unha reflexión sobre ese período da vida que pode acadar sen dificultades 25 anos ou máis desde o retiro profesional. Unha tempada cada vez máis ampla coas melloras de saúde en relación cunha dieta equilibrada e unha actividade física e mental axeitada nun outono vital que pode dar os seus mellores froitos debido á mellora socioeconómica, cunhas persoas maiores con características distintas ás de anteriores xeracións.

«La formación superior de los hombres gallegos se duplicó en el último decenio». «En el caso de las mujeres creció un 30 %, hasta casi dos de cada tres» (La Voz de Galicia, 04-02-2024). A comezos do século XXI, arredor do 35 % das persoas de 25 a 34 anos tiña estudos superiores, agora superan o 50 % e seguirán medrando. A elevación do nivel educativo e cultural propicia unha dinámica definida como aprendizaxe ao longo da vida en relación coa curiosidade por seguir a ruta dos coñecementos xa por unha senda formal, o sistema formativo institucional, ou non formal.

A ese respecto a lexislación establece que «a educación non formal no marco dunha cultura da aprendizaxe ao longo da vida comprenderá todas aquelas actividades, medios e ámbitos de educación que se desenvolven fóra da educación formal e que se dirixen a persoas de calquera idade (...) que teñen valor educativo en si mesmos e foron organizados expresamente para satisfacer obxectivos en diversos ámbitos da vida social tal como a capacitación persoal, promoción de valores comunitarios, animación sociocultural, participación social, mellora das condicións de vida, artística, tecnolóxica, lúdica ou deportiva, entre outros» engadindo, ademais, que «todas as persoas deben ter a posibilidade de formarse ao longo da vida, dentro e fóra do sistema educativo, co fin de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades e competencias para o seu desenvolvemento persoal (e profesional)».

Entre os obxectivos para as persoas adultas, incluídas loxicamente as maiores e anciás, establécense: adquirir unha formación básica, ampliar e renovar os seus coñecementos, habilidades e destrezas de modo permanente; desenvolver as súas capacidades persoais no ámbito expresivo, comunicativo, de relación interpersoal e de construción do coñecemento; desenvolver a súa capacidade de participación na vida social, cultural, política e económica e facer efectivo o seu dereito á cidadanía democrática; fomentar a igualdade efectiva de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres (...); desenvolver actitudes e adquirir coñecementos vinculados ao desenvolvemento sostible e aos efectos do cambio climático e ás crises ambientais, de saúde ou económicas e promover a saúde e os hábitos saudables de alimentación reducindo o sedentarismo». En definitiva, manter a capacidade de aprender «aínda que mude o modo no que se aprende e as motivacións para seguir formándose».

O estado do benestar dispón servizos sociais especificamente orientados para os maiores: atención médica, centros sociocomunitarios, centros de día, residencias, teleasistencia e incluso intendencia alimentaria nos propios domicilios e, polo de agora, os hospitais de Vigo e Lugo, con unidades específicas de xeriatría, alén da atención sanitaria universal especialmente demandada polas doenzas propias dos anos.

O mesmo espazo urbano está nun proceso de adaptación forzado. Alén dos parques de ximnasia para maiores, os barrios deberán apostar por «comunidades a 15 minutos» nas que calquera habitante teña servizos básicos imprescindibles cun paseo. Alimentación, farmacia, banca, comercio e ocio físico e intelectual alén doutras prestacións comarcais de fácil acceso mediante transporte colectivo. O barrio e a veciñanza sempre foron e deben seguir sendo dispensadores de atención social e afectiva. A solidariedade dos próximos é un seguro contra a «soidade non voluntaria». Case un 40 % dos maiores di que a sente e as súas consecuencias físicas e psicolóxicas son causa de perda de calidade de vida e mesmo de doenzas. Espazos urbanos libres de circulación rodada preparados para un tránsito sereno con ámbitos verdes que atenúen os efectos climáticos adversos e propicien o encontro ao aire libre, porque o encontro é o principio dunha vida con valoras comunitarios que eviten o «idadismo» que define a discriminación por motivo de idade, especialmente dos maiores a quen se atribúen estereotipos de incapacidade motriz e/ou intelectual e tratamentos impropios que inclúen a infantilización e/ou a discriminación dos seus plenos dereitos cidadáns.

Na Universidade de Vigo traballa a primeira cátedra de «idadismo» de Europa, na que se manexan conceptos como a «cuarta idade», os vellísimos, cada vez máis numerosos, os centenarios, para diferencialos da «terceira idade». Os prexuízos son percibidos polos propios afectados, os cales senten esa discriminación a pesar de considerárense válidos e con plenas facultades alén dos achaques propios dos anos, cando non violencia física ou psicolóxica nos casos máis graves.

Na antiga Roma, o Senado era a institución colexiada daqueles que ofrecían, en función da súa senectude —senex—, a douta experiencia para modular as leis da asemblea cidadá, máis nova. A serenidade na toma de decisións resultaba beneficiosa. Esa ánima complementaria é a propia das relacións interxeracionais nas que cada parte, sen idadismos, suma. Todos os días, podemos seguir en La Voz de Galicia «O lecer de Isolino» que ilustra Xaquín Marín. O vello profunda na súa experiencia e abrollan as conclusións que nos comunica.

 

 «O lecer de Isolino». Xaquín Marín

 

Como primeira mostra da convivencia interxeracional as relacións entre membros de distintas xeracións intercambiando saberes e afectos. Unha institución de facto normalizada nas sociedades tradicionais e que no noso caso identifica no mesmo fogar non só a familia nuclear, proxenitores e descendencia, senón tamén outros familiares xa avós, tíos ou achegados máis ou menos próximos. A tendencia actual é cara a grupos familiares máis verticais (vellos, maduros e novos) ca horizontais (irmáns e curmáns) en relación coa drástica diminución da natalidade e o número de fillos por muller e o citado aumento da esperanza de vida. A sensación de quedar poucos e illados tende a confirmarse.

Conscientes dun programa vital individualista que pon en primeiro lugar a realización persoal sobre calquera outra circunstancia percibida como un obstáculo para o éxito profesional, sinónimo de identidade triunfadora, conclúese o desafío. «Estamos centrados en nós mesmos, nos nosos atributos, logros e aspiracións antes ca nas nosas relacións e papeis sociais» argumenta Joseph Henrich no seu ensaio Las personas más raras del mundo, onde se mergulla profundamente nunha reflexión dos condicionantes culturais da nosa civilización cos seus logros e inconvenientes. «Vémonos coma seres únicos, non coma nós dunha rede social» e, xa que logo, como consecuencia colateral a soidade non voluntaria está servida para moitos e particularmente para os vellos, palabra que Simone de Beauvoir utiliza no seu ensaio A vellez, animando a recoñecerse «nos vellos e vellas que chegaremos a ser» se temos a sorte dunha longa vida. Manter a rede social activa é imprescindible para unha boa saúde. Polo tanto, pouco se avanzará se a vara de medir o benestar só conta o PIB, porque se os recursos económicos son importantes, o complexo educación/cultura, a dispoñibilidade física, a contorna ambiental e as relacións humanas, todos reunidos cunha ánima de ocio poden establecer unha medida máis acaída do auténtico benestar.

        

Obxectivos

- Coñecer a faciana demográfica do presente e do futuro da terceira idade e as súas necesidades específicas.

- Experimentar no ámbito máis próximo o doméstico, destrezas de acompañamento ás necesidades propias dos maiores da familia.

- Valorar os coñecementos das vivencias acumuladas na época de meirandes cambios socioeconómicos da historia do país.

 

Unha proposta particular

A covid-19 supuxo un antes e un despois en moitos aspectos, algúns dos cales, no eido educativo, con especial atención á dimensión psicoafectiva, foron tratados nas «Leccións da pandemia: aprendizaxe informal» (EDUGA 81).

O alumnado contou o que sucedeu no ámbito do fogar con especial fincapé nas relacións dos membros que conviviron baixo o mesmo teito. En moitos casos, sucedeu unha mudanza imposta pola situación e a familia ampliouse para estar próximos diante do que había de vir, daquela aínda descoñecido. A convivencia no confinamento foi motivo de todo tipo de emocións, tal como recoñecen os adolescentes na avaliación que fixeron con madurez sorprendente. Esa convivencia dáse desde as accións intranscendentes ata as imprescindibles e as lúdicas, pero todas portan aprendizaxes non formais, aqueles que se producen polo simple feito de vivir, mesmo sen intencións nin expectativas. Para moitos, o feito de cociñar xuntos unha receita da avoa, por exemplo, foi unha escola de experiencias con consecuencias posteriores, noutras circunstancias aínda que ese non era o obxectivo, porque a «aprendizaxe significativa», segundo a interpretación construtivista, parte da intendencia acumulada de coñecementos que interactúan con novos desafíos para seren modificados e interiorizados cun valor propedéutico. As relacións interxeracionais intercambian en dobre sentido esas aprendizaxes cun enriquecemento mutuo desde as distintas experiencias que dan os anos vividos, sobre todo cando o acceso á cultura/educación foi máis diferente, entre un pasado de alfabetización básica e un presente de cotas altas de destrezas. Que achega cadaquén depende primeiro do recoñecemento mutuo. O «idadismo» eiva o resultado multiplicador. A discriminación empobrece.

Na facultade de Historia de Santiago de Compostela, por volta da década dos noventa do século pasado, existía a posibilidade de participar no seminario de Historga —Historia Oral de Galicia—, que lles utorgaba categoría investigadora ás entrevistas con colectivos de maiores sobre determinados sucesos pretéritos que puidesen ser de interese complementario no estudo científico do pasado, pois a narración dos feitos é un relato construído pola memoria que selecciona o significativo para convertelo nunha aprendizaxe válida da que devén a sabedoría.

Eses relatos atesourados como patrimonio vital suman perspectivas interesantes para o investigador que ten no documento escrito a base de estudo. A narración, que comeza con intención de obxectividade como marca de honestidade, circula paseniño cara á subxectividade, coas valoracións sobre os acontecementos pasados e mesmo a confrontación cos principios da moralidade e da ética. O transo da narración da historia á filosofía de vida prodúcese de inmediato e enriquece a conversa que culmina socrática, é dicir, de aprendizaxe construída partillando. «—Ven, senta no medio de nós e decláranos o teu parecer porque Deus concedeuche o privilexio da ancianidade.» (Daniel 13, 50).

Nos seguintes audios (acceso ao final do artigo), rexistrados por volta de 1994, aparece a escolma de catro persoas que contan a vivencia da Guerra Civil: a primeira, emigrada a San Sebastián, menor de 10 anos, é evacuada xunto con outros 3000 «nenos da guerra» á Unión Soviética; a segunda ten 16 anos cando a sorprende o golpe de estado nun paseo pola viguesa rúa do Príncipe, foxe a Portugal e regresa clandestinamente; a terceira é chamada á fronte bélica con 24 anos e presencia a barbarie en directo; a cuarta identifica nun retrato, a pesar da súa deterioración cognitiva, o noivo que non regresou xamais. Non quere falar do que sucedeu hai máis de medio século, tan presente aínda. Instantes, escollidos de horas de gravación, que levan implícitos na narración o desastre da violencia, a lección pendente.

Coas técnicas aprendidas abrolla esta proposta no ámbito doméstico, nos días do confinamento no que tanto tempo houbo para compartir e, cando unha experiencia é satisfactoria, torna en hábito para o porvir porque, ao xuntarse as conversas e a posibilidade de saír tras a pandemia, todos fixemos petits tours nas contornas que semellaban novas. Comezan, xa que logo, excursións a novos horizontes de descubrimento tan próximos e descoñecidos.

Exeria pasa por ser a primeira persoa de Occidente, na remota antigüidade da Gallaecia, que afirma a súa particular «curiosidade» por arribar peregrina alén do cotián e recoller, en cartas á súa comunidade de irmás, o relato construído das vivencias como un ensaio de «caderno de viaxes» decimonónico tan adiantado aos seus tempos. Esta personaxe tan interesante serviu como modelo de referencia coa autoritas que dá a historia. A curiosidade é unha das manifestacións dunha existencia satisfactoria grazas ao patrimonio psicolóxico, de longo moito máis proveitoso ca o patrimonio económico que, unha vez acadado unha contía non condiciona a felicidade, mentres que a curiosidade implica unha mentalidade aberta ao saber, entendido tanto na dimensión racional coma sensual. As experiencias culturais impulsan o curioso que no dicionario ten tamén o significado cualificativo de extraordinario, singular, interesante, ademais de xeitoso, pulcro, agradable. Os escritos da devota ás sores emanan paixón.

A xubilación profesional, retiro do «negocio», dá no ocio que se supón «xubiloso» ou ledo, de onde procede aquel termo inicial, polo tanto, a aprendizaxe, neste caso para unha muller que supera os 80 anos, tiña que ser non formal ou informal ao tempo de tocar todas as teclas para interpretar a melodía do saber no seu duplo valor de sabedoría, logo coñecemento, e sabor, entón gusto.

 

Alumnado de IV ciclo

 

No caderno de viaxes dos petits tours, o relato dos días que merecen ser contados e que recollen exposicións na localidade, paseos peripatéticos, compras, lecturas, filmes, visitas a museos, monumentos e desprazamentos a comarcas naturais, paraxes, vilas e cidades de interese. É evidente que desde a docencia das Ciencias Sociais a tarefa resulta máis doada, pero todas as materias poden ser tratadas co principio holístico que afirma que «a divina sabedoría é como unha fonte na que cadaquén bebe así como leve o seu vaso» segundo Juan de Yepes, complementado co principio de Lessing que «ante a elección entre a verdade revelada e a procura da verdade, a procura». Unha procura edificada no acompañamento para que o vaso recolla ao xeito, sen derramar por exceso, pero que calme a sede. De cadaquén segundo as súas capacidades e a cadaquén segundo as súas necesidades, pois falamos dun procedemento individualizado que pretende desenvolver os distintos tipos de intelixencias de Howard Gardner.

Ao ditado socrático débese o método que responde ás necesidades particulares. Por unha banda, organiza conxuntamente a memoria dos sucesos e predispón a destacar o significativo indo alén do común diario para incluír a dimensión cognitiva e sensitiva. Tal ditado atopa as palabras que identifican os acontecementos e a implicación aumenta ao compartir protagonista e guía a experiencia da escritura coa ilustración con debuxos e anexos de xornais e revistas que puideron motivar. Porque a fin das contas é esta, a curiosidade, quen prodiga a sinapse. Débese ter en conta que a «ilustración», que lle deu nome á época histórica caracterizada pola obsesión polo saber no século XVIII, ten o significado substantivo da acción de ilustrar, polo tanto, de adquirir cultura e coñecementos, e tamén de complementar con imaxes, xa debuxos ou fotografías, un texto. Unha técnica que motiva e enriquece a aprendizaxe dun xeito lúdico que é do que se trata. Nada sobra.

A autoestima comeza cando a persoa, alfabetizada daquela en castelán na escola, descobre que a lingua materna non é difícil de escribir, pois a normativa —silábica— escribe literalmente os sons pronunciados. Continúa coa mellora da calidade do vocabulario e a corrección. A lingua propia cun código depurado. Logo o who, what, when, where, why, as cinco W (en inglés) da investigación periódica —quen, que, cando, onde, por que?—. Son os campos que hai que cubrir nesta pescuda conxunta. Non é necesario moito tempo, pero si de calidade, especificamente reservado para lembrar e fiar un o conto mentres o outro ilustra co debuxo no caderno para ver o avance das páxinas cun resultado atractivo e sen pretensións esaxeradas que poderían frustrar o empeño. O recoñecemento familiar e social da tarefa redunda na motivación para continuar semana a semana, mes a mes e ano tras ano mantendo unha mentalidade activa nunha vida activa. Escribir sobre a experiencia de vivir dá a toma de conciencia sobre o propio proceso para acadar un sentido vital transcendente pilotado por un mesmo con soberanía plena, a propia dun cidadán con anos de praxe formativa formal, non formal e informal, en definitiva, con curiosidade e co vaso presto a se encher.

 

Caderno de viaxes

 

Pioneira na educación formal de adultos no IV Ciclo Universitario da USC na primeira promoción de licenciados séniores («La universidad de Santiago forma 130 mayores de 55 años en su Cuarto Ciclo», La Voz de Galicia, 21-05-2000), aos que a profesora Esther Sobral valora como «alumnos moi disciplinados». «Querer saber é algo que nunca debería ter fin» («Segunda juventud a partir de los 60», El Correo Gallego, 13-11-2005). Pilar López artella con outros maiores a Asociación de Alumnos do IV Ciclo, que quere continuar na mesma senda do saber ilustrado. Asemade, coordina as actividades culturais de cada curso académico, incluídas as viaxes. No ano 2010 presenta, xunto con outros compañeiros de promoción, a tese excelsior «Avaliación da memoria mediante o test ecolóxico Rivermed nunha mostra de poboación maior de 55 anos». A protagonista recoñece que «a miña ilusión era estudar na facultade na que o fixeron os meus fillos» (La Voz de Galicia, 05-06-2010). En abril do 2012 participa no IV Encontro Galego de Programas Universitarios para Persoas Maiores na Universidade de Vigo. Unha ruta intelectual combinada co lúdico na compañía dramática Arte Maior que actuou na XIII Mostra de Teatro Universitario en maio de 2012. A profesora Concha Losada, ademais do labor docente co alumnado sénior ao longo dos anos, coordinou a investigación para a obtención do grao excelsior e dirixiu o proxecto teatral citado.

 

         

 

Quero darlle as grazas á nova directiva. Este acto bríndanos a oportunidade de responder a tantas mostras de aprecio e tanto apoio recibido ao longo destes 16 anos na traxectoria da Asociación de Alumnos do IV Ciclo Universitario. O noso labor non sería posible sen todas aquelas persoas que dun xeito ou doutro estiveron ligadas ao xurdimento deste proxecto que naceu cun claro espírito humanista. Permitídeme de xeito especial amosarlle un profundo agradecemento, en primeiro lugar, ao profesor José Manuel Mayán, promotor e impulsor da implantación do IV Ciclo e a todos os profesores e profesoras que dedicaron horas á nosa formación (...). A Agustín Hernández, Antonio Redondo, Encarna Otero, Rubén Cela, Heriberto García, Goretti Sanmartín e, especialmente, a Concha Losada (...) e, por descontado, a todos socios e socias polo seu compromiso co proxecto e a súa benevolencia co noso traballo. Moitas grazas.

                                                                                                             Pilar López, vicepresidenta Asociación Alumnado IV Ciclo (2002-18)

 

Conclusión

No claustro do mosteiro de Montederramo nas terras altas da serra de San Mamede, no ceo da Ribeira Sacra, houbo colexio de Gramática desde 1552 e os aprendices que chegaban de todas as partes tiñan no patio de elegante traza renacentista diversos motivos decorativos e algúns pedagóxicos. O medallón Festina Lente é un coñecido emblema humanista do matvrandum ou da «madurez» que devén cos anos de aprendizaxe vital. Tal emblema debúxase aquí cunha frecha arrodeada dunha rémora tallada na rocha granítica, igual ca no italiano Sacro Bosco de Bomarzo, onde o motivo é unha tartaruga avanzando coa alegoría da fama na cima, paseniño. Se a frecha voa rápida, a rémora modera a súa precipitación. O lema afirma «sen présa, pero sen pausa» nunha actitude apropiada. O recurso á experiencia resulta o contrapeso á aceleración dos tempos.

Non lonxe, asomada á veiga do Avia, unha mostra exquisita e superior, non só porque decore a bóveda que cobre o templo da Santa Baia, en Banga. Alí, a sabedoría humanista recomenda, nos mellores trazos de pintura renacentista de Galicia, o manierismo neoplatónico por riba da caverna escura culminada cos nervios pétreos cruzados en estrelas que deixan espazo para un octógono no que deseña un programa pedagóxico, considerado tamén o mellor conxunto da emblemática do XVI e, sen dúbida, inspirado polo imaxinario nacido na vila medicea de Fiesole, asomada á veiga do Arno, en Florencia. Ao cosmos —orde— accédese desde a porta de entrada que ilustra a «ignorancia» e a «rebeldía». Media ducia de planetas máis o Sol xunto á Lúa son metáforas visuais da lección das sete virtudes capitais que culminan o citado espazo octógono, polígono a medio camiño —ruta metafórica de ascenso— entre o cadrado, que representa a terreo (terra), e o redondo, que simboliza o celeste (ceo). Pero falta un espazo por encher para o oito, o número da orde absoluta, pois se o sete é o índice da perfección, a suma dunha unidade extraordinaria acada o cumio, superación plena do caos inferior. Ese lugar é, segundo o anónimo pintor platónico de Banga, para o amor.

Este coñecemento é aínda máis antigo e os auténticos sabios só puideron «renacer» recreándose na máis vella e bela certeza, a do poder do afecto. A doutora de urxencias hospitalarias Carmen Sánchez Alegría amenta en El amor es la mejor medicina a enerxía que lles fornece aos doentes. Velar, protexer, gardar, manter, asistir, atender e curar son todos sinónimos de «coidar», que ten raíz etimolóxica semellante en cogitare, ‘coñecer’, ‘saber’. Polo tanto, o coidado colectivo fornece un coñecemento que, cando se reparte, devén en efectos multiplicadores, pois todos, especialmente os xa maiores en idade e de conciencia madura, nos necesitamos e devén satisfacción adulta cogitare.

 

 
00:00
Bibliografía: 

 

 

 

Francisco. G. (2021). Leccións da pandemia: aprendizaxe informal, EDUGA 81.

Francisco. G. (2019). Migrantes. Un diálogo con intelixencia emocional, EDUGA 78.

Gardner. H. (1993). Multiple Intelligences. New Horizons.

Henrich. J. (2002). Las personas más raras del mundo. Capitán Swing.

Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOMLOE).

Sánchez, C. (2023). El amor es la mejor medicina. Vergara.

VV.AA. (2009). Avaliación da memoria mediante o test ecolóxico denominado Rivermead nunha mostra de poboación maior de 55 anos de Galicia (inédita).

VV.AA. (2018). Os nomes do terror. Ed. Sermos Galiza.

Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (2006). Manual elemental de derechos de las personas mayores.

 

Sección: