A nós vainos o consumo responsable

Unha aventura con Consumópolis
Desenvolvemento dunha actividade innovadora de cara á formación integral de actuais e futuros consumidores

         Maribel Varela Landeira
CEIP Pepe de Xan Baña (Santa Comba- A Coruña)
maribel.varela.landeira@gmail.com

Traba Castriz, maio de 2000

Estimado diario,

Hoxe tócame contarche a nosa aventura con Consumópolis (e pensarás ti, e iso que é? Pois un concurso on-line no que se participa en grupos de a cinco e no que hai que contestar a preguntas sobre consumo responsable para conseguir o máximo de puntos e realizar despois un traballo práctico e creativo sobre algún tema dos que se traballaron no percorrido).

Bah, ao que iamos...Poñámonos en situación, estamos no CEIP Pepe de Xan Baña, nunha aldea próxima a Santa Comba (un colexio ben pequeniño, con non máis de 100 alumnos) e nunha clase de 5º de primaria. A idea de apuntarnos xurdiu porque, o curso anterior, uns compañeiros participaran tamén noutro xogo on-line e a experiencia resultara moi positiva.

Descubrimos que innovar e divertirse son uns bos aliados para aprender.

E por que Consumópolis? Pois porque ofertaba un abano moi amplo de coñecementos ao que se lle podía tirar moito proveito, era algo así como un “baúl didáctico” onde podiamos atopar cousas moi diversas sobre: consumo responsable, medio, publicidade, lecer e tempo libre, comercio xusto, saúde e seguridade, alimentación e unha morea de cousas máis.

Ademais, era lóxico pensar que podía converterse nunha ferramenta práctica e dinámica para:

  • Intentar formar uns consumidores responsables e críticos.
  • Mentalizar o alumnado sobre un consumismo excesivo.
  • Comprometelos co respecto ao medio e ao contorno social.
  • Conciencialos de que teñen dereitos e deberes como consumidores.
  • En definitiva, sensibilizalos para consumir de xeito consciente, solidario e responsable.

Por outra banda, esta aventura ía contribuír, sen ningunha dúbida, a desenvolver competencias básicas como:

  • O tratamento da información e da competencia dixital.
  • A competencia social e cidadá.
  • A competencia para aprender a aprender.
  • A autonomía e a iniciativa persoal.

Todas indispensables para poder levar a termo un traballo cooperativo, con creatividade e rigorosidade, como o que hai que entregar ao final do proceso. E para desenvolver valores básicos para a vida e a convivencia.

A idea estaba ben clara. Conseguir a mestura perfecta, unha receita sen falta para conseguir unha aprendizaxe significativa, motivadora e activa de cara ao desenvolvemento integral de actuais e de futuros consumidores..., así que só cumpría mesturar uns bos compoñentes, neste caso, algo de innovación, unha chisca de aprender xogando, unha boa dose de utilización de medios próximos e atraentes para eles e crear expectativas. E listo, xa podemos empezar...

De experiencias anteriores aprendemos que é moi difícil levar a cabo a programación e á parte o concurso Consumópolis, así que se integrou nas programacións; empregámolo como unha ferramenta para acadar obxectivos que xa tiñamos (é incrible a chea de actividades que se poden facer referentes ao concurso, xa as iremos vendo).

O primeiro que tivemos que facer foi rexistrármonos na páxina web www.consumopolis.es (todo moi sinxelo e intuitivo e cando se confirma o correo que nos mandan, xa se pode comezar). Existe a posibilidade de usar o castelán ou o galego indistintamente (aos máis aventureiros tamén lles dan a opción de calquera outro idioma oficial) e o feito de que se elixa o galego non inflúe despois á hora de presentalo ao concurso nacional.

Na nosa clase non houbo ningún problema á hora de facer os equipos, xa que eramos 15 (cálculo mental rápido 15: 5= 3), pero de non ser así habería a posibilidade de pillar un compañeiro doutra clase sempre que fose do mesmo curso (e, en último recurso, contactar cos responsables a ver que se podía facer..., aínda que tratándose dun concurso de ámbito nacional, as normas adoitan ser bastante ríxidas). Agora xa só faltaba asinar a autorización dos pais ou das nais, e …velaí!

Formáronse os equipos, puxémoslles un nome e cada un procurou un nick e un contrasinal (que apuntamos nun recuncho secreto por se algunha vez nos fallaba a memoria).

Unha vez chegados a esta altura, pensaredes que xa podiamos lanzarnos á aventura..., pois non! Tiñamos moi claro que había que prepararse moi ben antes de empezar, visto que os coñecementos previos sobre o consumo responsable eran máis ben escasos.

O que si fixemos foi pasar polo vestidor e alí creamos as personaxes. O que pensabamos que sería cousa de coser e cantar, deunos moito xogo… Iso de “representarse” cun personaxe foi o “non vai máis” (que, por outra parte, fala moito d@ alumn@). Ademais, o programa ofrece innumerables opcións. Axiña xurdiron preguntas de por que algúns complementos unicamente estaban dispoñibles para rapaz e outros para rapaza. Tamén botaron en falta roupa de superheroína no vestiario feminino, que non houbese roupa deportiva para a parte de arriba, que as rapazas non puidesen optar polo pelo curto, que os tops fosen tan axustados e pequeniños ou que os rapaces non tivesen lentes de corazóns, entre outros. Así que o vestidor ofreceunos a ocasión de falar sobre os estereotipos e os roles de xénero. Aquí batemos cun primeiro chanzo, non previsto, e coas pertinentes conclusións sacadas das súas observacións.

Case esquezo contarche que realizamos todo o traballo dende o colexio, xa que a maioría dos rapaces e rapazas non tiña Internet na casa (nin sequera ordenador). Así que antes de comezar coa fase inicial en serio, practicamos xunt@s coa demo para ver con que nos iamos atopar, o estilo de preguntas etc. Foi a ocasión para descubrirmos que a plataforma do xogo require unhas boas condicións de conexión (unha ilusión para nós), de modo que era imposible conectarse todos a un tempo, había que ir por quendas se non queriamos que a rapaciña do xogo quedase “colgada”. Primeiro imprevisto, solucionado. Outro descubrimento foi que as preguntas moitas veces non eran moi doadas, así que a preparación debía ir moi en serio (o certo é que iso xa o sospeitabamos).

Para a posta a punto tiramos das fichas pedagóxicas. Con elas traballamos a competencia lingüística. Os rapaces compilaron e procesaron información para resumila despois e expoñerlla aos compañeiros en clase. Á parte todas as fichas estaban impresas e gardadas nunha carpeta na aula para poder consultalas. E tamén fixemos unha pequena biblioteca de aula con libros sobre as diferentes temáticas propostas nas fichas.

Como ninguén nace aprendido, tomamos unha ficha de cada bloque e traballámolas na clase; paralelamente fomos explicando como se extrae a información importante dun texto, o subliñado e o resumo. E si! Iamos aprendendo técnicas de estudo aplicándoas ás fichas (e que somos do que non hai!).

Cada alumn@s tivo que procesar a información de 3 fichas, unha de cada un dos bloques:

BLOQUE A :  Consumo reflexivo

BLOQUE B :  Consumo e novas tecnoloxías

BLOQUE C :  Consumo sostible e solidario

Para repartilas tiven en conta a complexidade de cada unha, lonxitude (dá ben labor, mais hai que ser xusta...

Despois cada un expuxo o seu traballo. Con esta actividade traballamos o resumo, o procesamento da información e a claridade á hora de expoñer o aprendido. Ao final, faciamos conxuntamente un esquema co dito na clase. Cada día expoñiamos 3 traballos, un de cada bloque, pero en distintos momentos do día e despois de cada un, un pequeno esquema con 3 ideas claras. As intervencións eran de aproximadamente 10 minutos, e nas exposicións eran moi importantes as preguntas, porque vai ti saber se ía caer unha daquelas!

Como xa che comentei, @s alumn@s fóronse preparando coa demo, de aí que deixásemos a aula de informática nos recreos para iso; no encerado da aula tamén había unha relación de páxinas web clasificadas por temas (pero sempre con algunha persoa presente para aclarar dúbidas ou encamiñar o traballo).

Á parte de prepararnos deste xeito, “absorbendo información”, tamén participamos en actividades prácticas relacionadas co consumo responsable. No Instituto Galego de Consumo participamos nos obradoiros de Linguaxe Publicitaria para aprender o que se agocha detrás da publicidade, así como para saber algúns trucos que utilizan os vendedores para atrapar o consumidor. Participamos, así mesmo, no de Consumo Responsable, onde nos deron unhas regras básicas para comprar de xeito máis responsable e pensando antes de facelo. A experiencia foi moi positiva, xa que se reforzaron moitos dos coñecementos que se viran na aula.

Tamén asistimos a unha charla no colexio sobre a separación de residuos. E fomos ao concello para que nos falasen das vantaxes da compostaxe e de como funciona (tivemos sorte, porque alí repartíronnos unhas bolsas de tea para non ter que usar as de plástico; que boa idea!)

Daquela, e por fin, chegou o momento (xa non era sen tempo! Empezamos en outubro e estabamos en decembro). Xa podiamos dicir iso de: “preparados, listos..., xa!”, así que nos lanzamos á aventura. Os xogos resultaron moi motivadores e entretidos e coas preguntas aprendemos moitas cousas (iso si, sempre coa supervisión da profesora, pois non se trataba de soprar respostas, e si de nos guiar).

Máis información de interese da que me lembre…mmm! Pois cos contrasinais algunha que outra vez houbo problemas. O formato das preguntas era case sempre igual, formulábase unha cuestión, e había que resolvela cunha das propostas (ás veces había unha axuda dispoñible e ata algunha ficha). Na nosa edición o banco de puntos era obrigatorio e para iso había que xuntar a todos os membros para resolver unha proba conxunta (é unha das probas que máis lles gustaba, agora xa non é obrigatoria, mais segue sumando puntos; ollo ao dato!)

Non se tardou moito en completar o percorrido pola cidade, iso si, en grupos porque, pola conexión, xuntos sería imposible. De todos os xeitos colaboraron moito uns cos outros. En definitiva, tratábase de aprender dunha maneira lúdica, resolvendo probas e non tanto de competir, pero que gusto cando saíron as clasificacións definitivas e comprobamos que eramos dos primeiros (durante o proceso tamén se poden consultar as puntuacións e ademais veñen desagregadas por seccións: parte pedagóxica (as preguntas) parte lúdica (os xogos) e banco de puntos (que se suma ao resto).

Como che dicía unhas cantas liñas máis arriba, estimado diario, xa logo parece que hai anos que empecei a escribir, tratamos de relacionar á vez o traballo diario da aula co que iamos aprendendo. E de que modo?, pensarás ti? Pois, por exemplo, en Matemáticas traballamos os números decimais cos tickets da compra, iso da aproximación de números decimais que non hai quen o entenda, pois imaxinando que estamos no supermercado cun billete de 20 € no peto e pensar cantas cousas podo mercar, así si que ten sentido. Tamén podemos sacar a merenda da mochila e calcular o tempo que falta para que caduque a nosa barriña de cereais, o manexo dos cartos con situacións reais ou comparar números e cantidades tendo en conta o prezo por unidade, por litro (hai que sacarlles proveito aos folletos que chegan á nosa caixa de correo!).

Nas Linguas utilizamos as fichas para localizar e traballar os substantivos, os adxectivos, os verbos etc. Para traballar as familias de palabras, os campos semánticos…, no canto de utilizar os exercicios do libro, fomos tirándolles máis partido ás nosas fichas pedagóxicas.

En Inglés visualizáronse unhas curtas de Animals save the planet cunhas mensaxes non moi extensas e de doada comprensión.

En Educación Física e Coñecemento do Medio incidiuse na importancia dunha boa alimentación. Ao falarmos de consumo responsable non se trata só de consumo material, senón que, non sei se sabes, España encabeza a lista de obesidade infantil, así que tamén se trata de salientar a importancia duns hábitos saudables e responsables comendo. Por outro lado, tratouse de favorecer o deporte como unha opción de lecer (promover o sendeirismo, practicar algún deporte dúas veces á semana...) e a recuperación dos xogos tradicionais.

En Educación Artística estudamos a omnipresenza da publicidade ao noso redor, a importancia das cores, das formas etc. Tratábase de conciencialos de que estamos “invadidos” pola publicidade e que soubesen que a poboación infantil e, sobre todo, a xuvenil está influenciada pola súa presenza e crea valores asociados ás marcas e interioriza a relación consumo-felicidade. Que saiban que ter un pantalón de tal ou cal marca non é sinónimo de éxito nin de ledicia, senón que incrementa a desigualdade e prexudica a tolerancia. Ademais, aprendemos a facer xoguetes e cousas a partir de materiais reciclados ou sinxelos de atopar (co gustiño que dá facer as cousas un mesmo e darlles valor ao esforzo e ao agarimo que se pon ao facelas, a que si?)

Tamén falamos na clase de que había moitas maneiras de sorprender, de agradar e de agasallar sen gastar cartos. Así que no Nadal fixemos vales que servían de regalos. Cada un fixo o seu, algúns optaron por un vale por unha aperta, outros, por un paseo pola natureza, algúns por aloumiños e bicos a todas as horas..., ao gusto do consumidor.

Co concurso sobre consumo responsable tamén aprendemos a ser un pouco máis solidarios e a compartir. No Nadal, con todo o colexio, fixemos un mercadiño solidario, onde cada un de nós trouxo cousas que xa non usaba. Os cartos que se recolleron foron para a campaña de recollida de alimentos. Os alumnos de 5º e de 6º foron os encargados de manexar os cartos (supervisados polos profesores, que despois a caixa non cadra).

Como lle siga dando voltas, non acabo nunca, así que vou ir máis lixeiriña...

Aquí rematamos a primeira parte, antes do Nadal, e despois das vacacións, ano novo e segunda parte. Teño que confesarche que a segunda parte cambia cada ano, a nós tocounos realizar uns álbums virtuais con 5 fotos e cada unha acompañada dun pequeno texto.

Podes visualizar a continuación o álbum virtual do equipo "Backstage" gañador do 3º premio autonómico da edición 2009-2010

 

 

Aquí chegou a parte máis complicada para eles, posto que se trataba de “poñer en práctica todo o aprendido”. A primeira parte foi moito máis guiada e estaba máis estruturada. Agora tocaba sacarlle partido a todo. A verdade é que algún e algunha non sabía por onde comezar…

Así que neste momento, tamén se traballou en equipo. Os grupos xuntáronse para falar sobre o que ía facer cada un. Falouse na clase, falaron na casa, discutiron entre eles, propuxeron ideas e foron “esbozando as súas intencións”. Tocaba a parte máis creativa, cooperativa e a máis rigorosa, na que a palabra clave era organización.

Marcamos un prazo para expoñer as ideas. Cada un ía dicir como sería a súa foto, por que a facía así, e o texto co que tiña pensado acompañala (cómpre dicir que aquí puxen a condición de que o texto tiña que ser dos estilos explicados na clase: nova, carta, diario, poesía, conto…, outra vez relacionando).

A intención era que houbese intercambio de ideas, toma de decisións conxunta, transmisión clara de intencións etc.

Algunhas veces pasou que non entenderon moi ben o que pretendía o compañeiro, outras, nas que se formulou algunha cuestión que o interesado tomou en conta…, así que os proxectos fóronse construíndo (tamén foron consultando os traballos que ían subindo á páxina web, iso non é trampa, eh!)

Para facer as fotos puxéronse á disposición os espazos, os materiais que necesitasen, os medios… Moitas ideas xurdiron de cousas que viron, que dixeron, que os rodeaban.

Traballaron ilusionados e moi duro (todo hai que dicilo, daba gusto velos!)

Despois de valorar o feito de poder falar, participar (xa que din que foi a vez que máis se lles deu a oportunidade de organizarse), destacaron que aprenderon das críticas que lles facían os demais, intercambiaron ideas, que se divertiron, aprenderon cousas pero, sobre todo, salientaron que traballaron doutro xeito, ademais de aprender, á par, a poñerse de acordo e a escoitar. Os resultados obtidos foron estes (e no medio, un achegamento ás inspiracións):


Veña, que xa logo remato, que vou pola reflexión.

Tiveron a satisfacción de ver os seus álbums publicados na rede (poucas veces teñen a ocasión de visibilizar os seus traballos fóra da aula e aquí non só os proxectaban aos demais compañeir@s do cole, senón que os ían ver outr@s alumn@s de fóra).

Tamén tivemos ocasión de ver os traballos realizados por outros equipos e aí, de novo, puidemos comprobar o aprendido, discutir as ideas que plasmaran outr@s e seguir ampliando coñecementos. De feito, unha das cousas que botaron en falta é poder comentar os álbums dos demais e que fixeran o mesmo cos seus: poder formular preguntas sobre como o realizaran, canto tempo lles levara etc.

Agora pregúntoche: sería unha experiencia para volvela repetir?, pois sen dúbida respondo cun “si” rotundo, xa que:

  • O alumnado agradeceu a oportunidade de participar dun xeito tan activo.
  • A experiencia saíu da aula para chegar aos compañeir@s, pero tamén ás familias (@s alumn@s implicáronse no traballo, pero tamén o fixeron cos demais).
  • Adquiriron coñecementos sobre moitos aspectos do día a día, pero sobre os que non pararan a pensar.
  • Fomentouse o respecto polas ideas alleas e o debate de maneira organizada e responsable.
  • Aprenderon a sintetizar dalgún xeito todo o aprendido para logo ser quen de organizalo e plasmalo nun resumo final.
  • E, como non, concienciáronse e aprenderon valores e pautas de consumo.
  • E, ademais, logramos un premio no ámbito autonómico (o que non está mal).

 

E xa non teño máis que contarche (e pensarás ti, e paréceche pouco?) ata aquí chegou a nosa aventura e agora toca agardar que chegue outra tan emocionante, enriquecedora e didáctica.

Mentres tanto, lembramos o que Eduardo Galeano dixo:       

“Mucha gente pequeña,
 en lugares pequeños,
 haciendo cosas pequeñas,
 puede cambiar el mundo”                                    

    Ata a próxima!

Sección: